Seguros de deceso

Soporte económico nos peores momentos

Máis da metade da poboación española é beneficiaria dunha póliza de decesos
1 Marzo de 2006

Soporte económico nos peores momentos

Unha das peculiaridades do mercado de seguros español é a contratación masiva dun tipo de póliza, a de deceso, en maior medida ca en calquera país de Europa. Os datos de UNESPA, a patronal do sector, son concluíntes: en España había no 2004 algo máis de sete millóns de seguros de decesos, aínda que ó se tratar dunha póliza de carácter familiar que normalmente inclúe a varios asegurados, o volume de beneficiarios de decesos en España anda arredor dos 26 millóns de persoas. Utilizados para asegurar a cobertura de gastos funerarios e de enterro, estes seguros son cada día máis populares e no 2004 o seu volume de contratación aumentou un 9% con respecto ó exercicio anterior. A patronal interpreta este incremento como consecuencia do ascenso da emigración. Estas persoas subscríbeno, segundo UNESPA, por incluír as custas de repatriación, xa que, en moitos casos, as familias non poderían sufragar o alto custo da volta do féretro á súa terra natal.

/imgs/20060301/informe01.jpgPrecisamente, o elevado prezo dos gastos funerarios, que poden acadar os 2.000 euros ou mesmo máis, segundo datos facilitados a CONSUMER EROSKI por empresas do sector, e as molestias inherentes ós trámites que se deben realizar tras a morte dun familiar son as principais razóns para contratar unha póliza de deceso. O obxecto é que a cobertura do seu seguro sexa abonda para facerlles fronte ás custas do seu funeral e do enterro, as flores, os desprazamentos, as necrolóxicas e mesmo a volta á casa se a morte se produce no estranxeiro ou a asistencia xurídica á familia.

Por termo medio, cada asegurado debe pagar uns 3 euros ó mes para manter a súa póliza de decesos, se ben esta cantidade depende de diversos factores, como os servizos que se solicitan, a poboación de residencia ou a idade dos beneficiarios. Os enterros e cremacións supoñen para cada familia un importante desembolso que estas pólizas pretenden evitar. Este tipo de seguro pode ser individual ou familiar, aínda que o máis común son as pólizas familiares. Aínda que están estendidos entre a maior parte da poboación, estes seguros teñen maior implantación no rural e nas proximidades das cidades.

Ámbito de actuación

Malia que o seguro de decesos pode ter un carácter indemnizador, é dicir, a compañía entrégalle ó beneficiario unha cantidade de cartos para que con ela sosteña os gastos derivados do funeral e do enterramento, a oferta da maioría baséase na prestación de servizos. Desde o momento do falecemento, a aseguradora encárgase dunha serie de xestións burocráticas e doutros labores que solucionan todos os problemas que se presentan coa defunción. Ademais, a loita por atraer a máis clientes levou a que moitas destas compañías inclúan no seu paquete básico, amais do servizo de enterro e traslados, o de xestoría e asistencia en viaxe, e mais a posibilidade de contratar garantías adicionais de Accidentes Individuais e Hospitalización por Intervención Cirúrxica e Indemnización por parto, co conseguinte aumento da prima.

Ocaso, pola súa banda, recolle nas súas garantías principais un servizo de orientación legal, teleasistencia domiciliaria e un seguro de accidentes complementarios, deixando á elección do asegurado a posibilidade de engadir na póliza un seguro de enfermidade -subsidio diario por internamento, traslado en ambulancia, indemnización por parto… -. Vitalicio Decesos ofrécelles ós seus asegurados en idade escolar, amais das garantías descritas, unha axuda pedagóxica en caso de enfermidade e/ou accidente que o inmobilice no seu domicilio durante máis de quince días consecutivos. Seguros Santa Lucía engade na súa póliza un seguro de accidentes, e Ceauto complementa a súa cun seguro de asistencia en viaxes.

Gastos e trámites, cubertos

En caso de falecemento, os familiares do finado deben afrontar o pagamento dos gastos do funeral, ó que se suma o traslado por accidente e mais os trámites burocráticos que unha morte xera: obtención do certificado médico de defunción, inscrición do falecemento no Rexistro Civil -xestión urxente que se debe realizar nas 24 horas posteriores ó óbito-, licenza de enterro ou incineración, etc. A posibilidade de evitar gastos, molestias e desprazamentos en momentos tan tristes explica o éxito dos seguros de decesos.

Só os gastos dos servizos funerarios superan os 1.000 euros, pero canto máis se mellore o servizo (cun féretro de máis calidade, por exemplo) máis se disparan. Neste prezo inclúese o féretro, o acondicionamento do cadáver, unha coroa de flores sinxela, a contratación dos servizos dun crego, o transporte ó camposanto en coche fúnebre e os gastos de xestión e do certificado de defunción.

Os enterros e cremacións supoñen para as familias un importante desembolso que estas pólizas atenúan previo pagamento de primas que oscilan dos 3 euros mensuais que pagaría un mozo de 30 anos, ós preto de 6 euros que debería desembolsar unha persoa de 50 anos. A fórmula máis común para lle facer fronte a esta póliza é anovar todos os anos a prima, que irá subindo en función da idade e do IPC. Así e todo, algunhas aseguradoras, como Mapfre, ofrécenlles ós seus clientes a posibilidade de realizar un pagamento único no momento da contratación da póliza, sempre que a idade de contratación se sitúe entre os 71 e os 80 anos. Outra posibilidade é pagar en cinco anualidades, sempre que a idade de contratación estea comprendida entre 61 e 70 anos. Unha cuarta opción é pagar unicamente ata cumprir 65 anos, cunha idade de contratación situada entre 0 e 60 anos.

Costume hispano

O ramo de decesos é un dos máis antigos e específicos do mercado español de seguros. O noso é, ademais, o único país europeo no que se comercializa masivamente este tipo de produtos, feito que motivou, no seu día, a modificación das directivas europeas ante o descoñecemento dos técnicos de Bruxelas sobre esta clase de pólizas.

/imgs/20060301/informe02.jpgTecnicamente, catalógase como un ‘ramo non harmonizado’. Isto quere dicir que a clasificación que as leis europeas fan dos tipos de seguros non inclúe o seguro de decesos. Non obstante, iso non impide que se poida comercializar en España, pois aquí este tipo de pólizas ten unha gran tradición, que se remonta polo menos a comezos do século XX, polo que a súa venda no mercado español se mantén como seguro específico. No resto de Europa, polo xeral, a cobertura de decesos está incluída nas pólizas de seguro de vida, se ben é unha cobertura indemnizadora, é dicir, entrégalle ó beneficiario unha cantidade de cartos pero non ofrece servizo ningún.

Consellos

  • Se vostede ten unha economía saneada ou subscribiu un seguro de vida que ampare ós seus cando fine, se cadra non lle convén contratar un seguro destas características.
  • Faga números e non se precipite en contratar un seguro de decesos antes de facer os 40 anos. A partir desa idade, e a unha media de 6 euros mensuais, ó cumprir 80 anos levará pagados 2.880 euros, cantidade abonda para un enterro digno. Iso si, non o deixe para última hora. As aseguradoras non admiten altas a partir dos 65 ou 70 anos.
  • Solicite orzamento en varias aseguradoras. Compare a súa relación calidade-cobertura-prezo, sopesando as vantaxes e desvantaxes de cada unha delas.
  • Estude polo miúdo o que lle ofrece cada aseguradora, incluída a letra pequena. Ante calquera dúbida, pregunte.
  • Concrete se a póliza é de prima natural -o seu importe aumenta coa idade do asegurado polo incremento do risco de morte- ou de prima nivelada -permanece invariable durante a vixencia do risco-.
  • Lea atentamente a póliza, pregunte sobre os termos do contrato de seguro que non coñeza e pida unha explicación sobre o significado das cláusulas que non entenda.
  • Esixa que todas as modificacións ou adicións do contrato de seguro sexan formalizadas por escrito. Tras a sinatura da póliza non acepte modificacións unilaterais do contrato que lle sexan desfavorables.
  • Lembre que cando paga un seguro de decesos para cubrir os gastos que xeran os servizos funerarios, o que contrata é unha prestación de servizos e non os dunha compañía en concreto, polo que ten total liberdade para elixir a funeraria que prefira, aínda que a aseguradora teña concertados os servizos cunha determinada empresa.
  • Esixa que os capitais asegurados sexan acordes ós prezos pola prestación de servizos no seu lugar de residencia.
  • Comprobe que no contrato consta o compromiso por parte da aseguradora de revalorizar anualmente os capitais asegurados. Evitará sorpresas nuns momentos difíciles como os que seguen a un falecemento.
  • Os beneficiarios ou os familiares do falecido, se este expresou a súa vontade ó respecto, poden elixir os distintos compoñentes do servizo, con cargo e co límite máximo do capital asegurado.
  • Asegúrese de que se faga constar por escrito que se, por algunha circunstancia, o custo do servizo é menor do capital asegurado, na garantía de decesos se lles devolverá ós beneficiarios a cantidade sobrante.
  • Se ten un seguro de decesos, informe os seus familiares do número de póliza, a compañía e o teléfono ó que deben chamar se vostede falece.
  • Póñase en contacto coa aseguradora nada máis producirse o falecemento (teñen un servizo de atención 24 horas) para que se encargue dos primeiros trámites.
  • Garde unha copia da póliza e conserve o último recibo do pagamento da prima.

Garantías principais

  • Féretro
  • Urna cineraria, se cómpre
  • Inhumación ou incineración
  • Necrolóxicas domiciliarias e en xornais
  • Transporte en coche fúnebre
  • Xestións e gastos precisos para o traslado do finado en calquera lugar de España ou do resto do mundo, ata o cemiterio ou planta incineradora do territorio español elixida polos familiares
  • Coroa de flores
  • Acondicionamento sanitario do cadáver
  • Tanatorio
  • Servizo cerimonial
  • Mesa de sinaturas
  • Gastos de xestión
Seguro de decesos básico * (Servizo de enterro, traslados e xestoría)
Cidade Familia A (euros/año) Familia B (euros/año)
Madrid 221 113
A Coruña 208 107
Alicante 202 104
Oviedo 190 97
Santander 190 97
Almería 177 91
Barcelona 177 91
Valencia 171 91
Mallorca 171 88
Sevilla 165 85
Logroño 159 82
Zaragoza 159 82
Málaga 159 82
Bilbao 152 79
Pamplona 152 79

* Os prezos deste cadro comparativo, que son orientadores, indícanse por cidades e non por entidades aseguradoras, porque para ofrecer as coberturas deste tipo de pólizas as compañías de seguros contratan os servizos de empresas (funerarias…) da zona de residencia do cliente.
Pedíronse orzamentos para dous supostos:

  1. Familia A: Pai de 50 anos, nai de 45 anos, fillo de 15 anos e filla de 10 anos.
  2. Familia B: Pai de 40 anos, nai de 35 anos e filla de 2 anos.