O barro domesticado, fermoso e útil
A cerámica comparte un significado universal indiferente a fonemas, formas e cores. Presente nos tempos e nas xeografías, o barro modelado con beleza e deseñado para ser útil atópase nos xacementos de culturas pretéritas. Antes, agora e despois a arxila configurada narra a historia dos pobos, reflicte a súa natureza, a súa luz e a súa flora, fauna, os gustos, os costumes, as dificultades e os éxitos. A produción en cadea mudou un gremio, pero non acabou con el. O ordinario pasou a ser un clásico e o oficio transformouse en artesanía.
Darlle forma á terra
Terra fina constituída por agregados de silicatos de aluminio hidratados que procede da descomposición de minerais. Velaí o que é a arxila. A masa enchoupada en auga, denominada pella, tórnase plástica e disposta para ser manipulada. Sensibilidade e técnica, experiencia e arte únense en cada unha das cerámicas, ás que o oleiro pode lles dar unha aparencia similar, facéndoas iguais, pero que preservan o seu carácter individual. Co pé impulsa a roda que move o torno sobre o que xira o barro informe sostido con mans ocas. Fai medrar a masa ata alcanzar a súa forma de orixe.
Cocción ao lume para retar ao tempo
A cerámica sometida á calor contráese ao verse privado o cal vivo dos minerais calcáreos do ácido carbónico. A torta do forno sostena alcanzando os 1.000 graos ao longo de oito horas. Rematada a cocción rebáixase paulatinamente a temperatura. Fría a peza adopta a súa forma definitiva.
Bañar a beleza
Frías, secas e uniformes, as pezas somérxense en esmalte. Untadas co verniz vidrar embelécense coa pátina de protección. A delicadeza do po que mestura sulfuro de estaño con algún fundente disolto en auga mídese pola riqueza química da fusión cristalina. Dela depende a calidade e suavidade da cobertura e tamén a súa durabilidade.
Pintar a personalidade
Con pincel sobre o lenzo branco, curvo e vitrificado o artesán traslada as cores óxidas ás pezas. En función do resultado buscado, óptase pola pintura directa ou pola técnica de estarcido. Estarcir é estampar o debuxo dende un papel calco a base de recortes efectuados con punzón. Repásase o perfil cun anaco de peza rechea de carbón moído que se coa polos poros e sombrea o contorno do debuxo. Axudado por unha cana de bambú, o pintor válese da súa flexibilidade e firmeza para non perder o pulso e dota de cores os motivos particulares de cada colección.
Cocción para impermeabilizar
Na segunda cocción conséguense a vitrificación da capa de sulfuro coa que a peza se fai impermeable e os óxidos definitivos. Conservar as cores e conseguir que o debuxo non se altere determina o éxito do segundo tempo de fornada. Nos fornos antigos cumpría protexer as pezas dentro duns recipientes para evitar o seu contacto coa calor directa e co fume e eludir a descomposición das cores. Cos novos fogóns tamén é ineludible vixiar o proceso de cocción para evitar variacións inesperadas. Un mal lume ou unha corrente tisnada poden destruír nun intre o traballo de días e mesmo de semanas.
Colorear para sempre
Anos e ata séculos poden conservar incólumes as cores sobre a brancura leitosa. As pinturas superaron antes a proba do lume e defenderon a 900 graos, temperatura necesaria para a vitrificación da capa de esmalte branco, que efectivamente adquire a aparencia do vidro. O amarelo do antimonio, a violeta do manganeso, o verde do cobre e o azul do cobalto configuran a paleta concreta que define á cerámica de Talavera.