A vida sen materias pendentes
Cómpre admitirmos que as decisións que resultaron non ser as máis atinadas condicionan moitas facetas da nosa vida. De feito, o que somos é produto tanto do que fixemos como do que deixamos de facer, e aféctanos no académico, no profesional, no doméstico e no emocional. É comprensible que en determinadas situacións, que adoitan coincidir con momentos de inestabilidade ou de carencias emocionais, nos laiemos por non adquirir habilidades concretas ou por deixar escapar aquela persoa que tanto ben nos facía. Sentilo con nostalxia non é negativo, sempre que aceptemos o noso presente e que o vivamos con agrado, non con resignación. Pero se non partimos desa aceptación satisfactoria e andamos seguido coa ollada cara a atrás, pensando no que foi e no que puido ser, terémonos que preguntar se non estamos vivindo con materias pendentes.
- Arrepentirse, con dor e sentimento de fracaso, de non cursar no seu tempo determinados estudos.
- Nunca aclarar aquel malentendido polo que perdemos a unha persoa querida.
- Non nos despedir ou manifestar o noso amor a esa persoa que amabamos e que se nos foi.
- Pensar que non fixemos todo o que podiamos por alguén e sentir que, non só decepcionamos a esa persoa, senón tamén a nós mesmos.
- Crer que puidemos evitar algunha desgraza que aconteceu no noso contorno.
- Culpármonos da falta de decisión ou ben da decisión tomada sobre algún asunto importante, polas consecuencias que tivo na nosa vida.
As devanditas materias pendentes corresponden a situacións do pasado que exercen aínda unha influencia que magnificamos na nosa vida cotiá. Vistas na actualidade e cun sentimento de fracaso, incapacidade e mesmo de culpa, podemos idealizar o que sería a nosa vida se non existisen, se soubésemos xestionar o que aconteceu de maneira diferente. Pero o certo é que non hai volta atrás e non sabemos, nin poderemos saber, que sería de nós e das nosas vidas se a nosa materia pendente non existise.
- Porque non nos gusta nin aceptamos a nosa vida tal e como é.
- Perseguimos a ilusión dun ‘mundo perfecto’ e consideramos que o que fixemos ou deixamos de facer é a clave do noso infortunio.
- Comparámonos co que outros teñen e nesta competición arrepentímonos de decisións que tomamos no pasado.
- Sentímonos culpables porque lle fallamos a alguén.
- Pensamos que deixamos escapar oportunidades especiais.
- Xulgamos que non soubemos, por incapacidade ou por medo, abordar algún problema ó que lle había que dar resposta.
- Supoñemos que fuximos por covardía de algo que deixamos sen solucionar.
- Lamentamos que fomos uns irresponsables e que non fixemos o que debiamos por falta de esforzo e disciplina.
- Percibimos que nos fallou a oportunidade ou as condicións que debemos ter para poder facer aquela ou aqueloutra cuestión.
Como se ve, nas materias pendentes mestúranse sentimentos dolorosos, como a insatisfacción, a incapacidade persoal, a falta de confianza, a irresponsabilidade, a esixencia perfeccionista, o vitimismo, o medo e a culpa. Sostéñense porque se parte da falsa crenza de que cometer erros equivale a non valer. As equivocacións do pasado tómanse, xa que logo, como fracasos persoais e non como parte fundamental de toda aprendizaxe, esquecendo que serven para percibir o que non nos convén ou nos fai mal. Usalas para maltratarnos e castigarnos, amais de despoxalas da súa utilidade, lévanos a recaer noutro novo erro: castigarnos.
Ademais, dependendo do noso momento actual e de cal sexa a nosa materia pendente, quizais poidamos aínda reparar aquilo que pensamos que fixemos erradamente, acometer o que non fixemos, aclarar malentendidos, dicir o que non dixemos, pedir perdón ou dar as grazas. Pero é importante facelo desde a idea de que nos vai procurar maior felicidade e que agora é posible porque se aprendeu do erro do pasado. Facelo para encher ocos e negar o que foi é non vivir o presente.
- A nosa vida non pode funcionar exclusivamente polo concepto do DEBER, senón que nela cómpre dármoslle cabida ó QUERER.
- A comparación, a concorrencia e a insatisfacción son malas compañeiras de viaxe e lévannos a non poñerlle punto e á parte a ningún capítulo da nosa vida.
- A nosa responsabilidade debe ser para coa nosa vida e non para coa dos demais.
- O medo é necesario para non caer nunha ousadía temeraria, pero non hai que deixar que paralice nin bloquee as nosas condutas.
- O sentimento de culpa avísanos da transgresión dos valores polos que nos guiamos e incítanos a revisarmos o noso comportamento, pero iso non significa que haxa que autoagredirse con reproches, descualificacións nin desvalorizacións.
- Os nosos erros non nos deben servir para que nos sintamos incapaces, inútiles nin inferiores, senón para aprendermos en vindeiras ocasións.