Regreso sen traumas
Preparación previa
- Visite co neno o centro escolar antes de que comecen as clases, e preséntelle á súa mestra para que saiba con quen vai quedar. Axudarao a familiarizarse e a non sentirse tan estraño o primeiro día.
- Se ten idade para entendelos, léalle contos sobre nenos e nenas que comezan a escola, pais e nais que marchan traballar e volven despois de recoller os seus fillos, e sobre actividades na gardería ou na escola.
- Cóntelles as súas propias vivencias infantís. Cando as lembre e as relacione coas súas, sentirase máis tranquilo no seu novo contorno.
- Explíquelle detidamente todo o que o agarda nese primeiro día de clase, nese novo curso.
- Deixe que o seu fillo ou filla lle expliquen os seus temores e necesidades.
- Preséntelle a asistencia como unha obriga, e á vez como un privilexio. Por exemplo: “Que sorte que podes ir ao cole!”. Non o ameace con “xa verás xa, cando vaias ao cole”, de xeito que o relacione con algo negativo e desagradable.
- Uns días antes, e na medida do posible, comece a afacelo aos novos horarios que vai ter na escola: hora de erguerse, de xantar, de durmir a sesta, de merendar, etc.
- Se aínda é cativo e ten o costume de durmir a sesta, e a escola non lle ofrece esta alternativa, é o momento de comezar a prescindir dela.
- Prepare co seu fillo ou filla a carteira e todo o material necesario para o curso. Bótelle unha ollada con el aos novos libros de texto para que se familiarice con eles e esperte o interese por usalos.
O gran día
/imgs/20060901/img.psicologia-2.02.jpg É moi recomendable que o primeiro día de escola acompañe ao seu fillo ou filla. Hai que facer o posible para que sexa un día ledo.- Se é o seu primeiro día nunha escola nova, trate de que chegue dos primeiros. Así verá aparecer a todos os compañeiros e non se sentirá tan observado como se se presenta o último.
- Amose alegría. Se o ve chorar ou nota algo de tristura, volverá a súa desconfianza e sensación de abandono. Sentirá que o está deixando nun lugar malo.
- Non alongue o momento da separación. Sexa afectuoso, pero sen excesos, e breve. Aínda que o seu fillo ou filla choren ou berren, a despedida debe ser rápida e sen dramatismos; de non ser así, aprenderán a usar as choromicadas como estratexia para alongar a entrada á clase.
- En ningún caso lles prometa cousas que non vaia cumprir, como “Vou aparcar o coche e volvo!”. Se o neno ou a nena se senten enganados, é máis difícil que confíen en vostede.
- Cando o vaia recoller sexa moi puntual. Pódese sentir abandonado ao ver como marchan os seus compañeiros de clase.
- Se ve que ten os ollos vermellos de chorar, non faga ningún comentario compadecéndoo. Só conseguirá que siga chorando no cole, agardando a súa nai ou papá salvador.
- Fágalle comentarios presupoñendo que se portou moi ben, e remarcando as vantaxes de que fora ao colexio, como se dun privilexio se tratase.
A rutina da adaptación
- Aproveite as fins de semana que aínda quedan do verán para pasalo ben facendo cousas divertidas. Organice actividades de lecer, e non rompa coa rutina do verán de súpeto.
- Aínda que ao comezo os choros son normais, permaneza en contacto directo co profesorado para saber como se desenvolve o período de adaptación, se o neno ou a nena participan nas actividades e se, en xeral, se integran adecuadamente. De non ser así, deberá buscar o mellor xeito de axudalos a conseguilo. Algúns nenos e nenas poden precisar un trimestre para adaptarse.
- Ata que superara o período de adaptación, convén que a asistencia á escola sexa o máis rutineira posible: mesmos preparativos, mesma hora de chegada e de recollida…
- No período de adaptación hai que facer o posible por levalo todos os días. Non debe deixar de acudir á clase de maneira habitual, porque pode tardar máis en adaptarse.
- Fóra do horario lectivo, intente que quede con algún compañeiro de colexio. Ver os seus amigos e amigas da escola infantil noutros lugares (o parque, a casa, etc.) aumentará o seu desexo de reencontrarse con eles na clase.
- Dedíquelle todo o tempo que poida os primeiros días, e prepare pola tarde a volta ao día seguinte, para que cada mañá non se converta nun desgusto.
- Non o deixe trasnoitar. Un neno fatigado ten máis problemas de comportamento e maiores dificultades de adaptación.
- Érgao con antelación. Ir co tempo xusto polas mañás provoca nerviosismo no neno. E máis se é dos que espertan de mal humor.
- Amose interese polos seus avances. Pregúntelle pola escola en momentos tranquilos, durante a noite ou na hora do baño, pero non o force a falar.