O TAE

Para cando hai que comparar

Máis có xuro, ó contratar un préstamo ou un fondo de aforro hai que comparar o TAE e mais a letra pequena
1 Marzo de 2006
Img eco domestica listado 153

Para cando hai que comparar

/imgs/20060301/economia02.jpg
Sabe que é o TAE dun préstamo? Convenlle ter algunha noción sobre o que é se pensa solicitar un crédito ou se se dispón a contratar un fondo de investimento, pois será o dato que lle proporcionarán nas entidades financeiras para que compare entre unhas ofertas e outras. Simplificando moito, pode acontecer que un préstamo hipotecario a un 2,5% de xuro nominal sexa en realidade máis caro ca outro cun xuro do 3%, se as comisións do primeiro son máis elevadas cás do segundo. Mediante o TAE, o tipo de xuro efectivo que mide a rendibilidade de produtos de aforro ou préstamos, simplifícase a comparación e obtense unha información máis completa. En teoría, o TAE (Taxa Anual Equivalente ou Taxa Anual Efectiva) é o indicador máis obxectivo para analizar as diferenzas monetarias que hai entre produtos bancarios, porque engloba a maioría dos conceptos (comisión de apertura, de cancelación…) que se inclúen neste tipo de produtos.

A inclusión deste dato nos folletos ou campañas publicitarias das entidades financeiras é obrigatoria: desde 1990 o Banco de España esíxelles ás entidades financeiras que informen deste índice, regulado mediante a norma 8/1990 sobre “Transparencia das operacións e protección da clientela”, na publicidade dos seus produtos. Ata nos produtos de aforro, bancos e caixas están obrigados a indicar un exemplo representativo do xuro que se pode obter co produto anunciado. Pero hai que ser coidadoso ata para comparar o TAE de préstamos ou depósitos.

Como se calcula?

O TAE é unha porcentaxe que se calcula cunha fórmula matemática disposta segundo a normativa do Banco de España. Esta fórmula inclúe o tipo de xuro ou xuro nominal (a porcentaxe de cartos que se dá cando se executa o pagamento de xuros), a comisión de apertura, de estudo, de cancelación (parcial e total) e o número de anos da hipoteca ou de investimento, segundo o produto elixido. O propio Banco de España é o encargado de publicar unha listaxe co TAE medio dos préstamos: a finais de decembro do 2005, situábase no 2,46% nos créditos hipotecarios e no 8,34% nos préstamos ó consumo.

Letra pequena

Segundo establece o Banco de España, o TAE dun crédito hipotecario só inclúe os gastos que o cliente lle aboa á entidade financeira, non o resto de conceptos que incrementan notoriamente o custo real do crédito. Así, quedan fóra gastos importantes como:

  • A taxación da vivenda
  • As minutas do notario
  • Os gastos de xestoría
  • Os seguros que esixen as entidades (de vida, do fogar…)

/imgs/20060301/economia01.jpgNo tocante ós fondos de investimento, cómpre ler a letra pequena e estudar a parte na que se explica se o depósito é renovable ou non. Se o é, o importe correspondente ós xuros reinvístense no mesmo depósito. Pero se non é renovable -e isto é o máis habitual-, os xuros deposítanse nunha conta cun TAE xeralmente inferior ó do produto contratado. Ademais, é obrigatorio facer constar esas ganancias na declaración da renda, concretamente no capítulo por capital mobiliario, polo que as ganancias que realmente obterá o consumidor por ese produto serán menores có asegurado na súa publicidade.

Para comparar mellor…

Dada a necesidade de recorrer a préstamos hipotecarios ou persoais, o cidadán medio deberase enfrontar ó TAE. Para facilitar a comparación, convén ter en conta estas recomendacións:

  • O Banco de España aconsella non comparar o TAE dun préstamo a xuro fixo co dun préstamo a xuro variable, xa que neste último será sempre un TAE teórico, porque non hai xeito de saber a priori cal vai ser a evolución do índice de referencia. Non obstante, nun préstamo cun tipo de xuro fixo é doado elixir en función deste índice.
  • É importante utilizar o TAE unicamente para comparar préstamos nun mesmo prazo, pois as comisións fan que sexa diferente segundo o prazo para o que se calculan.
  • Non é comparable o TAE dun préstamo persoal có doutro hipotecario, pois este ten moitos trazos que non se inclúen no cálculo do TAE legal, como os gastos notariais, seguros obrigatorios, taxación, gastos de xestoría, seguros, etc.
Exemplo

A entidade A ofrece unha hipoteca a un xuro fixo nominal do 5,77% e o 5,80 TAE e a entidade B outra cun 5,6% de xuro nominal e un 6,14% TAE. A diferenza no tipo de xuro TAE débese a que a entidade A ofrece o préstamo hipotecario sen comisións (nin por apertura, nin estudo nin cancelación), mentres que a hipoteca da entidade B ten unha comisión de apertura do 1% e de cancelación total do 2%. Malia que o xuro nominal do primeiro é maior e, xa que logo, se podería pensar que os xuros que se van pagar son maiores, o TAE é máis baixo. Quen contrate o préstamo da entidade A será quen pague menos. Nunha hipoteca de 120.000 euros a 15 anos, o cliente da entidade A pagaría unha cota de 999,71 euros ó mes, mentres que coa entidade B aboaría 1.021,73 euros ó mes. En 15 anos, a diferenza será de 3.963 euros.