Garantía miudiña de vida
A vida non sería posible no noso planeta de desapareceren os insectos. Aínda que asociamos instintivamente estes animais con algo miúdo, irrelevante, molesto e ás veces noxento, a súa presenza garante a continuidade dos procesos de xeración de vida nos nosos ecosistemas. Por iso, e aínda que poida resultar sorprendente, os lexisladores elaboraron unha enorme variedade de normas que os protexen de xeito directo ou indirecto.
A principal directiva da Unión Europea (UE) que vela por este grupo de animais é a denominada “Conservación dos hábitats naturais e da Fauna e Flora silvestres (Directiva 92/43/CEE)”, pero, así e todo, por exemplo, só inclúe a 21 insectos das preto de 50.000 especies que se atopan en España. O Ministerio de Medio Ambiente, de acordo coa Lei 4/89 de protección da natureza, redactou un catálogo de especies protexidas na que inclúe 28 tipos de insectos repartidos entre catro categorías de ameaza. Pola súa banda, algunhas comunidades autónomas incluíron ou están en proceso de incluír algunhas especies de insectos en cadanseu catálogo de protección de fauna.
Lexislación insuficiente
Malia a existencia dunha lexislación específica, a protección dos insectos e a súa consideración nas políticas ambientais están aínda ben lonxe de podérmolas considerar satisfactorias, como indican desde a Asociación española de Entomoloxía (AeE) e o Centro Iberoamericano da Biodiversidade (CIBIO) da Universidade de Alacante, que afirman que de nada serve protexer unha especie se se segue contaminando ou destruíndo o hábitat no que vive.
A devandita directiva europea non engloba no seu nivel de protección nin un só insecto polinizador, básicos nos procesos de expansión de flores e plantas, nin os milleiros de insectos migratorios que se desprazan todos os anos entre Europa e África, nin ningún insecto característico dos ecosistemas mediterráneos. Así e todo, algúns países europeos contan con listaxes dalgúns grupos máis vistosos, como bolboretas ou cabaliños do demo, no que se inclúe unha alta porcentaxe de especies que cómpre protexer.
27.000 especies extinguidas
Os científicos identificaron e clasificaron algo máis dun millón de especies, o que supón preto do 75% de todos os seres vivos coñecidos. Así e todo, a variedade real é moito maior. As estimacións da comunidade científica oscilan entre os 10 e os 30 millóns de especies de insectos aínda sen catalogar, debido en boa medida ó gran descoñecemento que existe arredor da biodiversidade de moitas zonas tropicais. Na actualidade, o ritmo anual de descubrimento de novas especies animais sitúase en 15.000 especies, das que o 62% son insectos e polo menos unha cuarta parte delas son coleópteros (escaravellos). En España, un territorio a priori xa analizado polo miúdo, os entomólogos descobren unhas 20 especies ó ano.
Á aparición constante de novos tipos de insectos contraponse o ritmo aínda maior de extinción, cifrado na actualidade nunhas tres especies cada hora, o que representa unhas 27.000 especies menos cada ano. Por iso, a AeE coida que é imprescindible un cambio de mentalidade e a dotación por parte das institucións dun orzamento para lles poder ofrecer os medios necesarios ás persoas encargadas de estudar e de conservar a variedade entomolóxica.
Por que os insectos son tan importantes?
Os insectos, un dos grupos animais máis antigos que viven sobre a Terra, é tamén o que maior número de formas posúe na actualidade, o que amosa unha capacidade de adaptación e supervivencia ó contorno por riba do resto de formas de vida animal. Os insectos están involucrados na maioría dos procesos ecolóxicos que se dan nos ecosistemas terrestres e en boa parte de lagos e cursos de auga. Da súa participación depende a reciclaxe de aproximadamente o 20% da biomasa vexetal da Terra, sendo tamén os principais desintegradores dos cadáveres animais e excrementos. A isto engádese que máis do 60% das plantas dependen para sobrevivir dos insectos polinizadores.
España conta coa máis alta biodiversidade de Europa, riqueza que tamén se materializa no apartado de insectos. O número de especies que hai en España representa o 30% da riqueza de toda a Conca Mediterránea, con preto de 50.000 especies de insectos vivindo na rexión ibérica, illas Baleares e Canarias, das que unha porcentaxe moi alta é exclusiva dos nosos ecosistemas. Entre as especies de insectos protexidos propios de España salienta pola súa vistosidade a bolboreta nocturna Graellsia isabelae, que vive en piñeirais de piñeiro vermello e piñeiro laricio. Desde hai anos, a AeE, o CIBIO e a Dirección Xeral de Biodiversidade do Ministerio de Medio Ambiente veñen colaborando na protección deste importante patrimonio natural. Desta colaboración xurdiu, por exemplo, a elaboración do “Libro Vermello dos Invertebrados españois”, no que se inclúen 142 artrópodos, entre eles 135 insectos, que deberían ter protección estrita en España. Desde o CIBIO sinálase que a súa protección futura dependerá da iniciativa que tomen este Ministerio e mais as Comunidades autónomas.