Alimentación contra o avellentamento
Sábese que a acumulación de radicais libres no noso corpo produce alteracións da función celular que causan a súa morte. Iso si, para paliar os seus efectos nocivos, as células dispoñen dos seus propios mecanismos; en concreto, de sistemas encimáticos que representan as nosas defensas antioxidantes. Así que nos imos volvendo vellos, a súa capacidade de protección diminúe, polo que os radicais libres superan a capacidade do noso corpo para frear os seus efectos. Isto explica que ao nos volvermos vellos, amais de que mudar o noso aspecto físico -sáennos engurras e manchas na pel-, dáse unha deterioración progresiva dos nosos órganos e sistemas, o que se traduce en máis casos de diabetes, alteracións cardiovasculares, cancros, etc. Non obstante, á marxe da idade, hai que considerar outros factores como o tabaco, o abuso de alcohol, as infeccións e enfermidades, o estrés, a exposición a raios solares sen protección, as dietas demasiado enerxéticas ou desequilibradas, a contaminación ambiental, o exercicio intenso, etc.
Antioxidantes: defensas contra os radicais libres
Os antioxidantes non só se atopan no noso corpo. Tamén proceden dos alimentos. É máis, a maioría dos seres vivos dispón das súas propias defensas antioxidantes, e en particular os vexetais. Por exemplo, a vitamina E dos froitos secos retrasa a perda das súas calidades.
Os antioxidantes máis estudados son certas vitaminas -C, E, A-, minerais -selenio, cinc, cobre…- e compostos propios de plantas coñecidos como fotoquímicos (a familia dos polifenois é a máis destacada). Estes últimos son compostos que lles dan cor ás froitas e verduras, aromáticos -compostos de xofre nas coles-, etc., de aí que se recomende consumir a cotío alimentos vexetais. En xeral, os alimentos que máis se consomen e de maior capacidade antioxidante na dieta española son: froitas, pan, patacas, hortalizas, cacao, legumes, froitos secos e aceite de oliva.
Que enfermidades poden previr?
Cando os antioxidantes non son capaces de frear os radicais libres prodúcense danos sobre as graxas, as proteínas e os xenes. Constatouse que se o chamado mal colesterol ou LDL-c se oxida é máis doado que se adhira ás paredes dos vasos sanguíneos, aumentando o risco cardiovascular. Se as células dos vasos sanguíneos se ven afectadas polos radicais libres, orixínanse alteracións vasculares que tamén aumentan o risco cardiovascular. Cando os radicais libres actúan sobre os xenes, increméntase o risco de tumores, e cando afectan ás proteínas, os efectos plásmanse en deterioración e morte celular, asociados ao proceso de avellentamento e a un maior risco de enfermidades dexenerativas que inciden no sistema nervioso, como o párkinson. O que fan os antioxidantes é frear as reaccións de oxidación nas células a partir das que se orixinan os nocivos radicais libres. Xa que logo, o seu papel é clave na redución de enfermidades cardiovasculares, de tumores, e de enfermidades neurodexenerativas, ao tempo que potencian o sistema inmunolóxico.
Quen precisa antioxidantes?
Todos precisamos antioxidantes procedentes da dieta, malia a que o noso corpo dispón das súas propias defensas. De feito, parte deses sistemas de protección precisan dos antioxidantes dos alimentos para realizaren a súa función e dependen deles para frear os radicais libres. Así e todo, non se trata de consumir a maior cantidade posible de antioxidantes, senón de tomar a dose adecuada a cada situación. Ademais, dado que hai factores que favorecen a produción de radicais libres, convén mellorar os hábitos de alimentación e coidar o estilo de vida, se o que se desexa é avellentar de maneira saudable e axudar a previr enfermidades.
Cal é a dose adecuada de antioxidantes?
Cómpren máis estudos para determinar cal é a dose segura de antioxidantes. Os expertos aconsellan a inclusión nunha dieta equilibrada de alimentos que achegan antioxidantes e un estilo de vida san, máis ca recorrer a complementos ou a alimentos enriquecidos. Dispomos de alimentos que en si mesmos conteñen antioxidantes e outras substancias que mesmo potencian a súa acción. Por exemplo, nos cítricos, amais de vitamina C, hai ácido cítrico, unha substancia que aumenta a súa acción antioxidante, o que polo xeral non se contempla en alimentos enriquecidos e complementos.
Doutra banda, comprobouse que doses excesivas de antioxidantes orixinan efectos daniños. Así, o abuso de vitamina C pode provocar diarreas; doses elevadas de vitamina E causan conxuntivite, danos nas mucosas e mesmo maior fraxilidade de ósos. Unha sobredose de selenio asóciase a caída do cabelo, alteración de unllas e dentes… É máis doado superar a cantidade de antioxidantes con pastillas e similares que co consumo de alimentos que os conteñen de maneira natural, de aí que se insista en recorrer ao consello profesional sempre, antes que tomalos por conta propia. En casos concretos nos que se sabe que a produción de radicais libres está aumentada -deportistas de elite, fumadores, etc. – tamén é preciso que un experto valore a dose extra e segura de antioxidantes, ben sexa por medio dun maior consumo de alimentos comúns, ben polo emprego de alimentos enriquecidos ou de complementos.
Roda da SEDCA, Sociedade Española de Ciencias da Alimentación
A roda dos alimentos máis comúns na dieta española de maior acción antioxidante.
- Aguacate
- Baias: arandos, moras, framboesas e amorodos
- Brócoli
- Repolo e coles en xeral
- Cenoria
- Cítricos
- Uvas
- Cebolas -en especial as moradas-
- Espinacas
- Tomates -en especial fritido-