Os ronquidos, non sempre inofensivos
Roncar foi ata hai poucos anos motivo de bromas, chistes e, por riba de todo, un incordio para quen debía atura-lo roncador/a. Pero cando se descubriu que os ronquidos non resultan tan inofensivos e que poden agochar unha patoloxía considerada como un dos problemas de saúde pública máis importantes, deixaron de seren obxecto de mofa. A enfermidade á que nos referimos é a Apnea Obstructiva do Sono, un síndrome que se debe á aparición, durante o sono, de episodios intermitentes e recorrentes de oclusión das vías aéreas superiores. A apnea ten unha alta prevalencia entre a poboación adulta: entre un 4-6% de homes e un 2% de mulleres sofren este síndrome. Estímase que en España hai entre 1,5 e 2 millóns de persoas afectadas.
Durante o sono os músculos están moi relaxados e pérdese, en parte, a coordinación motora que normalmente existe entre os músculos respiratorios, sobre todo entre o diafragma e os farínxeos. Con iso, a parte superior da farinxe colápsase, xa que é o único tramo das vías respiratorias que non posúe unha estructura cartilaxinosa que impida o colapso. Cando isto se produce, a respiración cesa durante uns segundos. Tódalas persoas padecen durante o sono episodios de apnea de moi curta duración, de 2-3 segundos. Agora ben, cando se producen ronquidos violentos, ruidosos e a apnea dura máis de 10 segundos, atopámonos probablemente ante un SAOS (Síndrome de Apnea Obstructiva do Sono). O ronquido prodúcese pola vibración ocasionada polo paso do aire nas partes brandas dunha vía aérea estreitada e é o síntoma máis común nos afectados por esta enfermidade. Sen embargo, non tódalas persoas que roncan padecen SAOS. O ronquido obsérvase nun 10-30% das mulleres e ata nun 50-60% dos homes, pero só un 5-10% destes casos se asocian ó SAOS.
Factores que predispoñen
Son máis propensos a padecela os obesos e quen sofre alteracións anatómicas ou funcionais da vía aérea superior (desviación do tabique nasal, hipertrofia de cornetes, hipertrofia amigdalar ou do veo do padal, hipertrofia das adenoides, etc.). A trascendencia desta afección é enorme porque, amais de alterar nalgúns casos a vida en parella e mesmo a familiar, acompáñase doutros síntomas que entrañan riscos para quen padece a afección e para quen o rodea. Non tódolos ronquidos se deben á apnea, en moitas ocasións orixínaos unha roncopatía crónica benigna. Así e todo, as persoas que roncan moito e de xeito violento poden acabar desenvolvendo apneas e presentando outros trastornos que se asocian ó SAOS, polo que o diagnóstico precoz resulta fundamental, e tratalos axeitadamente supón sandar practicamente no 100% dos casos.
Consecuencias da apnea
Durante a apnea a respiración cesa. O sangue non capta osíxeno e vaise desaturando deste, polo que os músculos respiratorios aumentan os movementos torácicos e abdominais para venceren a obstrucción. A apnea remata cun ronquido estertoroso acompañado de movementos e sacudidas, o que provoca un microespertar tralo cal se reinicia o proceso. Estes microespertares desestructuran o sono, que se torna irregular e fragmentado, e impiden o descanso nocturno fondo e reparador. Co tempo o sangue desatúrase de osíxeno (hipoxemia) e aumenta nela a concentración de gas carbónico (hipercapnia). Como consecuencia de todas estas alteracións aparece somnolencia diurna excesiva: os afectados adormecen en calquera circunstancia orixinando accidentes de tráfico e laborais. Baixo rendemento no traballo, deterioración intelectual, perda de memoria, trastornos da conducta, depresión, irritabilidade… son só algunhas das consecuencias da apnea. Pero, ademais, son habituais entre os afectados a hipertensión arterial e a cardiopatía isquémica, sendo elevado o risco de morte súbita por arritmias malignas.
Diagnóstico
Normalmente a persoa que convive co afectado é a primeira en detectar esta patoloxía. Os síntomas nocturnos son ronquidos, pausas de apnea prolongadas, espertares bruscos con sensación de asfixia ou sono axitado. Os diurnos, somnolencia excesiva, irritabilidade, ansiedade, depresión, deterioración intelectual, perda da líbido, dores de cabeza matutinos… Cando se dá unha asociación de varios dos síntomas devanditos, especialmente dos nocturnos, hai que sospeitar que se trata dun SAOS e cómpre visita-lo médico. O diagnóstico definitivo realízase nunha unidade neumolóxica mediante un estudio respiratorio nocturno, que rexistra simultaneamente variables neurofisiolóxicas e cardiorrespiratorias.
Resultan esenciais as medidas xerais.
- A obesidade, presente case sempre nestes casos, debe tratarse enerxicamente.
- Debe procurarse unha boa hixiene do sono, con hábitos e horarios regulares.
- Cómpre evita-lo alcohol, tabaco e fármacos miorrelaxantes, hipnóticos e sedantes.
O tratamento específico é actualmente obxecto de investigación.
- A mellor elección na actualidade é o equipo de presión positiva continua na via aérea (CPAP). Este aparello, que se emprega á noite, consta dunha máscara nasal que impide o colapso inspiratorio. Con este equipo desaparecen as apneas, os microespertares e as desaturacións. Os primeiros CPAC eran grandes e ruidosos, pero avanzouse notablemente e hoxe son máis funcionais. Aínda que custa afacerse a durmir con eles, percíbense un alivio e unha mellora da calidade de vida tan evidentes, que se agradece a incomodidade.
- As incomodidades do CPAC motivaron que se buscasen outras fórmulas de tratamento máis cómodas. Cobra adeptos entre os especialistas o emprego de próteses bucais especiais que, segundo algúns estudios, reducen un 75% dos casos de ronquido en SAOS e evitan o colapso da vía respiratoria. Esta prótese ancórase no maxilar superior e tensa o padal brando.
- Tamén se están investigando, sen resultados satisfactorios ata o momento, fármacos que tensan o veo do padal e a musculatura orofarínxea.
- Máis controvertido é o tema da intervención cirúrxica, da que algúns especialistas son partidarios. No caso de anomalía anatómica ou funcional que favorece o SAOS (hipertrofia amigdalar, pólipos, hipertrofia de cornetes ou adenoides…), a cirurxía pode ser precisa. Pero cando non se asocian anomalías específicas, o tratamento cirúrxico consiste basicamente na resección parcial do padal e outras zonas da farinxe, e o seu resultado non sempre é o esperado. Percíbense melloras e o ronquido chega a desaparecer, pero as apneas poden persistir. Cómpre ser moi cauto coa cirurxía.
- Roncar, ter sono e adormecer durante o día, e pausas de apnea pola noite, levan a pensar nun SAOS e a realiza-lo diagnóstico correctamente.
- O SAOS vai acompañado doutros síntomas e riscos: obesidade, hipertensión arterial, arritmias, risco de accidente de tráfico ou laboral, deterioración intelectual, risco de morte súbita e de accidente cerebrovascular.
- O tratamento máis apropiado é actualmente o aparello de presións positivas (CPAP).