15 preservativos a exame

As diferenzas de prezo non están xustificadas

Ata os máis baratos cumpren de sobra as normas de seguridade, polo que a elección pode guiarse polas preferencias persoais e polo prezo
1 Maio de 2007

As diferenzas de prezo non están xustificadas

Os preservativos son un modo eficaz, barato e cómodo de evitar embarazos non desexados e o único xeito de protexerse fronte ás enfermidades de transmisión sexual e da sida. A ampla gama de condóns que na actualidade ofrece o mercado fai que o consumidor, máis alá de gustos persoais, se pregunte se os diferentes tipos de preservativos son igual de seguros. Para comprobalo, analizáronse quince preservativos, de cinco tipos distintos (normais, extra grosos, de cores e sabores, estriados e finos) que custan cada un dende os 0,51 euros de Prime Orixinal ata os 2,48 euros de Safex Forte, os máis caros con diferenza. Doce destes modelos comercialízanse en caixas dunha ducia de unidades, Durex Contacto total e Durex Pleasuremax veñen en envases de seis e Safex Forte en caixas de tres preservativos. En total, o laboratorio probou máis de 750 condóns, todos eles de látex (non aptos, polo tanto, para alérxicos a esta substancia). Todos os condóns analizados superaron as esixentes probas de seguridade ás que foron sometidos, salvo Durex Extra-Seguro, que non achegou o extra de seguridade que indica a súa denominación: é tan seguro coma o resto dos “normais”, non máis. Por iso, a mellor relación calidade-prezo é a do preservativo máis barato de cada categoría: Prime Orixinal entre os normais (0,51 euros cada un), Benetton Colores entre os de cores e sabores (0,54 euros), Prime estriado (0,54 euros) e Control Forte (0,90 euros) entre os extrafortes. No caso dos sensibles, optouse polo máis caro, Durex Contacto Total (1,33 euros) por ser o máis fino.

Extrafortes e o resto

A lei divide claramente os condóns extrafortes dos que non o son, e esíxelles que leven na súa denominación a lenda: “extra forte”, “extra resistente” ou “hiper seguro”. Durex Extra Seguro non inclúe ningunha das tres, pero CONSUMER EROSKI considerou que a súa alegación “Extra Seguro” é para os consumidores equiparable ás outras tres. Por iso foi medido coa mesma esixencia ca os outros preservativos extrafortes. Iso si, aínda non se realizaron estudios clínicos que determinen de modo categórico se os condóns máis grosos rompen con menor frecuencia. O que si se pode asegurar é que son menos sensibles. A resistencia mídese alongando cada preservativo ata a súa rotura. A norma non fixa un mínimo de tracción para os condóns normais, pero si o fai para os extrafortes, que deben soportar 100 Newtons (N) de tracción. Dous dos modelos extrafortes aprobaron con resultados discretos: Control Forte (101 N) e Safex Forte (99 N, dentro do rango de erro da proba). Durex Extra Seguro comportouse igual ca os preservativos normais, e non soportou máis ca 75 N de tracción, polo que suspendeu a proba. A resistencia nos outros tipos de condóns é, como cabería esperar, próxima aos 70 N: Control estriado é o mellor dos normais (96 N), seguido de Control Nature (86 N) e Control Fussion (83 N). Durex Contacto (68 N) é o menos resistente, pero resistente abondo para un uso convencional. Os que máis se alongan antes de romper son Durex Plesuremax (estíranse un 890% do tamaño orixinal), Control Fussion e Durex Extra Seguro (os dous con 860%), mentres que o que menos se alonga é Durex Contacto Total, que chega ao 740%.

Presión e volume

Os condóns ínchanse con aire ata que estoupan para comprobar a presión que soportan. A lei regula que os extrafortes deben aguantar 2 quilopascais (kPa) como mínimo. Durex Extra Seguro tamén suspendeu nesta proba, porque quedou en 1,7 kPa. Os preservativos normais, estriados, de cores ou extrafinos teñen que soportar 18 decímetros cúbicos de aire (dm3) e 1 kPa de presión. Safex Sensitive foi o menos resistente, pero con valores moi superiores aos que marca a lei: 1,3 kPa e 33 dm3. Control Fussion e Durex Extra Seguro (os dous 53 dm3) foron os que máis aire soportaron ata estoupar. No tocante á presión, Control Forte (2,7 kPa), Safex Forte (2,4 kPa) e Benetton cores (2,3 kPa) son os máis resistentes. Todos os condóns superaron a lonxitude e anchura que fixa a norma. Os 15 andaron arredor ou superaron os 20 cm de lonxitude (moi por riba dos 16 cm aos que obriga a lei) e a súa anchura oscilou entre os 51 mm de Control estriado e os 55 mm de Durex Plesuremax e Durex Tuttifruti. En canto ao seu grosor, a norma só especifica que o dos extrafortes debe ser de máis de 0,06 mm, pero esa cifra supérana tamén os preservativos normais. O máis groso é Control Forte, que chega aos 0,119 mm, mentres que o máis fino, e, polo tanto, máis sensible é Durex Contacto Total (0,068 mm).

Para comprobar que os condóns non teñen ningún burato enchéronse con 300 mililitros de auga destilada, suspendéronse e examináronse para asegurar que non había fugas. Para asegurarse de que tampouco teñen microfugas, fixéronse rodar sobre un papel absorbente coloreado. Os 15 analizados superaron esta proba. Estes preservativos están lubricados. A cantidade de lubricante en todos eles foi satisfactoria, pero con diferenzas: Durex Contacto Total (433 mg de lubricante) e Prime Orixinal (439 mg) foron os menos lubricados, seguidos de Benetton Colores (443 mg). Os máis xenerosos neste elemento foron Safex Forte (622 mg), Control estriado (601 mg) e Durex Extra Seguro (597 mg).

Condóns avellentados en laboratorio

Comprobáronse os valores de presión, volume, resistencia e alongamento dos condóns logo de ser avellentados en laboratorio para simular o que acontecería ao utilizar un preservativo preto da súa data de caducidade. Este proceso levouse a cabo poñendo cada preservativo a 70º C durante 168 horas, o que debería alterar a súa eficacia. Os resultados non diferiron moito dos conseguidos cos condóns non avellentados. As variacións máis significativas foron as de Durex Natural e Durex Tuttifruti, que reducen a súa resistencia aos 60 N (tiñan sobre os 70 N) e a de Benetton Colores, que unha vez avellentado só se alongou 7,5 veces sobre o seu tamaño orixinal. Doutra banda, a etiquetaxe de tres dos quince condóns é incorrecta: Durex Contacto Total, por non indicar a preceptiva anchura nominal do condón, e os dous Safex por ofrecer as instrucións unicamente en inglés.

Os consumidores opinan

Para comprobar cal era o preservativo máis sinxelo de abrir preguntóuselle a seis mulleres e a seis homes de entre 20 e 40 anos sobre o deseño e a facilidade de apertura de cada preservativo. Os máis doados de abrir son os de Durex, Benetton e Control Fussión, que chegan a 3,8 puntos sobre 5. Safex (2,5 puntos) e Control Nature e Control fino (os dous con 2,6 puntos) son os que menos gustaron neste apartado.

A zona de abrefácil que incorporan os cinco modelos de Control non supón para os usuarios unha substancial axuda. O que si agradecen os consumidores é que a estrutura dentada pola que se abre sexa máis pronunciada. Iso si, todos os consumidores percibiron que os envases eran seguros.

No tocante ao seu deseño os participantes decantáronse polos envases de cores suaves ou metalizados (máis discretos), como os de Control Nature e Control Fino. Gustou especialmente o moi orixinal deseño de Benetton. Os que menos gustaron foron Safex Sensitive (2,4 puntos; cor amarela-ocre con letras negras) e os dous de Prime (2,6 puntos).

O feito de que o dorso do envase de Control Fusión sexa un filme transparente que deixa ver o preservativo non lle gustou a tres de cada catro usuarios. Safex Forte é o único no que os preservativos veñen en formato individual, o que foi moi ben valorado polos consumidores. No resto, cada condón está unido ao resto por unha zona precortada que hai que esgazar.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

Analizáronse 15 preservativos de cinco tipos diferentes: convencionais, finos, estriados, de cores e sabores e extrafortes), todos eles de látex, lubricados e con depósito.

As probas de laboratorio demostraron que ata os máis económicos cumpren de sobra coa súa función, polo que a súa hipotética rotura se debería a unha mala utilización e non á calidade do propio produto. Os condóns “extrafortes” deben cumprir cunha normativa aínda máis estrita. Dous dos modelos analizados cúmprena, pero Durex Extra Seguro só obtén valores equiparables a un condón convencional.

Durex Contacto Total incumpre a norma de etiquetaxe por non incluír o ancho comparado e os dous de Safex tampouco a cumpren por ofrecer a súa información unicamente en inglés.

Na proba de uso, os consumidores opinaron que os preservativos máis doados de abrir son os cinco de Durex, Control Fussion e Benetton cores e os peores os dous de Safex, Control Nature e Control Fino. Os usuarios prefiren os de envase individual e os que contan para abrir cunha forma dentada. No tocante ao deseño, son máis apreciadas as cores discretas ou aquelas máis innovadoras (con imaxes ou persoas).

Como todas as mostras (salvo Durex Extra Seguro) superaron as probas de seguridade, o usuario pode elixir o tipo que prefira. Por iso, a mellor relación calidade-prezo é o máis barato de cada categoría (Prime Orixinal, Benetton Colores, Prime estriado e Control Forte), salvo no caso dos sensibles, categoría na que se opta por Durex Contacto Total por ser o máis fino.

PRIME Orixinal CONTROL Nature DUREX Natural plus BENETTON Colores CONTROL Fussión DUREX Tutti Fruti
Prezo (euros/condón) 0,51 0,54 0,62 0,54 0,65 0,82
Unidades por caixa 12 12 12 12 12 12
Embalaxe e etiquetaxe Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto
Lonxitude (mm)1 197 198 >200 >200 >200 >200
Anchura (mm)2 53 52 54 52 52 55
Espesor (mm)3 0,080 0,088 0,084 0,095 0,084 0,082
Volume de explosión (dm3)4 42 42 47 45 53 51
Presión de explosión (kPa)5 2 1,8 1,6 2,3 1,8 1,5
Detección de buratos Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto
Lubricante (mg) 439 556 558 443 554 530
Resistencia á rotura inicial (N)6 75 86 73 75 83 72
Alongamento á rotura inicial (%) 800 830 850 780 860 800
Volume de explosión avellentada (dm3)4 41 48 54 46 53 49
Presión de explosión avellentada (kPa)5 1,8 1,9 1,6 2 1,8 1,6
Resistencia á rotura avellentada (N) 68 80 61 66 67 60
Alargamiento á rotura avellentada (%) 830 810 820 750 850 840
Proba de uso
Facilidade de apertura 2,8 2,6 3,8 3,8 3,8 3,8
Deseño do envase 2,6 3,5 2,8 3,7 3,3 3,2
PRIME Estriado CONTROL Estriado DUREX Pleasuremax DUREX Contacto Total CONTROL Fino SAFEX Sensitive
Prezo (euros/condón) 0,54 0,82 1,30 1,33 0,85 0,58
Unidades por caixa 12 12 6 6 12 12
Embalaxe e etiquetaxe Correcto Correcto Correcto Incorrecto Correcto Incorrecto
Lonxitude (mm)1 198 194 >200 >200 199 200
Anchura (mm)2 53 51 55 54 52 52
Espesor (mm)3 0,094 0,108 0,105 0,068 0,081 0,081
Volume de explosión (dm3)4 40 35 44 45 47 33
Presión de explosión (kPa)5 2 2 1,8 1,7 1,7 1,3
Detección de buratos Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto
Lubricante (mg) 530 601 559 433 573 553
Resistencia á rotura inicial (N)6 76 96 72 68 70 74
Alongamento á rotura inicial (%) 810 840 890 740 800 800
Volume de explosión avellentada (dm3)4 38 40 37 45 38 41
Presión de explosión avellentada (kPa)5 1,9 2,2 1,5 1,5 1,5 1,4
Resistencia á rotura avellentada (N) 74 70 68 64 73 67
Alargamiento á rotura avellentada (%) 800 800 830 800 860 840
Proba de uso
Facilidade de apertura 3,1 2,8 3,8 3,8 2,6 2,5
Deseño do envase 2,6 3,1 3,2 3,2 3,5 2,4
CONTROL Forte SAFEX Forte DUREX Extra Seguro
Prezo (euros/condón) 0,90 2,48 0,84
Unidades por caixa 12 3 12
Embalaxe e etiquetaxe Correcto Incorrecto Correcto
Lonxitude (mm)1 197 200 >200
Anchura (mm)2 52 52 54
Espesor (mm)3 0,119 0,112 0,110
Volume de explosión (dm3)4 40 44 53
Presión de explosión (kPa)5 2,7 2,4 1,7
Detección de buratos Correcto Correcto Correcto
Lubricante (mg) 564 622 597
Resistencia á rotura inicial (N)6 101 99 75
Alongamento á rotura inicial (%) 790 830 860
Volume de explosión avellentada (dm3)4 38 44 59
Presión de explosión avellentada (kPa)5 2,7 2,5 1,9
Resistencia á rotura avellentada (N) 113 82 63
Alargamiento á rotura avellentada (%) 830 820 840
Proba de uso
Facilidade de apertura 2,8 2,5 3,8
Deseño do envase 3,1 3,1 3,2

(1) Lonxitude : Segundo a norma, ningún debe ser inferior aos 160 mm. Todos os preservativos analizados cumpren esta norma.

(2) Anchura: Segundo a norma, ningún debe desviarse de ± 2 mm da anchura nominal especificada polo fabricante. Todos os preservativos analizados o cumpren.

(3) Espesura: Segundo a norma, os cualificados como “extrafortes” deben superar os 0,060 mm. Os tres cumpren esta norma.

(4) Volume de explosión: Segundo a norma, o volume de explosión dos 15 preservativos analizados, tanto antes como despois de ser avellentados, non debe ser inferior aos 18 dm3. Todas as mostras analizadas o cumpren.

(5) Presión de explosión: Segundo a norma, a presión de explosión, tanto antes como despois de ser avellentados, non debe ser inferior a 2,0 kPa no caso dos extrafortes e a 1,0 kPa para o resto de mostras. Durex Extra seguro foi a única marca que non alcanzou este valor mínimo.

(6) Resistencia á rotura: Segundo a norma, os cualificados como “extrafortes” non deben ser inferiores aos 100 N. Os Durex Extra seguro foron os únicos en non alcanzar este valor mínimo.

Un por un, preservativos de diferentes tipos

Un por un, preservativos de diferentes tipos

NORMAIS

Prime Original

  • 0,51 euros cada un, os máis baratos.
  • Doce unidades por envase. Dos que menos lubricante ofrecen (439 mg).
  • Proba de uso: Dos deseños que menos gustan (2,6 puntos sobre 5).

Control Adapta Nature

  • 0,54 euros cada un.
  • 12 unidades por envase. Valores intermedios e satisfactorios en todas as probas do laboratorio.
  • Proba de uso: dos deseños mellor valorados (3,5 puntos de 5). Gusta pola súa cor discreta. Dos máis difíciles de abrir (2,6 puntos).

Durex Forma Easy On Natural Plus

  • 0,62 euros cada un.
  • 12 unidades por envase. Dos máis longos (a súa lonxitude supera os 200 mm). Unha vez avellentados, a súa resistencia á rotura é das máis baixas (61 N).
  • Proba de uso: ofrece un dos envases máis doados de abrir (3,8 puntos de 5).

CORES E SABORES

Benetton coloreados

  • 0,54 euros cada un.
  • 12 unidades por envase. Dos máis longos (a súa lonxitude supera os 200 mm). A presión que hai que realizar para que rompa é das máis altas (2,3 kPa). A súa capacidade de alongamento antes (780%) e despois do avellentamento (750%) é das peores.
  • Proba de uso: un dos envases máis doados de abrir (3,8 puntos de 5). Gusta polo seu atractivo deseño (3,7).

Control Adapta Sex senses fussion

  • 0,65 euros cada un.
  • 12 unidades por envase. Dos máis longos (a súa lonxitude supera os 200 mm). A cantidade de aire que hai que introducir no condón ata a súa explosión (53 dm3) e a súa capacidade de alongamento tanto antes (860%) como despois do seu avellentamento (850%) son das máis altas.
  • Na proba de uso, destaca por ser un dos envases máis doados de abrir (3,8 puntos de 5 posibles).

Durex Forma Easy On Tuti Frutti

  • 0,82 euros cada un.
  • 12 unidades por envase. Dos máis longos (a súa lonxitude supera os 200 mm) e anchos (55 mm). Dos que necesitan máis aire para explotar (51 dm3). A súa resistencia á rotura unha vez avellentado é a máis baixa (60 N).
  • Proba de uso: dos envases máis doados de abrir (3,8 puntos de 5).

Estriados

Prime estriado

  • 0,54 euros cada un.
  • 12 unidades por envase. Logo de avellentalos, dos que resisten menos cantidade de aire.
  • Proba de uso: dos deseños que menos gustan (2,6 puntos de 5).

Control Adapta estriado

  • 0,82 euros cada un.
  • 12 unidades por envase. O máis curto (194 mm) e estreito (51 mm). Dos que resisten menos cantidade de aire. O segundo máis lubricado (601 mg). Das mellores resistencias ata a rotura (96 N).
  • Proba de uso: Non destacou nin positiva nin negativamente.

Durex Forma Easy On Pleasuremax

  • 1,30 euros cada un.
  • 6 unidades por envase. Dos máis longos (a súa lonxitude supera os 200 mm) e anchos (55 mm). O mellor na proba de alongamento ata a súa rotura (890%). Tras o avellentamento, no volume de aire necesario para que estoupen (37 dm3) e na de presión de explosión (1,5 kPa) son dos peores.
  • Proba de uso: dos envases máis doados de abrir (3,8 puntos de 5).

SENSIBLES

Durex Contacto total Ultrafinos

  • 1,33 euros cada un.
  • 6 unidades por envase. Incumpre a norma de etiquetaxe por non indicar a anchura nominal do produto. Dos máis longos (a súa lonxitude supera os 200 mm). O máis fino (0,068 mm). A súa resistencia (68 N) e alongamento ata a rotura (740%) son das peores. Dos que menos lubricante ofrecen (433 mg). Tras o seu avellentamento, dos que menos presión resisten antes de romper (1,5 kPa).
  • Proba de uso: dos envases máis doados de abrir (3,8 puntos de 5).

Control Adapta Fino

  • 0,85 euros cada un.
  • 12 unidades por envase. Tras o seu avellentamento, no volume de aire necesario para que estoupen (38 dm3) e na presión de explosión (1,5 kPa) son dos peores. A súa capacidade de alongamento é das mellores (un 860%).
  • Proba de uso: o deseño do seu envoltorio foi dos mellor valorados pola súa discreta cor (3,5 puntos de 5). Dos máis difíciles de abrir (2,6 puntos).

Safex Sensitive

  • 0,58 euros cada un.
  • 12 unidades por envase. Incumpre a norma de etiquetaxe porque toda a información que ofrecen está unicamente en inglés. No volume de aire necesario para que estalen (33 dm3) e na presión necesaria para que exploten (1,3 kPa) son dos peores.
  • Proba de uso: dos máis difíciles de abrir (2,5 puntos) e dos deseños que menos gustan (2,4 puntos).

EXTRAFORTES

Control Adapta Forte

  • 0,90 euros cada un.
  • 12 unidades por envase. O máis groso (0,119 mm) e o máis resistente: consegue as notas máis altas na presión que hai que exercer ata a súa explosión (2,7 kPa) e na resistencia que exerce ata a súa rotura (máis de 100 N); tanto antes como despois do seu avellentamento.
  • Proba de uso: Non destacou nin positiva nin negativamente.

Safex Forte

  • 2,48 euros cada un, o máis caro.
  • 3 unidades por envase. Incumpre a norma de etiquetaxe porque toda a información que ofrecen está unicamente en inglés. O segundo máis groso (0,112 mm). O máis lubricado (623 mg).
  • Proba de uso: dos máis difíciles de abrir (2,5 puntos de 5).

Durex Forma Easy On Extra seguro

  • 0,84 euros cada un.
  • 12 unidades por envase. Non alcanza os valores mínimos de presión (1,7 kPa) e resistencia ata a súa rotura (75 N) esixidos para os condóns “Extra fortes”. Dos máis longos (a súa lonxitude supera os 200 mm) e grosos (0,110 mm). No volume de aire necesario para que estoupen é dos mellores. A súa capacidade de alongamento tamén é boa.
  • Proba de uso: dos envases máis doados de abrir (3,8 puntos de 5).