Toxoplasmose

Gatos a distancia

As mulleres embarazadas forman o principal grupo de risco dunha enfermidade transmitida sobre todo polos felinos
1 Marzo de 2006
Img salud listado 405

Gatos a distancia

Unha das advertencias máis comúns a unha muller que está embarazada é que se arrede dos gatos. O motivo desta recomendación é a toxoplasmose, unha enfermidade transmitida dos gatos ó ser humano, de ampla distribución mundial e provocada polo Toxoplasma Gondii, un protozoo (organismo microscópico) co que entre o 20 e o 80% da poboación, dependendo das zonas xeográficas, estivo en contacto. O toxoplasma compórtase como un parasito intracelular e ten un ciclo evolutivo no que os felinos, especialmente o gato, son hóspedes definitivos, e os humanos, mamíferos e aves son hóspedes intermedios. Isto significa que só no intestino dos felinos se cumpre o ciclo que conduce á formación de novos parasitos, que se eliminan nas feces e que resisten no ambiente máis de un ano, co que poden infectar a outros animais ou ó ser humano.

Saúde do bebé

O problema máis grave desta afección é que se afecta a unha embarazada pode pór en perigo a saúde do seu bebé. Cando unha muller en estado contrae toxoplasmose por primeira vez hai un 40% de probabilidades de que lla transmita ó feto. O risco e a gravidade da afección no bebé varían segundo o estado do embarazo. De se dar no primeiro trimestre, o 15% dos fetos inféctase; no segundo pasa a un 30% e no terceiro a un 60% dos fetos. Así e todo, canto máis preto do comezo do embarazo se produce a infección, máis graves son as consecuencias para o bebé.

Por iso, a toxoplasmose é obxecto de observación cando se produce o embarazo e realízanse unha serie de probas para ver se a embarazada xa a pasou, se a ten ou se non tivo contacto con esta enfermidade. Se xa a padeceu, está inmunizada e non hai risco para o bebé porque os anticorpos da nai o protexen. Se está infectada, terá que se someter a un tratamento e cumprirá esclarecer se o feto tamén o está. E se non a pasou, haberá de tomar certas precaucións -como evitar o contacto con gatos ou o consumo de carne pouco feita- para evitar contaxiarse.

A toxoplasmose pódese adquirir de varios xeitos:

  • Por inxestión de carne contaminada ó inxerila crúa ou pouco feita.
  • Por contacto con excrementos de gatos ou produtos que estiveran en contacto con eles. Polo xeral, os gatos infectados aparentan estar sans. A infección é moito máis habitual nos gatos de zonas rurais ou que andan ceibos, porque non se pode controlar qué comen.
  • Por vía materno-fetal ou conxénita, transplacentaria.
  • Máis rara é a transmisión por transfusións, transplantes…

Poucos síntomas

/imgs/20060301/salud02.jpgSe unha persoa se contamina, o habitual é que a infección transcorra con moi poucos síntomas: lixeira febre, malestar xeral, dor de cabeza, dores musculares e aumento do tamaño e dureza dos ganglios linfáticos do pescozo, con aparición de dor. Nos máis dos casos, a infección pasa sen máis. Así que a supera, a persoa que a padeceu non a volve sufrir nunca máis.

No hóspede inmunodeprimido coas defensas baixas, a enfermidade pode causar problemas graves: toxoplasmose cerebral, toxoplasmose da retina… Pero o problema máis grave é o da toxoplasmose conxénita.

A infección aguda durante o embarazo ten un risco de infección do feto do 40%-50%, e deles o 10% sufrirá malformacións graves ou morte fetal. As secuelas son máis graves se se producen no primeiro trimestre. Poden nacer normais, pero teñen risco de secuelas tardías, como infeccións oculares (coriorretinite), atraso mental, microcefalia, xordeira… Tamén poden aparecer anemia, ictericia, hepatoesplenomegalia (fígado e bazo agrandados), erupcións cutáneas…

A mellor prevención da infección conxénita é actuar antes do embarazo. Para iso, disponse dunha batería de probas serolóxicas que reflicten o estado da embarazada ou da muller que pensa ter un fillo: se pasou a enfermidade e é inmune, se a ten nese momento ou se non a tivo.

Tratamento

De se confirmar a infección activa da nai, o paso seguinte é verificar se o feto tamén está infectado, o que se pode facer mediante probas prenatais como a amniocentese e a ecografía. Se se sospeita que o feto está infectado, trátase a nai con dous medicamentos: pirimetamina e sulfadiazina. Se o feto aínda non está infectado, trátase a nai con espiramicina. Os neonatos e os bebés infectados débense tratar, incluídos os que nacen sen síntomas, con dous medicamentos: pririmetamina e sulfadiazina. O tratamento débese prolongar durante todo o primeiro ano de vida, e en ocasións máis tempo./imgs/20060301/salud01.jpg

Por mor da ausencia de síntomas, pode acontecer que a maioría dos bebés infectados non sexan sometidos a tratamento. En ocasións a enfermidade non se detecta ata que se presenta unha infección ocular ou outro problema meses ou anos despois de nacer. Para evitalo, recoméndase que a todo bebé nacido de nai diagnosticada de toxoplasmose se lle efectúen probas diagnósticas para comprobar se está infectado e, nese caso, comezar un tratamento.

Prevención

Se non se tivo contacto coa toxoplasmose, non hai anticorpos circulantes e, polo tanto, pódese adquirir a infección aguda durante a xestación. Comprobouse que nalgúns países desenvolvidos, o 80% das mulleres en idade fértil nunca tiveran toxoplasmose. Por iso, a prevención é fundamental. Estas son algunhas recomendacións para mulleres embarazadas:

  • Evite o contacto cos gatos.
  • Se ten gato na casa, non o alimente con carnes crúas ou pouco cocidas.
  • Mantéñao dentro da casa para evitar que cace roedores ou aves.
  • Non baleire nin limpe a caixa onde o gato fai as súas necesidades. Con todo, cómpre baleirar a caixa todos os días, porque os parasitos dos excrementos non se converten en infecciosos ata que pasan 24 horas.
  • Evite o contacto cos areeiros onde os gatos fan as súas necesidades.
  • Coma a carne moi feita. Hai que cociñala ata acadar unha temperatura de 70º en todas as zonas e debe adquirir cor castaña ou rosa escura.
  • Lave as mans con auga e xabón logo de manipular carne crúa e non leve os dedos ós ollos, ó nariz ou á boca.
  • Limpe as táboas de cortar, as superficies de traballo e os utensilios con auga quente e xabón logo de os pór en contacto con carnes crúas, froitas ou verduras sen lavar.
  • Lave ben todas as froitas e verduras antes de as consumir.