Mal en conservación de animais e mediocres en educación ambiental e atención ó cliente
Biólogos especialistas en espacios protexidos e fauna salvaxe, acompañados de técnicos da revista CONSUMER, visitaron e analizaron, durante os meses de febreiro e marzo deste ano, 22 zoos e acuarios de moi diversos tamaños e características repartidos por todo o país. O estudio dividiuse en catro apartados: por un lado, a atención ó cliente-visitante, a seguridade do recinto e as prestacións lúdicas do centro; por outro, o labor de educación ambiental que realiza o zoo; o terceiro configúrano o benestar dos animais e a calidade dos espacios en que viven, xunto coas contribucións do centro en materia de conservación de especies. Por último, tívose en conta o labor de investigación de cada establecemento e o seu grao de relación con outros centros similares e institucións, que revelan o espírito científico e o compromiso social dos xestores destes parques.
A primeira conclusión do informe é que a situación dos zoos e dos acuarios españois é decepcionante (a media final roza o aprobado, sen alcanzalo) e distinta entre uns e outros: hai un modélico, uns poucos bos, moitos mediocres e algúns moi deficientes.
Comprobouse (partindo dunha metodoloxía propia, creada ex profeso) que 8 dos 22 zoos e acuarios non alcanzan o aprobado. Son, en orde crecente de calidade: Parque zoolóxico de Córdoba, Aquarium Terrarium de Madrid, Zoo de Vigo, Río Safari Elxe, Safari Aitana de Alicante, Parque Ornitolóxico Los Molinos (Álava), Safari Madrid e Safari Park Vergel de Alicante. Catro quedan nun mediocre “regular”: Zoo Municipal de Guadalaxara, Marineland de Barcelona, Zoo de Valencia, Zoo Santillana del Mar (Cantabria). Outros cinco (Natura Park de Mallorca, Aquarium Finisterre, Parc de les Aus de Barcelona, L´Aquarium de Barcelona e Zoo Aquarium de Madrid) alcanzan o “suficiente” e un, Marineland de Mallorca, obtén un “ben”. A partir de aquí veñen os catro mellores zoos, os únicos que responden ó que hoxe debe ser un recinto que mantén en catividade animais salvaxes. Cun “moi ben” figuran Xa cun notable figuran o Parque de Cabárceno (Cantabria), o Aquarium de San Sebastián e o Zoo de Barcelona. Só un, o Zoo de Xerez da Fronteira (Cádiz), se fai acredor do “sobresaínte”.
O máis salvable destes zoos e acuarios é a atención ó cliente e a oferta lúdica e de educación ambiental, que conseguen, non obstante, un estricto aprobado de media. O esencial labor de conservación (programas de cría en catividade, benestar dos animais…), pola súa parte, nin sequera alcanza o suficiente. E en investigación científica, o suspenso é rotundo. Só aproban un de cada tres centros.
Pode concluírse, polo tanto, que a maioría dos zoos españois seguen ancorados no pasado e non cumpren os obxectivos que lles demanda a sociedade do século XXI. Esta situación pode explicarse pola inexistencia dunha lei de ámbito nacional, específica para os recintos que exhiben animais. A máis tardar, en abril de 2002, España debe incorporar á súa lexislación unha Directiva europea (1999/22/CE) que sinala que a finalidade dun zoo é “a educación pública, a investigación científica e a conservación das especies”, e que obriga á realización de inspeccións periódicas destes centros, ademais de establece-la posibilidade de clausura-las instalacións que non cumpren as condicións fixadas na norma.
Os zoos e acuarios ofrecen, salvo excepcións, moi pouca información para o visitante no interior do recinto e prestan escaso coidado ós espacios en que desenvolven a súa vida os animais. Se continuamos cos problemas, debe mellora-la seguridade do público ante os animais en sete dos 22 centros e só a cuarta parte deles están adaptados ás necesidades dos usuarios minusvalidos. Outras conclusións son que na metade dos centros non hai servicios sanitarios para incidencias médicas que afecten ós visitantes. E que moitos non contan cun plan de emerxencia para afrontar unha situación urxente, coma un incendio ou unha inundación. Pero o que quizais máis move á preocupación é que un de cada tres centros parece non coidar ben (así se percibiu na visita realizada) os animais que exhibe. Constátase tamén que os zoos españois a penas desenvolven programas de cría en catividade de especies ameazadas de extinción nin de reintroducción de especies na natureza. E outro tanto pode dicirse do labor de investigación científica, só aceptable en menos da metade deles e de todo inexistente en cinco centros.
Unha das principais funcións dun zoo é ofrecerlle unha satisfactoria alternativa de lecer ó visitante, que normalmente ha de realizar un desprazamento e pagar unha entrada para poder acceder ó recinto. Pois ben, un de cada tres centros non se esmera en absoluto sequera nese papel lúdico que os visitantes lle reclaman. O máis cualificado nesta prestación é o Zoo de Barcelona e o peor, o de Córdoba. En canto á educación ambiental que desprega o centro, suspenden máis da metade. O peor foi o Aquarium Terrarium de Madrid e o mellor o de Xerez da Fronteira.
Prezos e afluencia de público
O estudio do número de visitas que recibe cada centro (case 400.000 persoas ó ano de media, con enormes diferencias entre uns e outros) revela que, en xeral, o consumidor sabe distinguir e se informa dos zoos nos que merece a pena investir tempo e cartos. Tres dos catro mellores figuran entre os de maior afluencia. Son o Zoo de Barcelona (900.000 visitas ó ano), o de Cabárceno (600.000) e o Aquarium donostiarra (575.000 visitas). Non obstante, o único sobresaínte, o de Xerez da Fronteira, recibe só 206.000 visitas ó ano. Tamén sorprende que un dos peores, o Zoo de Vigo, compute 140.000 visitas. É máis comprensible, sen embargo, que o Parque Ornitolóxico Los Molinos rexistre só 7.000 visitas: é moi cativo, atópase nunha poboación pequena, Laguardia (Álava) e os seus accesos son deficientes. Os dous con máis éxito de público localízanse en Madrid (Zoo Aquarium, un millón de visitas anuais) e Barcelona (L´Aquarium, millón e medio).
Por outra parte, os zoos en España non son baratos: 1.130 pesetas custa de media a entrada ós adultos e 713 pesetas ós nenos. O Marineland de Barcelona, mediocre na nosa análise, é o máis caro: os adultos desembolsan 2.200 pesetas e os nenos 1.300 pesetas. Un moi cuantioso gasto para calquera familia. Só dous son de acceso gratuíto: o de Guadalaxara, de calidade mediocre, e o Zoo de Vigo, un dos peores. Entre os que cobran, o máis barato é precisamente o peor, o de Córdoba: 300 pesetas os adultos e 150 os nenos. O de Xerez da Fronteira, o mellor dos estudiados, ten de bo ata o prezo: 600 pesetas os adultos e 400 os nenos. Dous (Safari Madrid e Safari Park Vergel de Alicante) que distan moito de ser un exemplo a imitar, son caros: 1.600 pesetas para os adultos.
Visitante, non cliente
No concernente ó atractivo lúdico das instalacións, á seguridade do público fronte ós animais, a atención que reciben os visitantes e os servicios á súa disposición, o 31% dos núcleos zoolóxicos non chega ó aprobado. Os suspensos máis sonoros recíbenos o de Córdoba, o Aquarium Terrarium de Madrid, o Zoo de Vigo e o Ornitolóxico Los Molinos. A outra cara da moeda protagonízana o Zoo de Barcelona, o Aquarium Finisterre da Coruña, o Aquarium de San Sebastián e o Parque de Cabárceno. As exhibicións e actuacións especiais son unha das ofertas lúdicas que menos prolifera (a metade dos centros non as ofrecen). Os que máis recorren ó espectáculo son o Zoo Aquarium de Madrid e Marineland de Barcelona.
Por outra parte, a información que se ofrece ó usuario para conseguir un proveito minimamente didáctico do seu percorrido polas instalacións do zoo ou acuario, é deficitaria. Brillan pola súa ausencia os puntos de información interactivos (no 81% dos zoos non os hai), as estructuras dedicadas á interpretación ambiental (non as teñen 16 dos 22 centros) e calquera tipo de publicación do centro (prescinden delas o 50% dos estudiados).
Os ambientes nos que viven os animais, desde o punto de vista do visitante, reciben un suspenso. Cinco zoos presentan unha situación deplorable (Safari Madrid, Zoo Aquarium de Madrid, Aquarium Terrarium Madrid, Zoo de Vigo e Parque Zoolóxico de Córdoba) e o 45% pode e debe mellorar. Non parece aceptable que subsistan zoos nos que se observan restos de sucidade, barrotes ou estructuras de aspecto carcerario, ambientes desagradables á vista ou tan pouco axeitados para a vida dun animal como o cemento.
Por outro lado, é mellorable a seguridade do público fronte ós animais: dous (Zoo de Córdoba e Safari Madrid) non a garanten, se ben quince o fan satisfactoriamente. Os cinco restantes (Zoo de Vigo, Safari Aitana de Alicante, Zoo Santillana del Mar en Cantabria, Marineland de Mallorca e Zoo de Xerez da Fronteira) teñen que mellorar nesta cuestión, que valorou as gabias de seguridade nas zonas de grandes animais, o valo, a dobre porta de entrada ós recintos, a disposición do centro que imposibilite a fuxida dos animais e as distancias que illen o público dos animais. Continuando coa seguridade dos usuarios, a atención médica que se dispensa ós visitantes é escasa -dez centros carecen de servicio sanitario- e o 40% dos recintos no conta cun plan de emerxencia para situacións urxentes. Outra constatación é que os zoos non fan o esforzo suficiente para adapta-las súas instalacións ás necesidades dos usuarios con minusvalías físicas. Quedan, en conxunto, nun simple aprobado. Só cinco (Zoo Aquarium de Madrid, Natura Park de Mallorca, Aquarium Finisterre, Marineland de Mallorca e Río Safari Elxe) están satisfactoriamente adaptados para minusvalidos (accesos, aseos, percorridos…), e dous (Aquarium Terrarium de Madrid e Ornitolóxico Los Molinos) carecen de calquera adaptación.
Respecto ó despregue dun programa de educación ambiental e á información pedagóxica que se ofrece ó usuario e ás actividades e exhibicións que se levan a cabo, a terceira parte suspenden. Os peores son o Aquarium Terrarium de Madrid, Zoo de Vigo, o de Córdoba e Safari Aitana de Alicante. Ó outro lado sitúanse, con sobresaínte, o de Xerez da Fronteira e o Aquarium donostiarra. As exhibicións educativas (a participación dos animais expón os seus comportamentos naturais e a súa bioloxía, sen que impliquen adestramento para actuacións artificiosas ou meramente lúdicas) non se dan na maioría dos recintos. A oferta de material educativo que ofrecen é tamén insuficiente. Na maioría, circunscríbese a carteis. E só a metade dos centros puido demostrar que conta cun programa de educación ambiental documentado.
Un de cada tres, mal en conservación
No que afecta á conservación das especies mediante programas concretos e no traballo destinado a fomentar e preserva-lo benestar animal, suspende o 36% das instalacións. Os máis criticables son o Zoo de Córdoba, o Aquarium Terrarium de Madrid, o Zoo de Vigo e o Río Safari Elxe. O Zoo de Barcelona obtivo unha cualificación inmellorable. Outro sobresaínte recaeu no de Xerez da Fronteira. Non son de recibo, por exemplo, as goridas dos osos de Safari Madrid, que consisten en grandes tubos de formigón. É salientable que só o zoo de Cabárceno (Cantabria) proporciona un trato digno ós réptiles, un benestar menosprezado por case tódolos centros. Onde máis fallan, de tódolos xeitos, é na inexistencia de programas de cría en catividade de especies ameazadas e de programas para reintroducir especies na natureza. Tampouco se presta a atención suficiente á protección dos animais respecto de certas liberdades que se toman os visitantes menos concienciados. A parte máis positiva é o estado físico aparente dos animais que se cualificou, en xeral, de máis ca aceptable.
A penas se investiga
Máis da metade dos centros zoolóxicos a penas realizan investigación científica. Entre os peores non podían falta-los tan citados Aquarium Terrarium de Madrid, zoo de Córdoba, Río Safari Elxe e Safari Aitana, ós que se engade o Safari Park Vergel de Alicante, que merecen, os cinco, un cero (non fan nada) en investigación. Pero tamén hai excepcións a este lamentable panorama científico: o de Xerez da Fronteira obtén un dez, polos seus numerosos e prestixiosos traballos de investigación, mentres que o de Cabárceno, en Cantabria e o Aquarium donostiarra conseguen un sobresaínte. As contribucións científicas publicadas en revistas especializadas polos nosos zoos nos últimos cinco anos foron case nulas, mentres que só se alcanza un aprobado raspado de media no que fai referencia á pertenza ou relación con outros centros, asociacións e institucións.
Cómo se fixo (a metodoloxía)
- Un equipo de biólogos especialistas en espacios protexidos e conservación de animais, tras establecer un cuestionario e fixar un sistema de valoración e ponderación, visitou e analizou, en febreiro e marzo de 2000, un total de 22 zoos e acuarios de todo o país.
- Os técnicos percorreron as instalacións de cada centro. Posteriormente, mantiveron unha entrevista co responsable de cada recinto e estudiaron os documentos internos (xestión, relacións con entidades…) do centro.
- Analizáronse, en cada centro, 47 variables divididas en catro grupos. O primeiro é a atención ó visitante e a calidade lúdica e educativa do centro, e agrupa 25 cuestións, entre elas os accesos ó centro, aseos, hostalería, e as medidas para garanti-la seguridade do público fronte ós animais. Comprobouse a atención médica que dispensa o centro ós visitantes e se conta con plan de emerxencia. Tamén se contabilizou o tempo que permanecen abertos ó público, e se anotou se había sinais para se orientar no interior do recinto. Así mesmo, tivéronse en conta as visitas guiadas que se ofrecen, a atención personalizada e o material divulgativo, ademais das actividades que promove o centro e a facilidade de toma de contacto co zoo (Internet, teléfono, fax e correo electrónico). Comparouse o grao de adaptación das instalacións ás necesidades dos minusvalidos, os puntos de información interactivos, as estructuras dedicadas á interpretación ambiental e as publicacións do centro. Avaliáronse tamén os espacios en que viven os animais, así como a facilidade para a observación das especies, a proximidade física a elas e o número de crías que se poden ver. Por último, a calidade e diversidade de exhibicións e actuacións protagonizadas polos animais.
- O segundo grupo é a educación ambiental. Comprobouse se o centro conta cun programa documentado de educación, a cantidade e calidade da información (carteis, paneis…) á que pode accede-lo público no recinto, o material educativo que ofrece o centro e as actividades e exhibicións educativas que organiza.
- O terceiro apartado, a conservación, comprende os programas de cría en catividade, de reintroducción na natureza de especies concretas, e outros servicios de conservación da fauna. Tamén se avalían os ambientes que habitan os animais, así coma o seu estado físico e anímico e a súa seguridade fronte ás posibles insensateces do público. Tamén se comprobou a existencia de carteis que lembren ós usuarios cál debe se-lo seu comportamento ante os animais, e se indagaron as técnicas de manexo e control (contracepción, eutanasia sen dor, necropsias…) das especies en cada centro.
- O cuarto bloque era o traballo de investigación. Analizáronse os proxectos de investigación en que cada centro traballa na actualidade, as contribucións científicas publicadas nos últimos cinco anos, a pertenza a organizacións e institucións e os programas coordinados con outros centros ou institucións.
- Unha vez recollida toda a información de cada centro, realizouse o informe final. Os criterios de ponderación do valor de cada cuestión dentro de cada apartado (moi distintos: a seguridade do público fronte ós animais merece un valor de ata 5 puntos mentres que a existencia de área recreativa infantil “vale” 0,5 puntos) foron consensuados polos técnicos de CONSUMER e os expertos. En canto ós criterios de ponderación de cada apartado respecto dos outros tres, decidiuse que os catro representaran o mesmo (25% cada un) á hora de obte-la media final de cada centro.