Enormes diferencias no tempo e o custo que supón aparcar
Hoxe, a saturación do tráfico debida ó uso intensivo do coche particular dificulta o funcionamento eficaz das cidades, reducindo a súa accesibilidade e causándolle danos ó ambiente urbano e ó benestar psicolóxico dos propios conductores. O enorme incremento dos fluxos de tráfico, que exercen presión sobre os espacios centrais das cidades, é, segundo os expertos, un dos principais problemas das nosas urbes. A gran cantidade de desprazamentos en horas punta desborda con frecuencia a capacidade das infraestructuras viarias prexudicando o transporte colectivo e ós conductores de vehículos particulares e ós peóns.
CONSUMER comparou, mediante unha metodoloxía propia e deseñada especialmente para isto, o tempo que tardan os automobilistas en localizar un lugar libre onde estaciona-lo seu vehículo na vía pública (non en aparcadoiros) no centro de Bilbao, Vitoria, San Sebastián, Pamplona, Logroño, Santander, Barcelona, Valencia, Castellón, Alacante, Málaga e Madrid. Ademais, recompilou datos en concellos e empresas de aparcadoiros) sobre outras cuestións relacionadas co feito de aparca-lo vehículo nestas 12 capitais: dotación de prazas de aparcadoiros, tarifas de zonas azuis e de aparcadoiros de pagamento, taxa por recupera-lo coche retirado polo guindastre debido ó seu mal estacionamento, multas por aparcar en dobre fila ou en pasaxe permantente…
As principais conclusións do informe son: unha, que aparcar no centro dalgunhas cidades custa moito máis tempo (ata catro veces máis) ca noutras; dúas, que facelo en días laborables (de media, case 9 minutos e medio por cada aparcamento) soamente require un 10% máis de tempo ca en fin de semana; tres, que o custo que supón aparca-lo vehículo é moi distinto segundo a cidade na que se efectúe o estacionamento: as zonas azuis (OTA, ORA e semellantes) e os aparcadoiros de pagamento custan nunhas cidades ata o dobre, e mesmo o triple, ca noutras; e, catro, que a posibilidade de que os automobilistas que aparcan incorrectamente na vía pública sexan multados ou o guindastre lles retire o vehículo é moi superior (ata dez veces maior) nunhas cidades ca noutras.
Aparcar en Logroño ou Vitoria é moi distinto que facelo en Madrid ou Alacante
Segundo a proba práctica realizada, aparcar (é unha media correspondente a tódolos das da semana, incluídos os festivos) no centro de Logroño e Vitoria require só 3 minutos e medio e 5 minutos, respectivamente, mentres que en Madrid esixe 13 minutos e medio e en Alacante (que estaba inmersa en obras de infraestructura que prexudican o tráfico) supuxo 22 minutos. Estas catro cidades son os valores extremos e as diferencias coas outras oito capitais son importantes.
En Bilbao resulta tamén difícil aparcar pero só en días laborables (máis de nove minutos) mentres que en San Sebastián resulta relativamente sinxelo en laborables (6 minutos) pero moi complicado (máis de 20 minutos) os días festivos.
Barcelona, cunha media de case 8 minutos por cada aparcamento, mellor as fins de semana cós laborables, queda nun termo medio, moi satisfactorio para unha urbe do seu tamaño.
As cidades que máis paciencia esixen ó automobilista que aparca en días laborables son, de peor a mellor, Alacante (lembrémo-la influencia das obras), Madrid, Valencia, Bilbao e Castellón. En todas elas, estacionar no centro de luns a venres require máis de 9 minutos de media.
En fins de semana, a situación mellora algo pero segue sendo complicado deixa-lo coche: só en Bilbao, Logroño e Vitoria se tarda menos de 5 minutos. Nas que máis difícil lles é ós automobilistas aparcar en fin de semana son San Sebastián (case 23 minutos de media), Alacante (case 16 minutos, e os domingos non había obras…) e Madrid (14 minutos).
Como referencia consideremos que aparcar no centro de Barcelona na fin de semana require só 6 minutos, e en Bilbao 2 minutos e medio.
Cómo se mediron os tempos
Os técnicos de CONSUMER realizaron un total de 672 aparcamentos na zona máis céntrica das 12 capitais, de luns a domingo e durante dúas semanas ben afastadas no tempo, unha en febreiro deste ano e a outra en xullo. Aparcouse 56 veces en cada cidade, 8 veces a distintas horas (as mesmas en cada unha das cidades) en cada día da semana, e sempre entre as 8 da mañá e as 8 da tarde. Os estacionamentos efectuáronse na vía pública, evitando os aparcadoiros e con vehículos de tamaño medio.
En cada núcleo urbano, tódolos intentos de estacionamento partiron dun mesmo lugar e tomouse como referencia en cada cidade un edificio emblemático e moi céntrico. A procura de aparcamento iniciábase, en tódolos casos, nas rúas máis próximas ó lugar de partida. E continuaba nas próximas a estas, para volver cara á zona do punto de partida cando, no seu afán de localizar unha praza para aparcar, o conductor se afastaba o suficiente como para que o regreso a pé ata o punto de referencia esixise máis de 10 minutos.
Aparcar na cidade custa máis cartos do que semella
Non se trata só da perda de tempo e da tensión. Aparcar na vía pública leva consigo, non sendo en Castellón (que non ten zonas azuis de aparcamento con horario limitado), tamén un custo, ben distinto entre unhas e outras cidades. Estacionar na zona azul de Barcelona custa 225 pesetas por hora, o triple que en Vitoria e Alacante e máis do dobre do que en Valencia, Madrid, Santander e Logroño.
E cando as cousas se poñen difíciles, sempre queda a opción do aparcadoiro de pagamento. Madrid, Barcelona e Valencia teñen, con moita diferencia, os aparcadoiros máis caros: unha hora de estacionamento custa de media máis de 200 pesetas, mentres que en Logroño, Pamplona e Vitoria representa arredor de 100 pesetas. En Málaga custa 195 pesetas a hora, e en Bilbao, San Sebastián e Santander anda arredor das 150 pesetas. Alacante e Castellón ofrecen aparcadoiros bastante económicos, a unhas 130 pesetas a hora de media.
No tocante á facilidade de atopar unha praza nos aparcadoiros, as diferencias volven ser importantes: San Sebastián conta con unha por cada 21 turismos que pagan o imposto de circulación nese concello, mentres que en Málaga hai unha por cada 206 coches, unha proporción dez veces peor cá donostiarra. Madrid tampouco pode presumir: unha praza de aparcadoiro por cada 128 turismos. Entre as mellor dotadas de aparcadoiros figuran Logroño e Castellón.
Para rematar, quen aparca incorrectamente en San Sebastián, Pamplona e Barcelona está 10 veces máis exposto a que o guindastre lle retire o seu coche ca quen o fai en Logroño. Este dato baséase na proporción do número de servicios que realizan os guindastres municipais con respecto ó número de coches que pagan o imposto de circulación en cada cidade. É dicir, que a presión á que están sometidos os automobilistas que non cumpren as normas é ben distinta nunhas cidades ca noutras.
Boa mostra desta discriminación é a tarifa que se debe aboar para recupera-lo coche retirado da calzada por un destes guindastres: en Santander non custa nada, mentres que en Madrid se deben aboar case 20.000 pesetas, e en Barcelona e Valencia máis de 17.000 pesetas. Logroño e Castellón presentan unha taxa moi económica: menos de 6.000 pesetas. Hai outros dous datos que revelan a moi distinta severidade dos concellos cos infractores: un, en San Sebastián, os axentes municipais impoñen unha media de 1,5 multas de tráfico por habitante e ano, mentres que en Alacante a proporción é dez veces menor. E, dous, en Santander non respecta-la normativa da zona azul sanciónase cunha multa de 10.000 pesetas, mentres que en Alacante a mesma infracción supón unha sanción de soamente 2.000 pesetas.
O tráfico urbano, un enorme problema
A maioría das cidades españolas teñen problemas de saturación e retencións a causa da avalancha automobilística nun tecido urbano con capacidades espaciais e ambientais moi limitadas. O tráfico ocupa aproximadamente o 80% da superficie viaria das urbes e iso aínda que a penas chegan ó 20% as persoas que a cotío se moven na cidade mediante locomoción motorizada. E estímase que o consumo enerxético medio de cada persoa que se despraza no seu vehículo en hora punta é 6 veces superior ó que emprega o transporte colectivo. A procura dun lugar no que estaciona-lo vehículo ocasiona tantos problemas no tráfico rodado que en Tokyo e nalgunhas cidades dos Estados Unidos, se o conductor non dispón dunha praza de aparcamento en propiedade ou en alugueiro, non se lle permite emprega-lo seu automóbil. A policía urbana non autoriza o acceso ó centro de Manhattan se o conductor é o único ocupante do vehículo.
A Unión europea, no seu quinto Programa do Ambiente e no Libro Branco do Transporte recomenda estratexias de ordenación territorial, a potenciación dos sistemas de mobilidade que lle outorguen prioridade ó transporte colectivo, peóns e ciclistas, así como medidas educativas para un uso máis racional do automóbil privado. Unha enquisa a nivel europeo puxo de manifesto o grande apoio social que merecen as actuacións que limitan o tráfico de automóbiles no centro das cidades, entre outras a creación de zonas peonís, os estacionamentos exclusivos para residentes, a reducción dos límites de velocidade en vías urbanas, os carrís para transporte colectivo e vehículos de alta ocupación, o uso do coche compartido e o acceso permitido só ós residentes en determinadas zonas da urbe.
A contaminación atmosférica e acústica e, en xeral, a deterioración da calidade de vida urbana, son efectos directos do tráfico excesivo que tampouco se deben eludir. O transporte é a maior fonte emisora dos principais contaminantes atmosféricos que sofren as nosas cidades. Malia a que a lexislación sobre os gases de escape de automóbiles e camións reducirá a contaminación orixinada por cada vehículo, o aumento do número destes contrarrestará a medio prazo as posibles reduccións. Se unha cidade ten un tráfico lixeiro, ofrece boas posibilidades de aparcamento en superficie e, como complemento, conta con aparcadoiros abondos e baratos, podería pensarse que está favorecendo o uso do vehículo privado. Pero non ten por qué ser por forza así. Aí está Vitoria, unha cidade compasiva co automobilista, pero con numerosas e amplas zonas peonís. Moitos vitorianos realizan a maior parte dos seus percorridos andando ou ben en transporte público. Algo terá que ver a concienciación dos cidadáns, a configuración urbanística da cidade e a calidade do seu transporte público. Polo tanto, non semella totalmente asumible a tese de que o mellor argumento disuasorio para reduci-lo uso do coche privado no centro das cidades é causarlle cada vez máis dificultades ó automobilista, convertendo a cidade nun atasco monumental e nun espacio de tensión, problemas e inseguridade entre os cidadáns.
O desgaste psicolóxico
Aparcar no centro das cidades resulta, na maioría das ocasións, incómodo e desagradable e acaba causando tensión e fatiga. Fai perder moito tempo, e a incerteza de se chegaremos á hora prevista ó punto de destino provoca os nosos nervios. Moitos anóxanse con outros conductores, cos peóns e mesmo cos pasaxeiros dos seu automóbil. Enfrontarse decote a esta situación fai que o automobilista tema a hora de poñerse ó volante e comece a sentir ansiedade anticipadamente, creando un círculo vicioso que aumenta aínda máis a ansiedade.
Este estado emocional inflúe negativamente no seu xeito de reaccionar ante as diversas circunstancias do tráfico. Os acontecementos que causan tensión a cotío provocan reaccións como ansiedade, dores de cabeza, musculares e malas dixestións.
Circular por calzadas saturadas de tráfico e procurar aparcar nos centros das cidades convertéronse en actividades que non por cotiás son menos irritantes, frustrantes e desagradables. Pola contra, a súa condición de cotiás acentúa os problemas. É moi difícil afacerse a situacións tan tensas, e require un grande autocontrol e enormes doses de paciencia.
Estas situacións teñen fío directo coa tensión e producen unha maior activación do sistema nervioso simpático, encargado de ordenarlle ó organismo unha acción inmediata. Aumentan así o ritmo de respiración e cardíaco e a presión arterial, o que lle permite ó ser humano responder máis rápida e eficazmente, polo que circunstancias de perigo, como estar a piques de chocar con outro vehículo, se resolven reaccionando a tempo e freando de súpeto. Non obstante, se a conxuntura non require unha acción inmediata, as sensacións producto desta maior activación do sistema nervioso percíbense como desagradables, polo que esa enerxía engadida non se canaliza nin se utiliza, e as palpitacións e a suor desacougan e tradúcense como algo negativo. Tamén aumenta a activación do sistema nervioso periférico, que regula o nivel de tensión dos músculos e executa os movementos. Por iso, cando permanecemos moito tempo atrapados nun atasco poden xurdi-la dor de cabeza, do pescozo ou das costas. E se a tensión é intensa, frecuente e duradeira xéranse outros trastornos, como sensación de fatiga, falta de apetito ou dificultade para concentrarse.
A aparición da tensión, en realidade, depende de que a situación se perciba ou non como ameazante. Se unha persoa se prepara con calma e sensatez para facerlle fronte, a tensión será mínima. Se, pola contra, traduce esa situación como algo horroroso e inxusto, a resposta comportará tensión muscular, aceleración do ritmo cardíaco…, amais de emocións negativas.
As relacións sociais que se guían polas normas de tráfico son as que producen máis agresividade. E, ó parecer, é nese contexto cando se teñen máis preto armas e obxectos punzantes. A tensión e o incremento de conductas violentas e agresivas prexudica tamén a seguridade vial. A busca dun lugar para aparcar aumenta, ademais, a fatiga dos conductores e este factor é perigoso cando se suma ó cansazo que supón percorrer moitos quilómetros ou ó do final da xeira laboral. A operación de aparcar produce máis casos de insolidariedade entre conductores ca outras igualmente complexas, coma a do adiantamento. A procura dun aparcamento, por outra banda, reduce a atención do automobilista ante a conducción propiamente dita.
Está tan concentrado en atopar unha praza libre que se distrae da conducción, o que aumenta a posibilidade de choques con outros vehículos e atropelos a peóns. E, para rematar, a tensión que provoca a busca de aparcamento non remata cando se acada o obxectivo. Estas alteracións do ánimo mantéñense se non se estacionou o vehículo correctamente ou se se está atento a anova-la tarxeta de pagamento da zona azul, sistema que, aínda que é útil para regula-lo tráfico e despexa-las prazas, crea situacións de tensión nunha sociedade que xa ten abondas.
Desgaste do vehículo
A conducción frecuente por rúas céntricas prexudica o vehículo, que sofre un desgaste maior que se transita por estradas interurbanas. E conducir polo centro da cidade supón un gasto de combustible moi superior ó de facelo por estrada. Ademais, ó circular a moi baixa velocidade e realizar moitas manobras, o carburante non se queima ben e xera carbonciño, que deteriora o motor, as válvulas e as buxías do coche. Pero o compoñente que máis se desgasta ó conducir polo centro da cidade é o embrague. A outra preza do automóbil que máis se resente cando se circula na cidade é o tubo de escape. A súa vida pode reducirse á metade. A auga que se produce dentro do tubo non é expulsada e acumúlase, o que provoca que se oxide. Tamén os pneumáticos sofren, sobre todo cando se sae acelerando dos semáforos por culpa das présas ou dos hábitos incorrectos.
Aparcar no centro de 12 cidades: a clasificación
- Logroño Moi ben. É a cidade na que máis sinxelo resulta aparcar no centro: só 3 minutos e medio, e tanto en laborables coma en festivos. Aparcadoiros, moi ben: son os máis baratos (90 pesetas por unha hora) e a cidade conta coa segunda mellor oferta no número de prazas. A zona azul é económica (95 pesetas a hora) e para o seu control conta coa maior cantidade de axentes das 12 cidades comparadas. O servicio de guindastres tamén é barato: 5.905 pesetas.
- Vitoria Ben. A segunda onde menos tempo require aparcar: pouco máis de 5 minutos de media. E en laborables, só 5 minutos e medio (tamén o segundo mellor tempo). Aparcadoiros baratos (100 pesetas por unha hora), pero moi pouca oferta de prazas. A zona azul máis barata (60 pesetas a hora) e unha das que menos número de horas de pagamento estipula. A menor dotación de vixiantes de zona azul.
- Santander Aceptable-ben. Aparcar custa unha media de case 6 minutos e medio, o terceiro mellor tempo. Case non hai diferencia entre días festivos e laborables. Aparcadoiros, ben: son relativamente económicos (147 pesetas por unha hora) e a súa cantidade de prazas é das maiores. Zonas azuis baratas (90 pesetas a hora). É a única das 12 cidades na que recupera-lo coche retirado polo guindastre non lle supón gasto ningún ó usuario.
- Pamplona Aceptable: estacionar leva unha media de 6 minutos e medio. Tárdase algo máis a fin de semana cós laborables. Aparcadoiros, moi ben: son moi baratos (100 pesetas por unha hora) e a oferta de prazas é máis ca aceptable. Zonas azuis: o prezo é intermedio, 120 pesetas por unha hora, pero a cantidade de vixiantes é inferior á doutras cidades.
- Barcelona Regular. Estacionar no centro require de media case 8 minutos, dous menos as fins de semana. Aparcar sae carísimo. Os aparcadoiros máis caros (250 pesetas por unha hora) xunto con Madrid e, ademais, non hai moitos. Tamén as zonas azuis son as máis caras (223 pesetas de media por unha hora) e é unha das cidades con máis horas de pagamento. O seu servicio de guindastres é o segundo máis caro: 17.725 pesetas.
- San Sebastián Regular. Os datos medios confunden: é a terceira na que máis custa aparcar, con case 11 minutos. Pero os días laborables abonda con 6 minutos, tempo moi aceptable. É onde máis custa aparcar a fin de semana. O domingo leva máis de media hora. A maior oferta de prazas de aparcadoiro, a prezo medio: 147 pesetas por unha hora. Zonas azuis caras (144 pesetas a hora), con moitas horas de pagamento e poucos vixiantes.
- Castellón Regular-mal. Aparcar no centro supón unha media de 8 minutos e medio. Pero os días laborables requírense 9 minutos e medio. Os aparcadoiros son baratos (127 pesetas por unha hora) e dispón dunha ampla oferta deles. Non hai zonas azuis, polo que aparcar é gratis. O servicio de guindastres é o segundo máis barato: só 5.250 pesetas.
- Málaga Regular-mal: de media, estacionar no centro custa 7 minutos e medio. Aparcar en domingo é moito máis doado ca en sábado. Aparcadoiros: moi poucas prazas e, ademais, caros: 195 pesetas por unha hora. Zonas azuis, moi caras: 155 pesetas a hora. O servicio de guindastre, tamén caro: 12.800 pesetas.
- Bilbao Regular-mal. Os datos medios enganan: 7 minutos e 20 segundos. Porque durante a fin de semana, aparcar é moi sinxelo (dous minutos e medio), pero durante os días laborables supón 9 minutos e cuarto. Aparcadoiros de prezo medio (145 pesetas). Zonas azuis un pouco caras (130 pesetas a hora), pero é a cidade con menos horas de cobro. Boa dotación de vixiantes de zonas azuis. O guindastre, prezo medio-alto: 11.260 pesetas.
- Valencia Mal. Unha das peores: aparcar supón unha media de 10 minutos, e máis de 11 minutos os días laborables. Aparcadoiros moi caros (222 pesetas por unha hora), pero as zonas azuis son económicas (80 pesetas por unha hora). O servicio de guindastre é o terceiro máis caro: a taxa para recupera-lo coche, 17.600 pesetas.
- Alacante Mal. A que máis dificultades causa para aparcar (22 minutos de media), pero influíron moito as súas grandes obras de infraestructura. Nas fins de semana, tamén mal (case 16 minutos). Cando menos, aparcar sae barato: tanto aparcadoiros (135 pesetas por unha hora) coma zonas azuis (70 pesetas a hora) son moi económicos.
- Madrid Mal. Requírese unha media de máis de 13 minutos, e resulta igual de difícil en días laborables ca en festivos. Ten os aparcadoiros máis caros (250 pesetas por unha hora), xunto con Barcelona, e é onde máis escasean as prazas de aparcadoiros de pagamento. A zona azul resulta barata (80 pesetas a hora), pero é a cidade na que hai máis horas de pagamento. Hai moi poucos vixiantes nas zonas azuis. O servicio de guindastre é o máis caro: a taxa para recupera-lo coche retirado é de 19.760 pesetas.