¿Amor ou sentimento de posesión?
Pero, ¿que son os celos? Poderiamos definilos como un estado emotivo ansioso que padece unha persoa e que se caracteriza polo medo ante a posibilidade de perde-lo que se posúe-ten, ou se considera que se ten-posúe, ou se debera ter-posuír (amor, poder, imaxe profesional ou social…). No ámbito sentimental, o trazo máis acusado dos celos é a desconfianza e sospeita permanentes no outro que tinxen, e prexudican gravemente, a relación coa persoa amada.
A maioría entendemos por celos ese confuso, paralizador e obsesivo sentimento causado polo temor de que a persoa depositaria do noso amor prefira a outra en lugar de a nós. Cando se amosa na súa forma aguda, a orixe dos celos hai que buscala en situacións neuróticas ou, en xeral, psicopáticas. Algúns autores cren que o sentimento dos celos é universal e innato. Linton, por exemplo, ve unha proba desta tese no feito de que nas Illas Marquesas, onde a liberdade sexual é practicamente total, os indíxenas manifestan os seus celos só cando están ebrios; é dicir cando o seu control voluntario, o seu raciocinio, diminuíu. Pola contra, outros psicólogos (coma O. Klineberg) sinalan que este sentimento é de orixe cultural, e que os celos non dependen do desexo ou necesidade de goce exclusivo dos favores do outro, senón do “estatuto” social. Nas sociedades monogámicas, coma a nosa, e sempre segundo este autor, o adulterio só provoca reaccións celosas na medida en que orixina inseguridade (material ou afectiva) ou afecta ó prestixio e á honra. Son dúas teorías relativamente antagónicas, pero como ocorre con frecuencia, perfectamente complementarias. Podemos pensar polo tanto, que cando nos amosamos celosos experimentamos sensacións inherentes á nosa condición de seres humanos e, á vez, manifestamos un comportamento adquirido e herdado da nosa cultura e modus vivendi.
Un sentimento que pode resultar perigoso
As persoas moi celosas son, frecuentemente, apaixonadas, ansiosas, un pouco sadomasoquistas e neuróticas, e proxectan no seu contorno humano as súas propias tendencias á infidelidade. Buscan con avidez tódalas probas do seu presunto infortunio e amósanse refractarios ós argumentos racionais que lles transmiten as persoas próximas coas que se sinceran.
Os celosos delirantes que se senten abandonados, menosprezados e burlados, poden chegar ata a traxedia de perseguir con odio ó seu “amor” e non vacilarán en atacalo. De aí que este sentimento dos celos xere tantos problemas, non só na seguridade física das persoas directamente afectadas por casos criminais senón tamén no equilibrio emocional doutras moitas cun benestar psicolóxico que se ve ameazado. Cando nunha parella xorde o medo á separación, este maniféstase en forma de celos, de persecución ó cónxuxe na súa hipotética infidelidade, controlándoo e pretendendo obrigalo a que sexa fiel. Canto máis persegue á súa parella con celos, tanto máis se sente impulsado o perseguido ou perseguida a demostra-la súa autonomía, esforzándose en afastarse e en non se deixar obrigar. E canto máis o fai, tanto máis busca o celoso ou celosa reclamalo como posesión propia e secuestra-la súa liberdade de movementos e de sentimentos.
O celoso esíxelle entón á súa parella a descrición polo miúdo da súa suposta aventura e na súa mente mestúranse o medo ó ridículo, a estar en boca de todos, o sentir con dor que a outra persoa vale máis, a perda de autoestima, un desexo morboso de información (circunstancias da outra relación, quén é, ónde se ven, desde cándo…..), un desmedido afán de control, un sentimento de posesión exacerbado, a agresividade para con un mesmo… Vive a situación como se dunha tortura se tratara e mesmo con desexos de vinganza, que van desde pecharse no silencio ata o drama que con tanta frecuencia describen as seccións de sucesos dos medios de comunicación.
Os celos non son amor
Os celos, en contra do que podería parecer e do que suxiren algunhas letras de cancións, argumentos literarios ou guións de películas, non sempre son consecuencia dun grande amor, nin indican cánto se quere, se necesita ou se desexa á outra persoa. E, normalmente, os que padecen preferentemente estes ataques de celos son persoas moi centradas en si mesmas, que só se curarán saíndo do seu autopeche. En moitas situacións de celos hai, máis que amor ou medo á soidade, outras causas: sentimentos de posesión do outro, de necesidade de controlalo, de inseguridade en si mesmo, de envexa cara á maior riqueza da vida emocional do outro…
Un tipo moi especial de celos son os infantís (“complexo de Caín”), que se manifestan tralo nacemento dun novo irmán. O neno, antes centro de tódalas atencións, vese obrigado a aceptar que debe compartir co novo membro da familia o amor e os coidados dos seus pais, moi especialmente da nai, o que fai que vexa nel un usurpador e a malquerencia cara ó “intruso”, o que pode conducilo a dirixi-la súa agresividade no seu pequeno irmán. Segundo os psicólogos, non é estraño que mesmo a orixe de certos estados neuróticos que sofren os adultos proveña de secuelas de celos infantís padecidos hai décadas. Pero os celos non son exclusivos do espacio familiar ou sentimental: outro ámbito onde xermolan é o mundo laboral. Os celos afectan con frecuencia a profesionais desconfiados e moi competitivos (na mala acepción do termo), incapaces de traballar en equipo e que invisten gran parte do seu tempo e enerxía nos pequenos detalles, non compartindo información e controlando canto ocorre ó seu redor, a fin de que ninguén presente un traballo que poida ensombrece-lo seu. A vida e a valía persoal destes celosos laborais xiran arredor do seu status profesional e manteñen unha baixa autoestima (disfrazada frecuentemente de autosuficiencia). E, por suposto, con esa actitude, evidencian a súa inseguridade e un déficit de intelixencia emocional, ó non responder positiva e equilibradamente ós estímulos do exterior, neste caso, á competencia dos seus compañeiros de traballo. Tamén poden xurdi-los celos na relación cos amigos (“ese é o máis guapo, aquela é a máis lista, ese o que ten a casa máis bonita, este é o que está casado coa que máis diñeiro gaña”), pero normalmente non xeran tantos problemas nin alcanzan dimensións dramáticas.
“Os celos son malos conselleiros” di o refrán. Non desdeñémo-la súa importancia nin deixemos que se nos pasen como sentimentos normais ou que ata teñen o seu encanto, por canto transmiten “o moito que lle quero”. Na realidade cotiá, os celos rompen e enturban as relacións, e os individuos celosos acaban minando, coa súa posesividade e persecución asfixiantes, o gozo e o pracer do encontro, o equilibrio na parella, que se basea na tenrura, na comprensión, na tolerancia e no respecto á autonomía do outro. Se nun momento determinado nos sentimos víctimas dun ataque de celos que prexudica o noso benestar emocional, actuemos decididamente:
- Sexamos conscientes de que estamos padecendo os celos sen nos querer enganar xogando a progresistas.
- Comuniquémoslle-los nosos sentimentos á persoa que xerou os celos co seu comportamento, especificándolle claramente as conductas que nos fan sentir celosos.
- Falémoslle canto faga falta, aínda que sen sometela a unha presión excesiva (e moito menos aínda, recorrendo a ameazas ou agresións físicas), e con ánimo de lle pedir que nos axude a disipa-las nosas dúbidas. Trátase de saber qué ocorre en realidade e de cotexalo coa nosa percepción, que perfectamente pode ser errónea.
- Se se trata dun pensamento irracional que estamos alimentando, debemos apoiarnos na realidade e desterralo definitivamente. Seranos máis fácil se contamos coa axuda da outra parte. Pero non esquezamos tamén que é parte afectada, á que debemos comprender e axudar.
- Revisemos durante un certo tempo a nosa actitude ante a outra persoa, para comprobar que os celos desapareceron.
- Fortalezámo-lo diálogo continuo, a confianza e o contacto amoroso: son os mellores instrumentos para supera-lo desencontro e os celos.
- Aceptémonos máis, confiemos en nós mesmos e traballémo-la seguridade en nós, a nosa autoestima.
- Se sufrimos un cadro agudo de celos ou se nos vemos incapaces de xestionalos por nós mesmos, dirixámonos canto antes a unha consulta psicolóxica.
- E, por último, se hai motivo real para os nosos celos, tratemos con realismo a situación coa nosa parella. E armémonos de valor, paciencia e comprensión para supera-la situación. Case todo ten un final, e o amor tamén pode ter data de caducidade.