O que custa a televisión "á carta"
En total, son máis de millón e medio os fogares e establecementos que cada mes desembolsan como mínimo 3.700 pesetas por teren dereito a elixir entre as aproximadamente 40 canles que conforman os paquetes básicos destas cadeas de TV de pagamento. Os abonados ás plataformas dixitais comparten un perfil semellante: persoas entre 25 e 55 anos, afeitos ás novas tecnoloxías (máis do 50% manexa o ordenador e, deles, a metade conta con acceso a Internet; case o 85% ten teléfono móbil e o 23% mercou algunha vez a través da Rede). Polo momento, as antenas destas cadeas de TV “á carta” instálanse maioritariamente en grandes urbes e cidades pequenas e intermedias, mentres que o mundo rural queda bastante á marxe. Cataluña, Madrid e Andalucía son as comunidades con máis abonados, seguidas de preto pola Comunidade Valenciana e Canarias.
Os primeiros gastos
O procedemento para contrata-lo servicio de calquera das dúas plataformas é semellante, co inconveniente de que cada unha delas opera cun satélite diferente, e se unha comunidade de veciños ou un particular quere subscribirse ás dúas, terá que colocar dúas antenas parabólicas e dous descodificadores. A este respecto, a Comisión do Mercado de Telecomunicacións iniciou a mediados de outubro unha investigación sobre os descodificadores, xa que a súa incompatibilidade nega totalmente a posibilidade tan desexada polos consumidores de que cun só aparello sexa abondo para acceder ás emisións de tódalas plataformas dixitais e dos operadores de TV por cable. En Canal Satélite Dixital e Vía Dixital, a instalación da antena custa unhas 20.000 pesetas, pero esta cantidade é a miúdo obxecto de ofertas, polo que ós futuros abonados, se están atentos ás promocións, lles pode saír gratis a instalación da antena. Sempre haberá que pagar unha cota de inscrición de 15.000 pesetas, que dá dereito á entrega do aparello descodificador e ó mando a distancia, tamén diferentes en ámbolos casos. Tardan tres ou catro días en realiza-la instalación e, a partir deste momento, o abonado enfróntase a un gasto mensual de 1.150 pesetas en Canal Satélite e 1.200 pesetas en Vía Dixital en concepto de alugueiro polo descodificador. A esta cantidade haille que sumar 2.595 pesetas do paquete básico en Canal Satélite, que conta con 42 canles distintas, e 2.500 pesetas no caso de Vía Dixital, que contén 40 canles.
Programación: do menú básico á carta
A programación básica nas dúas plataformas é semellante. As 3.745 pesetas que pagan os abonados a Canal Satélite pola Fórmula Dixital e as 3.700 pesetas do Paquete Básico de Vía Dixital permítenlles moverse por canles que ofrecen series, películas, vídeos musicais, concertos, documentais, canles autonómicas, informativos e debuxos animados. Pero as grandes emisións non se inclúen na opción básica, polo que o 53% dos abonados a Canal Satélite e o 40% dos de Vía Dixital amplía a oferta de canles contratando outros paquetes. O máis frecuente entre os clientes de Canal Satélite é engadirlle á televisión dixital a programación de Canal Plus. Isto supón un gasto mensual de 7.145 pesetas (5.995 pesetas pola canle Premium, Fórmula Dixital máis as catro canles de Canal Plus, mailas pertinentes 1.150 pesetas de alugueiro do aparello). En Vía Dixital o máis común é subscribirse á opción Première que ofrece tres canles coñecidas como Gran Vía, nas que se transmiten cine, series, touros, fútbol e golf. O desembolso será nesta ocasión de 5.695 pesetas ó mes (4.495 do Première máis 1.200 pesetas de alugueiro). Ámbalas plataformas están preparadas para satisfaceren case tódolos gustos e petos, para o que propoñen multitude de fórmulas. Algunhas son tan curiosas que, empregando termos futbolísticos, poderíase dicir que Vía Dixital é culé e Canal Satélite branca. Así, por 750 pesetas máis ó mes nos dous casos, os abonados de un e outro equipo poden dispor de toda a información do club dos seus amores en cadansúa canle. Polo mesmo prezo pódense engadir canles de música (6 diferentes) e de caza, pesca e natureza no caso de Canal Satélite, e o de Play Boy en Vía Dixital. Ademais, esta última abre a posibilidade de contratar unha canle exclusiva de fútbol por 1.495 pesetas ó mes, e Canal Satélite unha de información específica de Medicina por 1.500. O cine tamén se presenta de xeito diferenciado. Canal Satélite ofrece un paquete de cinco canles cinematográficas que custa 1.000 pesetas ó mes, que ben pode acompañar a Fórmula ou a Premium. En Vía Dixital a opción é máis barata, 700 pesetas, pero ten unha canle menos.
O despacho de billetes da tele
O 53% dos abonados a Canal Satélite, e o 48% dos de Vía Dixital pagan a miúdo por ver na súa televisión un acontecemento concreto. As dúas razóns fundamentais son o fútbol e o cine e, en menor medida, outros eventos como touros, boxeo (o combate de Tyson foi o máis adquirido do ano en Vía Dixital), ópera ou concertos e, en menor medida aínda, películas eróticas. Os prezos por acceder ó palco (en Vía Dixital) ou ó despacho de billetes (en Canal Satélite) varía dependendo do que se queira. O máis caro é asistir a un partido do Real Madrid ou do Barça. As dúas plataformas dixitais cobran 1.825 pesetas por cada partido. Para os demais encontros de Primeira División o prezo baixa ás 995 pesetas. O boxeo cotízase a 750 pesetas por sesión, ó igual cós concertos e espectáculos especiais. As películas de estrea mércanse por 500 pesetas cada unha en Vía Dixital, e por 600 pesetas en Canal Satélite. E como se fose un cine tradicional, Vía Dixital converte os mércores en día do espectador rebaixando a entrada a 250 pesetas e os fins de semana ofrece sesión continua por un só pagamento. Para rematar, o cine pornográfico custa 600 pesetas. Estímase que durante os primeiros dez meses do ano cada plataforma vendeu arredor dos 4 millóns de entradas para a visión destes eventos e películas. De media, cada abonado inviste unhas 3.000 pesetas ó mes para mercar programas, contratación que xeralmente se realiza por teléfono, aínda que cada vez son máis os que empregan o mando a distancia como vía de pagamento. Cando chegue Internet ás plataformas, e xa non queda moito, haberá outra maneira de face-lo pedido.
A televisión e Internet
En poucos meses, amais da oferta programática, as plataformas dixitais van ofrecerlles ós seus usuarios a posibilidade de emprega-lo televisor como un soporte informático. Vía Dixital e Canal Satélite anunciaron que teñen preparado o software para integralo nos seus descodificadores e configurar tódalas aplicacións precisas para ofrece-lo acceso a Internet directamente no televisor. Internet, e con el o correo electrónico, será un servicio máis destas plataformas dixitais de TV. Uniranse así a Quiero, a plataforma de TV por cable que xa ofrece esta prestación.
Quiero presentouse como o primeira plataforma de televisión dixital terrestre do mundo que ofrecía acceso a Internet e correo electrónico a través do televisor, aínda que isto non entrou en funcionamento ata o pasado mes de outubro. A principal diferencia coas outras plataformas é que emprega como medio de difusión a rede terrestre, a mesma pola que recibimos actualmente os programas de televisión analóxica, polo que abonda con conecta-lo descodificador á antena convencional dos fogares para recibi-lo sinal desta plataforma, sen necesidade de antenas parabólicas nin novos cables. A súa programación está composta por 14 programas de televisión con contidos habituais: cine, fútbol, touros, deportes, programas infantís e xuvenís, música, documentais, amais da oferta de eventos de pagamento por visión. Pódese acceder tamén a canles de Vía Dixital como, por exemplo, Gran Vía. A instalación do descodificador do sinal é polo momento gratuíta. A alta custa 9.950 pesetas e o teclado 4.950. A cota mensual é única para todo o paquete de canles e custa 3.750 pesetas, e a isto haille que engadir 1.000 pesetas en concepto de alugueiro da terminal. Ó igual cás súas competidoras, Quiero ofrece a posibilidade de pagar por ver eventos, aínda que neste caso o abano redúcese a dúas únicas ofertas. Concretamente cine de estrea, que custa 390 pesetas, e películas para adultos, que custan 600. A través do teclado de Quiero accédese a Internet, e esta é unha das súas grandes diferencias. O portal da canle, accesible soamente ós abonados, estructúrase en cinco seccións -lecer, actualidade, comunícate, servicios e axuda-, e dentro delas existen multitude de seccións, que, ó seren activadas, permiten o acceso a distintos servicios. Desde este portal permítese tamén crear ata cinco contas de correo electrónico.