O Euro

Máis ca un cambio de moeda

Agárdase que a chegada da nova moeda achegue definitivamente a nosa economía á dos 12 países que hoxe configuran a zona euro
1 Outubro de 2001
Img listado informe

Máis ca un cambio de moeda

O euro, a moeda que a partir do un de xaneiro do ano 2001 entrará definitivamente a formar parte da vida económica e social dos países que constitúen a Unión Monetaria Europea, cambiará, e moito, a actual situación económica de cada país membro.

A menos de tres meses da implantación definitiva do euro, e segundo datos do último Eurobarómetro realizado pola Unión Europea, só o 33% das empresas enquisadas declara que non comezou a adaptación ó euro. Entre os consumidores, segundo a mesma enquisa, aínda existe un notorio descoñecemento das moedas e do seu valor. E é que a pesar das campañas de información desenvolvidas polos gobernos de cada país para facilitaren a implantación do euro, os habitantes de Alemaña, Austria, Bélxica, España, Finlandia, Francia, Grecia, Holanda, Irlanda, Italia, Luxemburgo e Portugal aínda desconfían algo do euro e das súas consecuencias.

Chegados a este punto, non está de máis lembrar que os motivos que motivaron a once países da Unión Europea, entre eles España, a unificaren as súas moedas e converteren o euro na súa divisa común, se centran principalmente nas vantaxes que a medio e longo prazo obterán tanto os consumidores coma as empresas. Nunha Europa cada vez máis unida, aumentaron considerablemente tanto os intercambios comerciais coma as relacións entre cidadáns de diferentes estados. Eliminármo-la barreira da moeda supón simplifica-lo libre tránsito de mercadorías, de cidadáns e de capitais, un dos puntos clave da Unión. O proceso de cambio non só implica un cambio na mentalidade dos europeos. Tamén implica un importante problema loxístico: retira-las moedas nacionais e pór en circulación novos billetes e moedas. Se todo sae segundo o previsto, o 1 de xaneiro do 2002 os bancos centrais europeos distribuirían entre 291 millóns de persoas nada menos ca 16.000 millóns de billetes e 50.000 millóns de moedas.

Outra cuestión que as autoridades de cada país debe resolver é qué facer coa moeda e os billetes que se retiren. En España vaise proceder de dúas maneiras diferentes. Os billetes, pola súa peculiar composición, someteranse a un proceso de verificación e reconto, e polo de agora descoñécese se se destruirán ou se reciclarán. As moedas obrigan a un tratamento máis complexo, xa que están compostas por unha aliaxe de tres materiais, elixidos no seu día pola dificultade e complexidade na súa obtención. Esta combinación, que dificulta a súa falsificación, revélase agora como unha complicación para a súa fundición e tratamento.

Coa retirada da peseta, no noso país entrarán en funcionamento moedas polo importe de 2 euros, 1 euro, 50 céntimos, 20 céntimos, 10 céntimos, 5 céntimos, 2 céntimos e 1 céntimo. No tocante ós billetes, haberaos polo valor de 5 euros, 10 euros, 20 euros, 50 euros, 100 euros, 200 euros e 500 euros. Sen embargo, os caixeiros automáticos só ofrecerán billetes de 10, 20 e 50 euros, dado o elevado valor do resto dos billetes.

Datas clave
  • 15 de decembro do 2001: Adquisición dos euromoedeiros
    As entidades financeiras ofrecerán euromoedeiros con 43 moedas diversas en euros que se trocarán por 2.000 pesetas, valor total das pezas das que consta. Estes euros non se poderán empregar ata o 1 de xaneiro do 2002.
  • 1 de xaneiro do 2002 ó 28 de febreiro do 2002: Período de coexistencia das dúas moedas
    Comeza a distribución dos euros e a retirada e troco de pesetas por euros. A nova moeda estará dispoñible nos caixeiros automáticos e institucións financeiras, aínda que durante estes dous meses se poderán empregar tanto pesetas coma euros. Os comercios devolveránlle-lo cambio ós seus clientes en euros. A maioría dos caixeiros automáticos ofrecerán só billetes de euro.
  • 1 de marzo do 2002 ata 30 de xuño do 2002: Só se pode emprega-lo euro
    Desaparece a peseta como medio de pagamento. O euro será a única moeda para intercambios económicos. As pesetas poderán trocarse por euros nos bancos e caixas de aforro.
  • 1 de xullo do 2002: Remata o período de troco nas entidades de crédito
    A partir desta data, as pesetas poderanse trocar por euros só no Banco de España, agora ben, de xeito gratuíto e por tempo ilimitado.

Aínda non estamos preparados

  • Segundo os últimos datos do Eurobarómetro elaborado pola Comisión Europea, aínda nos queda moito por aprender sobre a nova moeda, aínda que nalgúns aspectos estamos máis informados cá media europea.
  • O 73% da poboación española coñece a data exacta de comezo de circulación do euro. A mesma porcentaxe cá media da Unión Europea.
  • O 87% dos españois sabe que os billetes e moedas se poden empregar en tódolos países euro, fronte ó 80% dos cidadáns da Unión Europea.
  • O 27% dos españois está informado do período de dobre circulación das moedas, mentres que esa porcentaxe baixou ó 17% entre os cidadáns da UE.
  • Un 63% dos enquisados no noso país teme ser enganado nos prezos, mentres que na UE a porcentaxe se eleva ó 66% (en Alemaña e Francia, ó 68%).
  • O 79% dos españois confía en que os comercios adopten o Código de Boas Prácticas, fronte ó 69% da media europea.
  • Polo que respecta ó coñecemento do valor exacto do euro na moeda nacional, en España o 74% dos enquisados deu a resposta correcta, mentres que na UE só o fixo o 54%, en Alemaña o 35% e en Francia o 71%.

CONSELLOS

Lembre que 1 euro son 166,386 pesetas, pero os céntimos tamén contan, e moito. O prezo de numerosos productos de consumo cotián será inferior a un euro (unha barra de pan de 100 pesetas custará 0,60 euros, ou o que é o mesmo, 60 céntimos de euro).

Débese redondea-la suma de parciais, non se deben suma-los parciais redondeados.

Os primeiros días, e ata que circule unha cantidade de euros abonda, poderase aboar unha parte da mesma compra en pesetas e outra en euros.

Afágase a pensar en euros canto antes. Un bo xeito de comezar a facelo é fixarse nas etiquetas que amosan os prezos dos productos que merca decote tanto en pesetas coma en euros. Practique coa regra básica do 6 en euros e cree referencias mentais automáticas:

  • 6 euros = 1.000 pesetas
  • 12 euros = 2.000 pesetas
  • 30 euros = 5.000 pesetas
  • Un menú de 1.000 pesetas = 6.01 euros
  • Un par de zapatos de 7.000 pesetas = 42.07 euros
  • Unha revista de 275 pesetas = 1.65 euros
  • Durante o período de coexistencia, ninguén pode cobrarlle comisións por pagar con billetes e moedas euro.
  • Poderá trocar pesetas por euros cando realice compras, xa que lle devolverán euros. Outro xeito fiable é acudir a entidades financeiras: nelas poderá cambiar con total garantía as súas pesetas a euros.
  • A partir do 1 de xaneiro do 2002 non se poderán emitir cheques en pesetas. Polo tanto, convén que lle solicite antes desa data un talonario de cheques en euros á súa caixa ou entidade de crédito

VANTAXES

  • Elimínanse as custas do cambio de divisas cando viaxamos ó estranxeiro. Poderémonos mover por case toda Europa coa mesma e única moeda.
  • As transferencias de fondos a outros países serán máis doadas e baratas. E debido á maior transparencia e competencia, prevese unha reducción dos prezos das transaccións.
  • Desaparecen os riscos de tipo de cambio nos países participantes, a baixada dos tipos de xuro, que reducirá o custo dos préstamos, o mantemento do poder adquisitivo mediante a reducción da inflación e un crecemento económico máis favorable.
  • Unha gran cantidade dos productos que consumimos procede doutros países da UE: é moi probable que se abaraten os seus prezos ó se eliminaren comisións e divisas.
  • Para os responsables do Banco Europeo a introducción da moeda, lonxe de incrementa-los prezos, deberá favorece-lo seu descenso, xa que os estados que adoptan esta moeda contarán cunha maior estabilidade.
  • Nas nosas contas de aforro, o efecto do euro pode ser positivo porque pertenceremos a unha área na que a inflación é tradicionalmente menor cá do noso país.
  • No tocante ós créditos hipotecarios, si atoparemos algunha modificación. Se a nosa hipoteca está firmada cun tipo de xuro fixo, este non se poderá alterar en todo o tempo que dure a operación. Pero se, pola contra, contratamos unha hipoteca a xuro variable si que poderemos atopar algunha diferencia, tanto no cumprimento do contrato no que figura, coma no seu futuro cálculo. Nos tipos de xuro variable que non sexan MIBOR deberán segui-las súas cláusulas no que se refire a tipos substitutivos ou a cálculos do tipo de xuro ó que están referenciados.

INCONVENIENTES

Desde a Comisión da transición ó euro advírtese de que pode haber comercios e outros establecementos que redondeen á alza os prezos durante os meses previos á entrada en vigor do euro.

Para evitar abusos durante a transición á nova moeda, algunhas empresas adquiriron un compromiso denominado Código de Boa Conducta, polo que se comprometen a redondearen correctamente, devolveren sempre en euros e informaren ós consumidores. Un adhesivo especial azul, colocado nun lugar visible, axudará a identificar estes establecementos.

Conversión e redondeo

Pesetas a euros

  1. Dividi-lo importe en pesetas entre 166,386 utilizando os seis díxitos.
  2. Redondear á alza ou á baixa en función do terceiro decimal.
    • Se o terceiro decimal é 5 ou superior a 5: redondeo á alza
    • Se o terceiro decimal é inferior a 5: redondeo á baixa

Libro que custa 1.875 pesetas

1.875: 166,386= 11,26897 o terceiro decimal é 8, polo tanto o prezo final redondéase á alza e queda en 11,27 euros

Lata de conservas que custa 340 pesetas

340: 166,386 = 2,043441 o terceiro decimal é 3, polo tanto o prezo final redondéase á baixa e queda en 2,04 euros

Euros a pesetas

Multiplica-lo importe en euros por 166,386, utilizando os seis díxitos

Camisa que custa 30 euros

30 euros x 166.386 = 4.991,58 = 4.992 pesetas

Unha moeda para os europeos

Hai 8 moedas de euros.

Todas teñen unha cara (europea) común e no reverso cada Estado membro amoeda cos seus propios motivos. As moedas poderanse empregar en calquera lugar dos 12 Estados membros, independentemente do motivo que leven.

  • 1 céntimo: 1,66 pesetas
  • 2 céntimos: 3,32 pesetas
  • 5 céntimos: 8,31 pesetas
  • 10 céntimos: 16,63 pesetas
  • 20 céntimos: 33,27 pesetas
  • 50 céntimos: 83,19 pesetas
  • 1 euro: 166,386 pesetas
  • 2 euros: 332,77 pesetas

Hai 7 billetes de euros.

En diferentes cores e tamaños emítense por valor de 500, 200, 100, 50, 20, 10 e 5 euros. Os billetes serán idénticos en toda a zona euro; a diferencia das moedas, non inclúen unha cara nacional. Tódolos billetes terán curso legal na eurozona. Os deseños simbolizan o patrimonio arquitectónico europeo.

  • 5 euros: 831,93 pesetas
  • 10 euros: 1.663,86 pesetas
  • 20 euros: 3.327,72 pesetas
  • 50 euros: 8.319,30 pesetas
  • 100 euros: 16.638,6 pesetas
  • 200 euros: 33.277,2 pesetas
  • 500 euros: 83.193 pesetas