Biodiésel: unha realidade con moitas virtudes... e con algúns inconvenientes
Exposición Universal de París, ano 1900. O inventor alemán Rudolf Diesel presenta o primeiro motor diésel da historia, que funciona con aceite de cacahuete, como un “motor de aceite”. O seu creador pretende así potenciar a agricultura como fonte de enerxía. Pero o xirasol, ou os cacahuetes, son moi caros e o petróleo imponse. Ano 2007, máis dun século despois, na UE prodúcense 35 millóns de m3 de biocombustibles, entre os que se atopa o biodiésel, obtido a partir de plantas oleaxinosas. O tempo deulle a razón ao señor Diesel, os aceites vexetais xa se utilizan como combustible e a etiqueta distintiva do biodiésel resulta xa visible en decenas de gasolineiras, tanto en estado puro (o chamado B100, é dicir, ao 100%) como mesturado con gasóleo en proporcións que oscilan entre o 10% e o 20% (os chamados B10, B15 ou B20), tal e como permite a lexislación española de carburantes.
Distintos factores fan que cada vez sexa máis importante buscar fontes de enerxía renovables. O quecemento global, a suba do petróleo, protocolos como o de Kioto e o esgotamento dos combustibles fósiles están facendo que os países fomenten as fontes de enerxía renovables e a que fixen prazos para a súa introdución. A lexislación esixe que o mercado europeo de biodiésel para transporte e calefacción alcance os 10.000 millóns de litros anuais no 2010. Non obstante, e de acordo cos datos da propia Unión Europea, a capacidade de produción actual é de só 2.400 millóns de litros anuais.
De acordo cos datos compilados pola Asociación de Produtores de Enerxías Renovables (APPA), a produción de biocarburantes en España alcanzou no 2006 445.577 toneladas, das que o 28% corresponderon a biodiésel (124.577 t). Así e todo, as vendas de biocarburantes aumentaron no 2006 a un ritmo moi inferior ao da produción, aumentando só un 19% con respecto ao ano anterior, ata chegar ás 241.849 toneladas, das que arredor do 21% era biodiésel (62.909 t). En termos enerxéticos, as vendas nacionais de biodiésel procedentes das plantas españolas representaron unicamente unha cota de mercado do 0,23% do conxunto do gasóleo de automoción consumido en España no 2006, que superou os 24 millóns de toneladas equivalentes do petróleo, tep.
En España hai 12 plantas que producen biodiésel e decenas delas están xa en proxecto. Non obstante, só 200 das máis de 8.500 gasolineiras que funcionan no noso país, 125 delas en Cataluña, ofrecen biodiésel, mentres que en Alemaña e Austria este produto se comercializa xa en 1.800 gasolineiras.
Materias primas vexetais
O biodiésel prodúcese a partir de aceites vexetais, virxes e reciclados. O aceite vexetal virxe extráese da semente cultivada deixando atrás a fariña de semente que pode usarse como forraxe animal. O aceite é refinado antes de incorporalo ao proceso de produción. Aínda que se poden atopar máis de trescentos tipos de oleaxinosas, as máis comúns na produción deste biocarburante son a colza, a planta con maior rendemento de aceite por hectárea, a soia, o xirasol e a palma, aínda que tamén se poden utilizar aceites usados, como os de fritura, que é unha materia prima moi barata e ademais permite reciclar o que noutro caso serían residuos.
Precisamente, as materias primas máis utilizadas en España para a fabricación de biodiésel son os aceites de fritura usados e o aceite de xirasol. Tamén se están a realizar probas con aceite de colza e con Brassica carinata, coñecida como a mostaza etíope.
Problemas para recoller os residuos
No resto dos países da Unión Europea a produción de biodiésel adóitase obter dos aceites extraídos de plantas oleaxinosas, especialmente do xirasol (en Italia) e da colza (en países de Centroeuropa). Mentres que en Occidente se optou maioritariamente polos aceites vexetais limpos, en China o aceite de cociñar usado é, xunto ás graxas animais, unha das materias primas básicas do biodiésel. Segundo un informe do World Watch Institute, estímase que as cociñas dos restaurantes chineses xeran millóns de toneladas de aceite residual cada ano. O seu destino ata hai uns anos era ou ben desbotalo ou ben reutilizalo en cociñas de menor nivel, o que ocasionaba frecuentes intoxicacións alimentarias.
O aceite de fritura usado é unha das alternativas con mellores perspectivas na produción de biodiésel. É a materia prima máis barata e coa súa utilización evítanse os custos de tratamento como residuo. A produción dos aceites usados en España sitúase arredor das 750.000 toneladas/ano, segundo cifras do 2004. O informe sobre o marco regulador dos carburantes propón reciclar aceite de fritura en biodiésel. Agora ben, a súa recollida é problemática, a pesar de que a Lei 10/98 de residuos establece a prohibición de verter aceites usados. A Comisión Europea propón que o Ministerio de Medio e os concellos creen un sistema de recollida de aceite frito, oleínas e graxas en tres etapas: industrial, hostalería e doméstica.
O custo de produción, o principal problema
Por agora, o biodiésel non pode competir en prezo co diésel convencional. Os seus custos de produción ascenden ao dobre dos da gasolina e aos do gasóleo, e iso sen engadir os impostos. No tocante á fiscalidade (Directiva 2003/30/CE), o biodiésel está exento do Imposto de Hidrocarburos, pero a súa comercialización si está sometida ao Imposto de Vendas Minoristas de Hidrocarburos (IVMH). Con todo, este inconveniente irase reducindo co tempo. A tecnoloxía procesadora mellora e abarátase. Hoxe, en España, unha planta extractora de biocombustible a partir de xirasol vale preto de 2.000 millóns de pesetas. Pero calcúlase que dentro de dez anos custará un 30% menos.
A materia prima tamén axuda: os prezos das sementes de xirasol, colza e soia baixan cada vez máis. E, comparativamente, os prezos do gasóleo non fan máis que subir. A competencia esváese, pero ata entón, e salvo contadísimas excepcións, o prezo do biodiésel nas gasolineiras é o mesmo que o do diésel tradicional. Así as cousas, o litro de biodiésel en Navarra oscila entre os 0″845 e os 0″909 euros, mentres que en Barcelona pode chegar a custar ata 0″949 euros. En Madrid, o litro de biodiésel non baixa dos 0″928 euros e pode chegar a cotizarse a 0″932 euros. Nas gasolineiras valencianas os prezos por litro oscilan entre os 0″903 e os 0″926 euros, e nalgunhas biscaíñas e sevillanas pódese atopar dende 0 “879 euros.
As marcas de automóbiles non se poñen de acordo
Os fabricantes de automóbiles non se poñen de acordo sobre se este tipo de combustible causa problemas nos seus modelos diésel. Mentres que algunhas marcas de coches o recomendan expresamente, outras advirten sobre futuros problemas no motor. O problema radica en que os aceites vexetais teñen a particularidade de disolver a goma e o caucho, materiais empregados na fabricación dos condutos e nas xuntas do sistema de alimentación dos vehículos (látegos ou manguitos), polo que co uso prolongado dun combustible biodiésel 100% se poderían chegar a degradar os devanditos condutos, producindo algún poro ou perda de combustible.
Non obstante, todos os vehículos diésel fabricados nos últimos dez anos (o 80% dos que circulan na actualidade), poden utilizar perfectamente biodiésel, mesmo ao 100%, sen necesidade de realizar ningún cambio ou axuste nos seus motores. Así e todo, ante a imposibilidade de controlar se os vehículos que repoñen nas estacións de servizo están ou non preparados para a utilización de biodiésel 100%, actualmente comercialízase tanto en estado puro (o chamado B100) como mesturado con gasóleo en proporcións de entre o 10% e o 20% (os chamados B10, B15 ou B20).
As vantaxes e os inconvenientes do biodiésel
Vantaxes fronte a outros carburantes
- Trátase dun combustible 100% vexetal e 100% biodegradable. É unha enerxía renovable e inesgotable, non xera residuos tóxicos nin perigosos.
- Diminúe nun 90% a emisión de CO2, gas causante do efecto invernadoiro, no ciclo completo do produto, grazas a que a planta da que xorde o aceite depurou dióxido de carbono durante a súa vida útil (o 10% de emisión neta, non renovable, correspóndese coa adición de metanol no proceso en planta e cos consumos enerxéticos necesarios no ciclo de vida do produto).
- Non contribúe ao efecto invernadoiro, dado que o CO2 (dióxido de carbono) que se xera na súa combustión foi captado mediante a fotosíntese no crecemento das plantas necesarias pola súa produción, non incrementando polo tanto a cantidade de CO2 á atmosfera, fenómeno que se coñece como ciclo pechado de CO2.
- A utilización de biodiésel puro (100%) ofrece importantes vantaxes ambientais en relación ao gasóleo convencional, en especial no tocante á redución das emisións, que son nulas en óxidos de xofre; un 80% menos en dióxidos de carbono; un 65% menos en partículas e un 50% menos en monóxido de carbono e hidrocarburos.
- Non contén nin benceno nin outras substancias canceríxenas (hidrocarburos aromáticos policíclicos). O biodiésel, como combustible vexetal, non inclúe ningunha substancia nociva, nin prexudicial para a saúde, a diferenza dos hidrocarburos, que teñen compoñentes aromáticos e bencenos (canceríxenos). A non-emisión destas substancias contaminantes diminúe o risco de enfermidades respiratorias e de alerxias.
- A produción de biocarburantes supón unha alternativa de uso do chan que evita os fenómenos de erosión e desertización aos que poden quedar expostas as terras agrícolas que, por razóns de mercado, están sendo abandonadas polos agricultores.
- Co uso de aceites vexetais contribúese de xeito significativo á subministración enerxética sostible, o que permite reducir a dependencia do petróleo, incrementando a seguridade e diversidade nas subministracións, así como o desenvolvemento socioeconómico da área rural (produción de oleaxinosas con fins enerxéticos).
- A tonelada de CO2 ten un custo, e mércase e véndese no mercado europeo de dereitos de emisión. O cumprimento dos obxectivos españois de biocarburantes no 2010 evitará a emisión á atmosfera de seis millóns de toneladas de CO2, o que supón un aforro anual de 118 millóns de euros cos prezos actuais da tonelada do gas, que rolda os 20 euros.
- O seu uso pode alongar a vida útil dos motores, xa que posúe un alto poder lubricante e protexe o motor reducindo a fricción, o desgaste, ruídos e mais os seus gastos de mantemento.
- Tamén é importante destacar o poder disolvente do biodiésel, que fai que non se produza feluxe e que mantén limpos os sistemas de condución e inxección do circuíto de combustible dos motores.
- O transporte do biodiésel é máis seguro debido a que é biodegradable. En caso de derramo deste combustible en augas de ríos e mares a contaminación é menor ca a dos combustibles fósiles.
- Diversas probas realizadas pola Universidade de Idaho demostraron que a súa degradación nunha solución acuosa era do 95% despois de 28 días, período que comparte co azucre. Pola contra, no mesmo período de tempo, o gasóleo só se degrada nun 40%.
- Non é unha mercadoría perigosa, xa que o seu punto de inflamación se atopa por riba de 110º C, e a súa manipulación e almacenamento son seguros.
- Pódese almacenar e manexar do mesmo xeito ca calquera combustible diésel convencional.
Inconvenientes fronte a outros carburantes
- Por agora, o principal inconveniente do biodiésel é o prezo. Os seus custos de produción ascenden ao dobre dos da gasolina e o gasóleo, e iso sen engadir os impostos.
- Para que os biocombustibles sexan significativos no mercado enerxético mundial, son necesarias grandes superficies de cultivo, xa que do total da plantación só se consegue un 7% de combustible. No caso de España, se se utilizase como chan cultivable unha terceira parte do territorio só permitiría cubrir a demanda interna de combustible.
- A creación de grandes extensións de monocultivo obriga a usar grandes cantidades de herbicidas, insecticidas, fertilizantes, produtos químicos máis ou menos agresivos para controlar as posibles pragas que non benefician á saúde humana (neste caso á dos cultivadores, porque ninguén vai comer a colleita) nin á calidade do chan. Ademais, unha extensión monocultivada é sempre moito máis vulnerable ás pragas que unha zona onde se fagan cultivos mixtos con diversas especies.
- A baixas temperaturas pódense empezar a solidificar e formar cristais, que poden obstruír os condutos do combustible.
- Polas súas propiedades solventes, pode abrandar e degradar certos materiais, tales como o caucho natural e a escuma de poliuretano. É por isto que no caso de vehículos antigos pode ser necesario cambiar algunhas mangueiras e reténs do motor antes de usar biodiésel.
- O considerable gasto de auga é, por outra banda, o principal inconveniente que presenta a produción de biodiésel en zonas con déficit hídrico, xa que o método convencional precisa entre catro e cinco toneladas de auga para producir unha tonelada de biodiésel.