Pola igrexa ou civil, pero cun bo banquete
Segundo o Instituto Nacional de Estatística, 206.048 parellas casaron en 1999 e, delas, preto de 155.000 (o 75%) seguiron o rito católico. A maioría dos protagonistas das nupcias son novos; sen embargo, a súa idade media aumenta ano tras ano, e agora os perfís-tipo son un varón que supera os 30 anos e unha muller que case chega ós 28. As separacións, pola súa banda, aumentaron nun 50% entre 1990 e 1997, e os divorcios fixérono nun 48%: se en 1990 se produciron 36.272 separacións e 23.191 divorcios, en 1997 foron 54.728 separacións e 34.147 divorcios.
Cánto custa casar
Estímase que en España as vodas moven arredor de 550.000 millóns de pesetas anuais. Aínda que hai vodas con orzamentos astronómicos e outras con custos moi modestos, pódese estimar que, por termo medio, esta celebración social da unión dunha parella, incluída a viaxe de noivos, supón un desembolso global duns 2,6 millóns de pesetas. O groso do gasto destínase ó banquete, que xeralmente non baixa do millón de pesetas. Outra partida importante lévaa o vestido da noiva e a lúa de mel. O primeiro achégase ás 200.000 pesetas, e a viaxe de noivos chega ó medio millón de pesetas. O traxe do prometido, as fotografías ou vídeo da cerimonia e a música para a sobremesa e o baile son outros gastos ineludibles que incrementan a conta en, polo menos, outras 300.000 pesetas. As invitacións, o peiteado, o ramo, as flores da noiva e de decoración da igrexa e do banquete, as alianzas, o alugueiro dun bo coche (se é o caso) e os puros ou detalles para os invitados redondean a cifra ata os dous millóns e medio de pesetas.
Trámites para o enlace
Os pasos administrativos precisos para deixar de ser solteiro son ben sinxelos. Nun enlace civil cómpre solicita-lo expediente no xulgado no que se celebrará a unión, documento que hai que devolver completado xunto coa partida de nacemento, o certificado de empadroamento e o DNI dos noivos. No xulgado celébrase a firma do contrato matrimonial en días laborables, pero existe tamén a posibilidade de que o alcalde, concelleiros ou xuíces de paz fagan de oficiantes, polo que se acorda con eles unha data, que ben pode se-lo sábado. A fórmula eclesiástica redúcese á entrega ó párroco do templo ó que pertenza un dos contraentes (non ten que ser por forza o mesmo no que se celebre o enlace) das partidas bautismais, os libros de familia e o DNI dos contraentes. Polo xeral, o sacerdote que casa ós mozos ocúpase de remitir ó xulgado a acta contractual. Pasado un tempo, o xuíz de paz da localidade onde se celebrou a cerimonia terá preparado o Libro de Familia. Se o enlace se oficia na parroquia dos noivos será gratuíto, pero se se elixe un templo diferente, xeralmente cóbrase (polo servicio, a luz…) unha cantidade que oscila entre as 15.000 e as 25.000 pesetas.
O ágape nupcial
Entre os innumerables e minuciosos preparativos que require unha voda, o que ocasiona o maior gasto é, sen dúbida, o banquete nupcial. A elección do restaurante onde se realizará o convite para agasalla-los familiares e amigos adquire grande importancia por un dobre motivo. Por unha banda, será a imaxe dos noivos a que se transmitirá de xeito gastronómico, así que non haberá que ter reparo en esixi-los mellores resultados do banquete. Ademais, a data do enlace decídese decote, sobre todo no norte do país, segundo a dispoñibilidade do restaurante, xa que as vodas se celebran case sempre en primavera e verán, estacións nas que as probabilidades dun día con sol son maiores. O menú, que se presenta nunha tarxeta o día da comida ou cea, pódese decidir elixindo directamente da carta ou cinguíndose ós xa deseñados para estes eventos. En calquera caso, cómpre ter presente que a calidade gastronómica do cuberto debe ser igual ou, cando menos, semellante (admítese que preparar douscentos solombos ou asados de peixe é ben distinto de cociñar catro) á degustación previa que se lles ofrece ós noivos para que comproben as prestacións do restaurante. Os viños marcan a diferencia e poden ocasionar problemas, xa que deles depende boa parte da impresión final que deixa un banquete na mente dos comensais. Os noivos pódense decantar por un determinado caldo (é mellor optar por viños de calidade que agraden á maioría dos invitados que elixir viños excelentes pero con características moi concretas que poidan resultar estraños ou defrauda-las expectativas dalgúns padais) e paga-la diferencia con respecto do estándar, se a hai. Difundiuse o costume de abrir unha barra libre (bebidas gratuítas) durante o baile que prolonga o festexo. Se a parella o considera preciso, pode concretar expresamente co restaurante ou discoteca contratados qué bebidas e qué marcas se van servir, o número de camareiros que van atende-los invitados, cántas horas vai abri-la barra e cómo efectuará o pagamento: rexistrando as consumicións e pagando en función do consumo efectuado ou desembolsando unha cantidade fixa, previamente pactada, por cada asistente á voda. Son bastante frecuentes as queixas por mala atención na barra libre. A falta dalgúns tipos de bebida (as caras, especialmente), a escaseza de empregados para atende-los invitados, a demora excesiva entre a torta nupcial e o café, e a conseguinte reducción do tempo para o baile e a barra libre, son as reclamacións máis habituais. E se o pinchadiscos ou a orquestra engaden na factura o copyright ou os dereitos de autor das interpretacións que animan o baile, deberán pagarse, xa que en teoría están obrigados a incluílos.
As fotografías e o vídeo que recollen os principais momentos dese día inesquecible constitúen recordos únicos e moi valiosos. A contratación de profesionais para plasma-lo enlace e o banquete é sinxela, xa que hai moitos que se dedican a cubriren estes eventos. Pero débense acordar con antelación cuestións como o número de fotos e a duración da cinta de vídeo, e sinalar quén será o propietario dos negativos, que polo xeral conserva a axencia para deste xeito poder xestiona-la venda das copias. Invitar ou non ós fotógrafos e, se é o caso, ós cámaras de vídeo, a comparti-lo banquete é cousa dos noivos, que non están obrigados. A elección e compra das flores, máis habituais na igrexa, pero tamén presentes en despachos, carpas ou outros lugares onde se celebran cerimonias civís, pode ser acordada cunha parella que case o mesmo día e no mesmo lugar, para repartir gastos. E, para rematar, as listas de voda. Hai anos o feito de informar ós invitados sobre ónde merca-lo regalo interpretábase como unha imposición de mal gusto ou, cando menos, como unha falta de delicadeza. Hoxe, non. Esta opción resulta a máis cómoda tanto para os invitados coma para os noivos. Ademais, sempre queda a posibilidade de non segui-la indicación e face-lo regalo que se prefira. Hai dúas maneiras de xestionar unha lista de vodas: a primeira consiste en que os noivos determinen unha gama de regalos posibles e os invitados os elixan segundo o seu criterio e os paguen na tenda ou tendas seleccionadas polos noivos. O inconveniente é que os regalos deben ser retirados dentro dun prazo, tralo cal o establecemento pode cobra-la almacenaxe dos obsequios. Na segunda alternativa, os invitados depositan unha cantidade de diñeiro no establecemento onde os noivos abren unha lista de voda e, posteriormente, a parella gasta a suma de tódalas contribucións, naquilo que máis lles interesa. O problema desta modo de xestiona-la lista é que o prazo para elixi-los regalos pode caducar (nalgúns establecementos é de tan só tres meses), polo que os noivos poden verse na situación de adquiriren, sen a penas pensalo, productos que non precisan. Por iso, cómpre aclara-las condicións da lista de vodas e mesmo asinar un contrato que recolla cómo se actuará ante circunstancias como as devanditas. Un contrato verbal tamén será válido. E, en principio, é aconsellable abrir listas de voda en diversos establecementos ou nos que ofrezan máis clases de productos.