Alimentos que traen de cabeza
De acordo cos resultados do estudo, o 61% das persoas con xaqueca entrevistadas consideran que teñen unha información insuficiente sobre a enfermidade e sobre os factores que a agravan. A maioría sabe que se trata dunha enfermidade hereditaria, pero tamén son moitos os pacientes que cren que algúns alimentos como o queixo, o chocolate, o plátano ou o viño poden xogar un papel determinante, tanto no inicio dunha crise coma no empeoramento da dor. E aínda que non todas as crises de xaqueca teñen a súa orixe na alimentación, convén saber que o consumo de determinados alimentos pode acelerar a súa aparición e agudizar os seus síntomas.
Dieta preventiva
Para entender a relación da dieta coa xénese da xaqueca hai que comprender os mecanismos fisiolóxicos que a poden orixinar. Un deles é a asociación entre xaqueca e alerxia alimentaria. A cefalea, sinal de identidade da xaqueca, é unha das consecuencias da reacción inmunolóxica do organismo fronte ao contacto con substancias dos alimentos que identifica como tóxicos (antíxenos). Outra explicación fisiolóxica relaciónase co efecto vasodilatador e inflamatorio das arterias cerebrais, efecto que se traduce na dor intensa que experimentan algunhas persoas propensas logo de consumir certos alimentos.
Aínda coñecendo a estreita asociación entre dieta e xaqueca, na maioría dos casos a doenza non desaparece cando se deixan de tomar os alimentos máis problemáticos, xa que hai outros moitos factores que a desencadean. Entre outros, están o estrés, a menstruación, o xaxún, o exercicio físico, a falta de sono ou algúns medicamentos como os anticonceptivos. Malia a multiplicidade de causas, poderíase reducir a frecuencia ou a intensidade das crises de xaqueca se se segue unha dieta preventiva que limite o consumo dos alimentos asociados ao malestar, ou mesmo evitándoos de por vida. A clave está en coñecer cales son estes alimentos e por que causan dor de cabeza.
Que substancias provocan xaqueca?
Presentes en produtos como o chocolate, o té ou o café, algúns compostos fenólicos, como os flavonoides, anulan a acción das encimas que procesan as aminas bióxenas, co que se produce un aumento do seu nivel no organismo e, por conseguinte, o risco de sufrir xaqueca.
O glutamato monosódico e o aspartame úsanse para enxalzar o sabor dos alimentos, o primeiro como potenciador do sabor e o segundo como edulcorante. O glutamato e o aspartato, compoñentes químicos dos devanditos aditivos, son aminoácidos que actúan no organismo como mediadores da inflamación, o que explicaría o inicio da xaqueca asociada ao consumo de produtos que levan estes aditivos, como os produtos precociñados (pizzas, canelóns…), larpeiradas ou repostería, entre outros.
Xaqueca e alerxia alimentaria
Unha vez diagnosticada a alerxia ou a intolerancia alimentaria, a xaqueca pode desaparecer cunha dieta de exclusión, na que non se inclúan os alimentos alerxénicos. E se a persoa non ten alerxia, pero si hipersensibilidade a algún alimento, experimentaría unha notable melloría coa dieta.
Non ao xaxún prolongado
A hipoglicemia (nivel baixo de glicosa en sangue) provocada polo xaxún prolongado pode desencadear xaqueca. A liberación brusca de insulina polo páncreas tras o consumo de alimentos ricos en carbohidratos (pan, galletas, patacas, legumes, arroz e pasta) despois dun xaxún prolongado, pode incrementar a dispoñibilidade de triptófano no cerebro, a partir do cal se sintetiza unha maior cantidade de serotonina, e a súa concentración aumenta ao inicio das crises.
Alimentos que poden aliviar
Producen dor de cabeza | Os alimentos nos que abundan |
---|---|
Aminas bióxenas: histamina, tiramina, feniletilamina, serotonina | Conservas e semiconservas de peixe (atún, sardiñas, anchoas); embutidos crus curados (chourizo, salchichón, salame, fuet, sobrasada); queixos maduros (Parmesano, Emmental, Gouda, Roquefort, Camembert, Manchego); fígado; carnes e peixes (desecados e afumados); vexetais fermentados (chucrut, soia) e frescos (espinacas, berenxenas e tomates); bebidas alcohólicas (viño tinto, branco, escumoso e cervexa); fermento de cervexa e alimentos que a conteñan, froitas (plátano moi maduro, aguacate); chocolate. |
Compostos fenólicos | Chocolate, té, café. |
Aditivos | Glutamato monosódico: Caldos e sopas deshidratados, conservas e semiconservas de peixe, salsas, precociñados (pizzas, canelón, croquetas), comida chinesa. Aspartame: Produtos de confeitería (caramelos, gomas de mascar, lambetadas), pastelería, panadería, repostería e galletería. Bebidas refrescantes. Zumes. |
Alivian a dor de cabeza | Os alimentos nos que abundan |
---|---|
Vitamina C | Goiaba, kiwi, cítricos, tomate. A vitamina C actúa como analxésico natural e pode inhibir a síntese de prostaglandinas responsables da dor. |
Vitamina B2 ou riboflavina | Leite e derivados, carnes, cereais integrais. Hai estudos clínicos que demostran que alivian a intensidade e duración da xaqueca. |
Ácidos graxos insaturados | Aceites de sementes (xirasol, millo, soia); froitos secos, en especial noces e améndoas; peixes azuis. Os ácidos graxos insaturados reducen a agregación plaquetaria e a inflamación, mecanismos de inicio da xaqueca. |