Seguridade na casa

Dificultar ó máximo as visitas dos cacos, o obxectivo

1 Xuño de 2001

Dificultar ó máximo as visitas dos cacos, o obxectivo

A suba das temperaturas e a chegada das vacacións motiva que nos ausentemos máis a miúdo dos nosos fogares e durante períodos de tempo máis prolongados có habitual. Eses momentos convértense en ocasións de ouro para saquea-la nosa casa, polo que convén tomar medidas encamiñadas a previr e dificulta-las visitas dos cacos. É importante indicar que os roubos nas vivendas non só se producen cando estamos de vacacións; a volta á casa tras pasa-la tarde nunha terraza tamén nos pode deparar sorpresas desagradables. Por iso, cómpre extrema-las precaucións tanto se partimos de vacacións como se pensamos regresar á casa nun breve lapso de tempo.

Máis vale previr…

  • Préstelle atención ó portal da súa casa. Non lle facilite a entrada ós descoñecidos.
  • Non faga ostentación de riqueza. Evite darlles motivos ós ladróns para pensar que a súa casa é un bo obxectivo.
  • Teña coidado ó contrata-lo servicio doméstico. Pida referencias e observe o seu comportamento durante os primeiros días.
  • Aínda que viva só, poña máis dun nome na tarxeta da caixa do correo.
  • Peche as ventás sempre que saia da casa, aínda que só se ausente media hora.
  • Se vive nun piso baixo, coloque reixas nas ventás que dean á rúa ou a edificios contiguos. Deben ser resistentes e cunha separación inferior ós 12 centímetros entre cada barrote. Se habita unha vivenda unifamiliar, tome estas medidas en tódolos ocos (ventiladeiros, etc.).
  • Non poña nas súas chaves ningún dato, e preste atención cando faga duplicados.
  • Cambie a pechadura nos seguintes casos: ó instalarse nunha vivenda nova, ó habitar unha casa alugada anteriormente, se reformou a súa casa e algún traballador tivo acceso ás chaves e sempre que perda as chaves.
  • Instale unha mira panorámica que lle permita ver por enteiro a persoa que peta na súa porta.
  • Se a porta da súa casa é blindada, comprobe que as patillas de suxeición do marco da parede están ben fixadas. Se non o é, debe ter cando menos dous puntos de peche, non debe existir un oco entre a porta e o chan, e a zona das bisagras debe estar reforzada con pivotes de aceiro e ángulos metálicos.

Medidas

  • Non comente en público que vai saír de vacacións.
  • Non deixe evidencias de que a casa está baleira. Encárguelle a un veciño que recolla a correspondencia da caixa do correo. Facilítelle un teléfono de contacto onde poder localizalo se acontece algo.
  • Comprobe que tódalas posibles entradas da súa casa quedan pechadas, incluíndo as ventás que dan a patios.
  • Non agache xogos de chaves en lugares improvisados, nin notas indicando cándo volverá.
  • Instale un temporizador que acenda e apague a luz ou a radio en diferentes horarios, simulando que hai xente na casa.
  • Utilice o desvío de chamadas. Se alguén chama por teléfono para confirmar que non hai ninguén na casa, sempre contestará alguén.
  • Sexa solidario e avise á policía se percibe algo estraño na casa dun veciño.
  • Marque os seus obxectos de valor co fin de poder recoñecelos se llos rouban. Anote a súa marca, modelo e número de serie ou de fabricación, e fotográfeos. Garde na caixa de seguridade dalgún banco o diñeiro e os obxectos de valor máis pequenos (xoias).
  • Se contrata algún sistema de seguridade conectado a unha central de alarmas, asegúrese de que a compañía está inscrita no Rexistro de Empresas da Dirección Xeral da Policía.
  • Saiba que existen sancións legais ante falsas alarmas que ocasionen desprazamentos innecesarios das forzas da orde, e que do pagamento das mesmas se deben facer cargo as persoas que teñan instalado o sistema de seguridade.
Sistemas de seguridade
  • Alarmas sinxelas. Sistema acústico que ten como obxectivo disuadi-los posibles ladróns. Sen conexión externa. Inconvenientes: limítanse a soar e pódense neutralizar facilmente, porque están á vista.
  • Detectores volumétricos. Captan o movemento de calquera corpo ou obxecto no campo de actuación determinado pola lonxitude de onda. Inconvenientes: dispáranse a miúdo e provocan falsas alarmas.
  • Detectores por infravermellos. Analizan as variacións térmicas que se producen no seu radio de acción. Ó intruso delátano os 37 graos do seu corpo. Os máis modernos incorporan nun só aparello detectores volumétricos e infravermellos.
  • Detectores por ultrasóns. Detectan ruídos estraños, como roturas de cristais e semellantes, polo que xeralmente se colocan nas ventás. Inconvenientes: fallan moito, e saltan por ruídos como a chorada dun neno.
  • Contactos magnéticos. Para portas e ventás. Son placas imantadas que crean un campo magnético que fai salta-la alarma cando alguén trata de abri-la ventá. Inconvenientes: só resultan efectivos se é imposible interpoñer algo entre as dúas partes.