Para falarmos de obesidade infantil e doutros asuntos que vinculan a saúde coa alimentación, conversamos co novo presidente da Axencia Española de Seguridade Alimentaria (AESA), Félix Lobo, catedrático e doutor en Economía, especialista en Economía da Saúde nas Universidades de York e Berkeley, consultor da Organización Mundial da Saúde (OMS). e con problemas como as toxiinfeccións alimentarias ou as crises do aceite de colza e das vacas tolas?
Neste momento, por ditame da OMS, estase a facer un esforzo moi grande para evitar a chamada ‘epidemia do século XX’, é dicir, a extensión do índices de obesidade en todas as idades e en todos os perfís sociais. España asumiu o reto de se converter no modelo para a súa erradicación. É a Axencia quen coordina as accións, partindo da convición, consolidada xa en toda a UE, de que os axentes que deben salvagardar e potenciar a alimentación saudable deben ser os profesionais da saúde pública, e que deben, ó mesmo tempo, especializarse en protexer os cidadáns dos riscos, neste caso do que representa a obesidade.
Como se pode frear este preocupante crecemento das taxas de obesidade?
Atallar a obesidade é complexo e difícil. Non depende só da alimentación, senón tamén do consumo de enerxía, que non só significa facer deporte, senón tamén desenvolver calquera actividade física. Nun só século, pasamos de ter unha poboación na que o 80% das persoas traballaba na agricultura ou en actividades que esixen moito desgaste físico a contar con só un 2% de labregos. Ata o traballo da construción se optimizou, de xeito que o gasto de enerxía se reduciu. E tamén os labores domésticos mudaron abondo: non é o mesmo limpar á man ca axudándose de electrodomésticos. Vaia, o que quero dicir é que gastarmos calorías é cada día máis difícil. E non é que as persoas se tornen máis lacazanas ou preguiceiras, senón que o esforzo que para a xente implica gastar enerxía é cada vez maior. O ritmo e o estilo de vida actual non só non propicia, senón que dificulta que se vaia a pé ó lugar de traballo ou que se suban escaleiras a cotío. Porque, quero insistir nisto, non se trata só dunha cuestión de vontade: os pais ou nais que lles teñen que preparar a cea ós fillos non dispoñen de tempo para se abasteceren de comida fresca nin para cociñaren como cómpre para que a alimentación resulte o máis saudable e equilibrada posible. Teñen que lles dar a cea ós fillos e fano como mellor poden: a miúdo botan man de conxelados ou de comida preparada, e non porque non queiran alimentar ben os fillos ou a eles mesmos, é que non teñen tempo nin enerxía para se poren diante da pota.
Tal mal comemos?
Os alimentos máis saudables encarécense e os máis nocivos abarátanse. Ó mesmo tempo, algúns restaurantes compiten cunha oferta baseada na cantidade e non na calidade dos seus menús. Afortunadamente, en España a ración grande considérase ordinaria, polo que esa corrente non é maioritaria, pero pode chegar a selo. A isto vai ligada a necesidade de que se produza unha reformulación dos produtos alimentarios para que sexa o propio mercado o que ofreza máis saúde, reducindo, por exemplo, a cantidade de graxas saturadas na composición dalgúns alimentos, ou a cantidade de sal.
E que di verbo disto a industria alimentaria?
Ata o de agora tivemos unha receptividade moi boa. Agardemos que así que vaiamos avanzando neste proceso, porque acabamos de comezar, a sintonía se manteña.
As enquisas indican que o 38% da xente nova se declara sedentaria nas súas prácticas de lecer. España é tamén un dos países nos que menos deporte se fai. Como se pode mudar esta tendencia?
Mellorar a dieta, facer máis deporte… isto implica cambios de hábitos, e pódese dar feito. As instalacións deportivas melloraron, pero non se pode dicir que todo o mundo acceda a elas con facilidade. Por iso, cómpre mover moitas canles ó mesmo tempo. Pero vou botar man dun exemplo para demostrar as altas posibilidades de éxito: os pediatras foron esenciais para transmitiren a necesidade de que as nais optasen polo leite materno para alimentaren os seus bebés. O seu labor foi fundamental para afianzar un costume moi san que se desprestixiara e caera en desuso nos trinta anos anteriores. A obesidade tamén é un tema de saúde, e apoiándonos en que estar san é un valor moi importante e consolidado na nosa sociedade, temos que ser capaces de cambiar a tendencia.
Tanto importa estar un chisco gordo?
O sobrepeso afecta a saúde, acurta a vida e faina peor. Un dato moi significativo e alarmante é o aumento de casos de diabete tipo 2, é dicir, a que non é conxénita senón que se desenvolve polos hábitos de vida. Ata hai cinco anos non había nenos diagnosticados, e agora hainos, o seu número vai en aumento e isto está relacionado coa mala alimentación. A calidade de vida destes nenos vai ser peor, e non só porque se tornan insulinodependentes, senón porque, ademais, a diabete pode provocar cegueira e necrose e tamén afectar a sexualidade. Tamén a relación directa da obesidade con enfermidades cardiovasculares está cientificamente demostrada.
Ademais, os problemas de saúde relacionados coa obesidade xéranlle moito gasto á Seguridade Social.
Certo, pero ese non é o principal motivo para intentar evitar a epidemia. Previr a obesidade, evitar gañar peso e manter un valor adecuado no Índice de Masa Corporal é relativamente doado e factible, é máis ben unha cuestión de hábito e concienciación. Sandar a obesidade é moi difícil e custoso, e non só para os recursos públicos, tamén lle esixe moito esforzo ó paciente. O mellor é previla, sen dúbida ningunha.
Cal foi o motivo do éxito da solución da crise das vacas tolas?
Sempre respectando a quen faleceu como consecuencia da EEB, cómpre dicir que a solución daquela crise foi como consecuencia dunha reforma alimentaria moi profunda de utilidade incuestionable. Tomouse moito máis en serio a cadea alimentaria e multiplicáronse expoñencialmente os controis en todo o proceso, non só no resultado final ou na industria. Isto traduciuse na vixilancia da alimentación da acuicultura, por exemplo.
Cambiando de asunto, a información que se ofrece da gripe aviaria varía así que se van coñecendo novos datos. Ata hai ben pouco pensabamos que a gripe se transmitía nas rutas das aves migratorias, e non só é así senón que se está descubrindo a relación da expansión da epidemia coa comercialización ilegal de aves exóticas, sen desbotarmos outras vías.
É importante que aclaremos unha cuestión: a gripe aviaria é un problema de saúde animal e non de seguridade alimentaria. As persoas que enfermaron non o fixeron polo consumo de carne de aves, senón pola convivencia con animais enfermos. Nos países nos que se deron casos de gripe aviaria en humanos vívese aínda cos animais, como se facía aquí hai 50 anos, polo que non nos debe abraiar o contaxio. As bestas durmían no baixo da casa. Isto segue a acontecer en moitos lugares do mundo, polo que para atallar a enfermidade, que, insisto, é animal e non humana, a solución é acabarmos con todos os animais que estean infectados, e non as vacinas para humanos.
E esa insistencia en dar coa vacina?
Non se pode deseñar e producir unha vacina se non se ten a cepa do virus que hai que atallar, e, polo de agora, non se produciu a mutación cara a un virus que contaxie o ser humano. Fálase de vacinas polivalentes, eficaces sexa cal sexa a forma que tome a proteína que está na parte exterior do virus. O que cómpre facer hoxe por hoxe é controlar as aves dos países que están padecendo o virus, o tráfico ilegal de animais e permanecer vixiantes ante as aves migratorias.
Tamén lles preocupa a algúns consumidores a posible presenza de transxénicos nos alimentos.
O termo científico e exacto é o de organismo xeneticamente modificado, que, sen dúbida ningunha, require unha explicación e, efectivamente, o consumidor quere e debe ser informado. As investigacións científicas son cada día máis contundentes ó afirmaren que as especies transxénicas, sobre todo as vexetais, non prexudican a saúde humana. Pero é un problema complexo, porque para analizar as modificacións xenéticas primeiro teñen que se producir. Desde logo, é necesaria unha regulación razoable, pero trátase de avances científicos, e a historia dinos que se recea moito deles. Así e todo, sempre houbo selección xenética, noutrora xa se buscaba a vaca máis leiteira para que dera xatiños. Pero isto non alarma tanto coma a alteración xenética, ante a cal Europa está sendo moi prudente, e axúdase da experiencia doutros países, fundamentalmente dos Estados Unidos. E non hai que desprezar os controis que alí se efectúan. Non en van, o movemento asociativo dos consumidores nace nos Estados Unidos, e a súa forza é moi grande e está vixiante. A súa regulación para experimentar é máis permisiva cá que hai en Europa, pero son moi rigorosos na distribución de alimentos e na determinación da súa calidade. Hai que ter unha actitude vixiante e de estudo, pero os resultados das investigacións científicas permitirán dispor de máis alimentos para máis poboación e a menores custos cunha maior calidade.
Tanto neste tema coma noutros relacionados coa saúde e coa alimentación, os consumidores recean da información proporcionada polas institucións públicas, polas empresas e polos medios de comunicación. Como se podería acadar que nun asunto tan importante como o da seguridade alimentaria as cousas estivesen claras para todos, máis aínda cando se trata de temas preferentemente técnicos e científicos?
Non é bo de facer. Hai que tentar que lles chegue unha información obxectiva ós consumidores, pero tamén ás empresas e ás institucións públicas, estatais e mais autonómicas. A Axencia actúa como centro de referencia de ámbito nacional na avaliación de riscos alimentarios e na súa xestión e comunicación, especialmente nas situacións de crise ou emerxencia. Esixímonos a nós mesmos ter unha única voz e transmitir unha mesma mensaxe, e tamén asesoramos as comunidades autónomas coas que compartimos intereses e servímolas nas súas necesidades. Ó mesmo tempo, colaboramos con distintos sectores, incluídas as asociacións de consumidores e usuarios.