Todo sobre os albergues, en Internet e a data de hoxe
O usuario atopará nesta nova edición, dispoñible só en Internet (www.consumer-revista.com/caminodesantiago) xunto con tódolos datos revisados e actualizados, fotografías exclusivas de cada albergue e da maioría das localidades que percorre o Camiño. Introducíronse tamén outras novidades. Amais dalgunhas melloras de deseño e navegación na web, o internauta dispón de tódalas informacións, ordenadas por etapas, en formato PDF, polo que pode imprimilas e levalas ó Camiño para consultalas in situ. E ábrese outra nova opción: ó lado da información sobre cada albergue ábrese un enlace desde onde se accede a un apartado no que o camiñante expresa a súa opinión sobre o albergue ou a etapa, completando así os datos de CONSUMER. Ademais, poderá consulta-la opinión dos outros usuarios desta web.
Cómo están hoxe os albergues
Nesta segunda análise, os albergues depararon unha mellor impresión ca na primeira (que tamén foi satisfactoria), de xullo de 1999, xa que melloraron tanto na conservación coma na limpeza. Desapareceu un albergue: o municipal de Calzadilla de la Cueza. E os de Boadilla del Camino Municipal (Palencia) e o Seminario Menor de Belvís, de Santiago, están pechados por obras ata o verán do 2002. Pola súa banda, os antigos albergues de Itero de la Vega, Boadilla del Camino -privado- e Frómista (Palencia), Ponferrada e Cacabelos (León) foron substituídos por outros novos. Tamén foron creados novos albergues: Santiago Apóstolo en Puente La Reina (Navarra), Villalvilla e Castrojeriz (ámbolos dous en Burgos) e Riego de Ambrós e Laguna de Castilla, en León.
Baratos e acolledores
En total son 101 os albergues ó longo do Camiño. O habitual é que sexan antigas casonas parroquiais ou municipais acondicionadas para ofreceren cama e servicios por unha noite. Ata chegar a Galicia, onde toda a rede está xestionada pola Consellería de Turismo, a maioría son propiedade dos concellos e, en menor medida, das parroquias ou congregacións relixiosas. Hainos que son responsabilidade da Asociación de Amigos do Camiño da provincia (como o de Logroño ou o do Cebreiro), e mesmo particulares, como o de Uterga (Navarra) ou o da familia Jato en Vilafranca do Bierzo.
O número de prazas conxunto de tódolos albergues do Camiño Francés supera a cifra de 6.000, pero, non sendo no caso do Monte do Gozo, onde se poden aloxar 500 peregrinos (800 en ano Xacobeo), o común é que cada un dispoña de entre 30 e 50 prazas distribuídas en salas diáfanas. Agás no Ganso, Leborerio, Villalvilla e Manjarín, en todos hai auga quente nas duchas e un número de inodoros proporcional ó de prazas. Cada un presenta as súas particularidades, como o Albergue Isaac Santiago de los Arcos (Navarra), que ofrece o servicio vespertino de masaxista, ou o de San Estevo, en Castrojeriz (Burgos), con enerxía solar.
` Nun de cada dous, o prezo do aloxamento é a vontade do camiñante, aínda que rexe a obriga moral de deixar unhas moedas no peto do albergue. Son moi poucos os que superan as 1.000 pesetas por noite (o coruñés de Santa Irene, por 1.500 pesetas, ofrece sabas, toallas e cobertores. En Torres del Río (Navarra), Lédigos, o Mosteiro de Santa Clara, en Carrión de los Condes, e Terradillos de los Templarios (ámbolos dous, en Palencia) sae a 1.000 pesetas, pero na maioría deles o peregrino paga 300 pesetas por noite (en toda A Rioxa) ou 500 pesetas; este último é o prezo máis habitual no 2001.
A maioría, abertos todo o ano
A maior afluencia de peregrinos prodúcese entre xuño e setembro, cando os 101 aloxamentos están abertos. Pero milleiros de persoas percorren o Camiño en outono e inverno. Agás Pamplona, tódalas cidades manteñen abertos os seus albergues durante todo o ano. En Navarra (ó longo de 155 quilómetros de Camiño distribúense 14 albergues), limitan o seu servicio á tempada estival o de Pamplona, un dos de Cizur Menor, o de Santiago Apóstolo de Puente La Reina e o de Los Arcos. Nos 57 quilómetros da Rioxa, os 6 albergues aceptan peregrinos tódolos días do ano. Acontece o mesmo nos 16 albergues de Burgos (que ten 109 quilómetros) coa excepción de Arroyo de San Bol, que só abre no verán. Outro tanto acontece cos 11 de Palencia, e aquí a excepción constitúea o de Frómista. León é a que máis albergues ofrece (31) e tamén a que máis quilómetros (220) percorre. Pechan en inverno o de Sahagún (aínda que abren unha casa), Rabanal, Riego de Ambrós, Cacabelos, Vilafranca do Bierzo (o municipal) e Pereje. E ó longo dos 150 quilómetros que se percorren por terras galegas, tódolos albergues -os 15 de Lugo e os 10 da Coruña- está dispoñibles os 365 días do ano. Os horarios axústanse ós dos camiñantes, xa que estes xeralmente comezan a chegar ás 4 da tarde e parten antes das 9 da mañá. Non resulta difícil atopa-las portas dos albergues abertas a calquera hora, ou polo menos indícase a maneira de contactar co hospitaleiro. Nalgunhas localidades final de etapa, no verán habilítanse polideportivos, e mesmo campas nas que se colocan colchóns e tendas de campaña, respectivamente. É o caso de Los arcos, Pamplona, Vilafranca de Montes de Oca, Boadilla del Camino, León, Astorga, Molinaseca e Vilafranca do Bierzo.
Desde o básico ata lavadora e secadora
Agás excepcións, en tódolos albergues o peregrino atopa auga quente e duchas, pero os servicios foron mellorando e o peregrino atopa ademais unha agradable e eficaz hospitalidade, diferencias notables dun a outro. Así, o lavadoiro para limpar botas e roupa non falta en ningún albergue, ó igual ca un teléfono público. E raras son as veces nas que non hai no albergue cobertura para o teléfono móbil ou enchufes para recarga-la súa batería; cociña, mesa para comer e unha sala de descanso tamén son comúns, igual ca boticas de primeiros auxilios. Son menos frecuentes lavadoras e frigoríficos, ou máquinas de refrescos e café. Algúns albergues contan con máquina secadora para a bogada (Azofra, León e Astorga) ou microondas, como en Alto do Pino, da Coruña. É moi raro atopar toallas e xabón, aínda que en ocasións se ofrecen previo pagamento de 200 pesetas.
Servicios para o peregrino
Conforme maior é a localidade na que se atopa o albergue, máis servicios lle ofrece ó peregrino, pero algo equipara a tódalas cidades do Camiño: un bar aberto ó público e un ultramarinos no que mercar pan e conservas. As carnicerías e o caixeiro automático son propios de localidades de máis de 1.000 habitantes, e igual acontece coas farmacias e o servicio médico (en aldeas máis pequenas hai médico un día á semana). Internet tamén comezou a facerse un sitio no Camiño, e non só nas capitais: pódese enviar un correo electrónico desde os albergues de Reliegos, Sarria, Melide, Sahagún, Boadilla del Camino e Puente e Hospital de Órbigo.
Impresións peregrinas
Quizais o que máis chama a atención de todo o que bule arredor do Camiño de Santiago é que en pleno século XXI xurda esta moda que axunta o espiritual coas vacacións. Hoxe o Camiño rexistra un apoxeo que aumenta co pulo dos anos xacobeos (cando o día de Santiago, o 25 de xullo, cae en domingo, o vindeiro será no 2004) e que as diversas administracións públicas non desaproveitan para expandiren os encantos turísticos de cadansúa terra. Por exemplo, a Xunta de Castela e León ten previsto un investimento de 18.000 millóns de pesetas para arranxa-la ruta ó seu paso por esta comunidade autónoma.
¿Cando viaxar?
Os auténticos peregrinos antepoñen a experiencia do Camiño a calquera elemento cotián: traballo, estudios, familia, etc. e bótanse ós páramos leoneses na procura de un mesmo e quizais mesmo do propio sentido da vida. Sen embargo, a maioría dispoñemos duns días de vacacións e debemos afronta-la experiencia en datas moi determinadas. No verán, o Camiño vese ateigado de xente, en boa parte turistas, que busca no Camiño unhas vacacións distintas, baratas e coa ración xusta de espiritualidade para afrontar no outono as doses habituais de transporte público, correo electrónico, escola dos nenos, fútbol, telexornais e clases de aeróbic. Tamén durante a época estival son moitos os mozos que aproveitan o Camiño para efectuaren a súa primeira escapada co beneplácito dos seus pais. Esta aglomeración de verán irrita ós verdadeiros peregrinos e esgota ós hospitaleiros, que non dan abasto e ven con incredulidade cómo o Camiño se converteu nunha carreira por etapas en procura dun colchón altruísta que soporte con estoicismo un turista tras outro. Polo tanto, quen ten pensado face-lo Camiño no verán debe sabe-lo que lle agarda. As mellores épocas para percorre-la Ruta Xacobea son finais de abril e comezos de maio, a partir da terceira semana de setembro e todo outubro. A maioría das persoas que se atopan nestas datas polas vereas e nos albergues participan do verdadeiro sentido do Camiño; ademais a climatoloxía é idónea para longas cabalgadas polas terras de campos e as carballeiras galegas.
Os hospitaleiros
A hospitalidade é unha constante do Camiño, algo que de verdade agradece o peregrino, e un dos seus sinais de identidade desde tempo inmemorial. A maioría dos hospitaleiros que atenden os albergues e refuxios ó longo da Ruta Xacobea son voluntarios que abandonan durante un tempo as súas tarefas cotiás e acoden ós fitos do Camiño para atenderen os corpos cansos e as bochas nos pés. Moitos deles son estranxeiros (franceses, belgas, holandeses, ingleses, brasileiros, etc.) de diferentes Asociacións de Amigos do Camiño e Confraternizacións que non dubidan en compartiren o seu tempo libre nesas tarefas hospitalarias, o albergue Gaucelmo en Rabanal del Camino representaríaos a todos. Outros son mitos autóctonos que loitaron pola rexeneración do Camiño e fixeron do albergue o seu xeito de vida, Jato en Vilafranca do Bierzo ou Resti en Castrojeriz son o exemplo perfecto de interrelación entre o peregrino e o hospitaleiro. As ordes relixiosas que desenvolven o seu labor con caridade cristiá merecen o agradecemento e recoñecemento dos peregrinos: os Pais Reparadores de Puente La Reina ou as monxas Benedictinas de León poden representar (sería prolixo citar a todos) ó resto de hospitaleiros de ordes relixiosas.
Para rematar, están os hospitaleiros que aínda que perciben un soldo lle dan un toque de profesionalidade ó seu labor que sempre vén ben. Aquí englobaríanse tódolos hospitaleiros que administran os Albergues da Xunta de Galicia.
Peregrinos
Os peregrinos son a esencia do Camiño. Hainos de tódalas procedencias e de tódolos lugares do mundo. Xente perdida no seu labirinto vital, persoas ante un reto semideportivo, mozos en procura de novas experiencias, yuppies que rompen coa vertixe da M-30 e das Torres Picasso, estudiosos do románico e do gótico, ascetas iluminados por Deus, seguidores do Apóstolo Santiago, pícaros en procura dunha cama gratis e brasileiros cun libro de Paolo Coelho baixo o brazo, todos fan do Camiño durante uns días unha maneira de vivir. A todos eles únense os viaxeiros turistas ós que lles resulta difícil desconecta-lo móbil e que piden con insistencia no albergue un lugar para veren a final do Trofeo Carranza de fútbol.
Paisaxes
O peregrino xeralmente parte de Roncesvalles en pleno Pirineo para atravesar alternando bosques de faias e carballeiras con verdes landas onde pace a ovella latxa ata chegar a Pamplona. Nos arredores da capital navarra albíscanse as primeiras leiras de cereais que pasarán do verde ó amarelo restrebeiro e que serán unha constante ata chegar a Galicia. Na Rioxa o viñedo ranquea dándolle cor e sabor á ruta a ritmo de xota. Por Burgos e Palencia coa súa Terra de Campos o peregrino navega polo mar de cereal zarrapicado de chopos ribeiráns, mentres o sol se pon no distante horizonte mesetario. En León o páramo arrieiro deixa paso no Bierzo a hortas e viñas cos montes galaico-astures ó fondo. Galicia é o inicio do tobogán final: o derradeiro grande esforzo no Cebreiro arrodeado de castiñeiros para discorrer por vereas entre aldeas con mulleres de negro e paraugas pendurados no lombo, onde rumian as deostadas vacas que ollan impasibles ó peregrino tolo baixo o orballo.
Pedras con historia
O Camiño de Santiago forxouse ó longo dos séculos coa xente que ía e quedaba en medio de vilas e cidades. Toda a ruta é un museo arquitectónico e antropolóxico que nos explica as maneiras de vivir no último milenio. A Colexiata de Roncesvalles coa súa igrexa gótica sela a Compostela que inicia o Camiño. De seguido o peregrino atoparase coa ermida románica da Trindade de Arre, a ponte de Puente La Reina, o claustro de San Pedro de Rúa en Estella, a igrexa do Santo Sepulcro en Torres del Río, a concatedral da Redonda en Logroño, Santa María la Real de Nájera, a catedral en honor de Santo Domingo de la Calzada (auténtico impulsor do Camiño), a Virxe Peregrina en Leiva, o milagre da Luz en San Juan de Ortega, a espectacular catedral de Burgos, a Colexiata da Virxe da Maceira en Castrojeriz, a igrexa de San Martiño en Frómista (un dos mellores exemplos do románico español), a tremenda igrexa-fortaleza templaria de Santa María de la Blanca en Villasirga, a extraordinaria imaxe do Pantocrátor en Carrión de los Condes, os pombais de Lédigos, a igrexa románico-mudéxar de San Tirso en Sahagún, a espectacular catedral de León (as vidreiras con sol convértense en mosaicos de cor), a ponte con 19 ollos entre Puente e Hospital de Órbigo, o Palacio Episcopal de Gaudí en Astorga, a vila maragata de Castrillo de los Polvazares, a Calle Real de El Acebo, as casas de lousa de Molinaseca, o Castelo dos Templarios de Ponferrada, o prerrománico templo de Santa María a Rela no Cebreiro, o rico conxunto arquitectónico do Mosteiro de Samos (símbolo cultural de Galicia) coa súa fachada neoclásica, o encoro do Miño en Portomarín, os pazos de Palas de Rei, o cruceiro de Melide (o máis antigo de Galicia) e para rematar a devecida e impresionante Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela coa súa fermosa e histórica catedral onde nos agardan o Botafumeiro e o Apóstolo.
Degustar
O peregrino nútrese de alimentos básicos (pan, leite, embutido, ensaladas, pastas, auga, etc.) pero o Camiño tamén pode ser un lugar onde degustar unhas boas viandas locais aderezadas de interesantes conversas. A chistorra e o alloarrieiro navarro, o viño e as patacas con chourizo rioxanas, o pan e o cordeiro asado burgalés, a sopa castelá e os pombiños palentinos, o cocido maragato, as manteigadas de Astorga, os embutidos de Molinaseca, os pementos do Bierzo, o lacón con grelos galego, o polbo á feira de Melide, o albariño e as centolas en Santiago… poden ser un exemplo do máis representativo da faceta gastronómica do Camiño.
Se se comeza a camiñar pola mañá, é fundamental dedicarlle tempo abondo, como mínimo 20 minutos, a tomar un almorzo completo que inclúa lácteos, cereais (flocos de millo, pan, torradas, pan de molde…), froita ou zume e complementos (manteiga ou margarina, queixo, friames, marmelada, mel, azucre…).
Se a marcha se vai realizar á tarde, cómpre tomar un xantar sinxelo e sen demasiadas graxas dúas horas antes de comezar. Por exemplo: un prato de pasta, arroz ou verdura con pataca, carne ou peixe (cociñados de maneira sinxela, sen moita graxa) con gornición de verdura ou ensalada. A comida debe ir acompañada de pan e unha froita ou algún lácteo lixeiro de sobremesa. No caso de optar por comer un bocadillo, é preferible que sexa de tortilla de patacas, acompañado de froita e/ou zume e batido ou infusión azucrada, xa que deste xeito aseguramos unha boa achega de hidratos de carbono, o mellor antídoto contra o desfalecemento.
Como o desenvolvemento de cada etapa dura varias horas, cómpre que cada 60 ou 90 minutos fagamos un breve descanso para beber e inxerir algo sólido que conteña hidratos de carbono, o que nos permitirá manter mellor o ritmo de exercicio, e sobre todo por dúas razóns fundamentais: evita-lo desfalecemento e a deshidratación.
Durante o exercicio continuado, a auga é tan importante coma os hidratos de carbono, sobre todo en días de moita calor e humidade. É un erro relativamente xeneralizado non beber auga nin antes nin durante a camiñada, así como agardar a ter sede ou fame para comezar a beber auga e tomar alimentos.
A sede aparece despois de que o corpo comece a deshidratarse. Polo tanto, cómpre beber auga regularmente, dependendo da calor e da humidade, antes de que comece a sensación de sede. Para saber se se están tomando líquidos abondos, basta con observa-lo aspecto dos ouriños. Unha cor amarela pálida indica hidratación axeitada, mentres que, miccións frecuentes, en pequena cantidade e dunha cor amarela dourada ou intensa e cheiro forte é indicativo de que non se cobren os requirimentos de líquidos. A deshidratación pode chegar a provocar unha sensación de mareo, náuseas e mesmo vómitos e diarreas.
Se o exercicio se prolonga durante horas, aconséllase tomar tres vasos de auga 1 ou 2 horas antes de inicia-la actividade, dous vasos 15 minutos antes e bebe-la cantidade de líquido equivalente a un vaso, cada 40 minutos aproximadamente, durante o desenvolvemento da etapa. É recomendable que a bebida se manteña fresca, e para iso o peregrino debe levar unha cantimplora axeitada.
Resulta tamén fundamental a rehidratación unha vez concluído o esforzo físico do día, incluíndo auga e hidratos de carbono; e se a transpiración (suor) foi importante será preciso, amais de hidratar, repoñe-los electrólitos perdidos.