Antioxidantes, os máis recentes benefactores da saúde
¿Quen non oíu falar de productos como zumes e batidos enriquecidos en vitaminas A, C e E, e mesmo de caramelos que conteñen vitaminas ou dos múltiples beneficios que se obteñen mediante a inclusión de alimentos vexetais na dieta cotiá? Os medios de información insisten nas virtudes de productos alimenticios enriquecidos con vitaminas e os seus posibles beneficios para a saúde, loando o seu papel na loita contra a “oxidación” do organismo, ante certas enfermidades e fronte ó avellentamento. Hoxe, a nutrición e a dietética non só se ocupan dos compoñentes dos alimentos que proporcionan beneficios nutritivos: proteínas, graxas, hidratos de carbono, vitaminas e minerais. Outras substancias, con propiedade antioxidante, exercen tamén un saudable efecto no noso organismo.
¿Que son os antioxidantes?
Trátase dun grupo de vitaminas, minerais, colorantes naturais e outros compostos de vexetais e encimas (substancias propias do noso organismo que interveñen en múltiples procesos metabólicos), que bloquean o efecto nocivo dos denominados radicais libres. A maioría dos antioxidantes atópase nos alimentos vexetais, o que explica que incluírmos froita, legumes, verduras e hortalizas ou cereais integrais na nosa dieta sexa tan beneficioso.
Os radicais libres e a oxidación
A respiración en presencia de osíxeno resulta esencial na vida celular do noso organismo, pero como consecuencia da mesma prodúcense unhas moléculas, os radicais libres, que ocasionan ó longo da vida efectos negativos para a saúde pola súa capacidade de alteraren o ADN (os xenes), as proteínas e os lípidos ou graxas. No noso corpo hai células que se anovan continuamente (da pel, do intestino) e outras que non (células do fígado, neuronas…). Cos anos, os radicais libres poden producir unha alteración xenética sobre as primeiras, aumentando así o risco de padecer cancro, e reduci-la funcionalidade das segundas (as células que non se anovan), o que é característico do avellentamento. Hábitos tan comúns como practicar exercicio físico intenso, o tabaquismo, o consumo de dietas ricas en graxas e a sobreexposición ás radiacións solares, así como a contaminación ambiental, aumentan a producción de radicais libres.
Beneficios dos antioxidantes
Estes últimos anos investigouse cientificamente o papel que xogan os antioxidantes nas patoloxías cardiovasculares, en numerosos tipos de cancro, na Sida e tamén outras directamente asociadas co proceso de avellentamento, como as cataratas ou as alteracións do sistema nervioso. Os estudios céntranse principalmente na vitamina C, vitamina E, betacarotenos, flavonoides, selenio e cinc. A relación entre estes antioxidantes e as enfermidades cardiovasculares e, probablemente, as cerebrovasculares, está hoxe abondo demostrada. Sábese que a modificación do “colesterol malo” (LDL-c) desempeña un papel fundamental tanto na iniciación coma no desenvolvemento da arteriosclerose (engrosamento e dureza anormal das cubertas internas dos vasos sanguíneos debido a un depósito de material graxo, que impide ou dificulta o paso do sangue). Os antioxidantes poden bloquea-los radicais libres que modifican o colesterol malo, reducindo así o risco cardiovascular. Por outra banda, os baixos niveis de antioxidantes poden constituír un factor de risco para certos tipos de cancro.
¿Todo vantaxes?
Aínda que a inxesta de alimentos ricos en antioxidantes diminúe o risco de certas patoloxías, estes non modifican a deterioración normal que comporta a vellez nin permiten que vivamos máis anos. E demostrouse que a suplementación a altas doses con preparados de antioxidantes pode resultar contraproducente. Aínda que se sabe cada día máis sobre os beneficios dos antioxidantes -débese promove-lo seu consumo mediante os alimentos que os conteñen de xeito natural-, é cedo aínda para asegurar se é conveniente ou non a suplementación cotiá, xa que se descoñecen as doses axeitadas. Por iso, o máis correcto é seguirmos unha alimentación variada e equilibrada, na que non falten os vexetais e non abusarmos de suplementos nin de alimentos enriquecidos con antioxidantes.
Colorantes naturais ou outros compostos de vexetais
- Flavonoides: Comprenden os flavonoides, os antocianidois e as flavonas, colorantes naturais con acción antioxidante que constitúen o grupo máis importante da familia dos polifenois, moi presentes no mundo vexetal. Protexen o sistema cardiovascular e activan os encimas glutation peroxidasa e catalasa, antioxidantes presentes de xeito natural no noso organismo. Están na familia das coles, as verduras de folla verde, as froitas vermellas e moradas e os cítricos. Segundo a American Cancer Society, reducen o risco de cancro colo-rectal.
- Isoflavonas: Na soia e algúns dos seus derivados como o tofu (queixo de leite de soia) e o tempeh (sementes de soia ás que se engade un fungo específico para a súa fermentación). Algúns estudios científicos demostraron que as mulleres asiáticas que consomen soia presentan unha menor incidencia de cancro de mama e matriz cás occidentais.
- Ácido alfa-lipoico: É un carotenoide dalgunhas verduras e froitas, que axuda a neutraliza-los efectos dos radicais libres potenciando as funcións antioxidantes das vitaminas C, E e do encima glutation peroxidasa. Abunda no tomate.
- Substancias propias do organismo, encimas antioxidantes:
- Amais dos encimas glutation peroxidasa, catalasa e superóxido dismutasa, hai outras substancias antioxidantes como o coencima Q-10.
- Coenzima Q-10: Axuda ós encimas a realizaren a súa función, e participa en numerosos procesos corporais. Comprobouse unha gran similitude entre as propiedades antioxidantes da vitamina E e as do coencima Q-10, que xoga un moi importante papel na xeración de enerxía celular, e á súa vez é un estimulante inmune, mellora a circulación e axuda a protexe-lo sistema cardiovascular.
- Vitamina C: En froitas e verduras, frescas e crúas, como guaiaba, kiwi, mango, ananás, caqui, cítricos, melón, amorodos, baias, pementos, tomate, brasicáceas (verduras da familia da col), froitas e hortalizas en xeral.
- Vitamina E (tocoferol): xermolo de trigo, aceite de soia, xermolo de cereais ou cereais de gran enteiro, aceite de oliva, vexetais de folla verde e froitos secos.
- Betacaroteno ou “provitamina A”: Pertence á familia dos carotenoides dos vexetais. O organismo é capaz de transformalo en vitamina A. Posúe conxuntamente as propiedades da vitamina A e dos antioxidantes que actúan sobre os radicais libres. Recentemente demostrouse o seu papel na prevención das cataratas e o seu efecto beneficioso en procesos inflamatorios e nos relacionados co avellentamento. Alimentos ricos en betacaroteno: verduras de cor verde ou coloración vermello-alaranxada-amarelada (cenoria, espinacas, cabaza, etc.), e certas froitas (albaricoques, cereixas, melón e pexego…).
- Selenio: Relacionado cun menor risco de tumores de pel, fígado, colon e mama. Vinculado tamén ó funcionamento da glutation peroxidasa (encima antioxidante do noso organismo). En carnes, peixes, marisco, cereais, ovos, froitas e verduras.
- Cinc: Favorece a formación de novas proteínas (anovamento celular), participa na loita contra os radicais libres e na síntese de encimas, intervén no sistema inmune ou de defensas e favorece o bo estado da pel e mucosas (tonicidade e elasticidade da pel). Constitúen boa fonte de cinc as carnes e vísceras, os peixes, os ovos, os cereais completos e os legumes.
- Cobre: Potencia o sistema inmune, participa na formación de encimas, proteínas e neuro-transmisores cerebrais (anovamento celular e estimulante do sistema nervioso) e é un axente antiinflamatorio e antiinfeccioso. E facilita a síntese de coláxeno e elastina (precisos para o bo estado dos vasos sanguíneos, da cartilaxe, dos pulmóns e da pel), actúa como antioxidante protexendo as células dos efectos tóxicos dos radicais libres e facilita a fixación do calcio e do fósforo. Alimentos ricos en cobre: fígado, peixe, marisco, cereais completos e vexetais verdes.
- Cisteína: aminoácido non esencial, o noso corpo pode fabricalo sen problemas. É importante para a producción de encimas contra os radicais libres, como a glutation peroxidasa. O fígado e as nosas defensas utilízano para desintoxicaren o corpo de substancias químicas e outros elementos nocivos. A cisteína, que se atopa en carnes, peixes, ovos e lácteos, é un detoxificante potente contra os axentes que deprimen o sistema inmune, como o alcohol, o tabaco e a polución ambiental.