¿Aprendermos a vivir sós ou animármonos a buscar relacións?
Tres características definen a soidade: é o resultado de relacións sociais deficientes, constitúe unha experiencia subxectiva xa que un pode estar só sen se sentir só ou sentirse só cando está en grupo; e, para rematar, resulta desagradable e pode levar a xerar angustia.
A soidade, agás excepcións, é unha experiencia indesexada semellante á depresión e á ansiedade. É distinta do illamento social, e reflicte unha percepción do individuo con respecto á súa rede de relacións sociais, ben porque esta rede é escasa ou porque a relación é insatisfactoria ou demasiado superficial. Distínguense dous tipos de soidade: a emocional, ou ausencia dunha relación intensa con outra persoa que nos produza satisfacción e seguridade, e a social, que supón a non pertenza a un grupo que lle axude ó individuo a compartir intereses e preocupacións. Parece, por outra banda, que a soidade está relacionada coa capacidade das persoas para manifestaren os seus sentimentos e opinións.
Cando a nosa habilidade para relacionármonos é deficiente, aumenta a probabilidade de que quedemos sós, xa que as relacións que mantemos son menos entusiastas e empáticas. En xeral, as persoas con problemas de neurose están convencidas de que non resultan amables nin dignas de seren apreciadas, e rexeitan calquera tipo de amigos potenciais co obxectivo de se protexeren a si mesmas do posible rexeitamento. A soidade está moi relacionada coa perda de relacións con ese conxunto de persoas significativas na vida do individuo e coas que se interactúa de maneira regular. A definición máis común de soidade é a de carencia de compaña e téndese a vinculala con estados de tristura, desamor e negatividade, obviando os beneficios que unha soidade ocasional e desexada pode reportar.
A ausencia dun ser querido
Cando (por separación na parella, falecemento dun ser querido ou outra causa) desaparece da nosa vida alguén a quen amamos ou que ocupaba un espacio estelar no noso día a día, invádenos unha particular sensación de soidade, un baleiro, unha nada enmudecida que nos sume na tristura e na desesperanza. Temos que sobreleva-la dolorosa percepción de orfandade, de ausencia dunha persoa insubstituíble. Vémonos perdidos e sen referencias nas que antes nos apoiabamos para afronta-la vida.
Somos seres sociais que precisamos dos demais para facernos a nós mesmos. E non só para cubrírmo-las nosas necesidades de afecto e desenvolvemento persoal, senón tamén para afianzarmos e revalidármo-la nosa autoestima, xa que esta xérase a cotío na interrelación coas persoas que nos arrodean.
A perda é insubstituíble pero non debe ser irreparable. Ese baleiro ou, mellor, a súa silueta, quedará aí pero se nos permitimos senti-la tristura e nos propomos superala a base de confianza en nós mesmos, poderemos axuntar forzas para establecermos novas relacións que cubran cando menos parcialmente ese déficit de amor que a ausencia do ser querido causou. Debemos procurar que a carencia desa persoa non se converta nunha carencia xeral de relacións. Esta soidade é dolorosa, pero pode converterse en positiva se a interpretamos como oportunidade para aprendermos a vivi-la dor sen quedarmos bloqueados. E para xerar recursos e habilidades para continuar transitando satisfactoriamente pola vida. Debemos interiorizar e controla-la dor, sabéndoo parte inherente á vida, aprendendo a non temelo e a non mantérmonos á marxe do sufrimento como se dunha debilidade ou incapacidade se tratase. Quen sabe saír da dor está preparado para saborea-la plenitude en momentos vindeiros.
A soidade social
A de quen case non fala máis que coa súa familia, os seus compañeiros de traballo e os seus veciños é unha soidade moi común neste mundo noso. Sentímonos incapaces de contactar cun mínimo de confianza con quen nos arrodea, temos medo do que nos fagan ou de que nos rexeiten. Plantamos un muro ó noso redor, pechámonos na nosa pequena célula (en ocasións, unipersoal) e vivímo-lo baleiro que nós mesmos creamos e que xustificamos con enfoques como “non me entenden”, “a xente só quere facerche dano”, “para o único que lles interesas é para tirar algún proveito”, “cada vez que confías en alguén, levas unha puñalada”. Se a soidade é desexada non hai nada que obxectar, aínda que a situación entraña perigo: o ser humano é social por natureza e unha rede de amigos coa que compartir gustos, preocupacións e arelas é un alicerce dificilmente substituíble para asentar unha vida feliz. É unha meta difícil e as estructuras e hábitos sociais da nosa civilización frean este empeño de facer e manter amizades, pero paga a pena empeña-lo mellor de nós no intento.
Esa soidade non desexada pode converterse en angustia, se ben algúns afanse a viviren sós. Revestirase esta actitude dunha aparencia de fortaleza, autosuficiencia, agresividade ou timidez. E todo, para agacha-la inseguridade e o medo a que non se nos queira ou non se nos respecte.
Hai tamén outras soidades indesexadas, como esas ás que se ven abocadas persoas maiores, amas de casa, ou quen amosa unha orientación sexual non convencional, ou quen sofre certas enfermidades, incapacidades físicas ou psicolóxicas ou imperfeccións estéticas.
Un estado transitorio, nada máis
A soidade é unha situación que debemos aspirar a converter en transitoria e que cómpre percibir como non forzosamente traumática. Podemos transformala en momento de reflexión, de coñecérmonos a fondo e de atoparnos sinceramente coa nosa propia identidade. Hai un tempo para comunicármonos cos demais e outro (que precisa da soidade) para establecermos contacto co máis fondo de nós mesmos. Debemos “falar” cos nosos medos, non podemos ignoralos nin quedar bloqueados por eles. Cómpre, ás veces, optar pola soidade. En suma, equilibrémo-los momentos en que nos expresamos e atendémo-los outros, e os que dedicamos a pensar, en soidade, nas nosas propias cousas.
- Diagnóstico: qué tipo de soidade é a que estamos sufrindo e a qué circunstancias se debe.
- Coñecérmonos ben.Deixemos a un lado o medo a ollar dentro de nós, e afrontémo-la necesidade de saber cómo somos: as nosas ilusións e ambicións, limitacións e medos, quén quero ser, cómo me ven, cómo me vexo…
- Fóra a timidez. Tomémo-la iniciativa para conseguir novas relacións. Establezamos qué persoas nos interesan, e elaboremos unha estratexia para contactarmos con elas.
- Non hai nada que perder. O medo ó rexeitamento é un freo para establecermos novas amizades ou amores. O obxectivo é importante, non andemos con melindres.
- Sen victimismos. O mundo resulta ás veces cruel, vulgar e materialista, de acordo. Pero seguro que hai outras persoas que poden estar desexando coñecer a alguén coma nós.
- Pechármonos en nós mesmos é recoñecérmo-la derrota. Á maioría a soidade fainos dano, e séntanos mellor termos con quen falar, intimar e a quen querer.
- Non somos tan raros como ás veces coidamos. Non hai máis que falar en profundidade e confianza con calquera persoa para comprobalo. Podemos “encher” a máis xente da que pensamos e pódennos resultar atraentes moitas persoas que temos moi preto.