"A idade do pavo"

Unha etapa desconcertante para pais e fillos

Educar é asistir activamente a un proceso de emancipación. Aínda que non nos guste, temos fillos para que marchen da casa. E nese proceso evolutivo no que van adquirindo as súas parcelas de autonomía vanse producindo rupturas con respecto ós pais.
1 Novembro de 2000
Img psicologia listado

Unha etapa desconcertante para pais e fillos

A idade do pavo é con frecuencia o momento no que ese choque xeracional é máis espectacular e, en ocasións, máis difícil de comprender para os pais e máis doloroso para os adolescentes. Partamos do que é obvio: os fillos non veñen cun libro de instruccións, e cada un é un ser único e irrepetible que, para ser comprendido, require dos seus pais e irmáns moita paciencia, capacidade de escoitar e dotes de observación. O ser humano ten unha triple dimensión: biolóxica, psicolóxica e social. E no adolescente prodúcense de socato cambios nas tres dimensións, o que causa o desconcerto do propio mozo e da súa familia. Aínda que a transición da nenez á idade adulta poida durar moitos anos, a idade do pavo adoita vir acompañada dun cambio de carácter, ás veces profundo. O adolescente comeza a percibir unha aparencia física diferente: os trazos infantís deixan paso a un certo desleixo e desproporción nas formas corporais, nace o pelo, a maduración das gónadas sexuais dá lugar ás primeiras menstruacións nas rapazas e ás primeiras exaculacións nos rapaces. De súpeto, os nenos atópanse cun corpo estraño e deben afacerse á nova circunstancia: vense “metidos” nunha anatomía case adulta que lles resulta allea e os inqueda moito. O corpo convértese en algo novo, que debe ser minuciosa e constantemente observado: as sesións de espello fanse eternas, calquera cambio -espiñas, pelo, cambio da voz nos rapaces, a menstruación e o crecemento dos seos nas rapazas- convértese nun contratempo e comezan as reflexións e, ás veces, os incesantes coidados corporais para aceptarse un mesmo e para ser ben visto polos demais. Nesta idade, distinguirse dos demais non é xeralmente un obxectivo. A maioría dos adolescentes, nesta fase da idade do pavo, amósanse rebeldes con respecto ás consignas, pero obedecen submisamente os dictados da moda xuvenil máis convencional.

Co sexo fomos dar

Coa maduración sexual, xorde a atracción polo outro sexo. É un momento que se vive con moita angustia e que se percibe como un descubrimento espectacular. Coa evolución dos costumes, modificáronse as conductas adolescentes no tocante ó sexo. Agora, tamén elas toman a iniciativa. Os modos e estratexias de seducción son máis abertos e directos, e actívanse tanto pola banda dos rapaces coma pola das rapazas. Este descubrimento da sexualidade leva á exploración do pracer que produce practicala, a soas ou en compañía. Hoxe, poucos adolescentes ven o sexo coma algo perverso ou pecaminoso. Agáchanse case o mesmo cós seus maiores, pero non temen tanto a práctica do sexo. Para os pais, a actividade sexual dos seus fillos é, ante todo, un problema: de conciencia moral (“pero se son tan novos que…”), de estilo (“na nosa época, o sexo era unha cousa máis romántica, máis elegante…”) e, fundamentalmente, de risco (“mira que se a deixas embarazada” ou “se quedas encinta, qué farías cun meniño ós 17 anos”). Pero para moitos adolescentes, o sexo é unha aventura apaixonante pola que paga a pena asumir certos riscos. Esta maneira tan diverxente de vivi-la sexualidade frea a implantación dunha educación sexual eficaz para os nenos. Prohibir drasticamente ou anatematiza-las relacións sexuais propicia que as realicen con conciencia de culpa, que non soliciten a información precisa e que corran riscos perfectamente evitables, como as enfermidades contaxiosas e o embarazo non desexado. Tanto educadores coma pais debemos proporcionarlles ós adolescentes informacións claras e completas, primando, se é o caso, a recomendación dun sexo consciente, responsable, seguro e pracenteiro. Por outra banda, a idade do pavo é unha fase na que os mozos precisan comproba-las posibilidades e habilidades do que perciben como novo continente físico, o seu propio corpo. Por iso, a práctica de deportes é particularmente aconsellable nesta idade.

Qué pasa nesa cabeciña

No adolescente, a procesión vai por dentro: a súa psique, as súas emocións, son un fervedoiro de problemas, inseguridade, dúbidas e contradiccións. Non sabe quén é nin o que quere, vese inestable nos seus propósitos. E, nas súas conductas visibles, reacciona dun xeito sorprendente: amósase teimudo, obstinado nas discusións, leva a contra case por sistema, fala pouco e cando o fai é mediante murmurios; ou, o que é peor, a berros, como quen está seguro de todo e acaba de descubri-la verdade das cousas. Discute só para gañar, para atopar na loita dialéctica esa firmeza da que carece. Precisa “mata-lo pai”, derroca-la autoridade. Por iso é contestatario, rebelde sen causa. Pero pensa que só esa ruptura traumática o vai conducir á emancipación. Con esa oposición sistemática están reivindicando ante os adultos o “eu non son ti”. Precisan ser autónomos e que se lles recoñeza que son independentes nalgunhas cuestións. Pero á vez, e isto alporiza ós pais, moitas veces non son responsables no tocante ós estudios, en ordenaren a súa habitación ou en racionalizaren os seus gastos persoais. A batalla está asegurada. Os pais espétanlles “se queres face-la túa vida e ser independente que sexa para todo: para estudiar e para organizarte mellor” e eles responden cun lacónico e polivalente “o único problema é que non me comprendes”. Os adultos tamén fomos adolescentes, pero nunca tivémo-la idade dos nosos fillos. Hai 30 anos viviamos nunha dictadura, non había máis ca unha TV, non existían os ordenadores nin Internet, na escola as clases non eran mixtas, pensábase que a masturbación era pecado, as familias de dous e tres fillos eran o normal, os mozos espertaban ó sexo na vintena e non había preservativos nin educación sexual ningunha, o traballo era abundante, o rock era cousa de toleiróns, case ninguén viaxaba nas vacacións e só ían á Universidade uns poucos elixidos. Calquera semellanza coa realidade actual é pura coincidencia. Se partimos disto, estaremos máis capacitados para entende-lo mundo interior dos adolescentes, e máis motivados para observalos con atención e escoitalos con paciencia, proximidade e cariño. Agora ben, aínda que poidamos ceder en cousas para eles importantes (aparencia externa, gustos musicais e afeccións, amizades, horarios en días festivos…) debemos amosarnos firmes no fundamental: respecto a pais e irmáns, responsabilidade nos seus deberes académicos e no fogar, saúde e seguridade persoal… Porque, aínda que se opoñen a calquera autoridade, precisan unha referencia, unhas certezas que alivien o seu estado de dúbida e lles sirvan de orientación. Cando se educa un adolescente, hai que facelo a longo prazo. Se mantivemos nesta etapa unha actitude de escoita e comunicación, combinando o afecto coas concesións e a firmeza, é moi probable que volvan á normalidade da vida familiar. Porque, desde esa serenidade adquirida, percibirán a familia coma o valor seguro que é.

Flexibilidade e intelixencia

O tirón que cada adolescente experimenta para non perde-lo estado de ebulición mental e física que a súa idade e os seus cambios físicos lle xeran é tan forte que os adultos pouco poden facer, máis alá de xuntaren información sobre os seus hábitos. E a influencia do medio social está tan chea de riscos que os pais poden adoptar posicións extremas: prohibición total, protección excesiva, obsesión por saberen todo o que fai o fillo ou filla… A flexibilidade é a actitude máis intelixente: non discutamos polas cuestións menores, pero defendamos unha posición firme, aínda que sempre razoada, sobre certos hábitos que atentan contra a saúde, a seguridade ou o ritmo dalgunhas diversións que impiden que cumpra cos estudios ou se alimente e descanse correctamente. Resúltanos difícil comprender por qué van en masa, bailan ó mesmo ritmo, visten igual e escoitan a mesma música. Pero é o seu seo social, que senten como protector da súa inseguridade. Aí están a gusto. Deféndense fronte a un mundo adulto que consideran agresor. E nese útero de masas van incubando o seu proceso de emancipación. En períodos posteriores, deixarán de precisa-la masa protectora e irán por libre. Agardémolos coas portas abertas, pero sen perde-lo fío de por ónde e cómo se vai tecendo ese proceso de construcción persoal.

Cómo axudar ós nosos fillos na idade do pavo

Hai algunhas manifestacións típicas desta idade que preocupan ós pais: o fracaso escolar, o inicio no consumo de alcol e drogas, as conductas marxinais, ese illamento de todo e de todos que pode esixi-la intervención dun psicólogo… O certo é que cada adolescente é todo un mundo que debemos coñecer, e podemos axudarlle ó noso fillo nesta etapa se actuamos como segue:

  • Manternos ben informados de cómo evolucionan os seus sentimentos e emocións, o seu corpo e as súas relacións sociais. -Permanecer abertos á comunicación con el ou ela, en calquera circunstancia.
  • Descubrir qué lles agrada. Escoitalos con paciencia e interese.
  • Facilita-la súa emancipación, cedéndolles ós poucos cotas de liberdade e de responsabilidade.
  • Amosarnos flexibles no que coidemos que é accesorio, e firmes no fundamental.
  • Saibamos, en termos educativos, agardar (ollando a medio prazo) e procuremos, sempre, poñernos na pel do noso fillo. Para iso, debemos coñecelo e respectalo moito.