Reunificación de débedas

O alivio de pagar menos ao mes non sempre compensa

A unificación de créditos é unha opción para aliviar as cargas mensuais, pero carrexa uns gastos, que son especialmente gravosos cando se utilizan intermediarios
1 Maio de 2007
Img sentencias listado 1221

O alivio de pagar menos ao mes non sempre compensa

As últimas subidas dos tipos de xuro, co euríbor a máis do 4%, e a utilización constante de créditos para a compra de distintos bens e servizos fixeron saltar as alarmas do sobreendebedamento das familias españolas. Ao tempo das penurias de moitos fogares españois, proliferan anuncios publicitarios coa promesa de redución das diferentes letras mensuais reunificando todas elas nunha única cota. Esta opción gaña en atractivo a medida que as débedas comezan a asfixiar a economía familiar (a débeda hipotecaria das familias alcanzou en outubro do 2006 os 551.700 millóns de euros). É daquela cando hai que estudar con detemento unha saída que está lonxe de ser unha panacea.

Como se pode reducir a cota ao mes sen utilizar intermediarios?

Para aforrar a comisión dun intermediario, o consumidor ten que xestionar el mesmo a reunificación dos seus créditos. En casos non moi graves debe intentar negociar co seu banco a ampliación do prazo de devolución do empréstito hipotecario. Como aumenta o prazo, pagará máis xuros durante máis tempo, pero reducirá a cota mensual. É recomendable saber como unha ampliación de cinco, dez ou máis anos pode reducir a súa cota mensual e sacalo do apuro. Ademais, hai que saber que as empresas de reunificación de débedas non son bancos nin financeiras e, polo tanto, non están suxeitas ao control do Banco de España.

E se a hipoteca é a 30 anos e o banco di que é o tope máximo?

Hai bancos e caixas que ofrecen prazos máis longos. Prolongará o seu endebedamento hipotecario, pero pódelle solicitar a outro banco que se subrogue no empréstito ampliando o prazo. Infórmese con detalle dos gastos, que os ten, da operación. É un xeito de reducir a cota mensual da súa hipoteca. Se non lle abonda, pode solicitar unha ampliación do prazo e do capital prestado. Deste xeito, co importe obtido pode cancelar os seus créditos non hipotecarios. Agora só terá que aboar unha soa cota ao mes.

O aumento do capital solicitado incrementa a cota do crédito hipotecario?

Si, pero como se cancelan os créditos persoais, que teñen un tipo de xuro máis alto ca os hipotecarios, o resultado é que as cotas mensuais son menores.

Que pasos hai que seguir?

Antes de tomar calquera decisión:

  • Convén sumar os cartos que precisa para cancelar os seus créditos non hipotecarios e débedas, tendo en conta as comisións que puidese ter pactadas por cancelación anticipada e gastos notariais se os houbese. Hai que corroborar este cálculo cos acredores.
  • Obtido o importe que precisa para as cancelacións, pódeselle formular ao banco unha ampliación da súa hipoteca por ese importe. O usuario pode pedir un informe do total da futura cota mensual e dos gastos notariais e rexistrais e impostos.
  • Se lles pode facer fronte aos gastos e á nova cota hipotecaria, o interesado pode calcular o aforro e, se ten algunha dúbida, convén acudir a unha asociación de consumidores.
  • Se a cota hipotecaria mensual resultante segue sendo demasiado alta, tamén dispón da posibilidade de ampliar tamén o prazo de devolución.
  • É importante negociar a comisión de amortización anticipada. Se no futuro mellorase a súa situación económica poderá ir reducindo o prazo con amortizacións parciais sen ter que aboar comisións excesivas.

Entón, que é o que ofrecen os intermediarios financeiros a cambio da súa comisión?

Encárganse de realizar as xestións anteriormente descritas en nome do interesado, negociar con distintas entidades financeiras e propoñerlles unha ampliación do seu crédito ou ben a cancelación de todos os seus créditos, incluído o hipotecario, e a contratación dun novo noutro banco por maior capital e prazo. Esta última opción é máis cara porque aos gastos de cancelación de todos os seus créditos deberá engadir os de apertura e contratación do novo (gastos notariais, de rexistro e impostos e de nova taxación da súa vivenda). En calquera caso, haberá que sumar a comisión do intermediario. Se precisa asesoramento, atoparao nunha asociación de consumidores. E un asesor fiscal ou un avogado especializado poden aconsellalo a un prezo máis axustado (pida prezo da consulta ou orzamento) ca unha empresa intermediaria.

Cales son as posibilidades?

De xeito orientativo, e ordenadas de menos a máis cara, pódese elixir entre as seguintes opcións:

  • Ampliar o prazo do crédito hipotecario actual (A MENOS GRAVOSA).
  • Ampliar o capital e o prazo do empréstito hipotecario actual e cancelar outros créditos e débedas.
  • Subrogar o crédito noutro banco con novas condicións de prazo e capital e cancelar o resto de créditos.
  • Cancelar todos os créditos, incluídos o hipotecario, e contratar outro novo por maior prazo e capital.
  • Xestionar a través dun intermediario (A MÁIS ONEROSA).

Nos catro últimos casos pagarase unha soa cota ao mes, menor á suma das cotas actuais, pero a cambio dun endebedamento máis prolongado. E no último caso, amais de gastos de comisións bancarias, notario, rexistro da propiedade e impostos, pagaralle unha comisión nada pequena ao intermediario.

Consellos
  • Se ten unha necesidade puntual, solicítelle un préstamo a un familiar. Pacten por escrito o importe prestado, os prazos de devolución, se hai ou non xuros, etc. Consulte en Facenda as repercusións fiscais dun pacto con ou sen xuros e formalíceo alí mesmo. Outra opción é solicitar un adianto de nómina na súa empresa.
  • Se non son viables as opcións anteriores, negocie co seu banco, caixa ou con outros bancos antes de acudir a un intermediario xestor de reunificación de créditos. O Banco de España vén alertando de que moitas destas entidades non están baixo o seu control e as súas comisións son abusivas.
  • Antes de asinar un acordo cunha empresa intermediaria, leve a documentación á casa e asegúrese de que comprende os dereitos e obrigas das partes. Danse casos en que se esixe a comisión, aínda que o usuario non acepte a operación proposta.
  • En grave crise por sobreendebedamento, asesórese nunha asociación de consumidores, nos departamentos de Benestar Social do seu concello, e solicite un avogado de oficio por se fose viable unha declaración de “suspensión de pagamentos”, co fin de alcanzar un acordo xudicial que lle permita renegociar os pagamentos, conservando unha parte da súa renda mensual para vivir.
  • Se o banco executa a hipoteca da súa vivenda familiar por non pagamento declarando vencido o empréstito anticipadamente, pode evitar o embargo e continuar coa hipoteca se deposita no xulgado o importe debido das cotas que tiña e non puido pagar e as costas. Non obstante, esta posibilidade só a pode utilizar nunha única ocasión e no caso da vivenda habitual.