As cadeas de comida rápida poden mellora-la hixiene
O prezo das hamburguesas de vacún foi moi similar, entre 375 pesetas (a “cuarto de libra” de McDonald´s e a “whooper” de Burger King) e 390 pesetas (“hamburguesa normal” de Telepizza). O das hamburguesas de polo era tamén parecido: a “McPolo completo” de McDonald´s e a “Long Chicken” de Burger King custaron 375 pesetas, mentres que a “hamburguesa de polo completa” de Kentucky Fried Chicken supón 395 pesetas.
Nas ensaladas, os prezos xa distaban máis: a de McDonald´s é a máis cara (tamén é a de máis ingredientes), coas súas 375 pesetas, e a de Kentucky Fried Chicken sae a 230 pesetas. En suma, que se pode adquirir unha hamburguesa completa e unha ensalada por entre 750 pesetas (McDonald´s) e 625 pesetas (Kentucky Fried Chicken). Este bo prezo é unha das vantaxes da comida rápida.
O estado hixiénico-sanitario destes productos demostrouse mellorable: dúas hamburguesas (Burger King e Telepizza) e outras tantas ensaladas (McDonald´s e Burger King) mostraron un estado insatisfactorio, por presencia de microorganismos non desexables, que sen chegar a causar problemas na saúde si evidencian que as prácticas de manipulación do producto necesitan unha revisión e a conseguinte mellora. As tres hamburguesas de polo mostraron un correcto estado sanitario, e a única cadea en que as súas hamburguesas e ensaladas non presentaban deficiencias hixiénico-sanitarias foi Kentucky Fried Chicken.
A carne de vacún de máis calidade atopouse na hamburguesa de McDonald´s, e entre as de polo a mellor era a de Kentucky Fried Chicken. Por outra parte, as hamburguesas completas máis graxas son as de Burger King (14,4% deste nutriente, fronte ó 12,8% de Telepizza) e as máis calóricas as de McDonald´s, con 253 calorías cada cen gramos, mentres que a menos enerxética foi a de Telepizza: 218 calorías cada cen gramos. Por último, as de máis ingredientes (oito distintos, incluídos tomate, cogombro e leituga) son as Burger King. En canto ás hamburguesas de polo, as de Kentucky Fried Chicken ofrecen a carne de máis calidade e menos graxa (a metade que as de Burger King). Dar coa mellor relación calidade-prezo é difícil, xa que non son productos homoxéneos. Pero se se priman a calidade sanitaria e a da carne empregada, McDonald’s “cuarto de libra” destaca na hamburguesa de vacún e Kentucky Fried Chicken na de polo. En canto ás ensaladas, centrándonos na calidade hixiénico-sanitaria e obviando a variedade de ingredientes (onde destaca McDonald´s), a mellor opción é a “ensalada do xeneral” de Kentucky Fried Chicken, a máis barata.
As hamburguesas (incluídos o pan e o resto de ingredientes da “completa”) son alimentos calóricos, e as aquí estudiadas proporcionan entre 220 e 290 calorías cada cen gramos. En canto ó contido de nutrientes, o de graxa é importante (12%-16%). Os compoñentes que contribúen a esta elevada cantidade de graxa son a carne, en maior medida a de vacún que a de polo e as salsas (maionesa, mostaza,…). O contido en proteínas, procedente case en exclusiva da carne, sitúase entre o 10% e o 13%. Esta proteína é de boa calidade, debido ó bo equilibrio en aminoácidos esenciais da carne de vacún e de polo. Os hidratos de carbono (en proporcións entre o 23% e o 28%) son na súa maioría complexos e proveñen do pan. As hamburguesas completas subministran tamén fibra, entre o 1% e o 2%. Ademais, proporcionan bastantes vitaminas hidrosolubles (ácido fólico do polo, B12 do vacún, vitamina C da leituga) e liposolubles (vitamina A e D do queixo) e minerais.
Por outra parte, os pratos de ensalada melloran a calidade nutritiva destes menús de comida rápida ó proporcionar máis fibra e vitaminas. As ensaladas con alimentos de orixe animal (ovos, atún, xamón) conteñen máis proteínas pero tamén máis graxa. E canta maior sexa a variedade de vexetais, maior será o subministro de vitaminas, xa que a col, leituga, cenoria, cebola, espárrago, cogombro, etc, aseguran a inxestión dunha gran diversidade de vitaminas hidrosolubles.
Se se consomen estas hamburguesas acompañadas de ensaladas conséguese un bo subministro de nutrientes. Sen embargo, o seu elevado poder calórico e considerable nivel de graxa animal deben animarnos a non incorporar este tipo de comida ós nosos hábitos cotiáns. Especial coidado debe terse cando se trata de rapaces, xa que a súa obesidade é difícil de tratar. Ademais, estes han de aprender a comer verduras, legumes, froitas, lácteos e peixe, tan imprescindibles na súa dieta como difíciles de introducir polas preferencias que mostran cara ás pizzas e outros pratos preparados, salchichas, frituras diversas ou hamburguesas, menos recomendables dieteticamente.
Os seus compoñentes esenciais son a carne e o pan, en proporción similar (entre o 30% e o 40%) aínda que en McDonald’s domina a carne, e en Burger King e Telepizza, o pan. O resto de ingredientes atópanse en menor proporción, aínda que McDonald’s ten moito queixo (12%). As escasas diferencias entre estas tres hamburguesas céntranse nun maior contido de proteínas e hidratos e de calorías da de McDonald’s, probablemente debidos á súa maior proporción de carne e á presencia do queixo.
A análise de identificación de especie cárnica confirmou que a de McDonald’s e a de Burger King están elaboradas exclusivamente con carne de vacún, e detectou que a hamburguesa de Telepizza contén tamén porcino. Na descrición e publicidade desta última non se fai mención á especie cárnica coa que se elabora, mentres que McDonald’s “cuarto de libra” e “whopper” de Burger King se publicitan como hamburguesas de vacún.
A determinación da relación coláxeno/proteína e da proteína libre de coláxeno, indicadores ambos da calidade da carne empregada na elaboración de carnes picadas, revelou que a calidade da carne é algo mellor en McDonald’s “cuarto de libra” ca na “whopper” de Burger King e na hamburguesa normal de Telepizza.
Na hamburguesa completa de polo (que contén ademais pan, leituga e maionesa), a carne é o ingrediente maioritario nas tres cadeas que a venden (das catro aquí comparadas), especialmente en Kentucky Fried Chicken, na que representa o 54% do producto. A porcentaxe media de carne é moi superior ó das de vacún (50% fronte a 38%), e o pan representa o 40% e a leituga e a maionesa aproxímanse ó 5%. A diferencia do que ocorría na hamburguesa de vacún, onde os tres nutrientes principais se atopan en similar proporción, na de polo os hidratos de carbono destacan sobre a graxa e as proteínas. De tódolos xeitos, a cantidade de graxa que conteñen as de polo é similar ás de vacún. E a súa capacidade enerxética é mesmo superior á daquelas, probablemente pola súa maior proporción de carne, aínda que a de polo é menos calórica. Anotáronse diferencias no contido de graxa: a de Burger King ten un 18% de graxa, mentres que a de Kentucky Fried Chicken non chega ó 10% e a de McDonald’s presenta un 12%. A porcentaxe de proteína (arredor do 16%) é similar nas tres mostras.
En canto á calidade da carne destas hamburguesas de polo, a relación coláxeno-proteína media é moito máis baixa ca nas de vacún (5 fronte a 17) debido á natureza da carne de polo. Sen embargo, as porcentaxes de PLC (proteína libre de coláxeno) son inferiores xa que a porcentaxe de proteína é inferior na de polo. Se atendemos ós resultados, a mellor calidade da carne de polo deuse na hamburguesa de Kentucky Fried Chicken, mentres que a peor foi a de Burger King.
Nas hamburguesas e, sobre todo, nas ensaladas, as prácticas de elaboración han ser concienciudas e correctas no que afecta ó apartado hixiénico-sanitario. CONSUMER analizou a calidade microbiolóxica dos dez productos (tres hamburguesas de vacún, outras tantas de polo e catro ensaladas), en tres establecementos distintos das catro cadeas consideradas. En total, foron 30 mostras as analizadas. A lexislación actualmente aplicable para pratos preparados non establece límites microbiolóxicos aínda que si fixa como obrigatoria a ausencia de patóxenos. Pero existe un proxecto de norma do Ministerio de Sanidade, no que esta análise se inspirou. Os resultados revelan un panorama francamente mellorable. O estado microbiolóxico das hamburguesas de polo foi mellor có das de vacún e os problemas de maior importancia detectáronse nas ensaladas. Nos productos analizados de Burger King descubriuse a presencia de Listeria monocitogenes nunha hamburguesa de vacún e nunha ensalada. Este microorganismo patóxeno atopábase nunha cantidade tan baixa que non supuña perigo ningún para o consumidor. Así mesmo, os recontos de enterobacterias superaron por moi pouco o límite proposto (non aprobado aínda) pola lexislación, nunha hamburguesa de Burger King. Este último problema detectouse tamén en dúas das tres de vacún de Telepizza analizadas. As enterobacterias son microorganismos non patóxenos, pero poñen de manifesto unha calidade hixiénica mellorable na manipulación do producto. As tres hamburguesas McDonald’s “cuarto de libra” presentaron un estado microbiolóxico correcto nos tres casos.
En canto ás hamburguesas de polo, ningunha presentou problemas sanitarios. Nas ensaladas, sen embargo, detectouse Listeria monocitogenes nunha de Burger King, se ben en cantidade tan escasa que resulta inocua. Noutra desta mesma cadea, superouse o límite de microorganismos aerobios, sinal de hixiene mellorable. En McDonald’s, o problema afectou ás tres ensaladas analizadas: todas superaron por pouco os límites de microorganismos indicativos dunha hixiene deficiente. Para resumir: algunhas hamburguesas de vacún de Burger King e Telepizza, e algunhas ensaladas de Burger King e McDonald’s, presentaron problemas microbiolóxicos. Ningún deles reviste gravidade para a saúde do consumidor, pero poñen de manifesto unhas prácticas de manipulación do producto que necesitan revisión, xa que non garanten eficazmente a calidade hixiénico-sanitaria do mesmo. Tamén cómpre sinalar que tódalas mostras (hamburguesas de polo e ensaladas) adquiridas nos establecementos Kentucky Fried Chicken presentaron un estado sanitario máis que correcto.
En síntese
En síntese
- Determináronse en laboratorio as características de 3 hamburguesas completas de vacún, outras tantas de polo e catro ensaladas, todos adquiridos en establecementos de McDonald´s, Burger King, Telechef-Telepizza e Kentucky Fried Chicken.
- Pódese adquirir unha hamburguesa completa con ensalada por entre 750 pesetas (McDonald´s) e 625 pesetas (Kentucky Fried Chicken).
- O estado hixiénico-sanitario destes productos demostrouse mellorable: dúas hamburguesas de vacún (Burger King e Telepizza) e outras tantas ensaladas (McDonald´s e Burger King) mostraron un estado insatisfactorio, por presencia de microorganismos non desexables, que sen causar problemas na saúde si evidencian que as prácticas de manipulación do producto necesitan unha revisión e a conseguinte mellora.
- Se se consomen estas hamburguesas acompañadas de ensaladas conséguese un bo subministro de nutrientes. Pero o seu elevado poder calórico e proporción de graxa animal aconsellan non incorporar este tipo de comida ós nosos hábitos cotiáns.
- A carne de vacún de máis calidade atopouse na hamburguesa “cuarto de libra” de McDonald´s. Entre as hamburguesas de polo a mellor carne foi a de Kentucky Fried Chicken.
- Se se priman a calidade sanitaria e a da carne empregada, McDonald’s “cuarto de libra” destaca como relación calidade-prezo na hamburguesa de vacún e Kentucky Fried Chicken na de polo. En canto ás ensaladas, se nos centramos na calidade hixiénico-sanitaria e o prezo, a mellor opción é a “ensalada do xeneral” de Kentucky Fried Chicken.
Un a un
Comida rápida, polo miúdo
Hamburguesas de vacún, McDonald's
- 375 pta. A mellor relación calidade/prezo. Ademais de carne de vacún e pan, inclúe cebola, queixo e cogombro, ketchup e mostaza.
- Destaca polo seu maior contido en carne (44%), así como maior porcentaxe de proteínas, hidratos de carbono e cinsas.
- Tamén é a máis calórica (253 calorías por cada 100 gramos). A súa carne, a de máis graxa e proteína, é a de mellor calidade.
- Estado hixiénico-sanitario: correcto.
Whopper, de Burger King
- 375 pta Ten leituga, tomate, maionesa, cogombro, cebola e ketchup, e é a de maior variedade de ingredientes.
- Algo máis de graxa cás demais. A calidade da carne, algo inferior á da McDonald’s “cuarto de libra”.
- Estado microbiolóxico mellorable: Listeria monocitogenes (en moi pequena cantidade, e sen repercusións para a saúde) nunha das tres analizadas.
- E, noutra, supera por pouco o límite proposto para microorganismos indicadores de falta de hixiene.
Hamburguesa normal: Telepizza/Telechef
- 390 pta A máis cara. Inclúe leituga, tomate, cebola e maionesa. É a de máis pan (42%).
- A súa porcentaxe de graxa e proteína é menor, así como o seu nivel calórico (218 calorías cada cen gramos).
- A de máis fibra insoluble (3%). É a única que, ademais de vacún, contén porcino. A calidade da carne, algo inferior á da McDonald’s “cuarto de libra”.
- Menos graxa e proteína cás outras dúas. Estado microbiolóxico mellorable: dúas das tres hamburguesas superaron lixeiramente o límite proposto de microorganismos indicadores de falta de hixiene.
Hamburguesa de polo completa: Kentucky Fried Chicken
- 395 pta A máis cara, pero tamén a mellor relación calidade/prezo.
- Ademais de polo e pan, ten leituga e maionesa. Destaca pola súa maior proporción de carne (54%), que ademais é a menos graxa e a de maior calidade.
- Estado microbiolóxico correcto.
McPolo completo: McDonald's
- 375 pta Con leituga e maionesa. Menos carne cás outras.
- Menos graxa e proteínas cás demais. As menos calóricas (242 calorías cada cen gramos).
- Estado microbiolóxico correcto.
Long Chicken: Burger King
- 375 pta Máis pan (42%) có resto. Con leituga e maionesa.
- A de máis graxa, proteína e calorías (287 por cada cen gramos). A súa carne é a máis graxa (18%) e a de menor calidade.
- Estado microbiolóxico correcto.
Ensalada do xeneral: Kentucky Fried Chicken
- 230 pta A máis barata e a mellor relación calidade-prezo, aínda que ten só catro ingredientes: col, cebola, cenoria e salsa.
- Estado microbiolóxico correcto.
Ensalada lixeira americana: Telepizza/Telechef
- 295 pta Con col, cebola, cenoria e salsa.
- Estado microbiolóxico correcto.
Ensalada de xamón e queixo: Burger King
- 295 pta Con leituga, tomate, xamón, queixo, olivas, col e cenoria.
- Estado microbiolóxico mellorable: nunha das tres analizadas Listeria monocitogenes, aínda que en cantidades inocuas.
- Outra mostra superou por pouco o límite proposto para aerobios, indicadores de hixiene mellorable.
Ensalada da horta: McDonald's
- 375 pta A máis cara, e a de máis ingredientes: leituga, atún, ovo, cogombro, tomate, cenoria, espárrago e olivas.
- Estado microbiolóxico mellorable: as tres mostras superaron por pouco os límites propostos para microorganismos indicadores de falta de hixiene.