Unha dieta equilibrada, a mellor prevención
A relación entre o cancro e a alimentación é un feito. Aínda que os seus límites non están aínda moi definidos, na década dos 80 estableceuse que arredor do 35% dos cancros tiñan a súa orixe ou estaban vinculados coa alimentación. Desde aquela multiplicáronse os estudos neste eido e en 1997 publicouse un exhaustivo informe titulado “Alimentos, nutrición e prevención do cancro: unha perspectiva global”, publicado polo Fondo Internacional para a Investigación do Cancro e mais o Instituto Americano para a Investigación do Cancro. Nel estableceuse que a adopción duns hábitos alimentarios máis sans pode reducir o número de casos anuais en todo o mundo entre un 30% e un 40%. Se a isto se suma deixar de fumar, as porcentaxes de redución pasarían ó 60%-70%.
Asociación entre dieta e cancro
Non é doado determinar con exactitude a asociación entre a alimentación e o cancro. Os hábitos alimentarios son moi distintos duns individuos a outros, e tamén o é o noso xeito de cociñar e de conservar os alimentos. Ademais, hai que considerar outras variables relacionadas coa orixe ou desenvolvemento do cancro, como o tabaco ou outras substancias ás que estamos expostos, ben no noso traballo -fume de soldadura, gases de pinturas ou vernices, etc. – ou no lugar no que vivimos -contaminación ambiental-, sen esquecermos a propia xenética. Por iso, ó establecer a relación entre dieta e cancro, polo de agora fálase de asociacións “convincentes”, “probables” ou “posibles”.
Por exemplo, considérase que as verduras posúen un papel protector “convincente” fronte ó cancro de boca e farinxe, esófago, pulmón, estómago, colon e recto; “probable” fronte ó de larinxe, páncreas, mama e vexiga, e “posible” fronte ó de fígado, ovario, endometrio, colo do útero, próstata, tiroide e ril. Pola contra, considérase que as dietas moi calóricas ou ricas en graxa e proteínas, cociñados como o churrasco ou os asados á grella, o abuso do alcohol e da carne, dos afumados e do sal, e mais a obesidade aumentan o risco desta enfermidade. En particular, cóidase que é “probable” que o abuso da carne incremente o risco de cancro de colon e recto, e que é “posible” que o faga fronte ós de páncreas, mama, próstata e ril.
Compoñentes “protectores” dos alimentos
Fibra: un consumo elevado de fibra a partir da inxestión de froitas, verduras, pan e cereais integrais e legumes resulta beneficioso. Axuda a reducir o risco de cancros localizados no tubo dixestivo e os dependentes de hormonas -mama, endometrio e próstata-.
Minerais: considérase que o selenio axuda a reducir o risco de leucemia, cancro de colon, recto, pulmón, mama e ovario. Algúns estudos suxiren que niveis baixos de cinc se asocian con incidencias máis altas de cancro de esófago e pulmón. No tocante ó iodo, a súa carencia na dieta parece ter relación cun maior risco de cancro de tiroides e de mama. Os requirimentos destes nutrientes cóbrense cunha dieta variada e equilibrada.
As recomendacións dietéticas que foron xurdindo sobre a prevención do cancro baséanse nunha alimentación equilibrada que, ademais, contribúe a mellorar a calidade de vida da poboación xeral.
- Alcanzar ou manter un peso saudable mediante a dieta.
- Incluír un mínimo de 400 gramos de hortalizas e de froitas diarias variadas: algo de verdura como primeiro prato ou ingrediente dos segundos, unha ensalada e tres froitas ó día.
- Comer a cotío cereais (preferiblemente os integrais), legumes e patacas, e limitar o consumo de azucre común ou azucre branco. Aconséllase o salvado de trigo.
- Consumir peixe ou aves (de 3 a 4 veces por semana) e reducir a frecuencia de consumo e a ración de carnes a 120-130 gramos por persoa (de 3 a 4 veces por semana).
- Tomar con regularidade produtos lácteos moderados en graxa (desnatados ou semidesnatados).
- Moderar o consumo de alcohol. No caso das mulleres, limitar a un vaso ou unha botella pequena a inxestión diaria de bebidas alcohólicas de baixa graduación como cervexa, sidra ou viño, e a dúas unidades no caso dos homes. A combinación de alcohol e tabaco aumenta o risco de cancro bucal, de larinxe e de esófago.
- Reducir o consumo das carnes máis graxentas e dos derivados cárnicos (embutidos, friame e patés…).
- Non abusar dos alimentos salgados e restrinxir o sal na cociña e na mesa. O seu consumo total debe ser inferior a 6 gramos ó día.
- Limitar os alimentos afumados e adubados caseiros. O afumado natural provoca a formación de substancias canceríxenas. Estudos epidemiolóxicos internacionais suxiren que as poboacións que consomen dietas ricas en alimentos afumados, salgados e adubados, presentan maior incidencia de cancro de esófago e estómago.
- Seguir métodos de cocción adecuados.
- Frixir os alimentos á temperatura axeitada, guindar o aceite sobrequecido e non o reutilizar varias veces. Recoméndase o aceite de oliva (é o que mellor resiste as altas temperaturas sen se descompoñer.
- Non abusar da grella, porque cando a graxa funde sobre as ascuas se forman substancias canceríxenas.