Imitacións moi convincentes
Os materiais “de pega” están de moda. Trabes á vista de poliuretano, produtos sintéticos que semellan madeira ou pedra… No chan, nas paredes e no teito, os revestimentos decorativos conquistaron o interior dos fogares. Económicos, cunha calidade contrastada e cada vez máis difíciles de distinguir do orixinal, estes elementos de construción multiplicaron as opcións no deseño de interiores para todos os gustos e para todos os petos.
Chans de lamas, parqué ou cortiza
- Chans laminados. Trátase de revestimentos en forma de lamas compostas de varias capas, o que as volve máis resistentes ó desgaste. Adoitan ter unha película dura e transparente de resina especial, outra que reproduce a textura e o debuxo da madeira, unha capa de soporte agargalado (con fendas e lingüetas que encaixan entre si para acadar a fixación) e unha máis de estabilización. O resultado é unha imitación case perfecta da madeira. De feito, estes chans están fabricados con materiais sintéticos e derivados da madeira.
Prezo: Entre 5 e 50 euros por metro cadrado. - Parqué. Este tipo de tarima está fabricado exclusivamente con madeira ou con varias capas de materiais diferentes. Segundo a composición, o seu grosor oscila entre 12 e 18 milímetros (a madeira maciza acada un grosor superior ós 20 milímetros), o que lle outorga unha gran resistencia.
Prezo: Entre 20 e 70 euros por metro cadrado. - Cortiza. Malia a que as súas posibilidades decorativas se descubriron hai relativamente pouco, a cortiza ganou postos decontado. Pódese mercar en forma de lousas, preparado para colocar no chan, e funciona ademais como un estupendo illante acústico e térmico. Unha vez colocado pódese vernizar ou pintar.
Prezo: Uns 5 euros por metro cadrado.
Todos estes materiais poden ser instalados por un mesmo, cun pouco de maña e seguindo os consellos do fabricante. Os sistemas de colocación son tres:
- Flotante. Emprégase para chans laminados e parqués. Primeiro, colócase unha capa de material illante e, sobre ela, as lamas. Admite tanto o uso de cola como o sistema clic, un método de encaixe a través dunhas lingüetas que sobresaen de cada lama e que se incrustan na de a carón.
- Cravado. Válido para a madeira maciza e para o parqué, cómpre ter en conta que os cravos poden quedar visibles e estragar a decoración, aínda que a fixación é máis resistente.
- Pegado. As lamas de parqué ou as lousas de cortiza péganse ó chan con cola adhesiva. Antes de aplicar a cola, hai que comprobar que a superficie está limpa de po para acadar unha boa adherencia.
A elección dun material ou doutro depende do cometido que lle vaiamos dar á estancia. En habitacións cun uso intenso, como o cuarto dos nenos ou pequenos establecementos, o recomendable é recorrer a chans laminados ou parqués flotantes, máis doados de instalar e de cambiar así que se estraguen. Para as habitacións de uso máis xeral, como o salón ou os dormitorios, pódense elixir tamén chans laminados ou parqués macizos, moi resistentes e duradeiros.
Paredes
Diferentes estilos son posibles grazas á variedade de revestimentos para a parede, que substituíron a típica pintura e o papel.
- Frisos. Imitan acabados en madeira e permiten forrar a parede con distintas terminacións, especialmente en abeto e piñeiro. Tamén é posible atopalos en PVC, con gran resistencia ó lume e á humidade, o que os fai perfectos para a súa instalación no baño ou na cociña. Colócanse facilmente, con rastreis, aparafusados, con grampas ou pegados, e as lamas pódense fixar en posición horizontal (se se lle quere dar un efecto de maior anchura á estancia) ou vertical (para lle dar maior sensación de altura).
Prezo: Entre 4 e 10 euros o metro cadrado. - Pedra e ladrillo. Pódense mercar en unidades ou en plaquetas decorativas, que imitan con gran realismo os materiais naturais. Os ladrillos á vista ou os cachotes empréganse para recrear ambientes rústicos de maneira económica. Nestes casos, utilízase pedra artificial, unha especie de formigón de area, grava miúda ou xeso, máis baratos cá pedra natural. Cando as plaquetas son pesadas fíxanse con morteiro-cola para evitar que se desprendan e caian.
Prezo: As plaquetas andan arredor dos 22 euros por metro cadrado. - Chemineas. Os revestimentos que imitan chemineas non incorporan paredes refractarias. Utilízanse como armazón decorativo para os sistemas de fundición e inserts (estruturas que permiten ver o lume a través dun cristal vitrocerámico) ou para leñeiras, nas que se empregan cores e materiais naturais sen puír co fin de lle dar un aire austero.
Prezo: Entre 350 e 1500 euros. - Outros. A cortiza, amais de se empregar no chan, está dispoñible en rolos para a súa colocación en paredes. Tamén os paneis de vidro de plástico permiten revestir estes espazos con cores e medidas variadas.
Teitos
As últimas tendencias apuntan a decoracións en escaiola para recrear arcos, columnas, cornixas ou falsos teitos, e ás trabes, que en madeira ou poliuretano completan un estilo moi persoal.
- Trabes. Fabrícanse en diferentes materiais, cores e acabados. Pódense colocar tanto para crear ambientes rústicos como modernos, en formatos macizos ou ocos -estes últimos permiten introducir cables no seu interior-. Poden ser de madeira ou de imitación. As máis empregadas, por seren tamén máis baratas, son as de poliuretano. As trabes permiten tapar fendas ou as unións de teito visibles logo de eliminar tabiques. No tocante á fixación, as de poliuretano pódense pegar cunha silicona especial, xa que son máis lixeiras, mentres que as de madeira requiren tacos. En concreto, recoméndase utilizar tres tacos de madeira por cada dous metros de lonxitude da trabe. Nas bufardas ou espazos abovedados, son moi útiles para acoller focos ou obxectos decorativos. Ademais, ás de madeira pódeselles dar o acabado que se desexe antes de colocalas no teito.
Prezo: Entre 30 e 70 euros (poliuretano). A partir de 60 euros (madeira).