Compensan as de bolsas desbotables
Analizáronse no laboratorio e sometéronse a unha proba de uso oito aspiradoras compactas, catro que recollen o lixo en bolsas desbotables e outras catro con depósito reutilizable. Os prezos das que teñen bolsa son moi semellantes (de 90 a 100 euros). Entre as que teñen depósito a diferenza de prezos si que é salientable: desde os 81 euros de Polti AS510 ata os 167 euros de AEG Cyclone.
A mellor relación calidade-prezo é AEG Vampyr (con bolsa), a segunda máis barata do estudo (90 euros), das menos ruidosas, potente capacidade de aspiración, bolsa de gran capacidade e moi ben valorada polos usuarios.
Fallos na garantía
A etiquetaxe das oito é correcta. Os seus manuais son claros e completos e informan axeitadamente sobre as pautas para a súa correcta limpeza e mantemento. Así e todo, tres das garantías son incorrectas: AEG Vampyr está en alemán (debería estar polo menos en castelán), Polti non indica a súa duración nin condicións e AEG Cyclone non cobre a man de obra durante o segundo ano de garantía (a lei non distingue entre o primeiro e o segundo ano: se o defecto vén de orixe o fabricante debe asumir o custo). En calquera caso, diga o que diga a etiquetaxe, o usuario está cuberto polos dous anos que indica a lei sempre que garde o tícket de compra. Taurus Golf inclúe un terceiro ano de garantía que cobre unicamente os compoñentes.
Logo das exhaustivas probas de seguridade, o único defecto que se atopou foi leve: en Ufesa AC5500 (con depósito), os símbolos que deberían ser indelebles bórranse nos ensaios de fretado. No resto das probas (quecemento anormal, corrente de fugas, illamento eléctrico, resistencia á calor e ao lume…) todas as aspiradoras aprobaron. As probas de compatibilidade electromagnética indican se estes equipos interfiren no funcionamento doutros aparellos electricamente máis sensibles. Todos cumpriron coa normativa.
Pequenos e pouco pesados
Bosch, Ufesa con depósito, Taurus e as dúas AEG ofrecen unha potencia de 1800 W, Ufesa AC4516 e Polti, 1600 W e Fagor VCE-306, a menos potente, só proporciona 1400 W. Non sempre se debe aspirar utilizando toda a potencia do equipo (por exemplo, ao limpar alfombras lixeiras ou cortinas), por iso as oito incorporan a posibilidade de regular o caudal. Un cable longo permitirá unha maior liberdade de movementos. O das dúas AEG é de 6 metros, mentres que en Ufesa AC4516 e Fagor, o máis curto, é de 5 metros. O recollecables está presente en todas elas.
Todas as aspiradoras veñen equipadas cun ou dous tubos alongadores e un cabezal para tapicerías. Os tubos máis longos son os das dúas AEG, que chegan aos 220 centímetros (ideais para persoas altas), mentres que os máis curtos son os de Polti, que só alcanza os 162 centímetros. Outros accesorios permiten limpar recunchos específicos e ser máis precisos na aspiración: Taurus e Ufesa AC4516 son os que inclúen un maior número de complementos (5 cada un), seguidos de AEG Vampyr (4 accesorios). Os máis parcos son Ufesa AC5500, Polti e Bosch, con dous accesorios cada un.
Volume da bolsa ou depósito
A capacidade da bolsa ou do depósito que recolle o lixo aspirado é fundamental para coñecer a comodidade dun equipo. Se o seu volume é pequeno haberá que cambiala ou baleiralo a miúdo. O depósito máis pequeno é o de Ufesa AC5500, con 700 mililitros, mentres que o maior é o de AEG Cyclone, tamén con depósito, de 2.400 mililitros.
Bosch, Taurus e as dúas Ufesa indican cunha luz cando se encheu o depósito. Estes catro tamén incorporan un dispositivo de seguridade que detén o motor se a bolsa está mal posta. As oito aspiradoras ofrecen un filtro antialérxico que impide que o po e os ácaros volvan ao aire, pero só AEG Vampyr indica cando este filtro se saturou. O outro AEG (Cyclone) é o único que non se pode pór en marcha co pé. Fagor e Polti non inclúen o moi cómodo cóbado xiratorio que permite aspirar en calquera dirección sen mover todo o equipo. Para comprobar se os seus tubos de aspiración son resistentes flexionáronse 5.000 veces: non sufriron deterioración ningunha.
Ruidosas, pero con diferenzas
O nivel de molestia que causa o ruído xerado por unha aspiradora non vén determinado unicamente polo volume que alcanza (medido en decibelios, dB), senón que tamén xoga un importante papel a frecuencia do son (medida en hercios, hz). Unha vez ponderados estes dous parámetros, as máis ruidosas a máxima potencia resultaron ser Fagor e Polti (que non son as máis potentes) e Bosch e AEG Vampyr demostraron ser as menos molestas.
Catro homes e dúas mulleres, usuarios habituais destes produtos, probaron estes aspiradores e valoraron diversos apartados do un ao dez. As diferenzas entre as valoracións non foron moi acusadas: o mellor, Bosch (7,7 puntos sobre 10) só se sitúa medio punto por riba do peor resultado, Taurus Golf (7,2 puntos). Os dous AEG tamén gustaron porque, segundo os usuarios, demostraron maior poder de aspiración e mellores resultados nas distintas superficies ensaiadas (formigón, moqueta e madeira) e mais en paredes e esquinas. As prestacións de AEG Cyclone foron moi ben valoradas, pero este equipo non acadou a máxima puntuación por ser tan voluminoso e pesado. Os usuarios confirmaron o que detectaron as probas de laboratorio: a Fagor e Polti cústalles máis absorber o lixo.
O manual de usuarios máis claro e completo é o de AEG Cyclone e o máis complicado o de Polti. Os usuarios consideran que Ufesa AC4516 e Polti ofrecen os mandos máis sinxelos de manexar e AEG Cyclone, Ufesa AC5500 e Bosch, os máis complicados. O mellor recollecable é o de Ufesa AC4516 e o cable mellor valorado o de AEG Cyclone (o máis longo). Á hora de cambiar a bolsa ou de baleirar o depósito, Ufesa AC5500 (con depósito) é a que máis gusta. As peor valoradas foron Ufesa AC4516, Taurus Golf e AEG Vampyr, as tres con bolsa, un sistema máis incómodo ca o depósito reutilizable.
Todos os demais parámetros comprobados nesta análise de nada serven se non se mide a capacidade real destes equipos para desenvolver o seu labor: aspirar o lixo. Para iso realizáronse dúas probas no laboratorio aspirando po, a primeira delas sobre unha superficie dura (que simulaba chan) e a outra sobre unha superficie de tea (para coñecer a súa capacidade en moqueta). Para as dúas probas estendéronse 35 gramos de po de talco sobre cada unha das superficies, realizouse unha única pasada sobre a superficie dura e dúas (unha cara a diante e outra cara a atrás) sobre a tea. Ao final do test recolléronse e pesaron os gramos de po que quedaran sen aspirar.
As mellores son Bosch (con bolsa), Ufesa AC5500 (con depósito) e AEG Vampyr (con bolsa), que obtiveron un “moi ben” en ambas as superficies. Os resultados máis modestos foron os de Fagor VCE-306 e Polti AS510; as dúas únicas que non pasaron dun “regular” nunha das probas. Unha medida indirecta que tamén indica a potencia real destes electrodomésticos é medir a supresión, é dicir, a forza que se crea cando se obtura a boquilla. As que mellor se desenvolveron foron as dúas AEG, mentres que as peores foron Fagor, Ufesa AC4516 e Polti, é dicir, as tres de menor potencia nominal.
En síntese y Táboa comparativa
En síntese
- Analizáronse oito aspiradoras, catro que almacenan o lixo aspirado en bolsas desbotables e catro con depósito permanente. O prezo das primeiras anda arredor dos 90 euros, mentres que entre as segundas hai unha maior disparidade: entre 81 euros e 167 euros.
- As oito superan as probas de seguridade. As garantías das dúas AEG e Polti non son correctas.
- O aspirador máis grande e pesado é AEG Cyclone, mentres que Polti AS510 e Ufesa AC4516 son os máis pequenos e lixeiros. AEG Cyclone conta coa maior capacidade de almacenamento no seu depósito, fronte a Ufesa AC5500 que só pode gardar 700 ml nas súas bolsas de papel.
- Ufesa AC4516 e Taurus ofrecen o maior número de accesorios para facilitar a limpeza de diferentes superficies e Polti, Bosch e Ufesa AC5500 as que menos. As dúas Ufesa, Bosch Sphera e Taurus Golf indican se a bolsa ou depósito está cheo. O útil cóbado xiratorio falta en Fagor VCE-306 e Polti AS510.
- Os mellores resultados en capacidade de aspiración son para Bosch Sphera, Ufesa AC5500 e os dous AEG. Os máis discretos neste test, Fagor e Polti, son tamén os máis ruidosos. Bosch e AEG Vampyr son os máis silenciosos.
- A mellor relación calidade-prezo é para AEG Vampyr polos seus moi bos resultados e por ser dos máis baratos.
Marca/ Modelo |
||||
---|---|---|---|---|
Prezo (euros / unidade) | 89,90 | 99,60 | 89,92 | 92,35 |
Sistema | Bolsa | Bolsa | Bolsa | Bolsa |
Información ao consumidor | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Garantía | Incorrecto | Correcto | Correcto | Correcto |
Seguridade eléctrica | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Compati- bilidade electro- magnética | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Aspectos técnicos | ||||
Dimensións(mm) | 277x206x410 | 282x236x370 | 260x223x370 | 251x212x355 |
Peso (kg) | 4,90 | 4,80 | 5,25 | 4,75 |
Potencia indicada (w) | 1800 | 1800 | 1800 | 1600 |
Lonxitude cable (cm) | 600 | 530 | 517 | 506 |
Lonxitude brazo aspirador (cm) | 225 | 188 | 207 | 188 |
Capacidade bolsa/depósito (ml) | 1800 | 1000 | 1800 | 1000 |
Cóbado xiratorio | Sí | Sí | Sí | Sí |
Gardar accesorios no equipo | Sí | No | No | Sí |
Indicador de enchido | No | Sí | Sí | Sí |
Indicador filtro saturado | Sí | No | No | No |
Bloqueo no depósito | No | Sí | Sí | Sí |
Accionar co pé | Sí | Sí | Sí | Sí |
Accesorios 1 | Cabezal de chan, de xuntas e cepillo | Cabezal de chan e soporte | Cabezal de xuntas, cepillo, de chans delicados, correa, dúas bolsas recambio | Cabezal de chan, de xuntas e cepillo, soporte e unha bolsa de recambio |
Sub-presión (cmHg) | 18 | 16 | 14 | 12 |
Aspiración | ||||
Superficie dura | Moi ben | Moi ben | Moi ben | Bien |
Tea (moqueta) | Moi ben | Moi ben | Bien | Bien |
Flexións tubo aspiración | Satisfactorio | Satisfactorio | Satisfactorio | Satisfactorio |
Nivel ruido: Ruido (dBA)/Frecuencia (Hz) | Baixo 74,7/63 | O máis baixo 70,8/63 | Intermedio 80/500 | Intermedio 77,8/500 |
Proba de uso (1 a 10) | 7,6 | 7,7 | 7,2 | 7,5 |
Marca/ Modelo |
||||
---|---|---|---|---|
Prezo (euros / unidade) | 126,25 | 99,60 | 89,92 | 92,35 |
Sistema | Depósito | Depósito | Depósito | Depósito |
Información ao consumidor | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Garantía | Correcto | Incorrecto | Incorrecto | Correcto |
Seguridade eléctrica | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Compati- bilidade electro- magnética | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Aspectos técnicos | ||||
Dimensións(mm) | 269x237x375 | 318x216x470 | 244x244x360 | 271x234x360 |
Peso (kg) | 5,20 | 6,35 | 4,60 | 4,75 |
Potencia indicada (w) | 1800 | 1800 | 1600 | 1400 |
Lonxitude cable (cm) | 530 | 595 | 530 | 510 |
Lonxitude brazo aspirador (cm) | 195 | 224 | 162 | 190 |
Capacidade bolsa/depósito (ml) | 700 | 2400 | 1000 | 1400 |
Cóbado xiratorio | Sí | Sí | No | No |
Gardar accesorios no equipo | No | No | No | No |
Indicador de enchido | Sí | No | No | No |
Indicador filtro saturado | No | No | No | No |
Bloqueo en depósito | Sí | No | No | No |
Accionar co pé | Sí | No | Sí | Sí |
Accesorios 1 | Cabezal de xuntas e cepillo | Cabezal de chan, de xuntas, soporte e brazo en cóbado | Cabezal de xuntas e con cepillo | Cabezal de xuntas, con cepillo e soporte |
Sub-presión (cmHg) | 16 | 20 | 13 | 11 |
Aspiración | ||||
Superficie dura | Moi ben | Bien | Bien | Bien |
Tea (moqueta) | Moi ben | Moi ben | Regular | Regular |
Flexións tubo aspiración | Satisfactorio | Satisfactorio | Satisfactorio | Satisfactorio |
Nivel ruido: Ruido (dBA)/Frecuencia (Hz) | Intermedio 79,3/1000 | Intermedio 73,5/500 | Alto 78,2/4000 | O máis alto 82,9/4000 |
Proba de uso (1 a 10) | 7,5 | 7,6 | 7,3 | 7,5 |
(1) Accesorios: amais dos accesorios na táboa indicados, todas as aspiradoras dispuñan de mangueira de aspiración, tubo telescópico e dun cabezal para tapicerías.