Sol e mar, con precaución
Na praia, os seus efectos positivos vense potenciados co valor terapéutico da auga de mar. Sen embargo, a valiosa acción do sol e da auga pode verse enturbada se non adoptámo-las debidas precaucións.
- Comece a toma-lo sol de xeito gradual. Durante os primeiros días non se expoña máis de 20 minutos. Despois, aumente de forma progresiva o tempo de exposición.
- Na montaña, debido á altitude, os raios están menos filtrados e alcanzan a pel con maior potencia. Na praia, a auga e a area amplifican a luz solar. Non baixe a garda os días neboentos, xa que os raios poden traspasa-las nubes.
- As mellores horas para se broncear sen perigo de queimaduras: as primeiras da mañá e as últimas da tarde. Evite as exposicións ó sol entre as 12 e as 16 horas.
- Se está tomando medicamentos, consulte o seu médico. Algúns fármacos, en combinación coa acción solar, provocan reaccións na pel. Baixo o sol non use perfumes, fragrancias ou desodorizantes elaborados con alcohol.
- Aplíquese o bronceador media hora antes de se expor ó sol para dar tempo a que os seus principios activos comecen a funcionar a nivel celular. Repita a operación cada media hora e tras cada baño. Utilice cremas con maior índice de protección nas zonas sensibles: rostro, nariz, labios. E extreme a protección se practica deportes ó aire libre.
- Preste atención ás peles sensibles, infantís, maduras, de embarazadas e de anciáns, e protéxaas con máis coidado e menor exposición ó sol.
- A aparición de herpes labiais aumenta no verán, por falta de protección solar. Utilice barras de labio con filtro solar.
- Protexa os ollos e o seu contorno con lentes de sol de cristais polarizados.
- Despois do baño de sol, auga de mar ou piscina, dúchese con auga fresca e doce, para elimina-lo salitre ou o cloro que danan a pel. Trala ducha, aplíquese unha crema hidratante ou unha loción after-sun, que proporciona á súa pel a humidade perdida polo efecto do sol.
Un cabelo bonito…
- Protexa a súa cabeza cun gorro para evitar que o seu cabelo se reseque e cambie de tonalidade. Se o prefire, aplíquese unha máscara ou un xel con filtro solar.
- Despois da exposición ó sol, lave o seu cabelo cun xampú de calidade.
- Utilice productos de acabado con filtro solar, mesmo pola tarde. Aínda que o sol é máis débil, tamén pode dana-lo seu pelo.
Uns pés sans…
- Evite o contaxio de fungos, papilomas e pé de atleta, entre outras infeccións dos pés, utilizando chancletas ou zapatillas de goma en piscinas e duchas (tamén na praia).
- Utilice, durante os días de máis calor, calzado que permita a transpiración e, a ser posible, de pel ou de tea, e uns calcetíns de algodón ou la. Nunca comparta toallas ou calzado.
- Trate de secar moi ben os pés, especialmente os espacios interdixitais, para evita-la humidade, xa que a pel neste estado é máis branda e facilita que os fungos penetren nela.
Os nenos, máis sensibles...
- Non expoña ó sol a nenos menores dun ano, xa que a súa pel inmatura a penas posúe defensas. Procure que, os nenos en xeral, non se expoñan ós raios solares entre as 12 e as 16 horas.
- Aplíquelles unha crema solar específica para nenos (índice de protección, 15, cando menos) media hora antes de expolos ó sol; e despois, cada media hora. Non esqueza darlles crema, aínda que estean baixo a antuca. Vixíe as radiacións solares que se reflicten sobre as superficies que rodean o neno, poderían sufrir unha insolación.
- Póñalles un sombreiro ou unha gorra e lentes de sol con cristais anti- UVA e vístaos cunha camiseta de algodón seca, xa que se está mollada perderá poder filtrante dos raios solares.
- Asegúrese de que beben auga frecuentemente. Os nenos regulan mal a súa temperatura e deshidrátanse con facilidade.