Cara ao ladrillo ecolóxico
Un termo propio do século XXI para explicar un concepto que se persegue dende o inicio da civilización: a “arquitectura bioclimática” é a que ten en conta o clima do contorno para acadar un interior confortable. Non é algo tan novo: as fiestras das casas adoitaban orientarse cara ao sur co fin de conseguir máis luz e o encalado das fachadas no Mediterráneo tiña como obxectivo reflectir a calor e acadar interiores máis frescos no verán. A diferenza entre ese tipo de construción e a actual é que agora disponse de novas tecnoloxías e materiais para que a edificación dea un paso máis e se deseñen vivendas cun impacto ambiental case nulo.
Nesta dirección apuntan as últimas normativas aprobadas. Unha delas é a revisión da directiva europea (2002/91/EC) sobre a eficiencia enerxética dos edificios. A directiva xa obrigaba a cumprir uns requisitos mínimos de eficiencia enerxética e a súa acreditación cun certificado de validez non superior a 10 anos. Agora esíxese ademais que todos os edificios que inicien a súa construción a partir do 2019 sexan autosuficientes enerxeticamente e que non emitan ningún gas nocivo á atmosfera. Con esta medida espera reducir a cero o gasto enerxético das novas vivendas e reducir o consumo enerxético doméstico total. Segundo datos da Comisión Europea, estímase que as vivendas consumen o 40% do total da enerxía final en Europa.
Demostrouse que o xeito de edificar as vivendas inflúe de maneira notoria no aumento ou na diminución dese gasto. A UE xa advirte de que as casas novas consumen ao ano entre tres e cinco litros de combustible en calefacción por metro cadrado, un gasto que nos edificios de antiga construción se dispara porque o illamento é menor: gastan ata 25 litros de combustible ao ano en calefacción.
Normativa española
O novo Código Técnico da Edificación (CTE) aprobado no 2006 substitúe a normativa anterior, aprobada en 1979, cando o aforro enerxético non era un problema tan grave coma o actual e o consumidor tampouco era tan esixente coa calidade da vivenda. Nos últimos meses engadíronse un conxunto de normas, entre as que destaca a protección fronte ao ruído que, comparada coa anterior, triplica as esixencias de illamento acústico nos novos proxectos de vivendas. Pero non é o único cambio.
A maior novidade da regulación do CTE é que define unha serie de esixencias que a construción debe cumprir e que cobren toda a obra, dende os alicerces ata o tellado. En moitos casos materialízanse en cuestións que non sempre están á vista do inquilino, como os illamentos nos muros. Son moitas as casas que se ventilan mediante a apertura das ventás. Así e todo, agora os xeitos de vida mudaron e xa non é unha excepción que un domicilio se manteña pechado durante horas, días e mesmo semanas, o que repercute na cantidade de contaminantes e patóxenos que se acumulan e, en definitiva, na calidade do aire interior. Para garantir a ventilación do edificio, o CTE obriga a que os novos fogares incorporen un sistema de ventilación permanente que permita a circulación do aire aínda cando o domicilio estea pechado.
Outras esixencias baséanse nun maior illamento térmico, na obriga de aproveitar a enerxía solar con placas fotovoltaicas e no cumprimento duns requirimentos mínimos de eficiencia enerxética. A normativa non di como executalo con exactitude, só establece que condicións se esixen para as novas casas (temperatura de confort, humidade, illamento acústico ou ventilación, entre outras), polo que está en mans dos proxectistas estudar cada caso, o clima e o medio, e atopar a fórmula para acadalas. Así e todo, aínda deben pasar uns anos para gozar deste tipo de construción: só deben cumprir con esta norma os novos proxectos posteriores á súa aprobación. Espérase que os novos edificios consuman entre un 30 e un 40% menos de enerxía e que reduzan entre un 40 e un 55% as emisións de CO2, segundo o Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDEA).
Este aforro aínda pode ser maior. Proba diso é a directiva europea que aspira a construír edificios autosuficientes dende o punto de vista enerxético. Outra mostra é o proxecto ARFRISOL, desenvolvido por un consorcio de empresas construtoras e tecnolóxicas, xunto a varias universidades, e que conta co apoio de varios gobernos autonómicos, da Unión Europea e do Ministerio de Educación e Ciencia. En ARFRISOL propuxéronse a construción de edificios que aforren máis do 80% e do 90% da enerxía convencional grazas a sistemas solares pasivos baseados no deseño arquitectónico bioclimático e ao uso de sistemas solares e de biomasa. Para demostrar que iso é posible construirán cinco edificios piloto de oficinas en localidades españolas con climas moi diferentes como Asturias, Soria, Madrid e Almería.
Os instrumentos para acadar este obxectivo son caldeiras de biomasa para a calefacción, sistemas de refrixeración mediante máquinas de absorción solar, tubos radiantes que usan a calor do chan (xeotermia), diferentes tipos de vidro e espesor de illamento en función da orientación e do clima, cubrición de terrazas con pérgolas en forma de soporte para placas solares ou galerías con efecto invernadoiro.
É difícil atopar unha construción antiga que cumpra a nova normativa, pero, así e todo, unha serie de cuestións determinarán se a construción é máis ou menos ecolóxica. Velaquí están:
- A casa e as súas ventás débense orientar de xeito que reciban abundante luz natural (normalmente cara ao sur) e que aproveiten as correntes de aire para obter unha boa ventilación cruzada. A luz natural debería alcanzar polo menos o 75% do interior da casa.
- Co fin de evitar o exceso de calor no verán, as fiestras e terrazas débense protexer cun beirado ou con outra alternativa que ofreza sombra e fresquiño (árbores, persianas, pérgolas, vexetación natural). Os muros exteriores pódense cubrir de plantas rubideiras (tipo vides ou buganvíleas) para que protexan do exceso de calor no verán. Da mesma maneira, nos patios a instalación de pérgolas ou árbores evitará illas de calor. Se a árbore é de folla caducifolia, en inverno poderase dispor de toda a luz e calor no patio.
- As ventás de dobre cristal axudan a reducir a entrada de calor no verán e a perda desta en inverno. As de triplo cristal minimizan ademais o ruído do exterior.