Perderse, unha mala aventura evitable
A maioría dos excursionistas regresan habitualmente esgotados e satisfeitos de lograr ascender a unha cima ou de coñecer determinada paraxe, aínda que algúns volverán defraudados debido a algún contratempo. Respecto a estes últimos, depende do propio excursionista evita-lo 90% das situacións de perigo que se presentan na natureza. E un dos problemas máis frecuentes é a desorientación. Por iso, saber orientarse en calquera zona é unha virtude, moi escasa debido ó estilo de vida urbano da maioría da poboación. Non é seguro orientarse por instinto ou por un vago coñecemento dun lugar, xa que será máis fácil extraviarse.
Lectura de mapas
Un mapa é a representación gráfica dunha porción de superficie terrestre. Algúns, como os do exército e os de editoriais especializadas, son ferramentas precisas de orientación e, se se empregan correctamente, xogan un papel fundamental. Neles aparecen signos convencionais, chamados topográficos, que representan diversas características do terreo que reproducen e veñen indicados nas marxes da folla. O seu coñecemento permitirá ler un mapa con absoluta facilidade, asociando os símbolos convencionais con casas, camiños, montañas, etc. Os signos divídense en dous grandes grupos: os planimétricos, que representan camiños, vexetación, hidrografía e construccións, e os altimétricos, que mostran os desniveis do solo, mediante liñas trazadas no papel que unen puntos terrestres dunha mesma altura. Unha completa carta topográfica expresará a planimetría e a altimetría do terreo que reproduce. Estas cartas topográficas compóñense dunha rede de cuadrículas formadas por liñas que percorren o plano de norte a sur e de leste a oeste. A distancia entre esas liñas representa 1.000 ou 4.000 metros, segundo a escala de que se trate, e permite sinalar un determinado lugar xeográfico. A escala é a permanente relación entre a distancia real do terreo e a correspondente no papel, e devén de grande axuda para determinar espacios.
O compás indica o norte
O compás resulta de vital importancia para quen se afasta de zonas poboadas. Consiste, basicamente, nunha diminuta barra metálica imantada que invariablemente sinala o norte. Os de mellor calidade posúen no seu interior un limbo graduado nun disco xiratorio numerado, que aumenta de cero a 360 graos da seguinte maneira: norte = 0 graos, leste = 90 graos, sur = 180 graos, oeste = 270 graos. O norte denomínase 360 graos ou 0 graos indistintamente. O compás magnético é o instrumento máis sinxelo e preciso para obter rumbos e, xunto coa carta topográfica do lugar, constitúe un elemento básico de orientación. A súa utilización é moi fácil: tan só haberá que depositalo sobre unha superficie plana non metálica, esperar a que se deteña a agulla ou o disco graduado e despois le-lo rumbo buscado. O compás debe manterse afastado de calquera masa metálica ou campo magnético durante o seu manexo, porque se alteraría a medición. Non é inusual que algún “despistado” intente orientarse cun compás manual dentro dun automóbil ou ó lado dun transistor de radio. Así mesmo, debe utilizarse lonxe de instrumentos de metal, coma armas, lanternas, coitelos, etc..
Orientarse mediante os puntos cardinais
Determina-los puntos cardinais é básico para se orientar no terreo. Mesmo en casos de extravío, non convén camiñar sen rumbo definido: invariablemente, un acabará máis desorientado e acumularáselle máis cansazo, ademais de que a situación da persoa perdida empeorará. Unha antiga pista para retoma-lo rumbo: lembrar que o sol sae polo leste e que se pon polo oeste, indicando o norte ó mediodía. Para quen inclúe na súa mochila o compás e o mapa topográfico da zona, hai outros xeitos de se orientar. Como primeira medida, hai que depositar ámbolos dous obxectos sobre unha superficie chá e facer coincidi-lo norte do lugar co da folla impresa. A continuación, poderase recoñecer visualmente a zona e distinguiranse os accidentes naturais da área no mapa (montañas, ríos, etc.). Así, ubicarase na carta topográfica o lugar onde se atopa. Despois, tan só haberá que fixa-lo camiño a seguir.
Cálculo da distancia
En ocasións, xurdirá durante as travesías a necesidade de coñece-la distancia á que se atopa un punto de referencia que se divisa ó lonxe. En caso de excursións en grupo nas que ninguén leve ningún instrumento de precisión, o mellor será recorrer ó seguinte sistema, que de puro obvio parece unha broma, pero, ó parecer, funciona: cada viaxeiro determina a distancia á que interpreta se atopa o referido punto. Despois, sumaranse todas esas cantidades e o resultado dividirase polo número de persoas que participaron no cálculo. Dese xeito obterase unha media aproximada. Non obstante, terase en conta que as condicións atmosféricas inciden nos cálculos. Estímanse distancias maiores ás reais co sol de fronte, tempo chuvioso, nubrado, nos solpores, en superficies rectas (camiños, costas) e en costas ascendentes, mentres que se aprecian espacios menores os días claros e diáfanos, co sol detrás, en planos lisos (praias, salinas, auga, neve…) e en costas descendentes.
Constitúe, para quen posúa este instrumento e conte cun transmisor para pedir auxilio, un excelente sistema que calcula rapidamente a lonxitude, latitude e a altimetría. Pero é un erro pensar que un GPS pode reempraza-lo uso cotián da cartografía.
- Obteña bibliografía específica da zona elixida.
- Leve un teléfono móbil, poderá comunica-la súa situación, polo menos a aproximada, en caso de perda.
- Con néboa, quede quieto ata que esta se disipe.
- Informe á autoridade máis próxima respecto ás súas intencións: ruta elixida, acampadas, etc..
- Asesórese sobre a viabilidade dos seus proxectos; deste xeito poderá evitar serios inconvenientes.
- Se planea unha viaxe de aventuras, consiga unha carta topográfica do lugar e un compás de calidade. En caso contrario, busque un paisano da zona para que o acompañe.