Ocúltase, pero existe e pode combaterse
Durante moitos anos falouse case exclusivamente da menopausa e dos seus riscos, como se o declinar hormonal cos anos fose soamente un asunto de mulleres e os homes se mantivesen alleos a este acontecemento. A terapia substitutiva aplícaselles con crecente frecuencia ás mulleres e non sen certas reservas, pero aínda se está moi lonxe de que os homes asuman o seu natural declive e a conveniencia dunha terapia semellante adaptada a eles. De feito, ás consultas médicas acoden moitos homes ós que se lles diagnostican depresións e disfuncións varias, que agachan o inicio da andropausa e poderían mitigarse, cando menos en parte, cun tratamento axeitado.
Síntomas da andropausa
A andropausa consiste no declive gradual de tódalas funcións fisiolóxicas do home, desde as cognitivas ata as físicas. A partir de certa idade, os homes comezan a sentir que a súa capacidade de concentración e a súa memoria diminúen, que perden forza muscular. E que, como acontece nas mulleres, se produce un incremento da graxa e cambia a súa distribución no corpo. A masa ósea redúcese e pode aparece-la osteoporose, descenden tanto o interese sexual (ou libido) coma a potencia sexual, altérase o ritmo do sono, rexístranse cambios de carácter, xorden depresións de maior ou menor severidade, pérdese o interese polas cousas e sucédense cambios emotivos e do estado de ánimo de xeito inesperado.
As hormonas masculinas tamén sofren o paso do tempo
Se nas mulleres se fala dunha estróxeno-deficiencia, nos homes podémonos referir a unha andróxeno-deficiencia, xa que a diminución das hormonas androxénicas é o fundamento da andropausa. Diminúe a producción de testosterona, hormona masculina, que pode determinarse no sangue. A partir dos 60 anos detéctanse significativos descensos do nivel de testosterona no sangue a primeira hora da mañá. Tamén se anotou a diminución doutras hormonas androxénicas, pero o mellor indicador semella se-la testosterona. A andropausa coñécese tamén como Síndrome de Adam, o que non é ningunha referencia bíblica, senón as siglas de Androgen Deficiency Aging Male, que se podería traducir como Andróxeno Deficiencia da Ancianidade Masculina.
¿Pode previrse?
Se se diagnostica precozmente, o lóxico é instaurar un tratamento para reverte-la situación ou retarda-la súa evolución. Pero aínda non hai resultados fiables sobre a terapia hormonal substitutiva a longo prazo. O tratamento da andropausa persegue eliminar ou atenua-los síntomas, pero fundamentalmente vai orientado a restaura-las funcións sexuais, xa que hai unha clara asociación entre os niveis de testosterona plasmática e a calidade e frecuencia da erección do pene. Cómpre non esquecer, ademais, que en moitos casos ó déficit de testosterona únese, pola idade, unha arteriosclerose que reduce o fluxo sanguíneo nos corpos cavernosos do pene, o que fai máis problemática a vida sexual. Pero o tratamento tamén persegue incrementa-las ganas de vivir, mante-lo vigor físico e a capacidade intelectual. A terapia hormonal substitutiva masculina non está moi espallada, ó contrario do que acontece entre as mulleres, que cada vez recorren máis a esta clase de terapia.
Tratamento con testosterona
Hoxe en día, o tratamento masculino realízase mediante testosterona. En España só se comercializa como inxectable intramuscular que se absorbe lentamente, polo que se administra cada 2-3 semanas. Noutros países hai parches transdérmicos que proporcionan uns 5 miligramos diarios, cantidade semellante á dose fisiolóxica diaria precisa, que o corpo asimila de maneira progresiva. Tamén se investiga sobre as implantacións subcutáneas ou pellets, que teñen un efecto que pode durar tres ou catro meses. A testosterona é unha hormona sexual, con efecto andróxeno e anabolizante, que debe empregarse só cando o indica o médico especialista. Quen padece afeccións como epilepsia, diabete, crecemento prostático benigno (adenoma de próstata), hipertensión, insuficiencia hepática ou renal e insuficiencia cardíaca, deben ter moita precaución ante esta terapia hormonal, que está absolutamente contraindicada en pacientes con cancro de próstata ou cancro hepático. Durante o tratamento con testosterona convén someterse a exames periódicos de próstata, e dado que os problemas urolóxicos adquiren unha especial relevancia durante a andropausa, o paciente deberá poñerse en mans dun urólogo que o oriente sobre o tratamento máis axeitado e os controles que debe efectuar.
Non paga a pena ocultala
A andropausa é tan fisiolóxica no home coma na muller o son a menopausa e o climaterio. A aparición de síntomas como decaemento, disfunción eréctil, perda de interese polo sexo, tristura, etc. nun home adulto de máis de 55-60 anos, fai pensar na andropausa. Pero non hai motivos para ocultala; pola contra, débese acudir ó médico para que nos axude a superar esta situación, que non é ningunha enfermidade nin estigma, trátase tan só dun proceso fisiolóxico que en moitas ocasións require tratamento e mesmo axuda emocional.
Como en calquera outra alteración da saúde, é importante o diagnóstico precoz e que o afectado lles preste moita atención ós primeiros síntomas. Aínda que hai numerosas propostas de cuestionarios e protocolos para investiga-la súa aparición, o máis sinxelo e fiable é o da Universidade de San Luís. O quid está na primeira e na sétima pregunta, que se refiren á calidade da vida sexual e ó declive da mesma, síntomas clave. Se a resposta ás dúas preguntas é afirmativa, ou o son as contestacións de tres das outras cuestións, non hai dúbida: o síndrome de Adam estase instaurando. Hai tamén determinacións de testosterona, pero resultan caras e a maioría das veces non son precisas xa que coa sintomatoloxía é abondo para detecta-la andropausa. ¿Diminuíu a súa apetencia sexual? ¿Séntese falto de enerxía? ¿Diminuíu a súa fortaleza e forza físicas? ¿Perdeu estatura? ¿Notou unha diminución das ganas de vivir? ¿Séntese triste e irritable? ¿Son as súas ereccións pouco potentes? ¿Queda durmido despois da cea? ¿Notou unha diminución da súa capacidade para o traballo?