Xa non medran como cogomelos

A contaminación, a destrución do seu hábitat ou a súa recolleita sen freo están pondo en perigo estes manxares das fragas
1 Novembro de 2008
Img medioambiente listado 579

Xa non medran como cogomelos

Chegou o outono, e con el a chuvia e mais a humidade, condicións idóneas para que os cogomelos incen as fragas. Agora ben, non se trata dun recurso ilimitado e, de feito, algúns expertos alertan da regresión dalgunhas especies por diversos factores causados polo ser humano. Un bo afeccionado non é só quen é quen de distinguir as especies máis apreciadas das tóxicas ou capaz de localizar as mellores zonas, senón tamén quen realiza unha recolección e un consumo sostible que permita seguir gozando destas marabillas da natureza. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), a produción industrial mundial de cogomelos (non inclúe a recolección de fungos silvestres comestibles) supera os cinco millóns de toneladas.

A Real Academia de Ciencias Veterinarias (datos do 2005) estima que en Europa hai unhas 3.500 especies de cogomelos, das que unhas 100 son comestibles (delas 15 ou 20 excelentes) e unhas 35 son tóxicas (delas 5 mortais). As outras, ou ben son incomestibles ou ben carecen de valor culinario. As máis delas pódense atopar en España, un auténtico paraíso destes vexetais. É posible recollelas na maioría das comunidades autónomas, se ben as zonas húmidas da metade norte peninsular son as máis produtivas.

Así e todo, e malia o refraneiro, xa non medran como cogomelos. Algunhas das especies comestibles atópanse en perigo por mor da contaminación, pola destrución do seu hábitat e pola alta presión dunha recolección insostible. Por exemplo, especies moi apreciadas como o madeirudo (Boletus edulis), as cantarelas (Cantharellus), a amanita dos césares (Amanita caesarea) ou a cincenta dos soutos (Clitocybe geotropa) son cada vez máis malas de ver nos seus lugares habituais. Ningunha delas poderá ser a primeira en extinguirse en España, máis que nada porque esta dubidosa honra xa a acadaba en 1917 a especie Laricifomes officinalis, un cogomelo con usos medicinais.

As dificultades de seguimento das poboacións de fungos e a falta de axudas para o estudo destas especies impiden coñecer con exactitude a súa situación. Non obstante, os expertos, logo de dous anos de traballo, presentaron no XVI Congreso de Criptogamia (plantas sen flor) unha lista preliminar de 67 especies en perigo. Pola súa banda, a nivel europeo, a primeira lista vermella da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) inclúe 33 especies ameazadas.

Posibles medidas

Os consumidores son cruciais para lle facer fronte a este problema, evitando o consumo e a recollida incontrolada e masiva de cogomelos, e rexeitando a súa compravenda indiscriminada. As sociedades micolóxicas tamén poden contribuír, fomentando que os seus asociados e os afeccionados que se acheguen a elas asuman condutas sostibles, as que distinguen entre o verdadeiro micólogo afeccionado e o recolector-especulador.

As institucións representan outro dos piares na protección dos cogomelos. En lugares como Soria, Navarra ou Andalucía establecéronse coutos de cogomelos con acceso limitado e de pagamento e con control das cantidades recollidas. Mentres que os seus defensores consideran esta medida positiva e necesaria, os seus detractores coidan que non están a ser eficaces. Sosteñen que están enfocadas dende o punto de vista comercial e recadatorio, e non dende unha óptica conservacionista.

Outras iniciativas tratan de conservar este patrimonio natural mediante diversas actividades culturais, turísticas ou económicas. En Navarra, o Goberno da comunidade puxo en marcha un proxecto que trata de xestionar de xeito sostible a recollida de cogomelos na zona de Valdorba, fomentando así o desenvolvemento rural. A iniciativa recibiu o premio Best Life europeo.

A Xunta de Castela e León dispón tamén de varios proxectos para impulsar o turismo local sostible mediante o atractivo dos cogomelos. Pola súa banda, a Xunta de Andalucía impulsou un plan de conservación e uso sostible de cogomelos e trufas, repoboando áreas tradicionalmente agrícolas con aciñeiras micorrizadas, capaces de desenvolver trufas.

Para un control máis sostible deste recurso natural, algúns expertos destacan as lonxas micolóxicas, postas en marcha por primeira vez en Jimena de la Frontera (Cádiz), onde se poden vender cogomelos tras pasar por un rexistro sanitario, e mesmo hai quen defende a creación dun carné ou dun rexistro para controlar os auténticos afeccionados.

Consellos para unha recollida ecolóxica

Ao comezo, ir acompañados de expertos que asuman a colleita e consumo sostibles. Un afeccionado concienciado recollerá pequenas cantidades para autoconsumo (é un recurso limitado e moi perecedoiro) e só as especies que se coñezan ben, que estean sas e perfectamente desenvolvidas, respectando no seu sitio as demais, mesmo as tóxicas. O Instituto Nacional de Toxicoloxía cifra entre 200 e 400 as intoxicacións por cogomelos que se rexistran cada ano en España. (Datos do 2007).

Evitar as especies situadas en estradas, xardíns públicos, minas, fundicións, aeroportos ou incineradoras, xa que poden estar contaminadas. Evitar tamén as especies recoñecidas en perigo.

Para garantir o seu estado de conservación e mais a súa correcta identificación, cortar ben todo o cogomelo, tirando fóra o pé completo, limpala o mellor posible e transportala nunha cesta de vimbio (non en bolsas de plástico).

Respectar non só os cogomelos, senón tamén o seu ámbito natural. Botar refugallos, angazar ou deixar sen tapar os buratos ao sacar un exemplar pode danar a zona para a tempada seguinte. Ademais, especies como a trufa, o Lactarius deliciosus ou o Boletus edulis forman unha relación de cooperación, denominada micorriza, coa árbore na que conviven, de xeito que se se dana tamén se está a prexudicar o monte.

5 cogomelos de 5 garfos

Representan os cogomelos máis valorados polos bos afeccionados á gastronomía micolóxica e pódense atopar en distintas épocas do ano. Se temos a sorte de que cheguen ao noso prato, aconséllase preparalos con poucos aderezos para apreciar mellor o seu sabor:

  • Hygrophorus marzuolus: o seu sombreiro e pé son de cor branca tirando a gris. Moi apreciadas ao aparecer en marzo, pódense atopar en faiais e piñeirais logo das nevadas invernais.
  • Calocybe gambosa, máis coñecida como cogomelo de San Xurxo, o máis buscado dos cogomelos de primavera: aínda que se pode ver tamén en outono e mesmo en Nadal. Medran nos lugares máis húmidos dos vales ou nas zonas máis altas e frescas. Unha auténtica delicatessen (chégase a pagar máis de 100 euros por quilo) en proceso de regresión ante a crecente demanda.
  • Boletus edulis: o madeirudo adoita aparecer en outono e mesmo no verán se é húmido. As súas grandes dimensións e óptima comestibilidade convérteno nun dos cogomelos máis apreciados. Localízanse sobre todo en carballeiras, piñeirais, abetais, faiais ou baixo os bidueiros.
  • Lactarius deliciosus: os afeccionados das distintas comunidades chámano níscaro, esnegorri, rovelló, fungo de muña… E non é para menos, xa que é unha das especies máis recollidas. De cor asalmonada, frutifica dende finais de agosto a decembro, sobre todo nos piñeirais.
  • Cantharellus lutescens: coñecidas tamén como angulas do monte polo seu delicado aroma e o seu fino padal. Pódense atopar dende setembro a decembro, e convén armarse de paciencia polo seu pequeno tamaño e porque adoita camuflarse co mofo ou coa herba baixo os piñeirais onde é máis corrente.

NOTA: nestes enlaces hai ilustracións e fotos dos devanditos cogomelos. Créditos: Asociación Basozaleak.