Spam ou mensaxes non desexadas

O correo, inzado de publicidade e mensaxes non desexadas

Hai tan só dous ou tres anos, constar cun correo electrónico era non só un luxo senón unha rareza, case unha extravagancia caprichosa. Pero, o que é o paso do tempo, hoxe o enderezo electrónico converteuse nun utensilio común en moitos postos de traballo e nunha ferramenta moi útil nas comunicacións interpersoais establecidas desde o ordenador do noso propio fogar.
1 Novembro de 2000

O correo, inzado de publicidade e mensaxes non desexadas

A familiaridade coa que actuará en breve calquera cidadán ante o correo por Internet é tan evidente como o está sendo a implantación masiva dos teléfonos móbiles. Pero, do mesmo xeito que o número de teléfono é un dato que se lle proporciona soamente a quen nos interesa e a intromisión de estraños e vendedores telefónicos resulta moi molesta, o enderezo electrónico é un lugar privado e, polo tanto, o seu acceso debe estar restrinxido: non todo o mundo pode enviarnos mensaxes. Os correos non desexados non só se entremeten no noso ordenador e na nosa vida e molestan ó internauta, senón que poden causarnos serios problemas.

Os spam ou mensaxes non desexadas

Segundo os expertos, hai uns 263 millóns de enderezos de correo electrónico no mundo e cada usuario recibe unha media de 30 mensaxes diarias. Estímase que o ano pasado o 70% deses correos foron spam, ou mensaxes non desexadas. E no futuro (os televisores, conectados a Internet, funcionarán tamén como caixas de correo electrónico) espérase que a situación empeore, o que fai moi comprensibles as queixas dos cibernautas que non queren ve-la súa caixa de correo electrónico inzada de publicidade ou mensaxes alleas ós seus intereses, e que, ademais, lles custa tempo (e cartos, sempre que non se conte cunha tarifa plana) “baixar” da Rede. Un estudio recente do Gartner Group entre usuarios de correo electrónico revela que nove de cada dez consumidores de Internet son víctimas do spam polo menos unha vez por semana.

Cómo se conseguen as listas de enderezos

Tamén os expertos se fan esta pregunta. Algúns usuarios din non teren nin idea, outros pensan que os enderezos se reparten a través de cookies (pequenas liñas de código que se xeran automaticamente cando o usuario se conecta a Internet, e absorben a identidade do usuario e envíana ós que recompilan, e pagan, este tipo de información). Outros moitos opinan que os que envían mensaxes non desexadas obteñen o seu enderezo cando o usuario se inscribe voluntariamente ó entrar nun sitio web ou no dos provedores de acceso, que venden os enderezos de correo dos seus clientes ás empresas interesadas. Tamén afirman que orixinarse nos diversos servicios, eventos e conversas que se organizan en Internet, onde se lle pide ó usuario que se subscriba para concursar ou participar.

Qué facer ante os emilios comerciais non desexados

A maioría dos usuarios, despois de eliminaren estas mensaxes publicitarias non desexadas cunha considerable perda de tempo, adoitan queixarse, antes ou despois, a alguén. Uns responden remitíndolle improperios a quen lle enviou o spam, outros quéixanse ó provedor de acceso de Internet, algúns escríbenlle á compañía que se beneficia da mensaxe non desexada, e unha minoría comunícallelo ós amigos e coñecidos. Pero tamén os hai máis animados que se dirixen a instancias da Administración para comunicaren a súa queixa. Ante o bombardeo electrónico de correo comercial non solicitado, hai empresas que ofrecen solucións. Por exemplo, algúns programas informáticos de correo electrónico incorporan ferramentas para filtra-las frases máis empregadas polos spammer, e se estas non son abondas o usuario pode agregar outras ferramentas baixadas de Internet. O Spam Attack Pro pode conseguirse en www.sofwiz.com/html/spam_attack_pro.htm. e contén unha lista de spam á que se lle poden ir engadindo outros. O Spam Exterminator (www.unisyn.com/spamex) revisa automaticamente a carpeta de correo en busca destas mensaxes non desexadas, botando man dunha base de datos de dezasete mil enderezos que posúe. E, para rematar, o Spamkiller (www.spamkiller.com) é un dos máis completos e pode traballar con diferentes filtros ata dete-las mensaxes segundo o remitente, palabras clave, o título ou calquera outra indicación que o usuario especifique. Da outra banda están as empresas que deseñan, elaboran e envían estas mensaxes, e manexan e manteñen unha base de datos de enderezos de correo electrónico. Para estas compañías, as persoas que participan nunha lista de correos con fins comerciais son socios, clientes, e nunca víctimas. Defenden que o fundamental é non abusar do número de mensaxes e ofrecer nelas algo, non só información comercial, para que o usuario tire algún beneficio do feito de figurar nunha desas listas. Aseguran que deben te-la facilidade de saíren delas cando queiran.

Navegar a la carta

O outono é unha estación irresistible para gozar da Natureza. Unha fin de semana ou ponte, ou mesmo un único día de festa, constitúen un motivo abondo para visitar unha das moitas paraxes interesantes que ofrece o noso país. Internet pódenos axudar na elección.

  • Patrimonio natural.. Este portal da Generalitat de Catalunya achéganos ó Parque Nacional de Aigüestortes i Estany de Sant Maurici (www.catalunya.net/aiguestortes). Xunto coa descrición das características da paraxe, engade información útil sobre visitas e horarios. Ademais, pódese acceder a tódolos parques naturais, paraxes de interese nacional e á reserva natural de Cataluña.
  • Picos de Europa. Parque nacional. Advirte o seu autor que esta non é unha páxina oficial do parque, pero a calidade e cantidade de información que ofrece fan moi aconsellable a visita a este sitio web. Unha visita que tamén se dirixe ó parque natural de Somiedo de Asturias. Ademais, poderemos decidir ónde durmir e xantar, qué é o que non hai que perderse e un longo etcétera de detalles útiles e consellos.
  • Servidor turístico do Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido.. Para quen amais de gozar da flora e fauna desexa queimar adrenalina practicando deportes de risco, este é un bo lugar onde compaxinar diversión e coñecementos.
  • Galicia, a guía turística.. Enlace moi recomendable se se pensa viaxar a terras galegas. O peculiar mestre de cerimonias introdúcenos nos mellores enclaves desta comunidade autónoma. Punto de vista eminentemente práctico. Incorpora planos, sumarios sobre ónde durmir e xantar tendo en conta as nosas posibilidades de gasto, e amosa praias e paraxes que interesa coñecer.
  • Doñana 21. A páxina oficial ofrece información rigorosa, encamiñada á potenciación do desenvolvemento sostible. Comete un grave erro co uso do eñe, xa que ó manter esta letra nos enlaces dificulta a navegación polas páxinas. Desde ela pódese acceder a www.donana.com, que brinda interesantes ofertas turísticas.
  • Europarc España. Aínda que a súa función non é describir nin ofrecer información práctica sobre destinos de encontro coa natureza, esta páxina pode ser útil á hora de elixir unha ruta turístia, xa que contén un glosario dos espacios naturais divididos por comunidades autónomas coa súa localización e descrición.