Os detalles marcan as prestacións
O habitual é que a propia comunidade de veciños atenda a necesidade de contratar unha póliza que garanta o amaño de avarías nas zonas comúns das fincas. Trátase de seguros que asumen o risco de incendios, escapes de auga, rotura de portas e ventás, e roubo, é dicir, todo o que afecta ou deriva de desperfectos no chamado continente dunha casa. Na xerga aseguradora coñécense como seguros de comunidade. Pero estas pólizas non cobren o contido da casa (mobiliario…), e asociacións de consumidores e aseguradoras coinciden en sinalaren que paga a pena complementa-la póliza básica cun seguro para cubrir escapes de auga non incluídos na póliza da comunidade, desperfectos do mobiliario… Suxeitarse ó seguro mancomunado, unha obriga estatutaria na maioría das comunidades de veciños, supón ó ano ó redor de 12.000 pesetas ás que se fai fronte nos recibos da comunidade.
Pero o custo dun seguro particular, tamén coñecido como seguro multirrisco, é moi relativo e dependerá dos metros cadrados da vivenda e do mobiliario, aínda que sobre todo se calcula en función dunha variable: en cánto declara o asegurado o valor do contido. Deste xeito, se o propietario determina que o importe das posesións do seu fogar (quitando as xoias pero incluíndo librerías, cociña e electrodomésticos, mobiliario, roupa e obxectos de diversa índole) ascende ós 3.000.000 de pesetas, asegurarse de que en caso de perda lle será reposto supón arredor de 12.000 pesetas ó ano (entre 3.000 e 4.000 pesetas por millón).
Continente e contido, moi diferentes
Ó contratar un seguro multirrisco particular é preciso que o tomador se informe sobre a cobertura do seu seguro de comunidade. Por citarmos un exemplo, non tódolos escapes de auga se inclúen no seguro mancomunado: moitas aseguradoras distinguen se o entubado causante dunha filtración de auga é comunitario ou privado, polo que cómpre informarse sobre qué cobre o seguro da comunidade e asegura-los sinistros que quedan excluídos. Neste caso o tomador opina a miúdo que taxan a súa vivenda moi por baixo do seu valor no mercado, debido a que non se estiman criterios como a situación da casa nunha rúa céntrica, as circunstancias do mercado inmobiliario cando se adquiriu a vivenda ou variables que lle confiren ó piso determinado prezo. Abóanse arredor das 850 pesetas por millón ó ano e hai que asumir que, independentemente de cánto custou, o seu valor de reconstrucción será moito menor, e ese dato obxectivo é o que contemplan as compañías. Pola contra, á hora de asegura-lo contido da vivenda entra en xogo a subxectividade do tomador para estima-lo valor total das pertenzas da súa casa. Córrese o risco de calcular polo baixo, o que se coñece como infraseguros. Pero hai que ter presente que canto menor sexa o valor no que se taxou o contido dunha vivenda (o que abaratará o seguro), menor será a cantidade que se lle poderá reclamar á aseguradora no caso de sinistro. Se volver colocar unha cociña que se queimou supón 800.000 pesetas, pero todo o valor da casa se cuantificou en 3 millóns de pesetas e a cobertura alcanzaba o 50%, só se recibirá a parte proporcional da reparación, é dicir, 400.000 pesetas. De tódolos xeitos, ás veces a taxación á baixa non se realiza de mala fe ou só difire en 25% do valor real, e son moitas as compañías que aplican compensación de capitais e se achegan ó total do gasto.
Coidado coa auga
Os desperfectos dos que máis a miúdo os asegurados descoidan a súa cobertura son os referidos á seguridade do continente ou vivenda, é dicir, os sinistros acontecidos en elementos comúns como portas, ventás e mesmo os roubos a través destes elementos. Por iso, é interesante prestarlle atención a esta cuestión ó contratar un seguro multirrisco para o fogar. Os incidentes máis habituais son os ocasionados por escapes de auga, que acaban xerando multitude de casuística. Polo xeral, bastará con contactar coa entidade aseguradora, que se ocupará de peritar e xestiona-los amaños. Pero pode acontecer que o pintor se limite a cumprir literalmente a cláusula que indica que hai que borra-la mancha causada pola auga, co que o teito da habitación terá dúas pinturas diferentes. para evitar estas situacións creouse a figura do amaño do dano estético, que obriga a corrixir toda a cor do teito, ou a que se cambien tódolos azulexos do cuarto de baño se os antes colocados xa non se atopan no mercado. Esta figura inclúese por norma nos seguros estándares actuais, pero non nos contratados hai anos. Recoméndase revisar este detalle nas pólizas máis antigas co fin de engadi-la cobertura, a penas perceptible na factura familiar, pero que resolve máis dun desgusto.
Coberturas infrautilizadas
Tanto os seguros multirrisco coma os da comunidade de veciños conteñen coberturas infrautilizadas polos usuarios, a miúdo por simple descoñecemento. É o caso da responsabilidade civil de tódolos sucesos susceptibles de litixios que acontezan nas partes comúns do edificio. Exemplos disto serían o desprendemento dunha cornixa ou unha caída debida a un escorregón nas escaleiras enceradas: o seguro ten que facerse responsable de todo o que derive destes incidentes. Os seguros multirrisco particulares, pola súa banda, inclúen ás veces coberturas como atraco fóra do fogar, o uso fraudulento de tarxetas de crédito, a rotura de cristais, louza sanitaria, vitrocerámicas e o cambio de pechadura polo extravío das chaves. A clave está na letra pequena, que cómpre ler con suma atención para coñecer qué inclúe e exclúe a póliza e a cánto pode ascender a indemnización, se procede.
Apoio
- Incendio, explosión e raios
- Fenómenos meteorolóxicos (chuvia, vento, pedrazo e neve)
- Responsabilidade civil do inmoble
- Auga en conduccións xerais
- Danos por roubo en portas e ventás
- Ás veces o roubo de partes comúns
Cristais da fachada e partes comúns
- Danos estéticos
- Auga en conduccións particulares
- Cristais interiores
- Ante a caída dun lóstrego, os aparellos que se estraguen se estaban enchufados á rede
Ó mercar un piso mediante un crédito hipotecario, as entidades bancarias esíxenlle a quen solicita o préstamo que asegure a súa vivenda (non o contido) contra incendios, como garantía do préstamo. Sen embargo, non estamos obrigados a contratar esa póliza coa compañía que indique a entidade bancaria. Ademais, é habitual que o edificio xa estea asegurado contra incendios polo seguro da comunidade, polo que o comprador acabaría aboando dúas veces o mesmo concepto. Para evitalo, bastará con presentarlle á entidade bancaria os documentos que acrediten que a cobertura contra incendios se recolle no seguro mancomunado e que este se paga. Isto resulta fundamental para os consumidores, xa que se dous seguros cobren o mesmo sinistro só un deles o asume, pois se entende que o tomador non pode cobra-lo dobre do valor do asegurado. Esta idea hai que aplicala a todo tipo de pólizas: se, no caso de accidente ou fallo mecánico, o seguro dun vehículo inclúe a posibilidade de dispoñer dun coche de cortesía durante os días requiridos para a reparación, non é preciso que esta cobertura se recolla en ningunha outra póliza, porque só nos beneficiaremos unha soa vez e, pola contra, aboaremos dúas veces o mesmo concepto.