A forza do vento acende a luz
A suba do custo da gasolina, o fuel e outros combustibles derivados do petróleo non só abre os informativos de TV, senón que se leva boa parte (non prevista) dos cartos dos consumidores, eleva a inflación, que á súa vez encarece os créditos que pagamos. Desde unha perspectiva ambiental, esta crise do petróleo podería ter un efecto beneficioso: a reducción do consumo e o impulso de enerxías renovables, como a solar ou a eólica. Pero todos sabemos que diso, pouco ou nada. O consumo de petróleo no mundo non descende e as enerxías renovables, moito máis respectuosas co medio natural, seguen desenvolvendo un papel simbólico na xeración e consumo enerxético no noso planeta. En novembro do ano pasado un litro de gasolina súper custaba 130 pesetas, hoxe anda arredor das 160; en canto ó gasóleo, para encher un depósito de 50 litros dun coche diesel, hai un ano precisábanse 5.000 pesetas mentres que hoxe nos esixirían 6.300 pesetas, un encarecemento do 26% nun ano, dez veces máis cá inflación prevista para ese período. E a maioría da electricidade que consumimos no noso país segue procedendo das centrais térmicas, que funcionan a base de carbón e fuel óleo, que en absoluto son fontes renovables de enerxía. Ou das centrais nucleares, en claro declive e con inevitables carencias ambientais. O resto do futuro é acadar unha fonte de enerxía barata, non contaminante, renovable e accesible para tódolos países do mundo, que lle permita ó transporte, ás industrias e fogares mitiga-la servil dependencia que hoxe amosa ante o petróleo. ¿Podería esta enerxía proceder do vento? Atas hai poucas décadas, a ciencia e a técnica non lograban ganarlle a batalla ó deus Eolo para aproveita-la forza dos ventos e conseguir enerxía de xeito rendible e en cantidade abonda. Foron precisos moitos anos de estudios, experimentos e fracasos en prototipos de aeroxeradores ata que, por fin, lograron alzarse sobre os nosos outeiros, praias e devesas uns muíños que pouco teñen que ver esteticamente cos que estampan desde hai séculos A Mancha, pero que serven para converte-la forza do vento en enerxía eléctrica. Hoxe semella que a súa utilidade e rendibilidade é incuestionable.
A primeira entre as renovables
Estímase que dentro de dez anos, a enerxía eólica representará en España 9.000 megavatios (MW) anuais en xeración de electricidade, un 15% da que se consume no noso país. Moi lonxe desta importante cifra quedan outras fontes renovables como a solar, malia ás numerosas horas de sol das que goza a península e aínda máis lonxe figuran os dispositivos tecnolóxicos para aproveita-la forza das olas e das mareas. Pero non todo é pesimismo: os expertos estiman que no 2006, o 8% da enerxía consumida en España será renovable. Estas porcentaxes poden semellar escasas, pero adquiren a súa verdadeira dimensión cando se cotexan cun dato esclarecedor: hai tan só dous anos, as centrais térmicas, nucleares e hidroeléctricas subministrábanlle o 98% da enerxía á rede eléctrica e soamente un 2% proviña de fontes renovables. Destas, e con permiso da enerxía solar, hoxe o ranking está liderado pola enerxía eólica, que emprega como materia prima un ben renovable e abundante: o vento. A enerxía eólica aprovéitase de dúas maneiras ben diferenciadas. Nunha delas, serve para que unhas aerobombas -o modelo máis común son os muíños de varias pas do tipo americano- tiren auga dos pozos sen máis axuda có vento; noutra, os muíños incorporan un xerador eléctrico e producen corrente cando sopra o vento; chámanse aeroxeradores. Os muíños que xeran enerxía eléctrica teñen tres palas, e, pola súa crecente implantación, xa resultan case familiares na paisaxe de moitos puntos da nosa xeografía. Os aeroxeradores poden producir enerxía eléctrica de dúas maneiras: en conexión directa á rede de distribución convencional e de xeito illado. A primeira emprega muíños de vento de gran potencia que verten a súa enerxía á rede eléctrica. Conviven con este sistema, aínda que de maneira case testemuñal, as aplicacións illadas de xeradores de pequena ou mediana potencia para usos domésticos ou agrícolas: iluminación, pequenos electrodomésticos, bombeo, irrigación… Os sistemas máis desenvolvidos e rendibles denomínanse parques eólicos e consisten en agrupacións de varios muíños que lle envían enerxía eléctrica á rede. A capacidade de producción da enerxía eólica, tan dependente das condicións meteorolóxicas, é en certa maneira imprevisible, pero considérase que o seu grao de penetración nas grandes redes de distribución eléctrica pode chegar sen problemas ó 15% ou 20% do total, sen especiais precaucións na calidade da subministración nin na estabilidade da rede. En Fuerteventura (Canarias), os 20 MW producidos polo parque eólico de Cañada del Río cobren o 25% das necesidades eléctricas da illa. En Navarra, o 6% do consumo total en 1999 proporcionárono os seus numerosos parques eólicos. Tampouco estamos falando de alta tecnoloxía: agás as paletas de material lixeiro e as turbinas controladas por microprocesador, os aeroxeradores comerciais non incorporan novidades substanciais con respecto ós que se construíron hai 50 anos. A enerxía eólica é, polo tanto, un proxecto vello que madura día a día.
Respecto ó ambiente
O proceso de obtención da enerxía eólica debe ser coherente co respecto ambiental que predican os seus promotores e está suxeito a unha normativa específica. Antes de proxectar un parque eólico, por exemplo, é obrigatoria a realización dun estudio de impacto ambiental que determinará a súa viabilidade; unha instalación rendible pode perfectamente desestimarse polos efectos negativos que lle ocasiona ó contorno. O estudio analiza o emprazamento elixido, o tamaño da instalación e a distancia entre o parque eólico e áreas sensibles, como asentamentos humanos e espacios naturais protexidos. Se non se cumpren os requisitos, débense dete-las obras ata axustalas á normativa. Ademais, ó finaliza-la instalación e durante a explotación débense presentar informes ambientais periódicos. E cando remata a vida útil dos aeroxeradores (estímase que nuns 25-30 anos), e no caso de que non continúe a actividade productiva, débense retira-los muíños e repoboarse con vexetación o oco que deixaron, no que quedarán soterrados as zapatas e os cables.
A proliferación de parques eólicos está provocando reaccións sociais moi encontradas. E, como case sempre acontece, moitas delas están xustificadas. Comezando polo quizais máis anecdótico, o vento é un bo transmisor do ruído e nalgunhas poboacións próximas ós parques eólicos recolléronse queixas polo aumento da contaminación acústica, aínda que hai quen sinala que o ruído procede máis do propio vento ca dos muíños. O innegable é que a instalación dun parque destes muíños produce impactos ecolóxicos e paisaxísticos no terreo no que se asenta. Requírese, e normalmente acontece en espacios illados e de gran valor ecolóxico, o movemento de terras e a construcción de estradas e pistas de acceso ó parque eólico, cando antes só había sendas naturais e de nulo impacto ambiental. A normativa establece que as zonas escavadas durante a obra deben cubrirse con terra vexetal. E que ó remata-la instalación dos muíños debe comezarse o plan de recuperación de solos, coa repoboación con especies autóctonas de crecemento rápido. Hoxe, os aeroxeradores constrúense dun tamaño o máis reducido posible e píntanse con cores que perturben menos a paisaxe, aínda que a súa presencia non pasa en absoluto desapercibida. Pero o que máis lles preocupa ós ecoloxistas e defensores da natureza é a negativa repercusión destes muíños de vento nas aves. No estudio previo á instalación dun parque eólico, débese reflecti-la presencia e o paso de aves, acompañado por un inventario de especies. A morte das aves prodúcese cando baten contra as aspas do muíño e por electrocución coas liñas de alta tensión. En defensa dos muíños de vento, cómpre sinalar que, segundo algunhas opinións, as aves (mesmo as especies migratorias) afanse á existencia das palas e evítanas na súa traxectoria, como fan as árbores e outros obstáculos naturais. Coas liñas de alta tensión o problema é máis complicado, xa que as aves baten contra os cables porque non os ven en pleno voo, o que se procura evitar con elementos que destaquen as liñas, como cintas, balóns ou espirais. A colocación destes cables de alta tensión tamén se deben estudiar: irán en paralelo coas liñas de aeroxeradores facendo corredores por onde poidan pasa-las aves. E, se é preciso, pódese obrigar ós promotores do parque eólico a soterra-los cables.