Calidade mediocre: moitas carencias e defectos
As probas avaliaron as características e prestacións máis importantes neste producto, tendo en conta criterios de emprego, a lexislación sobre etiquetaxe e unha normativa de referencia (de non obrigado cumprimento) que fixa as características desexables das tendas de campaña, entre elas as de seguridade, e as probas que deben verifica-la medición e comprobación destes apartados.
Os resultados foron decepcionantes: ningunha tenda pode definirse non xa de boa calidade xeral, senón nin sequera aceptable. O motivo: todas presentan deficiencias en aspectos cruciais. Trala ponderación de tódolos resultados, confórmanse dous grupos de calidade: cun “regular” figuran cinco tendas: Tende e Explorer DT-180 (respectivamente, a máis cara e a máis barata), Nevada, Hibou (ámbalas dúas, unhas 15.000 pesetas) e Annapurna (case 22.000 pesetas). O segundo grupo está composto unicamente por Aran-4 (a segunda máis barata, case 10.000 pesetas), cun “mal”. Como pode comprobarse, o prezo ten pouco que ver coa calidade do producto.
Os principais puntos débiles destas seis tendas de campaña son a información ó consumidor (ningunha aproba o exame de CONSUMER e os defectos foron moitos: ausencia de datos obrigatorios, carencia de garantía e instruccións de uso incompletas) e a seguridade: só Explorer DT-180 respecta tódalas directrices da norma de seguridade para este producto, que -cómpre dicilo todo- é esixente e de non obrigado cumprimento. Outros defectos importantes e comúns (a metade das mostras analizadas con resultados negativos) foron a escasa habitabilidade do interior das tendas, a insuficiente resistencia á esgazadura da cubeta (zona en contacto directo co chan) e á perforación do dobre teito da tenda, así como a pouca resistencia dunha zona das que máis tensión sofre: a próxima ó tirante que une o dobre teito co chan.
Nesta análise comparativa non hai mellor relación calidade-prezo. Podería ser Explorer DT-180 (a máis barata, 9.000 pesetas), pero unha tenda que non resiste a chuvia e que non achega documento de garantía non pode merecer este galardón. A outra opción sería Tende, pero o seu elevado prezo (é a máis cara, case 25.000 pesetas) compadécese moi mal coas graves carencias que se lle detectaron: insuficiente resistencia da cubeta á esgazadura (defecto crítico), fallos en seguridade, etiquetaxe incorrecta e escasa facilidade de montaxe-desmontaxe da tenda. Estas dúas son as mellores, pero ningunha superou globalmente as probas e mereceron ámbalas dúas un mediocre “regular”. O usuario elixirá en función das súas preferencias persoais, do uso que pensa darlle á tenda, das características e prestacións de cada unha e dos cartos que pensa gastar neste producto tan relacionado co tempo de lecer de moitos cidadáns.
Entrando en máis detalles …
Só Explorer DT, Nevada e Annapurna ofrecían na súa etiqueta a información obrigatoria, mellor en Explorer DT pola etiqueta que, no interior da tenda, sinala as precaucións que cómpre adoptar fronte a un posible lume. E tan só Nevada e Tende conteñen un documento de garantía correcto; tres non achegan garantía e unha (Hibou) si que a ofrece pero non é correcta. No referente ás instruccións de uso e mantemento, só poden considerarse satisfactorias Nevada, Annapurna e Tende. As demais pecaban de ausencia de información útil.
No tocante á seguridade, só Explorer DT-180 resultou acorde á normativa (de carácter orientativo, non obrigatorio); en Nevada, Tende, Aran-4 e Annapurna non figuraban as recomendables advertencias fronte ó lume. E detectáronse deficiencias na esencial resistencia das ancoraxes para treboada (en Nevada, Tende, Hibou) e nas características das cremalleiras (Annapurna). Despois de tódalas probas de seguridade, conclúese que a máis segura é Explorer DT-180, seguida de Aran-4. As menos seguras son Nevada e Tende.
Por outra banda, Tende ofrece o maior número de ventos (5), o que contribúe a unha mellor fixación (e protección) do dobre teito fronte ó vento. As outras tiñan tres ou catro ventos. Hibou e Annapurna incorporan ancoraxes metálicas (máis sólidas) de cubeta-chan, mentres que nas outras catro son de plástico.
A comodidade, esencial
Na calidade dos rematados destaca Nevada, que é tamén a máis lixeira (3 quilos) e a máis sinxela de montar e desmontar. A máis pesada é Tende (4,5 quilos), que resulta a máis doada de empaquetar tralo seu uso, e a habitabilidade resultou insatisfactoria en Nevada (altura libre insuficiente) e en Annapurna e Aran-4 (capacidade real inferior á anunciada). A aptitude ó uso e a ergonomía (número de bolsas, fixación para lanterna, número de entradas á tenda, número de zonas de ventilación, repostos, comodidade xeral, iluminación…) foi notablemente menor en Aran-4 ca nas demais. As mellores en aptitude ó uso e ergonomía, pero con só un “aceptable”, foron Tende, Explorer DT-180 e Annapurna. As outras dúas houberon de conformarse cun “regular” neste apartado crucial, tan relacionado coa comodidade que as tendas de campaña lle proporcionan ó usuario.
¿Como responden ante a humidade e a chuvia?
Con respecto á impermeabilidade, esencial nun producto que ten como principal función protexe-lo usuario da intemperie, a estanquidade da cubeta foi en Aran-4 moi inferior á do resto de tendas. Esta proba realizouse dispoñendo un determinado volume de auga sobre as costuras que unen a cubeta co resto da tenda, na zona das ancoraxes. Destacaron Tende (a mellor), Nevada, Explorer DT-180 e Hibou, aínda que tamén Annapurna demostrou unha aceptable estanquidade da súa cubeta.
O segundo apartado do exame de impermeabilidade é a resistencia á chuvia, que se mediu sometendo a un arco de chuvia durante dúas horas as costuras do dobre teito de cada tenda. Se ó finaliza-lo ensaio, enchoupa o dobre teito da tenda permitindo o paso da auga, considérase que a mostra fallou. Este, un defecto grave, só se verificou en Explorer DT-180. As outras cinco tendas reaccionaron satisfactoriamente ante a chuvia. En xeral, as máis impermeables son Tende e Nevada, aínda que tamén Hibou e Annapurna se comportaron satisfactoriamente.
CÓMO SE FIXERON AS PROBAS
As tendas de campaña son productos para lecer e deportes, e como a súa función é proporcionarlles ós usuarios condicións de habitabilidade durante un determinado tempo e asegurar certa protección fronte ós rigores da intemperie, deben cumprir requisitos de seguridade, resistencia, comodidade, información…
Na análise de CONSUMER realizáronse moi diversas probas para avalia-las características e prestacións máis salientables deste producto, tendo en conta a lexislación xeral de etiquetaxe (de obrigado cumprimento) e unha normativa de referencia que, aínda que os fabricantes non estean obrigados a respectar, establece as características e prestacións desexables nas tendas de campaña así como as probas destinadas a verificar estas características.
A etiquetaxe debe incluí-la información obrigatoria (composición, características esenciais de uso, instalación, mantemento e perigos, identificación do fabricante ou exportador), en castelán e de maneira visible. Aínda que non é obrigatorio, si semella conveniente que as tendas leven no seu interior unha etiqueta sobre as precaucións contra o lume, advertindo sobre aparellos de calefacción, cociña e luz, disposicións de prevención de incendios, precaucións que cómpre tomar cos nenos… Ademais, a lexislación recolle os productos de lecer e deporte como productos durables, polo que deben presentar unha garantía conforme á lexislación. Para rematar, estaría ben que incluísen instruccións de uso e mantemento, coas que informen sobre cómo escolle-lo lugar de acampada, ou face-la montaxe, empaquetado, mantemento, reparación…
Valoráronse, en principio, o peso da tenda (mellor canto menor) e o tamaño das bolsas de transporte (se son en exceso pequenas, a tarefa de garda-la tenda pode converterse en complicada e requiri-la axuda doutra persoa). Ademais, cinco expertos en acampadas avaliaron o grao de dificultade que entrañaba montar e desmontar cada tenda. Para rematar, comprobouse a habitabilidade: altura libre (a normativa establece un mínimo desexable), e que a capacidade (número de persoas que caben comodamente no interior) coincida coa declarada.
Comprobouse o número de bolsos de cada tenda, se posuían fixación para lanterna, o número de entradas (unha ou dúas), o de zonas de ventilación efectivas, se están unha fronte á outra ou non, se ten faldróns de protección fronte á neve, os repostos…, amais da iluminación interior e a comodidade xeral que ofrece a tenda ós usuarios.
Comprobáronse dous aspectos: a estanquidade da cubeta (parte da tenda que está en contacto directo co chan) e a resistencia á chuvia. A estanquidade da cubeta verificouse dispoñendo un volume de auga coñecido sobre as costuras cubeta-tenda, na zona das ancoraxes. Tras un tempo determinado, verificouse o volume de auga perdido, calculando así a velocidade de calado. Os resultados cómpre cualificalos como moi bos en Tende (0,04 litros/hora) e de bos en Nevada (0,3 litros/hora), Explorer DT-180 (0,34 litros/hora) e Hibou (0,36 litros/hora), así como de aceptables en Annapurna (0,76 litros/hora). Foron malos só en Aran-4 (2,17 litros/hora). O parámetro crítico é a resistencia á chuvia. Mediuse sometendo as costuras do dobre teito de cada tenda a un arco de chuvia durante 2 horas a unha presión determinada, o que equivale a condicións climatolóxicas adversas. Se ó remata-lo ensaio a chuvia cala o dobre teito permitindo o paso da auga, considérase que a mostra falla. A única que non superou a proba foi Explorer DT-180. Nas outras cinco, a resistencia á chuvia foi satisfactoria.
Na cubeta, a resistencia do tecido á esgazadura é crucial: ó estar en contacto co chan está máis exposta a este tipo de rotura. Avaliouse esta resistencia determinando a forza precisa (medida en Newtons) para producir unha esgazadura en condicións controladas. Na máis resistente (Hibou) precisouse unha forza de 87 Newtons para produci-la esgazadura, mentres que, xusto no outro extremo, Nevada, Annapurna e Tende produciron esgazadura con só 10-11 Newtons.
Outra característica crucial nunha tenda de campaña é a resistencia á perforación dos seus diversos compoñentes. Determínase a forza precisa (en Newtons) para perfora-lo tecido do dobre teito e da cubeta empregando para a medida un dinamómetro cunha agulla de penetración de 1,5 milímetros de diámetro. No dobre teito, os mellores resultados foron para Annapurna (39 N), e os peores para Explorer DT-180, Hibou e Aran-4 (entre 23 e 30 N). Na cubeta, foi Explorer DT-180 a tenda máis resistente á perforación (49 N), e as peores (aínda que aceptables) foron Nevada, Annapurna e Tende, con entre 34 e 35 N.
Costuras, ventos e enganches son as zonas sometidas a maior tensión nunha tenda de campaña, polo que é fundamental coñece-la resistencia (medida en Newtons) que demostran ata que se produce a deformación total ou ruptura destes compoñentes, sempre en condicións controladas de velocidade de aplicación desa forza. O comportamento dos diversos compoñentes foi distinto. Os mellores resultados foron os de Explorer DT-180, única tenda na que a resistencia foi satisfactoria, ou polo menos media, nos catro compoñentes avaliados. O peor comportamento foi o de Aran-4: tanto a costura do dobre teito e os ventos coma o tirante exterior da cubeta deron moi malos resultados de resistencia.
A normativa de carácter optativo aplicable ás tendas de campaña establece un ensaio para avalia-la resistencia da cremalleira interna e da externa, establecendo un mínimo para considerar un resultado como satisfactorio. O ensaio realizouse sobre mostras de 100 milímetros de lonxitude das cremalleiras da tenda e do dobre teito. Determinouse a forza (en Newtons) que é preciso aplicar lateralmente sobre un ancho de 25 milímetros para acada-la apertura da cremalleira en condicións controladas de velocidade (50 mm/minuto). Nas cremalleiras interiores, a normativa (non obrigada) establece un límite mínimo de 250 N, e na exterior o mínimo é 350 N. Nas probas realizadas por CONSUMER, tódalas cremalleiras resultaron satisfactorias, superando estas resistencias mínimas. As máis resistentes foron as de Explorer DT-180, seguidas das de Annapurna.
A mesma norma establece o ensaio aplicable ás varas da estructura da tenda, sempre que sexan de aceiro e cunha espesura da parede superior a 1 mm e diámetros da orde de 20 mm. As variñas das tendas de campaña aquí analizadas son de materiais diferentes e de menor espesura, pero os técnicos de laboratorio adaptaron os criterios da normativa para axeitalos a estas tendas de campaña. Os resultados permiten afirmar que a resistencia das variñas era suficiente e satisfactoria en tódalas mostras. Pero saibamos cómo se fixo a proba: tomáronse dous tramos ensamblados de cada variña, suxeitáronse nos seus extremos e aplicouse no punto de ensamblaxe un peso preliminar de 1 quilo durante un minuto. De seguido, aplicouse na mesma zona unha carga de 10 quilos durante 4 minutos. Unha vez retirada esta carga, vólvese aplica-la de 1 quilo e mídese a deformación permanente residual na variña, ou diferencia respecto ó punto inicial. Considerouse que o comportamento das variñas era satisfactorio cando a deformación permanente resultante era inferior ou igual a 3 milímetros.
A normativa (de carácter optativo) aplicable a tendas de campaña establece condicións de seguridade relativas ó armazón ou estructura da tenda (o mesmo concepto que a resistencia das variñas anteriormente descrito), á resistencia mínima (350 Newtons) das ancoraxes para treboada (o mesmo concepto que a resistencia da zona tensada próxima ó tirante que une o dobre teito co chan, antes descrito), ás cremalleiras (corredizos de distinta cor que o tecido ou os dentes ou, no seu defecto, un tirador rechamante; dobre tirador que permita a apertura tanto do interior coma do exterior, sendo cando menos unha delas de apertura de abaixo cara a arriba), e a advertencia de precaucións contra o lume.
Unicamente Explorer DT-180 cumpre en todo a norma de seguridade. Nevada e Tende fallaron na resistencia mínima das ancoraxes para treboada, e carecían de indicación de precaucións contra o lume. Hibou falla nas ancoraxes para treboada e Aran-4 faino só na carencia de información de precaución contra o lume. Para rematar, Annapurna falla nas cremalleiras (ó non presentar un corredizo de distinta cor có tecido e dentes, nin un tirador rechamante) e na ausencia de indicación de precaucións contra o lume.
A resistencia (que se comprobou mediante varias probas) está directamente relacionada coa durabilidade da tenda en boas condicións de uso, de aí a súa importancia. Nos ensaios de resistencia á esgazadura da cubeta (a parte que permanece en contacto directo co chan), destacaron Hibou e Aran-4. As peores foron Annapurna, Tende e Nevada, cuns valores de resistencia (medidos en Newtons) oito veces inferiores ós de Hibou. En Explorer DT-180, a resistencia á esgazadura foi media.
A resistencia á perforación mediuse no dobre teito e na cubeta, e os resultados foron aceptables. As máis resistentes son Annapurna, Nevada e Tende. Pola súa banda, Aran-4 é a que peor tolera a acción de obxectos punzantes no dobre teito, onde tamén fallaron Hibou e Explorer DT-180. En resistencia á perforación da cubeta, ningunha mostra suspendeu o exame.
No que se refire á resistencia nas zonas da tenda máis sometidas a tensión (costura do dobre teito, zona próxima ós ventos, zonas tirante exterior da cubeta e tirante do dobre teito), a mellor e única totalmente correcta foi Explorer DT-180. Tende foi a segunda máis resistente. E a peor, Aran-4, que fallou en tres das catro probas, seguida de Nevada, con baixas prestacións en dúas zonas. Para rematar, a resistencia de cremalleiras e varas foi satisfactoria en tódalas mostras.
En síntese e táboa comparativa
En síntese
- Analizáronse seis tendas de campaña con capacidade para 2-4 persoas, que custaban entre 9.000 e 25.000 pesetas.
- A teor das probas ás que se someteron para medi-la súa seguridade, impermeabilidade, comodidade e facilidade de uso, habitabilidade, resistencia, etiquetaxe, garantía…, ningunha pode considerarse de boa, nin sequera aceptable, calidade. Cinco mereceron unha nota global de “regular” e unha, Aran-4, un “mal”.
- Os defectos máis comúns foron a incorrecta etiquetaxe, a carencia de documento de garantía, a escasa aptitude ó uso e ergonomía, o non cumprimento da (optativa) norma de seguridade (só unha, Explorer DT-180, a respecta), e a insuficiente resistencia á esgazadura da cubeta da tenda, a zona que permanece en contacto directo co chan.
- O prezo pouco ou nada ten que ver coa calidade. As dúas mellores (Explorer DT-180 e Tende) son a máis barata e a máis cara. E se ben a peor (Aran-4) é barata, Annapurna, que custa case 22.000 pesetas, non é mellor ca Hibou e Nevada, que non chegan ás 15.000 pesetas.
- Non hai mellor relación calidade-prezo, xa que das dúas que aspirarían a selo, unha (Explorer DT-180) enchoupa por dentro cando chove, e a outra (Tende) ten limitacións excesivas para o seu oneroso prezo.
Marca/Modelo | TENDE | EXPLORER DT-180 | NEVADA |
---|---|---|---|
Fabricante | Ferrino | Fikam Sport | Coleman |
Prezo (pta) | 24.900 | 8.995 | 14.900 |
Control da información | |||
Etiquetaxe | Incorrecta1 | Satisfactoria | Regular2 |
Garantía | Satisfactoria | Mon contén | Satisfactoria |
Instruccións de uso e mantemento | Satisfactoria | Incompletas | Satisfactoria |
Dimensións e características físicas | |||
Número de ventos | 5 | 4 | 3 |
Tipo de anclaxe cubeta-solo | Plástica | Plástica c | Plástica |
Rematado | Ben | Ben | Moi ben |
Facilidade de uso | |||
Peso (kg) | 4,5 | 3,7 | 3,0 |
Facilidade empaquetado | Moi alta | Media | Alta |
Facilidade de montaxe/desmontaxe | Media-Baixa | Alta | Moi alta |
Habitabilidade | Satisfactoria | Satisfactoria | Insatisfactoria |
Aptitude ao uso e ergonomia | Aceptable | Aceptable | Regular |
Impermeabilidade | |||
Estanquidade da cubeta (L/h) | Moi alta | Alta | Alta |
Resistencia á chuvia | Satisfactoria | Baixa | Satisfactoria |
Resistencia ao desgarro (cubeta) | Moi Baixa | Media | Moi Baixa |
Resistencia á perforación | |||
Dobre teito | Media | Baixa | Media |
Cubeta | Media | Moi alta | Media |
Resistencia das zonas tensadas | |||
Costura dobre teito | Media | Media | Alta |
Ventos | Moi alta | Moi alta | Alta |
Tirante exterior cubeta | Moi alta | Moi alta | Baixa |
Tirante dobre teito-chan | Baixa | Moi alta | Moi Baixa |
Resistencia das cremalleiras | Satisfactoria | Satisfactoria | Satisfactoria |
Resistencia das variñas | Satisfactoria | Satisfactoria | Satisfactoria |
Seguridade | Insatisfactoria | Satisfactoria | Insatisfactoria |
Valoración global | Regular | Regular | Regular |
Marca/Modelo | HIBOU | ANNAPURNA | ARAN-4 |
---|---|---|---|
Fabricante | Campigaz | Fikam Tek | Hosa |
Prezo (pta) | 14.995 | 21.900 | 9.995 |
Control da información | |||
Etiquetaxe | Incorrecta | Regular | Incorrecta |
Garantía | Incorrecta | Mon contén | Mon contén |
Instruccións de uso e mantemento | Incompletas | Satisfactoria | Incompletas |
Dimensións e características físicas | |||
Número de ventos | 3 | 4 | 4 |
Tipo de anclaxe cubeta-solo | Metálica | Metálica | Plástica |
Rematado | Ben | Ben | Ben |
Facilidade de uso | |||
Peso (kg) | 3,5 | 3,5 | 3,6 |
Facilidade empaquetado | Baixa | Alta | Alta |
Facilidade de montaxe/desmontaxe | Alta | Media-Baixa | Alta |
Habitabilidade | Satisfactoria | Insatisfactoria | Insatisfactoria |
Aptitude ao uso e ergonomia | Regular | Aceptable | Mal |
Impermeabilidade | |||
Estanquidade da cubeta (L/h) | Alta | Media | Moi Baixa |
Resistencia á chuvia | Satisfactoria | Satisfactoria | Satisfactoria |
Resistencia al desgarro (cubeta) | Alta | Moi Baixa | Alta |
Resistencia á perforación | |||
Dobre teito | Baixa | Alta | Moi Baixa |
Cubeta | Alta | Media | Media |
Resistencia das zonas tensadas | |||
Costura dobre teito | Media | Media | Baixa |
Ventos | Media | Alta | Baixa |
Tirante exterior cubeta | Moi alta | Baixa | Moi Baixa |
Tirante dobre teito-chan | Moi Baixa | Media | Alta |
Resistencia das cremalleiras | Satisfactoria | Satisfactoria | Satisfactoria |
Resistencia das variñas | Satisfactoria | Satisfactoria | Satisfactoria |
Seguridade | Insatisfactoria | Regular | Regular |
Valoración global | Regular | Regular | Mal |
1 Etiquetaxe incorrecta: non cumpre o establecido na lexislación con respecto á etiquetaxe de productos industriais (de obrigado cumprimento).
2 Etiquetaxe insatisfactoria: cumpre o establecido na lexislación, polo que a súa etiquetaxe é correcta. Pero carece de etiqueta de advertencia contra o lume no interior da tenda (opcional).
Un a un
Unha por unha, as seis tendas de campaña
Tende, de Ferrino
- 24.900 pta, a máis cara.
- O mellor: Certificado de garantía conforme á norma. O maior número de ventos (5). A máis doada de empaquetar. A máis impermeable, pola excelente estanquidade da súa cubeta.
- O peor: O prezo, por excesivo para a súa calidade. Etiquetaxe incorrecta: só unha parte (instruccións de montaxe) figura en castelán. E non inclúe precaucións contra o lume, aínda que se recollen no folleto adxunto.
- A máis pesada: 4,5 quilos. Só caben dúas persoas. Non é doada a operación montaxe-desmontaxe. Escasa resistencia da cubeta á esgazadura. Non cumpre as directrices de seguridade: a resistencia das súas ancoraxes para treboada non é abonda. Baixa resistencia na zona próxima ó tirante que une o dobre teito co chan.
- Cualificación global: Regular.
Explorer DT-180, de Fikam Sport
- 8.995 pta, a máis barata.
- O mellor: O prezo. É a máis segura e a única que respecta tódalas directrices da normativa de seguridade (de non obrigado cumprimento) aplicable ás tendas de campaña. Etiquetaxe correcta.
- Montaxe e desmontaxe doada. Habitabilidade satisfactoria. Estanquidade da cubeta, elevada. Gran resistencia á perforación da cubeta. E tamén á tensión, tanto en ventos e tirante exterior da cubeta coma no tirante que une o dobre teito co chan.
- O peor: Insuficiente resistencia á chuvia. Sen documento de garantía. Instruccións de uso e mantemento incompletas (non figuran instruccións de montaxe, pero é moi sinxela). Escasa resistencia do teito á perforación por un obxecto punzante.
- Cualificación global: Aceptable.
Nevada, de Coleman
- 14.900 pta.
- O mellor: Etiquetaxe correcta. Garantía conforme á norma. Extensas instruccións de uso e mantemento. Moi ben o rematado. Resulta moi doada de montar e desmontar. É a máis lixeira (3 quilos). Satisfactoriamente impermeable.
- O peor: Só tres ventos, mentres que outras teñen catro ou cinco. Carece da advertencia (non obrigatoria) de precaucións fronte ó lume. Habitabilidade insatisfactoria: a súa altura libre é moi escasa (98 cm).
- A cubeta menos resistente á esgazadura. Pouca resistencia en dúas zonas tensadas: as próximas ó tirante exterior da cubeta e ó tirante que une o dobre teito co chan. Non conforme á norma de seguridade (de non obrigado cumprimento), porque a resistencia dos tirantes do dobre teito, esencial polo seu papel de ancoraxe ante as treboadas, é deficiente.
- Cualificación global: Regular.
Hibou, de Campingaz
- 14.995 pta.
- O mellor: Ancoraxes metálicas para uni-la cubeta e o chan. Doada de montar e desmontar. Satisfactoriamente impermeable. Unha das tres con mellor habitabilidade. A mellor resistencia á esgazadura na cubeta.
- O peor: Etiquetaxe e garantía, incorrectas: non recollen os datos mínimos que fixa a lexislación. Instruccións de uso incompletas: non aparecen as de mantemento e reparación, nin recomendacións do lugar axeitado para a acampada.
- Só tres ventos, cando outras teñen catro ou cinco. Empaquetado difícil. Escasa resistencia nunha zona tensada, a próxima ó tirante que une o dobre teito co chan. Non cumpre as directrices da norma de seguridade (de non obrigado cumprimento), porque a resistencia das ancoraxes para treboada é insuficiente.
- Cualificación global: Regular.
Annapurna, de Fikam Tek
- 21.900 pta, a segunda máis cara.
- O mellor: As instruccións de uso e mantemento. Ancoraxes metálicas para uni-la cubeta e o chan. Doada de empaquetar. A máis resistente á perforación.
- O peor: Etiquetaxe insatisfactoria (aínda que correcta segundo a norma), pois non leva no seu interior unha etiqueta con precaucións sobre o lume, aínda que aparecen nun folleto adxunto. Non inclúe garantía.
- É unha das dúas menos doadas de montar e desmontar. Habitabilidade insatisfactoria: o número de ocupantes que indica (tres persoas) non coincide co real (só caben dous). A cubeta, moi pouco resistente á esgazadura. Non cumpre as directrices da norma de seguridade (de non obrigado cumprimento): non ten no interior da tenda unha etiqueta de precaucións contra o lume e o tirador das cremalleiras non é facilmente distinguible.
- Cualificación global: Regular.
Aran-4, de Hosa
- 9.995 pta, a segunda máis barata. A de peor calidade.
- O mellor: O seu prezo. É doada de empaquetar e de montar e desmontar. Boa resistencia á esgazadura da cubeta.
- O peor: Etiquetaxe incorrecta: non inclúe datos obrigatorios. Tampouco incorpora a advertencia de precaucións contra o lume no interior da tenda. Non ten documento de garantía. Instruccións de uso e mantemento, incompletas.
- Habitabilidade insatisfactoria: a capacidade anunciada (catro persoas) non corresponde á real (tres). A estanquidade da cubeta é a menor das seis tendas (pouca impermeabilidade nesa zona). Moi pouca resistencia á perforación no dobre teito.
- A peor en resistencia das zonas tensadas (agás na zona próxima ós tirantes do dobre teito). Non cumpre as directrices de seguridade, aínda que o seu único defecto é que no seu interior non incorpora advertencias fronte ó lume.
- Cualificación global: Mal.