A calidade das augas de interior, materia pendente
Ó longo de toda a xeografía, non só no litoral, sucédense lugares naturais de baño onde a calidade das augas, area e contorno están cada vez máis ameazados pola actividade humana. Sen embargo, ó tempo que a degradación ambiental aumenta, multiplícase a preocupación pola salubridade das augas, e institucións de tódolos ámbitos, desde a Comisión Europea, o Ministerio de Sanidade, os gobernos autonómicos e concellos, implícanse no desenvolvemento de programas de vixilancia sanitaria das augas e da area, ou o contorno vexetal no caso dos ríos e lagos. Trátase de observa-los parámetros mínimos marcados pola Directiva Europea de 1976 que converte unha zona de baño en apta ou non apta en función da saúde da auga. A este requisito, engádese o termo calidade en función do estado da area, o coidado do medio e o servicio ó usuario.
Cada ano, a Dirección Xeral de Saúde Pública e Consumo remítelle á Comisión Europea un informe sobre a calidade das augas de baño que permite cualifica-la situación hidrográfica neste aspecto, e pola súa banda, os concellos están obrigados a informaren periodicamente sobre a aptitude das augas das zonas de baño.
Recollida periódica de mostras
O noso país conta con 2.800 praias censadas como tal e centos de zonas de baño continentais ó redor de ríos, esteiros e humedais. Aínda que o Ministerio de Sanidade e Consumo é responsable do sistema de información sobre a calidade sanitaria das praias doce ou salgadas, cada comunidade autónoma desenvolve o seu propio programa para facilitar e recompila-los datos referentes ó control destas zonas. Durante a tempada de baño recóllense mostras de auga en ríos, esteiros e humedais cando menos cada 15 días, especialmente nos lugares con densidade de bañistas máis elevada. Ás corporacións locais estalles encomendada a tarefa de velar polo coidado da calidade das súas praias, costas e contornos e de mantelas nas debidas condicións de limpeza e salubridade. Ademais, encárganse de indicar publicamente cál é o estado das augas: apto ou non apto para o baño.
Calidade precisa para bañarse
Os criterios mínimos de calidade que se lle esixen á auga de baño refírense á existencia ou non de substancias contaminantes de carácter microbiolóxico e físico-químico. Estes criterios establecen dous parámetros para determina-la calidade da auga: o valor guía e o valor imperativo. Se os niveis de contaminación están por baixo do valor guía, a calidade da auga considérase moi boa e apta para o baño, xa que contén escasas ou nulas substancias contaminantes. Se os niveis superan o valor imperativo, que é o máximo permitido, a Dirección Xeral de Saúde Pública determina que a zona non é apta para o baño porque contén substancias fecais, alcatrán, plásticos e/ou madeiras, elementos que supoñen unha agresión ó usuario. Para estableceren as clasificacións, os técnicos recollen periodicamente durante a tempada estival mostras de auga que son analizadas en laboratorios de Saúde Pública.
Os concellos, obrigados a informar
Os municipios con praias, ríos, pantanos ou piscinas fluviais están obrigados a informarlles ós usuarios da aptitude das augas de baño. Para iso, débense cumprimenta-los requisitos que determinarán a cualificación sanitaria da auga durante a tempada de baño. Débense controla-los parámetros obrigatorios (valor guía e valor imperativo) pero tamén a cor, a presencia de aceites minerais, substancias tensioactivas, alcatráns e a transparencia das augas. Se o nivel detectado está por baixo do valor guía (100 unidades por cen mililitros de coliformes fecais), a cualificación da zona é de “moi apta” e calidade “moi boa”. No caso de estar entre o valor guía e o imperativo (2.000 unidades por cen mililitros), a praia é “apta” e de calidade boa. Só no caso de que os niveis estean por riba do valor imperativo se cualificará como “non apta”.
Que indica a bandeira azul nas praias?
As bandeiras azuis apareceron por primeira vez en 1985 nas praias de Francia, para sinalar lugares da costa que non só dispuñan dunhas augas salubres excelentes, senón que eran zonas nas que se respectaba o ambiente. Hoxe esta icona ondea en centos de puntos da costa de 21 países europeos. A idea foi recollida pola Fundación Europea de Educación Ambiental (FEEE) e desenvolvida a nivel internacional en 1987, Ano Europeo do Ambiente. Desde aquela, esta organización de carácter privado pero apoiada pola Comisión Europea concede a principios de xuño as bandeiras azuis atendendo á solicitude que realizan as autoridades locais interesadas en obteren a insignia. Aínda que polo de agora só Bélxica incluíu a bandeira tamén en zonas de baño interiores, prevese que en poucos anos a medida alcance a toda Europa.
Nas praias, a bandeira azul confirma a calidade da auga excelente, da zona costeira, a seguridade dos seus servicios e instalacións, así como a educación ambiental proporcionada polos municipios afectados. Valórase que non haxa verteduras industriais ou refugallos urbanos que afecten á calidade da auga, a colocación de suficientes papeleiras e colectores do lixo, así como a existencia de normas que impidan, por exemplo, a organización de carreiras de automóbiles ou acampadas ilegais durante a época de baño. A bandeira azul ofrécelles ós usuarios a seguridade de que a praia seleccionada é óptima para o baño, que as súas augas están limpas e son analizadas con regularidade, que existe un sistema de recollida do lixo e limpeza da area, que hai persoal de vixilancia e socorrismo, que conta con auga potable, accesos doados e seguros para persoas con escasa mobilidade, duchas e servicios, e sinalizacións axeitadas.
No ano 2000 dun total de 700 candidaturas presentadas e unha vez efectuados os controis pola ADEAC (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor) e revisados polo Xurado obtiveron en España a bandeira azul un total de 364 praias. Por comunidades autónomas, Cataluña estivo á cabeza con 82, seguida da Comunidade Valenciana con 81, Andalucía con 50, Baleares con 46 e Galicia con 44. Con menos distincións quedaron Canarias con 23, Murcia con 14, Cantabria con 11, o País Vasco con 9 e Asturias con 4.
Bandeiras negras e verdes
Grupos ecoloxistas comezaron a popularizar tamén o estandarte da bandeira, pero cambiándoa de cor. Empregan o negro e o verde para chama-la atención do usuario, indicando que a calidade das praias non só está en función das súas augas. Para eles, igual de importante é todo o desenvolvemento ecolóxico que as conforma, e o seu propósito é solicitar medidas ambientais que emenden e corrixan os niveis de contaminación e degradación que seguen aturando as costas. Entenden que as agresións urbanísticas e a limpeza das praias son outros parámetros que cómpre ter en conta, xa que se ben o bo estado das augas é unha esixencia ineludible, a saúde ambiental da costa é un dos compromisos de “desenvolvemento sostible” emanados do Cumio da Terra de Río de Xaneiro.
O Informe da Comisión Europea emitido en maio do 2001 que analiza a calidade que as augas de baño presentaron no ano 2000, determinou que o 98,1% das augas costeiras españolas presentan unha “calidade aceptable” para o baño, un 0,4% máis có ano pasado. Ademais, de entre elas, o 88,7% acadan o valor de augas de boa calidade. Sen embargo, a Comisión solicitoulle ó Tribunal Europeo de Xustiza unha multa diaria de 7,6 millóns de pesetas para España por non respecta-la normativa comunitaria en materia de calidade de augas interiores de baño. A multa non será esixible ata que o recurso aprobado por Bruxelas obteña sentencia na Corte, algo que non acontecerá antes de 18 meses, polo que as autoridades españolas dispoñen de pouco tempo para trataren de paliar no posible esta situación e evita-la multa. A Comisión incidiu en que os resultados das augas interiores son mediocres e que cada vez son menos os tramos de ríos e lagos que poden ser considerados como zonas de baño (no ano 2000, 14 puntos de baño interior desapareceron como tales, aínda que se sumaron 5 novos). Das 202 zonas de baño continental analizadas, o 79,2% presentaron unha calidade aceptable, pero só o 31,2% acadaron a definición de boa calidade.