A comunidade científica olla con calor para os polos
Estas son as razóns que levaron a comunidade internacional a coñecer polo miúdo que está a suceder nos polos. Por iso, en marzo arrancou o Ano Polar Internacional 2007-2008, que durante doce meses manterá en marcha 220 proxectos de investigación, nos que xa participan preto de 50.000 científicos de 63 países. Trátase dunha iniciativa que só se celebrara en tres ocasións en 125 anos (os anteriores foron en 1882, en 1932 e en 1957) e que intenta unir os esforzos de numerosos países para impulsar a investigación nas zonas polares, requiríndose para iso un enorme investimento de tempo e cartos non asumible para un só país. A investigación do Ano Polar abordará dende o estudo dos organismos mariños que viven na Antártida e no Ártico ata a saúde dos pingüíns ou o estado dos recursos pesqueiros. Pero tamén, e cunha énfase especial, o cambio climático nas dúas rexións polares, que están especialmente afectadas polo quecemento global.
Cánto xeo se desfará e cando
Cóidase que as zonas polares poden achegar unha información moi valiosa que axudará a predicir a evolución do clima no planeta. O Panel Intergobernamental para o Cambio Climático alertaba no seu último informe que o aumento do nivel do mar neste século podería ser superior aos 59 centímetros previstos inicialmente. A razón é que non se sabe con certeza canto xeo se vai desfacer dos polos. Se a sociedade debe prepararse para esta eventualidade protexendo as infraestruturas nas cidades costeiras, é vital prever ata onde pode chegar ese aumento. O desxeo tamén terá consecuencias sobre os ecosistemas mariños e sobre as correntes que inflúen no clima terrestre. Canto xeo e cando se vai desfacer realmente nos polos? Esta é, sen dúbida, a pregunta máis inquedante que se debaterá nos proxectos do Ano Polar Internacional.
Para responder a iso, deseñáronse algúns dos experimentos máis sorprendentes, como as perforacións nas zonas máis profundas do xeo antártico para a extracción de mostras do xeo máis antigo, o que se formou hai uns 900.000 anos. Hai investigadores que consideran que, con sorte, poderían atopar mostras de xeo de ata un millón e medio de anos de antigüidade ou máis. O interese deste xeo baséase en que retivo no seu interior burbullas de aire daquel momento, de maneira que os investigadores consideran que con esas burbullas e as mostras de xeo se poden coñecer centos de milleiros de anos despois os niveis de dióxido de carbono existentes e reconstruír así a historia. Deste xeito, coñecendo como tiveron lugar estes ciclos de desxeo no pasado, pódese axudar a prever mellor como responderán no futuro os polos nunha situación de quecemento global.
Participación española
Tamén hai participación española: un equipo do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) estudará, no marco dun proxecto internacional, a saúde dos pingüíns na Antártida para analizar como lles afecta o cambio climático. Outro grupo, tamén do CSIC, estudará os recursos pesqueiros no Ártico, e o Instituto Nacional de Tecnoloxía Aeroespacial investigará a evolución do burato de ozono nas zonas polares, co fin de prever o seu comportamento a longo prazo. Estas son só unha pequena mostra dos proxectos e prioridades do Ano Polar Internacional, que para a comunidade científica representa unha das mellores oportunidades de avanzar moito en pouco tempo.