Para evitarmos situacións desagradables, o mellor é testar
Anciáns que llo deixan todo ao can, pais que darían o que fose por desherdar un fillo, parellas que non teñen dereito a nada tras a morte do seu compañeiro, un parente descoñecido que reclama os bens do seu tío-avó. Todos eles forman parte da realidade cotiá tecida arredor das herdanzas, un episodio da vida familiar tan indesexado como temido, do que sacan tallada non só os herdeiros senón tamén as notarías e Facenda.
Deixar todo ben atado en vida cun testamento custa entre 36 e 60 euros. Este documento desempeña un papel esencial nas herdanzas. Un simple papel, non moi caro, que non entraña moita dificultade, xa que a súa elaboración queda en mans do notario, pero que boa parte da poboación española se resiste a facer, xa que testar significa recoñecer o noso propio futuro falecemento, algo que a todos nos custa asumir.
Non facer testamento equivale a deixar os familiares ante os trámites da sucesión intestada, que cómpre realizar ante un notario ou, nalgúns casos, ante un xuíz, e a pór enteiramente en mans da lei o reparto dos bens. A diferenza de prezo entre ambas as dúas opcións é considerable. Unha sucesión intestada ten unhas custas tres veces maiores ca unha realizada con testamento, arredor de 150 euros. Se é necesario chegar a unha declaración xudicial para aclarar a herdanza, o prezo dispárase, e pode chegar aos 6.000 euros no caso dunha herdanza de 200.000 euros.
Xeneralidades sobre testamentos e herdanzas
- Quen pode facer testamento? A Lei permítelle testar a calquera persoa maior de 14 anos. A limitación básica establecida pola Lei refírese á necesidade de que o testador estea no seu san xuízo.
- Que bens se inclúen nunha herdanza? A herdanza dunha persoa finada e casada está integrada polos seus bens privativos e pola metade dos gananciais, en caso de que este sexa o seu réxime económico-matrimonial. Os bens gananciais son aqueles que foron adquiridos por compra polo finado unha vez contraído o matrimonio ou mediante calquera outro contrato de carácter oneroso (que require que o que o adquira debe dar, facer ou non facer algo como contraprestación), salvo proba en contrario.
/imgs/20060901/img.informe.02.jpg Os cartos existentes no intre do falecemento presúmese ganancial, salvo que se poida demostrar que era de carácter privativo dun dos cónxuxes. - Que é o dereito de usufruto, e canto tempo dura? O dereito de usufruto permítelle ao seu titular utilizar unha cousa doutro sen ser o propietario. O seu titular tamén se pode apropiar dos rendementos que este ben alleo poida producir (as rendas, se o usufruto se adquire sobre un inmoble que está alugado, os froitos, se se trata dunha explotación agrícola, etc.). Así e todo, o usufrutuario non pode vender o ben nin gravalo, constituíndo, por exemplo, unha hipoteca, porque non lle pertence. O usufruto pódese pactar por unha duración determinada (por exemplo, 30 anos) ou ser determinable (mentres viva o beneficiario).
- Quen herda cando non hai testamento? En caso de que o finado teña fillos, a herdanza divídese entre eles a partes iguais. Se o finado estaba casado o seu cónxuxe percibe o usufruto dun terzo da herdanza e a metade dos bens gananciais. En caso de que o finado non teña fillos, a herdanza correspóndelles aos pais, e ao cónxuxe viúvo o usufruto da metade dos bens. En caso da morte dunha persoa que non teña pais, nin fillos, o cónxuxe é o principal herdeiro. E en caso de que non exista tampouco unha parella civil, os herdeiros poden ser os irmáns e sobriños do finado. Se unha vez aberta a sucesión “legal” non se atopan herdeiros, é o Estado quen herda todos os bens. Cada liña péchalles o paso ás demais. É dicir, se hai descendentes, xa non herda ninguén máis, non sendo o cónxuxe viúvo, que ten sempre un dereito de usufruto.
- Como se pode saber se unha persoa finada fixo testamento e ante que notario? Hai que solicitarlle un certificado ao Rexistro de Actos de Última Vontade mediante un impreso de Últimas vontades, que se pode adquirir nun estanco ou no mesmo Ministerio de Xustiza. Cómpre acompañar o impreso da partida do certificado de defunción, orixinal ou fotocopia debidamente compulsada, expedida polo Rexistro Civil correspondente á localidade en que a persoa faleceu, e deberá constar necesariamente o nome dos pais do finado. O certificado débese solicitar despois de quince días hábiles a partir da data de defunción.
A lexítima
/imgs/20060901/img.informe.03.jpg En cantas partes se divide unha herdanza? O caudal hereditario divídese por disposición legal en tres terzos: a “lexítima”, a “mellora” e o “terzo de libre disposición”. A lexítima é a parte dos bens da herdanza da que o testador non pode dispor libremente, aínda que desexe facelo, porque por lei se reserva a determinados herdeiros chamados forzosos, salvo que o testador decida desherdalos expresamente. O alcance da lexítima está en función das persoas que participen na herdanza. Pola súa banda, o terzo de mellora pódese empregar para favorecer en especial a algún ou algúns fillos ou descendentes; se non se dispón sobre el expresamente, enténdese que incrementa a contía da lexítima. Co terzo libre disposición o testador poderá facer o que crea conveniente.- Por que e cando hai que facer a partición da herdanza? Pódese dar o caso de que o testador non se limitara a designar herdeiros no testamento, senón que tamén realizara nese testamento un reparto ou partición dos bens entre os herdeiros, asignándolle a cada un deles bens concretos en pagamento da súa cota hereditaria. É o chamado testamento particional. Neste caso, os herdeiros deberanse axustar ao ordenado polo testador no seu testamento en orde ao reparto dos bens, cando non prexudique a lexítima dos herdeiros forzosos. Tamén é posible que o testador, en atención á conservación da empresa ou en interese da súa familia, queira preservar indivisa unha explotación económica ou ben manter o control dunha sociedade de capital ou grupo destas. Neste caso, pode usar esta facultade, dispondo que se pague en metálico a súa lexítima aos demais interesados.
A herdanza non é libre
O testador é libre de deixarlles os seus bens a quen queira? Non. Existe a obriga legal de deixarlles algo -a lexítima- aos descendentes, ascendentes e cónxuxe, segundo os casos, denominados por iso herdeiros forzosos. Pero cómpre ter en conta que as normas non son iguais para toda España. Existen determinados territorios que teñen uns dereitos especiais, históricos, chamados “Dereitos Forais”, que regulan de xeito diferente todo o tocante ao testamento e ás herdanzas.
Canto lles hai que deixar aos herdeiros forzosos?
- Aos fillos e descendentes (netos, bisnetos, etc.), dous terzos da herdanza. Un dos terzos débese dividir en partes iguais entre os fillos, e o outro terzo (o chamado de mellora) pódese distribuír libremente entre eles ou deixarllo a un só dos descendentes.
- Se non se teñen fillos nin descendentes, os ascendentes (pais, avós, etc.), herdando en primeiro lugar os proxenitores, teñen dereito á metade do haber hereditario dos fillos e descendentes, salvo o caso en que concorresen á herdanza co cónxuxe viúvo do causante; nese suposto a lexítima dos pais ou ascendentes será dunha terceira parte da herdanza.
- O cónxuxe viúvo tamén é un dos herdeiros forzosos do finado, e ten dereito ao usufruto do terzo destinado á mellora se concorre á herdanza con fillos ou descendentes; de non existiren descendentes, pero si ascendentes, terá dereito ao usufruto da metade da herdanza. De non existiren descendentes nin ascendentes, o cónxuxe sobrevivinte terá dereito ao usufruto dos dous terzos da herdanza.
Poden os pais desherdar un fillo? O testador non pode desherdar sen máis ao seu capricho. Na lei establécense cales son as causas de desherdación, e fóra destas causas non se pode dar a desherdación. Se, aínda así, se realiza a desherdación e non se expresa a súa causa, non se proba ou é distinta das que se establecen legalmente, pode ser anulada polos tribunais.
Repudiar, revogar e impugnar
/imgs/20060901/img.informe.04.jpg Pódese repudiar unha herdanza? Tanto a aceptación como a repudiación da herdanza son actos libres. Segundo a lei, poden repudiar unha herdanza todos os que teñen a libre disposición dos seus bens, pero débeno facer plenamente, non pode facerse en parte, a prazos ou suxeita a condicións. A repudiación débese facer ante Notario, ou por escrito ante o Xuíz competente. Cómpre ter en conta que se se repudia a herdanza, e se teñen acredores propios, estes pódenlle pedir ao Xuíz que os autorice para aceptar a herdanza en nome dun.- Pódese revogar un testamento? A normativa vixente en ningún caso obriga a facer testamento, e permite que, unha vez outorgado, sempre exista a posibilidade de modificalo ou cambialo por outro, aínda que o propio testador sinalase no testamento anterior que a súa intención era a de que ese testamento fose definitivo. No caso do testamento pechado presumirase revogado se este aparecese no domicilio do testador coas cubertas rotas ou borradas, raspadas ou emendada a sinatura; así e todo, será válido cando se probe que estes estragos ocorreron sen a vontade ou coñecemento do testador, ou estando este en estado de demencia.
- Quen pode impugnar un testamento? Están lexitimados para solicitar que se declare a nulidade do testamento viciado os que, en principio, poidan ser favorecidos pola anulación do testamento, é dicir, os herdeiros legais, os herdeiros ou legatarios favorecidos nun testamento anterior, etc. Pero non poderán exercitar a acción de nulidade dun testamento os que expresa ou tacitamente recoñecesen a súa validez.
Quen herda se o testador…
Con testamento | Sen testamento | |
---|---|---|
& deixa viúva con fillos? |
A viúva ten por lei dereito en usufruto ao uso e aproveitamento do terzo de mellora. Ademais, pode recibir o terzo de libre disposición se así o testou o finado. Neste último caso, os fillos levarían dous terzos da herdanza a partes iguais (lexítima e mellora). Pero tamén pode utilizar a mellora para favorecer a un deles. |
Toda a herdanza divídese a partes iguais entre os fillos. Así e todo, a nai ten dereito ao usufruto dun terzo da herdanza. |
& deixa viúvo sen fillos e ten dous pais? | Débelles deixar a lexítima aos seus pais a partes iguais. Os dous terzos restantes pódellos deixar a quen queira. Se llos dá a unha institución ou a terceiras persoas, o viúvo ten dereito ao usufruto da metade da herdanza. | Toda a herdanza pasa aos pais da finada. O cónxuxe ten dereito á metade da herdanza en usufruto. |
& deixa viúvo sen fillos e non ten pais? | Pode deixarlle a herdanza a quen queira (viúvo, sobriños, etc.), pero o viúvo ten dereito por lei a dous terzos da herdanza en usufruto vitalicio. | Todos os bens pasan á propiedade do home. |
& deixa fillo da súa primeira esposa e viúva con dous fillos seus? | O terzo da lexítima pasa a partes iguais aos seus tres fillos. Pode favorecer a un deles co terzo de mellora, ou deixárllelo a partes iguais. O de libre disposición pódello deixar a quen queira. En calquera caso, a viúva recibe o usufruto do terzo de mellora. | Toda a herdanza é para os tres fillos a partes iguais. A segunda esposa (viúva) gozará dun terzo da herdanza en usufruto. |
& deixa parella (de feito, ou non) cun fillo? * | Os terzos da lexítima e da mellora son para o fillo. O de libre disposición pode ser para a súa parella. | O fillo hérdao todo. Ao non estaren casados, a parella non ten dereito de usufruto. |
& deixa parella (de feito, ou non)? * | Os terzos da lexítima e da mellora son para os pais. Se estes faleceron, herdarían os seus irmáns ou sobriños. O de libre disposición pode ser para a súa parella. | Os pais ou ascendentes hérdano todo. Ao non estaren casados, a parella non ten dereito de usufruto. |
& deixa dous fillos, un biolóxico e outro adoptado | Os terzos da lexítima e da mellora pasan a partes iguais aos seus dous fillos, sen distinción. O de libre disposición pódello deixar a quen queira. | Os fillos hérdano todo. |
& deixa dous fillos, e un deles falece deixando un fillo, neto do testador? | Os terzos da lexítima e da mellora pasan a partes iguais ao seu fillo vivo e ao seu neto por dereito de representación (dereito a substituír o pai finado en todos os dereitos sobre a herdanza do seu avó). O de libre disposición pódello deixar a quen queira. | O fillo e o neto hérdano todo. |
(*) Segundo o Código Civil. As diferentes leis de Parella de Feito poden establecer unha orde sucesoria distinta á “xeral”.