Nos seus estudios conclúe que o exercicio físico pode previr e mesmo axudar a tratar certas enfermidades. A primeira dúbida é se se pode facer exercicio físico a calquera idade.
Pódese, e débese, facer exercicio físico diario desde a infancia ata a vellez, tanto para previr como para curar enfermidades. En prevención, a clave reside no neno e adolescente. As enfermidades da nova civilización, como a obesidade, os problemas cardiovasculares, a osteoporose, a diabete tipo II e a hipertensión, aínda que se manifestan xeralmente a partir dos 40 anos, xeralmente comezan a xestarse nos primeiros anos de vida da persoa e, por iso, é a esa idade cando debemos comezar a previ-la súa aparición.
¿Pode comezar a facer deporte quen supera os 40 anos e nunca o practicou?
Calquera idade é boa para comezar. Sen embargo, cada persoa é diferente e deberá adapta-la actividade física ás súas circunstancias e ó seu estado de saúde, pero as enfermidades non deben ser impedimento para realizar exercicio físico. Tamén pode darse o caso de que unha persoa foi moi deportista ós 20 anos e ós 60 quere retomar aquel costume. Terá que esquece-lo que facía hai catro décadas, comezará a outro nivel e pasarán moitas semanas ata que volva acadar unha boa condición física. Pero, sen dúbida, mellorará. De tódolos xeitos, antes de volver ó deporte ou ó iniciarse nel debe facerse unha valoración previa, porque con ela diminúe o risco de sufrir un accidente cardiovascular cando se está facendo exercicio. Quen practica deporte a cotío presenta un risco catro veces menor cás persoas sedentarias de sufrir un infarto de miocardio ou un problema cardiovascular. Pero, paradoxalmente, o risco de accidente cardíaco aumenta cando se fai exercicio, especialmente en quen padece alteracións cardíacas. Por iso, unha valoración previa coma a que se inclúe nesta guía orientará sobre o tipo de exercicio máis conveniente para esa persoa en concreto.
Un dos capítulos máis peculiares de “Deporte: un grande aliado para a saúde” é o que fala dos beneficios do exercicio físico na muller embarazada.
A muller que fixo deporte de maneira habitual pode, previa consulta co tocólogo para garantir que o embarazo non presenta problemas, seguir facendo deporte mentres se sinta cómoda e non se trate de deportes que entrañan riscos traumatolóxicos para o abdome, como hípica, parapente ou espeleoloxía. Pero se facía anteriormente aeróbic, natación ou bicicleta estática, pode seguir con esta actividade. Está demostrado que a muller que fixo moito deporte ten un embarazo algo máis curto e o parto e a recuperación do posparto máis breves. A Asociación Americana de Xinecólogos e Tocólogos, tras moitos anos de investigación, desmontou o tópico erróneo de que unha muller embarazada non debía facer deporte, e anímaas directamente a practicalo. Pero se a muller embarazada nunca fixo deporte, a situación cambia. É positivo que comece a facelo se isto se converte nun estímulo para mellora-los seus hábitos de vida, pero o aconsellable é que espere ó segundo trimestre de embarazo para comezar co exercicio físico.
¿E é en realidade tan importante coida-lo peso?
Trátase de protexe-la nosa saúde. O índice de masa corporal, IMC, que a Organización Mundial da Saúde establece como válido para relacionar peso e estatura, determina entre qué valores debe atoparse unha persoa en relación co seu peso. O IMC calcúlase dividindo o peso pola altura en metros ó cadrado (se unha persoa pesa 80 quilos e mide 1,80 metros, o seu IMC sairá de dividir 80 entre 3,24). Cando este cociente estea entre 18.5 e 24.9, o peso é correcto. Está demostrado cientificamente que unha muller de 30 anos con máis de 30 puntos de IMC ten, aproximadamente, 5 anos menos de esperanza de vida ca unha con 18.5 de IMC.
¿E cal é a relación entre a delgadeza extrema e a carencia de saúde?
Para contestar esta pregunta vou pór un exemplo: nunha muller, ter un peso moi inferior ó correcto (un IMC por debaixo de 18.5) supón aumenta-lo risco de sufrir osteoporose. A delgadeza acompáñase moi a miúdo de alteracións do ciclo menstrual como a amenorrea secundaria (ou desaparición do ciclo menstrual) e estas alteracións, á súa vez, están moi ligadas á perda de óso. Se xa desde noviña unha muller comeza a perder masa ósea, cando chegue á menopausa probablemente terá un esqueleto deteriorado, e isto é grave, porque a osteoporose vai ser unha das enfermidades máis habituais nun futuro próximo.
Unha das súas teses máis coñecidas é que investir en potencia-lo exercicio físico para toda a poboación equivale a investir en sanidade. ¿Poderíanola explicar?
Trátase, sinxelamente, de aforrar moitos millóns en tratamentos terapéuticos. As enfermidades dexenerativas, como a osteoporose, serán cada vez máis comúns porque a xente vive cada vez máis. Se as autoridades advirten que previndo os factores de risco (por exemplo, facilitando a práctica de exercicio físico) se evita o desenvolvemento de enfermidades, acabarán asumindo a importancia de facilitárlle-lo acceso ó deporte a tódolos cidadáns, e de inculca-lo hábito de facer exercicio físico. Penso que as consellerías de deporte terían que estar moi conectadas coas de saúde. Nós realizamos programas con grupos de diabéticos e enfermos cardiovasculares que demostran que ó integraren o exercicio físico na súa rutina cotiá mellora a súa calidade de vida.
Aquí xorde o dilema de conxugar exercicio con lecer atraente e ó alcance de toda a cidadanía.
Facer exercicio físico non significa forzosamente gastar moitos cartos en clases de tenis, paga-las cotas dun ximnasio ou equiparse con tenis e chándal último modelo. Camiñar é quizais a maneira máis sinxela, barata e efectiva de facer exercicio físico, e de convertelo nun hábito de vida saudable do que despois custa prescindir. Camiñar consome enerxía, unha hora diaria supón un gasto de, segundo o peso da persoa, entre 300 e 500 calorías. Se, ademais, se seguen uns hábitos saudables de alimentación lógrase manter un peso correcto e estable. Ese exercicio e ese peso estable significan saúde; é máis, acaban sendo garantía de saúde a longo prazo.
Ben, o deporte permítenos unha vida máis saudable e axuda a previ-las enfermidades máis específicas da nosa época, pero para practicalo precisamos tempo, un ben moi escaso nas sociedades modernas.
Ás veces non se require nin sequera tempo, basta coa actitude, con cambiar algúns hábitos cotiáns. Ir traballar a pé, por exemplo. Se a cidade non o permite, sempre se pode aparca-lo coche a certa distancia do noso punto de destino e percorrer camiñando o tramo restante. E se no canto de subirmos no ascensor usamos a cotío as escaleiras, o noso gasto enerxético aumentará aínda máis. Os estudios epidemiolóxicos marcan como meta 2.000 calorías de gasto extra semanal, porque con este consumo enerxético extra a esperanza de vida aumenta e as incidencias das enfermidades que estamos citando redúcense. O positivo é que, moitas persoas, se utilizan menos tanto o coche coma o ascensor, conseguen ese consumo extra de 2.000 calorías á semana.
Son moitos os que logo de repetidos fracasos coas dietas adelgazantes conclúen “por moito que deixe de comer, eu non adelgazo”.
Cando propoño o equilibrio entre gasto e consumo, é dicir, comer normal pero esforzándose en gastar diariamente unhas poucas calorías, atopo sorrisos escépticos ou incrédulos. Semella que a xente cre máis nas fórmulas máxicas de non mesturar certos alimentos ou en dietas milagreiras, cando nin unhas nin outras teñen base científica ningunha. O que conta ó longo do tempo é equilibra-lo que consumes e o que gastas. O 99% dos obesos non sofren un problema hormonal, sinxelamente é o desequilibrio entre o consumo e o gasto de calorías. Para traballar, para transportarse pola vida e para o lecer, cada vez gastamos menos calorías. E nos países occidentais confírmase a tendencia a consumir graxas, ou o que é o mesmo, a inxerir máis calorías. Se se suman estes dous aspectos, conclúese doadamente que o equilibrio entre o consumo e o gasto calórico se perde, en favor do primeiro. Esta é a causa fundamental do problema social e sanitario que hoxe representa a obesidade.
¿Pode supoñer algún risco abandonar de súpeto a vida sedentaria e dedicarse intensamente ó deporte?
Cando a xente nova comeza a ter responsabilidades, comeza o seu horario laboral e forma unha familia, abandona aquelas tardes que lle dedicaba ó deporte. Cando xa están instalados e chegan ós 40 anos, comezan a se preocuparen de novo polo seu benestar físico e o seu estado de saúde e retoman o exercicio frecuente. Aínda que esta volta ó deporte se debe tomar cunha filosofía máis tranquila e previsora (por exemplo, facendo a avaliación previa que se inclúe na devandita guía), se non se padecen problemas de saúde non hai por qué renunciar a 100 quilómetros en bici, ou a un partido de fútbol ou de pelota.
¿Cantos días á semana convén facer deporte?
Nós, na guía, propomos tres días. Se é posible, o mellor é combinar exercicios aeróbicos con anaeróbicos. Os aeróbicos son os deportes de longa duración e baixa intensidade, como natación, tenis, camiñar ou correr de maneira moderada, e pedalear por terreo chairo. Os anaeróbicos son esforzos de curta duración e grande intensidade, como carreiras rápidas e curtas, ou halterofilia.
¿Ata que punto están relacionados o exercicio físico e a saúde?
Xunto co cancro, as enfermidades cardiovasculares son a primeira causa de morte. Sábese que a persoa que acumula os catro factores de risco, é dicir, colesterol alto, hipertensión, tabaquismo e sedentarismo, ten moitas posibilidades de sufrir problemas cardiovasculares. O interesante é que estes catro factores poden previrse ou curarse mediante o exercicio físico. Por outra banda, o consumo de drogas non está demostrado que poida ser “curado” co deporte, pero cando menos pode previrse; é dicir, está demostrado que aqueles mozos que fan deporte regularmente teñen un significativo menor contacto coas drogas.
O mozo que sae de festa e, sen case durmir, dedica a mañá do domingo a un partido de fútbol de dúas horas, ¿corre algún risco?
Non se estudiou cientificamente, pero a lóxica dinos que un organismo que leva sen repousar 24 horas e se somete a un exercicio intenso, sobre todo nas persoas con predisposición, é máis susceptible de padecer un problema cardiovascular que un ben descansado. Mesmo en persoas sas e sen factores de risco, non é aconsellable facer deporte intenso sen durmi-lo suficiente a noite anterior, porque o corpo vai responder peor fisioloxicamente, metabolicamente e en termos de habilidade. Por exemplo, en deportes de habilidade, como o organismo está fatigado, cometeranse máis erros.
¿Debemos ollarnos nos deportistas de elite ou imitar un exemplo máis realista?
As persoas sedentarias non deben copia-los seus ídolos deportivos e deben evitar modelos que non estean pensados ex profeso para elas. Os programas de adestramento que serven para os demais, o que che pasa un amigo, ou o que faciamos hai 30 anos, cómpre esquecelos. E outro tanto pasa coa idea tan estendida de que machucarse axuda a mellorar máis a condición física. É mellor realizar un exercicio máis moderado e recuperando, sen chegar á fatiga. Se se sae a morte acábase aborrecendo o deporte e podémonos provocar lesións musculares ou de ósos. Os dous principais motivos polos que un individuo sedentario acaba rendéndose ó pouco de comezar a facer exercicio son a fatiga excesiva e as lesións musculares. É por iso que hai que comezar ós poucos, e ir aumentando paulatinamente o tempo e o esforzo que lle dedicamos ó deporte. É a mellor maneira de pasalo ben, de non deixalo ó cabo de poucas semanas e de investir a longo prazo no noso benestar e saúde.