Entrevista: Vicenç Torregrosa, servizo de Nefroloxía / Videoxogos para emerxencias / Espermatozoides con nariz / Demasiados analxésicos / Alimentos con memoria

1 Setembro de 2006
Img salud listado 453

Entrevista: Vicenç Torregrosa, servizo de Nefroloxía / Videoxogos para emerxencias / Espermatozoides con nariz / Demasiados analxésicos / Alimentos con memoria

Entrevista

/imgs/20060901/img.despiece-salud.01.jpg

Vicenç Torregrosa, servizo de Nefroloxía do Hospital Clínic de Barcelona

“Quen tema polos seus ósos, que pense nos seus riles”
Unha parte nada desprezable de patoloxías óseas ten a súa orixe en desordes de tipo metabólico. Nalgúns deles o mal funcionamento dos riles é o principal responsable pola asociación de tres elementos clave que se deben manter en equilibrio: a vitamina D, o fósforo e o calcio.

De que depende o equilibrio do metabolismo óseo?
A paratiroide, un conxunto de minúsculas glándulas situadas no pescozo, controla a formación de vitamina D, esencial para asegurarlles o fluxo de calcio e fósforo ós ósos. Parte deste mecanismo depende do correcto funcionamento dos riles. Polo tanto, quen tema polos seus ósos, que pense nos seus riles.

Pois, a beber auga.
Mellor vixiar o exceso de fósforo na dieta. No verán botamos man de alimentos preparados que teñen cantidades de fósforo moi elevadas. Poden supor unha ameaza para persoas cunha saúde renal delicada.

Daquela, a consumir produtos frescos e integrais.
Si, pero con ollo, porque o pan integral ten moito máis fósforo ca o pan branco e a xema de ovo ten ata 40 veces máis cá clara. Se hai un exceso de fósforo, o calcio circulante en sangue adhírese ós vasos sanguíneos e compromete a saúde cardiovascular.

É dicir, que non só as mulleres posmenopáusicas se deben preocupar polos seus ósos.
Desde logo que non é unha preocupación exclusiva das mulleres maiores. A osteoporose non é a única complicación do metabolismo óseo. A incapacidade do ril para metabolizar vitamina D e sintetizar calcio, visible no raquitismo ou na osteomalacía, provoca que as glándulas paratiroides lles rouben calcio ós ósos, causándolles unha fraxilidade inusitada.

Novas

Videoxogos para emerxencias

As técnicas básicas de reanimación cardiopulmonar contan cunha nova ferramenta de aprendizaxe. Unha das últimas propostas é un videoxogo de móbil chamado Emerxencia 112. O obxectivo é formar os xogadores na aplicación de medidas encamiñadas a manter as funcións vitais. O xogo proporciona nocións sobre respiración boca a boca, masaxe cardíaca, a manobra de Heimlich, a posición lateral de seguridade ou o uso do desfibrilador para reverter a parada cardíaca.

/imgs/20060901/img.despiece-salud.02.jpg

Espermatozoides con nariz

Non todos os espermatozoides teñen as mesmas habilidades. Sabido é que moitos dos que intentan fecundar o óvulo quedan polo camiño ou non dan atravesado a grosa capa que o protexe. Que só un de entre millóns acade o seu obxectivo parece estar relacionado con algo parecido a un nariz, un paquete de receptores bioquímicos que guía o espermatozoide ó seu destino, e a un motor biolóxico que activa o movemento da súa cola xusto cando o nariz identifica o punto por onde acabará introducindo a súa carga xenética. Ambos os dous descubrimentos, publicados recentemente, supoñen avances na aplicación de técnicas de reprodución.

Quen avisa non é traidor…

/imgs/20060901/img.despiece-salud.03.jpg

Demasiados analxésicos

A automedicación e unha menor capacidade individual para aturar a dor explican, polo menos en parte, que desde 1997 o consumo de analxésicos para o tratamento de dores leves ou moderadas medrara en España a un ritmo do 20% anual. Pero tamén hai outros factores: en dores de cabeza, por exemplo, o consumo regular de analxésicos acaba sendo un parche temporal. Aínda que dan eliminado a molestia, os propios analxésicos xeran un mecanismo de resposta que esixe novas doses. É dicir, co tempo o sistema acaba retroalimentándose.

Sabíalo?

Alimentos con memoria

A visión ou o arrecendo dunha comida apetitosa xera normalmente desexo, pero tamén pode provocar repulsión. Os médicos adoitan atribuír esta resposta a alerxias ou a intolerancias alimentarias, aínda que a razón, explica a investigadora da Universidade Rockefeller Cornelia Bargmann, podería ser ben distinta. Segundo publica na revista Nature, un mecanismo de aprendizaxe primitivo que se conservou ó longo da evolución activaría os circuítos de serotonina, un neurotransmisor común.

A serotonina tamén a segregan as células intestinais. A secreción activa respostas no cerebro que se asocian á calidade da comida. En situacións de forte tensión física ou mental, ou en tratamentos con quimioterapia, obsérvase unha maior secreción, fenómeno que tamén se asocia a náuseas e vómitos. A investigadora conclúe que estes enfermos, ou persoas con graves alteracións fisiolóxicas, deberían absterse durante o seu tratamento de comer alimentos que normalmente lles causan pracer porque, de xeito inconsciente, aprenden que o que comen é prexudicial.