O peso, a distribución e a suxeición, os puntos clave
A equipaxe xusta e ben distribuída
- Distribúa os vultos de xeito que os máis pesados, aínda que non sexan os máis voluminosos, estean debaixo: as maletas máis grandes e ríxidas deben colocarse no fondo e o resto da equipaxe enriba. Así manterá o centro de gravidade do vehículo o máis baixo posible.
- Coloque a carga no maleteiro de modo compensado para que non afecte á estabilidade do coche. Non poña todo o pesado a un lado e o menos pesado ao outro.
- Se viaxa coas prazas traseiras libres, abroche os seus cintos de seguridade. Evitará que, en caso de colisión, os respaldos traseiros cedan e as maletas lesionen aos ocupantes.
- Non esqueza que en ningún caso a suma do peso en baleiro do coche máis a dos ocupantes e a da equipaxe debe superar o peso máximo autorizado que figura na tarxeta de características técnicas do coche.
- Non coloque a equipaxe dentro do habitáculo do vehículo, xa que pode resultar moi perigoso en caso de freada ou accidente. Ademais, se viaxa con nenos é fundamental que gocen dun mínimo de espazo e de mobilidade para que non se sintan oprimidos e inquedos.
- Teña en conta que a existencia no interior do coche de obxectos con arestas ou superficies cortantes aumenta o risco de lesións dos ocupantes nunha colisión.
- Coloque todos os obxectos -mesmo os máis lixeiros- no maleteiro do coche. Nunca os deposite na bandexa traseira. Amais de reduciren o campo de visión do condutor, pódense converter en perigosos proxectís ante unha colisión. Unha simple botella de auga equivalería a unha masa de 25 quilos nunha colisión provocándolles serias feridas aos pasaxeiros.
- Lembre que o comportamento do coche cambia cando vai cargado. A principal consecuencia, amais da perda de potencia -máis evidente canto menor motor teña-, é que en caso de freada notaremos que a distancia se alonga.
Unha boa suxeición é imprescindible
- Sempre que sexa posible e unha vez rematado o proceso de carga, rodee a equipaxe cunha rede protectora ancorada aos puntos de suxeición previstos para iso no maleteiro. Deste xeito, en caso de producirse unha manobra brusca ou un accidente, limitará o desprazamento da carga e a súa posible irrupción no habitáculo.
- Evite levar a equipaxe na baca do coche. Cando sexa imprescindible, impida que os vultos sobresaian do perímetro do vehículo e asegúrese de que estean firmemente suxeitos e que non quede a parte dianteira máis elevada ca a traseira. As mellores bacas son as pechadas, tamén chamadas cofres portaequipaxe, concibidas como maleteiros herméticos, con fecho e forma aerodinámica.
Cofres portaequipaxe
- O uso do cofre achega unha gran seguridade en calquera desprazamento que realice porque evitará posibles desprendementos do teito, como pode pasar con outros sistemas máis sinxelos -as bacas- que van adaptados ao teito do vehículo.
- Escolla o modelo axeitado á carga que transporta habitualmente -hai cofres con capacidade de ata 450 litros-, acorde co tamaño do seu vehículo. Hai modelos “curtos” e cadrados, de aproximadamente 1″40 metros, e “longos”, de ata 1″90 metros de lonxitude.
- Os cofres portaequipaxe son relativamente caros (de 120 euros a 600) e supoñen un estorbo cando non se usan porque é preciso ter un lugar para gardalos. Sopese ben a conveniencia da súa compra se non o vai usar con certa frecuencia.
- Os modelos máis prácticos son os que se abren dende os dous lados. Facilitan a colocación da equipaxe e o seu acceso, e, en caso de rotura dun dos fechos, o cofre non queda inutilizado.
- Os modelos con apertura cara a atrás dificultan a colocación da carga na parte dianteira do cofre se o ángulo de abertura é reducido.
- Teña en conta a carga máxima do teito do seu vehículo (figura no manual do coche).
Carga, ben distribuída
- Coloque os vultos máis pesados no maleteiro e os máis lixeiros no cofre.
- Fixe ben a carga con cordas elásticas ou fitas para evitar que se deslice.
- Tírelle máis partido ao espazo dispoñible metendo a equipaxe que vaia gardar no cofre en bolsas pequenas e flexibles. Evite as maletas grandes e ríxidas: son máis pesadas e crean espazos mortos que impiden aproveitar a súa capacidade.
Sexa precavido
- Saiba que para colocar o cofre no coche debe adquirir unhas barras acordes co seu vehículo e co sistema de instalación e ancoraxe do aparato.
- O cofre portavultos debe ir centrado no teito do coche, sen sobresaír.
- Antes de cada viaxe, e a intervalos periódicos durante o traxecto, comprobe que o cofre está fixado con seguridade nas barras portaequipaxe.
- Unha vez instalado, tome a precaución de medir a altura total do seu vehículo, barras e cofre incluídos (pode aumentar ata 60 cm.), sobre todo ante a posibilidade de ter que estacionalo nun aparcadoiro cuberto.
- A seguridade é o principal punto débil destes complementos, en especial nos máis sinxelos, polo que non está de máis elixir un modelo que incorpore un bo peche de seguridade. Evite deixar dentro obxectos de valor.
- Teña en conta que o cofre portavultos modifica o comportamento (sensibilidade ao vento lateral, comportamento en curvas e ao frear), de xeito especial se está cheo.
- Non deixe instalado o cofre portavultos cando non sexa necesario, xa que afecta á aerodinámica do vehículo e con iso ao consumo, aumentándoo entre un 10% e un 15% en función das súas dimensións.