Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Los datos, informaciones, interpretaciones y calificaciones que aparecen en esta información corresponden exclusivamente al momento en que se realizaron y tienen, por tanto, una vigencia limitada.

Accesibilidade nas cidades: analizados zona centro, concellos, ambulatorios, bus urbano e eurotaxi en 18 cidades : As cidades marxinan aínda máis a cegos e xordos ca aos que usan cadeiras de rodas

Só A Coruña supera o "aceptable" na nota global de accesibilidade. As maiores carencias rexístranse nas medidas de adaptación para as persoas cegas e xordas. Os que se desprazan en cadeira de rodas viron mellorar algo a súa situación

Concellos: a casa de todos?

Os concellos forman parte da rutina de moitos cidadáns. Acódese alí para realizar trámites, pedir información, casar, traballar, consultar documentos ou solicitar asesoramento. Polo tanto, calquera persoa tería que poder acceder ás instalacións do concello doadamente e sen maior problema. Non obstante, a realidade é moi diferente.

As entradas ás casas do concello deberían ser accesibles, o que non acontece nos concellos de Bilbao, Oviedo, Sevilla e Valladolid. Chanzos, ramplas que resultan perigosas pola súa pronunciada pendente e portas non adaptadas imposibilitan a entrada ou fan que a persoa en cadeira de rodas precise axuda para poder acceder. Na de Bilbao a porta principal era inaccesible, se ben puideron pasar ao edificio por unha das entradas laterais. En Valladolid entrouse pola porta traseira tras rodear todo o edificio.

No tocante ás persoas cegas, oito de cada dez entradas dos concellos carecían de pasamáns. Nos detectores de metais das da Coruña, Granada, Málaga e Valencia chegaron a pedirlle á persoa cega que colaboraba na proba que se desprendese do seu bastón.

Tamén deixou que desexar o trato do persoal nas oficinas municipais estudadas en Córdoba, Murcia, San Sebastián, Valladolid e Vitoria. No canto de falarlle directamente á persoa cega, dirixíanse ao seu acompañante, xesticulaban ou empregaban vocábulos como “aquí”, “alí”, etc. que non lle achegan información útil aos invidentes.

Unha vez dentro das instalacións, é necesario poder manobrar coa cadeira de rodas no interior. Pero nos concellos de Bilbao, Oviedo e San Sebastián as dimensións do edificio dificultaban a mobilidade. A isto hai que sumar que en dez oficinas municipais se atoparon chans escorregadizos.

Máquinas para coller a quenda e información a unha altura excesiva, alfombras nos chans, mesas de atención ao público que non permiten que se as persoas en cadeira de rodas se acheguen (nunha de cada tres oficinas) ou mostradores moi altos foron só algunhas das moitas contrariedades coas que se atoparon os técnicos desta revista e os minusválidos que participaban na proba.

Atendendo xa ás persoas cegas, en ningunha oficina consistorial se lles proporcionou a información en braille e só nas de Barcelona e Murcia ofrecían a posibilidade de cubrir impresos en soporte dixital. E unicamente na de Sevilla contaban con xestión domiciliaria (un traballador acode ao domicilio da persoa tras solicitar o servizo por teléfono; alí axúdao a encher o impreso e posteriormente lévao ás oficinas). Iso si, na maioría dos concellos o persoal non manifestou problema ningún en axudarlle a encher o impreso ao invidente, actitude de agradecer, se ben se considera insuficiente. Non lle proporcionaron alternativa ningunha de xestión ao usuario invidente nos locais municipais de Bilbao, Granada, Oviedo, Vitoria e Zaragoza.

De parecido, se non peor, alcance foron os obstáculos cos que se toparon as persoas xordas. Só nas dependencias municipais de Cádiz había un intérprete profesional da lingua de signos. Ademais, das doce casas do concello que carecían deste servizo só en Barcelona, Málaga e Oviedo se puido solicitar un profesional capaz de comunicarse nesta linguaxe, aínda que fose necesario pedilo con dous días de antelación (en Oviedo dispoñen dun servizo de 24 horas para casos urxentes).

Neste contexto, as persoas con minusvalidez auditiva non tiveron máis remedio que se comunicar de xeito escrito, por xestos e mesmo lendo os labios do traballador da Administración da súa cidade. Os concellos menos considerados cos xordos foron os da Coruña, Bilbao, Pamplona e San Sebastián, seguidos dos Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza.

Outra das carencias máis rechamantes é a falta de sistemas de aviso visual para alertar en caso de emerxencia. Salvo no concello da Coruña, non había dispositivo deste tipo: nos edificios que dispuñan dun mecanismo de aviso en caso de evacuación, na maioría das ocasións era sonoro.

Con respecto aos ascensores, comprobouse a súa accesibilidade nas dependencias municipais visitadas, agás nos concellos de Barcelona, Madrid, Oviedo e Sevilla, debido a que o edificio era dun piso ou a que non se localizou elevador ningún. E a cabina do ascensor do concello de Cádiz e San Sebastián non permitía a entrada dunha persoa en cadeira de rodas e dun acompañante, e só catro de cada dez ascensores dos concellos tiña pasamáns.

No lado positivo, cabe mencionar que os botóns do ascensor estaban situados a unha altura correcta, agás nos dos concellos das capitais gaditana e alavesa. En sete de cada dez casos, a cabina do ascensor contaba con botoeira en braille ou en alto relevo pero só en Alacante e Córdoba se acharon dispositivos acústicos.

O baño é un espazo imprescindible en calquera edificio e debe permitir o acceso e o uso de calquera cidadán. Nas oficinas municipais de Cádiz, Córdoba, Murcia, Oviedo, Sevilla e Vitoria non se localizou ningún aseo adaptado. O baño visitado no Concello de Pamplona era moi pequeno e apenas entraba a cadeira de rodas.

En liñas xerais, botáronse de menos portas corredizas, pavimentos antiesvaradíos, lavabos que permitan regular a súa altura, barras de apoio abatibles a carón do inodoro, etc. así como letreiros en braille que diferencien os baños de señoras e de cabaleiros para as persoas cegas, e, para as persoas xordas, sistemas visuais para indicar se están ocupados ou non.

Paginación dentro de este contenido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións