Cómo baixar arquivosCómo baixar arquivos
Non é complicado. A fin de contas, descargar algo resulta tan sinxelo como facer clic co rato sobre un enlace que leve directamente ó elemento escollido. Pero, o amplo abano de ítems ofertados para a súa libre descarga en Internet enche de pequenos matices un acto que debería ser automático. ¿Que se pode descargar? Todo o que admita ser dixitalizado: textos, vídeos, sons ou fotografías, en calquera dos múltiples formatos en que se poden codificar. A maioría dos elementos que se poden descargar están dispoñibles desde páxinas web, e acceder a eles resulta tan sinxelo como facer clic.
A maior parte das ocasións o proceso limítase a indicarlle ó computador ónde debe garda-lo arquivo. Non obstante, este proceso está lonxe de ser perfecto. A conexión pode cortarse cando a penas falten uns minutos e botar por terra varias horas de descarga. Por iso é moi recomendable instalar un programa que xestione as descargas, entre os que Go!zilla é un dos máis coñecidos. A maior virtude destas aplicacións é a súa capacidade de retoma-la descarga desde o punto no que se interrompera, polo que permite traer un documento de gran tamaño en diferentes momentos. Ademais, as descargas pódense programar para que comecen e se deteñan a horas determinadas. Deste xeito, aprovéitanse para este proceso as horas nocturnas, onde as tarifas telefónicas son máis económicas e a Rede está menos saturada.
A descompresión, necesaria
O que se descarga rara vez vén listo para o seu emprego, é preciso descomprimilo. E é que en Internet o ancho de banda vale o seu prezo en ouro. O caudal de información que pode recibir un internauta cada segundo parécese moito máis a un regato en seca ca a unha corga en plena tempada de chuvias. Un exemplo: para transvasa-lo equivalente a un disquete cun modem convencional en condicións ideais son precisos seis minutos e para un CD-ROM farían falta 43 horas. Por iso se procura axustar ó máximo o tamaño dos documentos que imos descargar. Os arquivos comprimidos ocupan menos, pero non se poden usar tal cal, cómpre descomprimilos cunha aplicación axeitada. Se o programa descompresor está instalado no equipo, o proceso resulta tan sinxelo como facer dobre clic sobre o elemento e segui-los pasos que indica a pantalla.
As webs, difíciles de gardar
Gardar unha páxina web na súa totalidade é máis complicado. A diferencia dun documento de Word no que todo se almacena nun único arquivo, unha páxina web ten múltiples elementos distintos que se gardan por separado e que só o programa navegador engarza á hora de amosala. Por iso, á hora de gardar o resultado dista moito do deseño orixinal, xa que se suprimiron as fotografías e outros elementos multimedia. A quinta versión do Explorer si permite gardar unha páxina web con tódolos seus elementos. Para iso só é preciso indicarlle ó equipo que o que se desexa almacenar é unha “páxina web completa”.
Sen embargo, para facerse cun sitio web enteiro deberá instalar un navegador offline. Sitios como Softonic ou Tucows ofrecen varios, pero un dos máis coñecidos é Offline Explorer Pro. O seu labor é facer unha copia no seu disco duro de todo o que atope nunha web. Trátase dunha vía excelente para ler documentos extensos sen ter que aboar permanentemente a conexión telefónica. Pero, non se complique, se o único que desexa é gardar unha fotografía que aparece nunha web faga clic sobre ela co botón dereito (se é un PC) ou manteña o clic (se é Macintosh) e escolla “Gardar imaxe como…”.
Non todo se pode gardar
Un apuntamento importante. Non tódolos documentos que se atopan en Internet se poden descargar ó ordenador, certos vídeos e sons non permiten que o internauta os garde. É o que se coñece como streaming. O documento na súa totalidade non está en ningún momento no disco duro do usuario, senón que se reproduce a medida que se descarga. É o sistema empregado pola maioría de televisións e radios online xa que conseguen así dous obxectivos: a reproducción axilízase porque non se agarda a que todo o contido se transvasr e, ó mesmo tempo, o internauta non accede a unha copia dixital (e polo tanto, doada de duplicar e distribuír) do contido. O que se vai recibindo almacénase de xeito efémero e acaba por borrarse sen que en ningún momento estivese completo no computador.
Para un transvasamento eficaz
Use un programa para xestiona-las descargas. Non resulta complicado aprender a usalos e solucionaranlle moitos crebacabezas. As súas funcións son variadas, pero a principal é que se se corta a conexión á Rede estas aplicacións son capaces de retoma-la descarga do arquivo desde o punto no que quedou.
Sexa prudente. Manteña unha dúbida razoable sobre a orixe de cada documento, xa que é posible que conteñan virus. Lembre que instalar un programa antivirus actualizado é altamente recomendable, pero non é a panacea. Ante páxinas web que non infundan confianza é fundamental ser precavido.
Aprenda a usar un descompresor. A maioría de elementos que traerá estarán comprimidos para que a súa descarga sexa máis rápida. Polo tanto, deberá pasalos por un descompresor antes do seu uso. O máis famoso para PC é WinZip e para Macintosh Stuffit Expander; ámbolos dous son de pagamento pero permiten probalos de xeito gratuíto.
Instale todo o engadido (plugin) que precise. Estes programas xeralmente non ocupan moito espacio e maioritariamente son gratuítos. Serviranlle para ver de maneira correcta tipos de arquivo especiais que o seu ordenador pode non estar preparado para amosar. Cando intente descargar un ítem que os requira a propia páxina web llo advertirá.
Non abuse do correo electrónico. Pode descargar todo o que a súa paciencia lle permita, pero non presupoña que un coñecido quererá estar media hora recibindo o vídeo que vostede lle enviou por correo electrónico. Limite o tamaño máximo dos arquivos que se envían dentro dos correos electrónicos (arquivos adxuntos) a un megabyte (as dúas terceiras partes dun disquete).
Winzip
www.winzip.com
É o programa máis coñecido para comprimir e descomprimir arquivos nos PCs. Foi unha das primeiras aplicacións que simplificou a noutrora maneira de comprimi-los documentos. A versión de avaliación é gratuíta, e no caso de non pagar polo seu uso amosa cada vez que se utiliza unha lenda lembrando cómo adquirilo.
Go!zilla
www.gozilla.com
Esta aplicación con nome de criatura mitolóxica nipona simplifica e resolve moitos dos problemas que comporta a descarga de arquivos. Non só é capaz de retomar unha descarga polo punto no que se interrompeu, senón que busca servidores alternativos máis veloces para espremer ó máximo a conexión propia. Pódese programar para que comece a descarga cando desexemos e de seguido apague o ordenador.
Softonic
www.softonic.com
Páxina web que recompila centos de programas de uso gratuíto, aínda que en moitos casos para facerse coa versión completa haxa que aboa-lo seu prezo. Inclúe moitas aplicacións coas utilidades máis diversas catalogadas tematicamente.
Adobe
www.adobe.com
PDF é un formato de arquivo que respecta o deseño e a aparencia do documento (o que en ningún caso fan as páxinas web convencionais). Pero, para amosalo na pantalla é preciso un programa gratuíto de Adobe, o Acrobat Reader, un dos engadidos (plugin) que os especialistas consideran imprescindibles nos ordenadores.