Corpos estraños: intrusos máis que molestos
Corpos estraños no ollo
Un corpo estraño peculiar son as pingas dalgún produto químico. A lista de produtos que hai nun fogar e que poden danar o ollo é enorme. Os ácidos e os álcalis son especialmente perigosos, xa que poden producir danos irreversibles. Por iso, a actuación debe ser inmediata. O primeiro que hai que facer é lavalos con auga, a ser posible morna, sen perder tempo. Xa sexa baixo o chorro de auga ou cunha xiringa, hai lavar o ollo polo miúdo para que arrastre a máxima cantidade de produto e despois cubrilo cunha gasa estéril e acudir ao servizo de urxencias para a revisión e posterior tratamento.
Corpos estraños nos oídos
Os nenos, xogando, poden introducirse pequenos obxectos no conduto auditivo externo (CAE). Nestes casos hai que actuar do seguinte xeito:
/imgs/20070501/img.salud.03.jpg Non intentar quitalo con ningún instrumento, xa que hai perigo de introducilo máis e danar o tímpano e oído medio.- Inclinar a cabeza co oído afectado cara a abaixo e sacudila con suavidade para favorecer que o obxecto caia por gravidade.
- Ás veces, se o obxecto está pouco introducido e está á vista e é flexible ou maleable, pódese intentar coller cunhas pinzas de depilación e extraelo con moito tino.
- Se non é posible extraelo con facilidade, hai que acudir ao servizo de urxencias.
Unha situación particular dáse cando se introduce un insecto. Nestes casos convén:
- Colocar a cabeza co oído afectado cara a arriba.
- Introducir unhas pingas de aceite para provocar a morte do insecto e que flote no orificio.
- Volver a cabeza en sentido oposto para que saia o aceite e arrastre o insecto.
- Normalmente dá resultado, pero se falla ou, a pesar de saír o insecto, persiste a dor ou sensación de que o oído está obstruído ou que non se oe ben, hai que acudir ao médico.
Corpos estraños no nariz
Se un corpo estraño se introduce no nariz, o xeito de actuar é moi similar a cando se aloxou no oído. O que non hai que facer é intentar extraelo con ningún instrumento nin inhalando con forza, xa que pode introducirse aínda máis. É recomendable respirar pola boca mentres o obxecto está no nariz, e soarse tapando a foxa nasal libre con suavidade para ver se se pode expulsar. Se non se consegue, o mellor é acudir ao servizo de urxencias.
Corpos estraños en vías aéreas
Esta é, sen dúbida, a situación máis urxente e grave que poida darse, xa que, dependendo do tamaño do obxecto e da súa situación nas vías respiratorias, pode chegar a obstruílas total ou parcialmente. O corpo estraño pode quedar aloxado na traquea ou nos bronquios e producir asfixia, polo que é sumamente urxente liberar a obstrución.
Nestes casos hai que lle aplicar ao afectado, con carácter de urxencia, a manobra de Heimlich, que se realiza do seguinte xeito: hai que situarse detrás do afectado, poñer un puño por riba do seu embigo, coller o puño coa outra man rodeando o tórax e facer un movemento violento empurrando o puño cara a arriba e dentro. Desta forma conséguese xerar dentro das vías respiratorias unha intensa e forte corrente de aire, como un tusido artificial, que moitas veces é suficiente para expulsar o corpo estraño. É unha manobra que salvou moitas vidas. Se non sofre asfixia, pero se mantén a dúbida de que se introduciu un corpo estraño en vías respiratorias hai que acudir ao servizo de urxencias. Pode que o obxecto se aloxara noutra parte da árbore respiratoria, o que o converte nun perigo potencial que debe ser correctamente diagnosticado e tratado.
Corpos estraños en vías dixestivas
Normalmente e, en especial no adulto, os obxectos adoitan atravesar todo o intestino sen causar problemas, salvo que pola forma ou tamaño quede obstruído. Hai un mecanismo de defensa do tubo dixestivo que funciona moi ben: a mobilidade intestinal fai que o corpo estraño avance por todo o intestino e que sexa expulsado na defecación sen problemas, mesmo se se trata de obxectos puntiagudos. Pero en ocasións, se o tamaño é considerable, poden aloxarse no esófago bloqueándoo ou, máis raramente, no intestino, xerando un cadro de obstrución intestinal que pode chegar a ser grave. Por iso, se unha persoa que tragou un corpo estraño presenta salivación abundante, dor abdominal, vómitos ou calquera outro síntoma de malestar debe acudir ao médico sen falta.