Formación e saúde psicolóxica

Educación na responsabilidade para un benestar adulto

As actitudes e condutas que non se aprenden de noviños son máis difíciles de asimilar na vida adulta
1 Novembro de 2009
Img interiormente listado 385

Educación na responsabilidade para un benestar adulto

Desenvolvemento autónomo, equilibrado e maduro. Calquera proxenitor asinaría un futuro similar para o seu fillo ou filla. E faríao porque é consciente de que non é sinxelo, nin se acada inmediatamente nin a través dunha fórmula máxica. Non obstante, a formación na infancia e adolescencia de factores como a autonomía, a autoestima ou a capacidade crítica axuda a previr danos na saúde psicolóxica da idade adulta. Os chamados factores protectores de desenvolvemento son unha ferramenta educativa que poden utilizar pais e docentes con este fin, xa que aumentan as posibilidades de medrar dun xeito equilibrado dende o punto de vista psicolóxico e protexen de posibles condutas de risco durante a adolescencia e xuventude, como o consumo de drogas, os trastornos alimentarios, adiccións en xeral ou condutas agresivas.

Autonomía

Fomentar a autonomía entre os pequenos axuda a dotalos dun carácter independente. Malia que aínda necesitan os consellos de pais e educadores, tamén poden tomar decisións por si mesmos e asimilar responsabilidades sen a constante atención dos adultos. Para iso é crucial que os maiores se limiten a explicar como realizar unha tarefa e deixar que sexa o menor quen a execute. Abondará con supervisala e apuntar algunhas correccións, máis que intentar que o menor se limite a observar o que fai o adulto.

É decisivo outorgar só as responsabilidades que se axusten á idade do menor. Amais de seren claras e concretas para non xerar dúbidas, hai que asegurarse de que están ao alcance das súas habilidades. Deste xeito poderanse culminar satisfactoriamente. Un dos momentos máis delicados é aquel no que os menores que deben tomar decisións se atopan en idades próximas á adolescencia. Nesta situación convén que os adultos poidan opinar para amosaren o seu punto de vista, pero non elixir por eles. Aínda que estes mozos se trabuquen, é positivo que perciban que as súas eleccións teñen consecuencias.

Autoestima e seguridade en un mesmo

É fundamental que o menor poida ser capaz de darse un valor positivo a si mesmo para gañar confianza e tomar decisións con maior convicción. É, ademais, un modo de prevención ante a posibilidade de alimentar un carácter inseguro durante a vida adulta. Un paso para conseguilo é destacar os logros merecidos. E é que, por veces, dáselles máis importancia aos erros que cometen para corrixilos e esquécense os seus acertos. Se se senten valorados ante unha conduta desexada é probable que a repitan do mesmo xeito no futuro.

Ante as equivocacións do menor, o primeiro paso é axudar a que este recoñeza o seu erro, máis que intentar pasar por alto o acontecido para, despois, axudalo a emendalo. A crítica non se debe vincular á persoa, senón ao acto en si. Para iso utilizaranse expresións como: “isto que fixeches”, en lugar de “é que es…”.

Capacidade crítica

Facilita a independencia de criterio e é o mellor xeito de non depender sempre da opinión dos demais. Acadar esta autonomía de pensamento pasa por asegurar que os menores saiban que se lles vai escoitar. O criterio adulto non se debería impor por sistema, aínda que a súa capacidade de decisión sexa maior. É importante escoitar os argumentos dos mozos da casa, aínda que só sexa para que desenvolvan habilidades de expresión de ideas e sintan satisfacción ao saber que as súas opinións se teñen en consideración. No canto de corrixir de xeito continuado as ideas dos pequenos, resulta máis beneficioso xerar un clima no que se fomente a expresión e non sintan temor de expresar a súa opinión. Cando se trata de tomar decisións acordes coa súa idade, pódese realizar unha breve avaliación sobre os seus resultados e fomentar así un espírito de autocrítica.

Responsabilidade

Deste factor, moi ligado á autonomía, depende que na idade adulta unha persoa sexa consciente dos seus actos e teña capacidade para recoñecer os seus erros e solucionalos cos seus propios medios. Tamén é determinante para que o menor aprenda a adaptarse en ámbitos onde hai normas que cumprir. Fomentar a responsabilidade require fixar con anterioridade as regras da casa e mais as sancións pertinentes se estas rompen. Se así se fai, os fillos adquiren un maior compromiso no seu cumprimento, xa que son conscientes das consecuencias negativas ás que se deberán enfrontar se non seguen o acordo pactado. Pais e adultos deben ser un exemplo no que fixarse; pola contra a súa credibilidade quedará en entredito.

Tolerancia á frustración

Non é doada nin para os menores nin para os adultos a aceptación de que algo é diferente ao que imaxinaran, pero aceptar as equivocacións propias e saber agardar é máis difícil de inculcar na infancia. Nenos e adolescentes son, en xeral, idealistas, egocéntricos e impacientes. Este é, precisamente, un dos motivos polos que deben controlar a frustración que senten. Pola contra, na vida adulta manterán unha actitude infantil.

A mellor fórmula para aprender a xestionar a frustración é, de novo, responsabilizar aos menores dos seus fallos ata que interioricen que é un sentimento natural que se pode dar en calquera contexto e ante o cal non hai que asustarse, senón que é unha oportunidade para tirar o máximo partido desa situación. Fronte ás distintas mostras de furia, anoxo e choro por non acadar o obxectivo desexado, a firmeza dos pais é básica para que a personalidade do menor se reforce sen que se debilite o seu papel educador. É un bo momento ademais para que os mozos aprendan a alcanzar obxectivos a medio e longo prazo e valoren a ilusión polo futuro.

Todos estes factores protectores do desenvolvemento atópanse conectados entre si, de xeito que se se fomenta a adquisición dun deles repercutirá de xeito positivo nos demais. Convén traballar con intensidade os vinculados ás habilidades sociais e de relación cos demais, sinxelos de promover cando os menores están vinculados a diferentes ámbitos de socialización como a escola, actividades extraescolares e grupos de amigos. A fórmula para logralo é o investimento tempo e paciencia por parte dos pais e educadores.