Compradores coas costas cubertas
- 1. Unha vez detectado o problema, acuda o antes posible xunta o vendedor. A garantía dura dous anos, pero a partir dos seis meses o vendedor pode esixir a proba de que o produto se mercou co defecto.
- 2. Opte por reparar ou substituír, pero con sentido común: elixa, sempre que pareza viable e non ocasione maiores inconvenientes, a menos custosa.
- 3. Cando entregue o produto defectuoso, solicite sempre resgardo con indicación da data. Cando reciba o ben reparado ou o novo, pida por escrito copia do xustificante de entrega coa data.
- 4. Se a reparación ou substitución non dan resultado, reclame a opción que se desbotou ou a resolución do contrato. Pero se o defecto é pequeno e non afecta á funcionalidade do produto, abondaría unha rebaixa do prezo.
- 5. Ante o desacordo, reclame por escrito (fax , carta ou burofax certificado, ante unha OMIC, etc.) e siga ata o final sen descartar a vía xudicial, que é a que lle pode finalmente impor as obrigas legais ao vendedor.
Problemas máis habituais
O vendedor non acepta a garantía porque o produto carece da embalaxe orixinal É unha práctica abusiva para restrinxir ou condicionar a aplicación da garantía. Máis aínda cando non se informou previamente desta condición ao consumidor. Co tícket ou factura é abondo para esixir a garantía. A lei non ampara expresamente esta limitación ou requisito. O máis aconsellable é acudir á OMIC.
O vendedor non acepta a garantía pasados seis meses da compra A garantía legar cobre un período de dous anos, pero a partir dos primeiros seis meses o defecto xa non se presume de orixe, polo que o vendedor pode esixirlle ao consumidor que o probe. Se o acredita, o vendedor debe aplicar a garantía. Para iso precísase que un técnico ou perito o ditamine, ou, polo menos, que asevere que o defecto ou avaría non se debe a un mal uso e que especifique a causa da avaría.
O vendedor entrégalle un documento de garantía por un ano Este documento pode ser antigo, anterior á lei e non estar adaptado. Hai que solicitarlle unha garantía ao vendedor por dous anos, pero se lla denegan, a garantía xa a impón a lei. Conserve a factura e solicite unha folla de reclamacións.
O vendedor non dá reparado a avaría. Négase a darlle outro produto igual porque di que é desproporcionado, e, a partir de aí, non ofrece solución ningunha. O vendedor non se pode acoller á desproporción para non ofrecer nada. A lei di que, concluída a reparación e entregado o ben, se este continúa sendo non conforme co contrato, pode esixir a substitución, sempre que non sexa desproporcionada, ou a rebaixa do prezo ou a devolución dos cartos.
Cando a reparación é infrutuosa e a substitución por outro novo é desproporcionada, elíxese entre rebaixa do prezo ou devolución dos cartos. Aínda que se o defecto ou falta é de escasa importancia e o ben continúa sendo funcional non hai elección posible: só queda a rebaixa do prezo.
O vendedor non recolle o produto para reparalo e remite o envío ao Servizo técnico a costa do consumidor. A garantía é gratuíta, inclúe man de obra, pezas e desprazamentos. Cando a reparación requira que un técnico se desprace ao domicilio do consumidor non debe cobrar nada, tampouco as saídas. Se hai que enviar o produto a un servizo técnico, o consumidor non debe soportar o gasto de envío. Se non se consegue, hai que solicitar unha folla de reclamacións, acudir á OMIC e reclamarlles os gastos ao vendedor.
- Conserve sempre o tícket de compra ou factura xunto cos documentos da garantía, instrucións de uso e de instalación.
- Antes de pagar por garantías comerciais de prazos inferiores a dous anos, pense que lle cobre gratuitamente a garantía legal.
- Se o vendedor instala o produto, interésalle que así conste no contrato de compra ou na factura.
- Busque un equilibrio entre os seus intereses e os do vendedor.
- Se a reparación ou a entrega dun ben en substitución se demora máis alá do razoable, reclame por escrito a devolución do prezo pagado.
- Mentres o produto está no servizo de reparacións, o prazo da garantía non corre. De aí que precise resgardo de entrega coas súas datas.
Non esqueza que os bens de segunda man teñen garantía por un ano, pero só cando se lle mercan a un vendedor profesional, non fronte a particulares. Neste último caso, dispón de seis meses para reclamar os vicios ou defectos ocultos.