Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Los datos, informaciones, interpretaciones y calificaciones que aparecen en esta información corresponden exclusivamente al momento en que se realizaron y tienen, por tanto, una vigencia limitada.

Analizados 23 aeroportos de todo o país : Aeroportos: Prezo dos servizos, polos aires, e conexións coas cidades, polo chan

En máis da metade dos aeródromos os horarios dos autobuses urbanos non coinciden co primeiro e co último avión. Destacan a limpeza e mais a seguridade, ambas as dúas notables, destas instalacións

O esforzo por manter o usuario ben informado

/imgs/20070401/img.tema-portada.03.jpg A información ao usuario é outro apartado no que quedan asuntos por mellorar. Aínda que a dotación de pantallas con saídas e chegadas dos voos era correcta, case a metade dos aeroportos estudados carecían dun mapa que situase os usuarios dentro das instalacións. Todos os aeródromos estudados dispoñen dun departamento de información á entrada con persoal de atención especializado e en máis de oito de cada dez exponse a Carta de Dereitos dos Pasaxeiros da Comisión Europea.

A dotación dun sistema que recolla as suxestións e reclamacións dos usuarios é un dos compromisos asinados por AENA. Non obstante, non había caixa de correo de suxestións en case catro de cada dez aeroportos. Os técnicos da revista solicitaron as follas de suxestións e reclamacións e en oito de cada dez aeroportos o trato foi bo ou moi bo. Así mesmo, os técnicos de CONSUMER EROSKI buscaron persoal de información nos corredores do aeroporto que lles puidesen indicar o camiño ata o punto máis afastado das instalacións e acompañalos. Non o atoparon en El Prat (terminal B), Lavacolla, Málaga, Noain, San Pablo, Villanubla e Zaragoza. Entre o persoal de información que si colaborou (só un de cada tres empregados o fixo) tratábase, no 65% dos aeroportos, de empregados do propio mostrador de información (que non podían abandonar o seu posto) e só en un de cada tres aeroportos acompañaron aos técnicos ata o punto polo que preguntaran.

Unha persoa en cadeira de rodas podería desenvolverse sen problemas polos aeroportos españois, xa que en dous de cada dez non hai barreiras arquitectónicas e, nos que as hai, soluciónanse mediante ramplas (máis da metade dos casos) e/ou ascensores que salvan os desniveis (un 23% dos aeroportos estudados). Os aseos adaptados son outra das necesidades fundamentais que quedan ben cubertas. Non obstante, o 76% non estaban ben preparados para persoas invidentes. A excepción atopouse en Barajas, onde hai persoal especializado que se encarga de acompañar estas persoas polas diferentes dependencias do aeroporto.

Un espazo pouco acolledor

Que as esperas e atrasos nos aeroportos se midan por horas e non por minutos é un risco que non ten nada de remoto. Malia iso, entreterse sen gastar cartos é unha tarefa complicada. Os aeroportos apostaron por un esparexemento no que, fronte á creación dun ámbito agradable, se primou o modelo de centro comercial como principal fórmula de entretemento. Pola contra, a diversión non está nin moito menos garantida para os máis pequenos nestes aeroportos, xa que unicamente no 8% hai gardería ou zona de xogos infantís.

Todos os aeroportos poñen ao servizo dos usuarios cafeterías e restaurantes onde tomar un refrixerio. O prezo medio dun café é de 1,34 euros e de 2,01 euros por un refresco. Non obstante, constatáronse diferenzas notables: o café máis caro resultou ser o do aeroporto de Tenerife Sur (case tres euros) e o refresco con maior prezo, en Málaga (2,75 euros).

A asistencia sanitaria é outro dos compromisos asinados por AENA e dispoñen deste servizo o 76% dos aeroportos. Non o hai na terminal B de El Prat (onde si hai farmacia), en Xerez, Murcia, San Sebastián, Valladolid e Zaragoza. En case a metade dos aeroportos trátase dunha botica de primeiros auxilios, dunha enfermería en case tres de cada dez e dunha sala médica unicamente no 20%. Ademais, só hai farmacia nun 36% dos aeroportos.

No tocante aos fumadores, a nova Lei antitabaco que prohibe fumar nos espazos públicos fixo que boa parte dos aeroportos se declaren “espazos sen fume” e suprimiran as zonas que ata o momento tiñan habilitadas para este fin. Só o 12% das instalacións tiñan zonas para fumadores repartidas por todo o aeroporto ou, polo menos, en determinados puntos da Terminal. Os técnicos comprobaron que a normativa se cumpre rigorosamente, o que demostra que é posible contar con instalacións públicas sen tabaco e que os fumadores poden permanecer sen fumar durante varias horas.

Todos os aeroportos dispoñen de áreas para sentar, polo xeral, en número abondo e ben repartidas. Estes asentos resultan cómodos no 90% dos aeroportos. As condicións de iluminación eran boas ou moi boas en todos os aeródromos visitados e gozaban dunha boa temperatura.

Doutra banda, desprazarse coa equipaxe dun lado a outro do aeroporto pode resultar unha auténtica fazaña tendo en conta que só no 16% dos 23 aeroportos se ofrecía a posibilidade de deixar as maletas nunha consigna. Onde si se atopou este servizo, o prezo medio andaba arredor dos 4 euros. Ademais, non había carriños portaequipaxe nos lugares onde era necesario dos aeroportos de El Prat (terminal B), Xerez, San Javier, Villanubla e Zaragoza. De feito, nun 36% dos aeroportos, a distribución dos carriños era regular, mala ou inexistente. Deixar o vehículo durante unha hora no aparcadoiro do aeroporto custa algo máis de un euro e aparcar un día enteiro chega a supoñer, de media, 11 euros. O prezo redúcese en todos os aeroportos a partir do cuarto ou quinto día de permanencia, polo que o prezo medio dunha semana anda sobre os 67 euros. Para aqueles que se desprazan en moto, aparcar é máis complicado, xa que en seis de cada dez aeroportos non hai zona de estacionamento para eles. O equipamento dos aseos tamén é completo para a comodidade do viaxeiro: nove de cada dez aeroportos dispoñen de cambiador para bebés en, polo menos, un dos baños e sete de cada dez estaban equipados con enchufes en todos os seus aseos. Nun 20% percibíronse cheiros desagradables nos seus aseos. Malia iso, os 23 aeroportos destacan por unha limpeza impecable en todas as súas dependencias.

No tocante á seguridade, o aeroporto é unha infraestrutura blindada no seu interior, aínda que non tan vixiada nos exteriores. No 24% dos aeroportos o aparcadoiro non estaba vixiado e, entre os que si o estaban, en algo máis da metade se trataba de cámaras de vixilancia. O aspecto máis criticable é, sen dúbida, a indicación ao usuario sobre qué facer en caso de emerxencia: no 72% dos aeroportos non se atoparon sinais, carteis e/ou folletos relativos a este asunto.

Paginación dentro de este contenido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións